entroido
(< lat introĭtu ‘entradada Coresma’)
-
s
m
Período que, no calendario regulado polos ciclos da liturxia cristiá, precede e introduce a época de austeridade e de penitencia da Coresma. O seu inicio varía moito segundo as tradicións e os costumes locais. Adoita comezar despois da Epifanía, pero estritamente considérase Entroido os tres días anteriores ao mércores de cinsa, data que marca o tempo de vixilia coresmal. Na tradición oral recóllense ditos como: “Entroido, á raxeira; Pascua, á lareira. Día de Entroido e domingo de Pascua, cada larpeiro na súa casa. Pascuas, con quen quixeres; entroidos, coas túas mulleres”. OBS: Normalmente, escríbese en maiúscula.
Sinónimos: carnaval. -
s
m
[ETN]
Divertimentos públicos que se adoitan celebrar neste período, no que se manifestan, dun xeito mesturado e confuso, costumes e festas moi antigas e heteroxéneas. Caracterízase por presentar un mundo ao revés, que afecta a todos os aspectos da vida cotiá (oficios, ritos relixiosos, música, etc), e permite exteriorizar o máis oculto e reprimido que garda cadaquén ao longo do ano, sobre todo os pecados carnais; por iso no Entroido reina a gula, a luxuria, o xogo, a diversión e a preguiza fronte aos ideais cristiáns e a Coresma que lle segue, marcada pola abstinencia e o xaxún. Non obstante , de xeito paradóxico, o Entroido ten un fin didáctico e moralizador, que é o de censurar e ridiculizar os comportamentos libertinos opostos ás normas e, consecuentemente, probar a validez do xeito de vida tradicional. A despedida da carne acompáñase tamén con bailes, comparsas, mascaradas e fogueiras, ademais doutros tipos de actos lúdicos e festivos. É unha festa de orixe medieval que inclúe elementos herdados da Antigüidade clásica, das antigas bacanais, saturnais e lupercais, así como doutras festas orxiásticas e misteriosas que se celebraban en Grecia e Roma. Mesmo pode relacionarse, dun xeito máis xeral, con todas as celebracións da chegada da primavera, aínda que o cristianismo foi diluíndo progresivamente o seu cariz máxico e simbólico. Malia todo, trátase dunha festa cristiá na que se representan as persoas que viven dominadas polos praceres da carne (o carnal), porque é o tempo da carnalidade fronte á abstinencia coresmal. O Entroido rexurdiu na Idade Media, especialmente en Italia, dun xeito menos licencioso pero máis popular, e desde alí foi estendéndose por Europa. Especial relevancia tivo o de Venecia e, máis modernamente, os de Florencia, Nápoles e Turín. Hoxe destacan, cunha acentuación do seu carácter turístico, os de Venecia, Viareggio, Nice, Tenerife e Cádiz. En América (New Orleans, Bos Aires, Montevideo, etc), o Entroido conservou máis a espontaneidade popular, á vez que se fusionou con costumes do folclore nativo; son especialmente populares os entroidos de Rio de Janeiro e Baía. A música e o baile tiveron sempre un papel importante nas festas entroideiras. Xa no s XV sobresaíron os canti carnavaleschi florentinos; no s XVI apareceron tamén os mascherate, masques ou masks en Italia, Francia e Inglaterra, respectivamente, e no s XVII, durante o Entroido, en Venecia representábanse óperas e en Francia ballets. Desde finais dese século os compositores escribiron obras e fragmentos baseados neste tempo de diversións, como as óperas Le Carnaval de Venise, de André Campra (1699) e de Ambroise Thomas (1875), a obertura de Benvenuto Cellini (1838); a do Carnaval romain de Hector Berlioz (1844) e a de Antonin Dvořák (1891-1894); as obras sinfónicas Le Carnaval des animaux (1886) de Camille Saint-Saëns e Momoprecoce de Héctor Villa-Lobos; un fragmento de Petrucka (1910) de Igor Stravinskij, e obras para instrumentos solistas de Robert Schumann e de Nicolò Paganini, entre outras. Cada bisbarra de Galicia ten un xeito particular de celebrar esta festividade na que as máscaras son as verdadeiras protagonistas, e, ao mesmo tempo, cadaquén verte a súa creatividade. O mundo popular tentará sempre caricaturizar o superior, incluso ridiculizar o pasado temido. Dependendo dos lugares varían os días de celebración, que tamén poden afectar ao nome dos domingos. Xeralmente, a festa comeza o domingo de rapaces, onde os nenos preparan todo facendo cichotes e xiringas coas que lle botan auga á xente, entre outras burlas. O seguinte día é o domingo fareleiro ou das trapalladas (nalgunhas zonas, domingo oleiro), no que os mozos e as mozas se baten entre eles con trapos enlamados ou mollados, e tíranse farelo e gran. Segue o xoves de compadres, no que os protagonistas son os mesmos, e entre eles fanse agasallos burlescos. Os mozos arremeten con provocacións contra as mozas facéndolles burlas e trasnadas, como agochar a roupa do tendal ou retirar cancelas. Ao seguinte día, o domingo corredoiro, adóitase celebrar a “corrida do galo”, detrás do que van os arriscados mozos da parroquia. No xoves de comadres, son as mozas as protagonistas das falcatruadas. Xa rematando a festividade está o domingo, luns e martes, días nos que se condensa a esencia da festa. O remate definitivo está no mércores de cinsa, que é o día do multitudinario enterro da sardiña, no que participan viúvos, viúvas, curas, etc. Á parte da vertente burlesca do Entroido está a gastronómica. Nestes tempos de fartura celébranse tradicionalmente comidas extraordinarias que teñen o porco como protagonista; por iso o normal é que se coma cocido, en especial a cachucha, o espiñazo, o rabo, o lacón, os chourizos, o botelo e a androlla. Acompañan este abondoso xantar as larpeiradas e sobremesas como as filloas, as orellas de frade e flores, e sobre todo o viño, prohibido na Coresma por conducir á xente a borracheiras e ao desenfreo da concupiscencia. Non obstante , no Entroido o impulso luxurioso apenas se deixa manifestar en coplas máis ou menos licenciosas caracterizadas polo dobre sentido e o ton burlesco, en certos costumes como o de lles levantar a saia ás mulleres, ou en xogos e diversións de contido erótico. Ademais de co pracer, o Entroido relaciónase coa preguiza, de aí o costume, espallado en tantos lugares, como Laza, Sande, Campobecerros, Oimbra e Riós, de botarlle á xente formigas, que, como símbolo de laboriosidade, actúan como un castigo fronte aos excesos deste mundo ao reves. O martes, véspera do mércores de cinsa, o Carnaval chega ao seu remate, ten que morrer e ser enterrado. A morte represéntase de xeitos diferentes: fusilan ou queiman o boneco ou matan un galo nunha corrida. A concepción da unión de corpo e alma vén do mundo grego, e a representación do corpo como un ser medio humano, medio animal, que devece por comer, fornicar e emborracharse, vén dos sátiros. Así, os animais nos que adoita encarnarse o Entroido son representacións da carnalidade e dos impulsos sensuais do home; por iso se acode tanto a animais vivos -especialmente os que teñen sona de luxuriosos, como o galo, a vaca, a mula, o touro- como a figuras que a tradición occidental asocia coa concupiscencia, a gula, a preguiza e outras manifestacións de índole carnal. A vaca carnavalesca é a Morena de Laza, que ten a cabeza de madeira cuberta coa pel dun carneiro negro e que leva espetados uns cornos de verdade. O corpo constitúeno un pau longo cravado na cabeza, cuberto por unha manta para agochar a persoa que a manexa. O costume é que se bote a correr polas rúas, dándolles cornadas á xente e levantándolles a saia ás mulleres. En Cartelos (Carballedo) saen con cabezas de touro feitas cunha estrutura de madeira cuberta con pel de ovella, provistas de cornos de vaca. En Moreiras (Toén) poñen unha especie de cabeza de boi, collen un arado e simulan arar na praza. A mula participa no Entroido de Castro Caldelas e Viana do Bolo representada por dous homes cubertos con mantas, e coa cabeza formada por unha armazón de madeira recuberta de peles. Guiada por un arrieiro, a cambio de moedas leva as mulleres enriba e tenta derrubalas; se o consegue, a muller ten que o convidar a uns vasos na taberna. A mula carnavalesca de Viana do Bolo tamén chega acompañada dun arrieiro e tenta darlles couces a todos. Ás veces, tamén se representa a esencia animal mediante obxectos, como as chocas, as peles, os cornos e as máscaras con figuras de animais. En Verín danlle o nome de cigarrón, en Laza o de peliqueiro (por levar pelica de animal), e en Vilardevós chocallón (por levar chocas). Outro personaxe típico do Entroido é o vello e, para representar a vellez, simplemente bótase man de roupas vellas. Tal como xa se reflicte na arte medieval e nos autores sacramentais, outro costume é vestirse de xeito luxoso como madamas e galáns ou señoritos, feito que se relaciona cos praceres sensuais e coa voluptuosidade. Para representar a sentencia de morte e o enterro, recórrese nalgúns casos a un boneco de palla disfrazado de vello ou de madama, que adoita levar como atributos da súa personalidade un falo, chourizos, un cacho de carne, unha bota de viño, un cigarro e unha baralla. Os últimos días do Entroido, o martes ou mércores de cinsa, supoñen a despedida final do carnal. Xa que logo, celébrase un arremedo de enterro no que o defunto aparece simbolizado por un boneco, un home enmascarado que no momento da inhumación se esconde, ou un animal carnavalesco, especialmente a sardiña. No enterro da sardiña a comitiva funeraria vai encabezada por un devoto que leva como estandarte unha folla de bacallao (emblema da Coresma que entra). Trala caixa vai o crego rezando responsos burlescos. Un sancristán bendí cunha vasoira de xesta e un acólito bota no ar incenso de xofre, cascos de cabalo, goma ou outras substancias que feden ao lles prenderen lume, mentres outro acólito toca unha gran choca. As carpideiras botan grandes berros e laméntanse polas liberdades entroideiras perdidas e polo tempo de penitencia que empeza.
Sinónimos: carnaval. -
s
m
Persoa que se disfraza nesta celebración.
Ex: Viñeron uns entroidos pedir orellas.
-
s
m
Persoa que viste de maneira descoidada e cunhas combinacións que resultan ridículas e estrafalarias.
Ex: Con esa mestura de cores vai coma un entroido.