enunciación

enunciación

(< lat enuntiatĭōne)

  1. s f

    Acción e efecto de enunciar.

  2. s f [LING]

    Produción lingüística realizada nun acto concreto e individual e, polo tanto, nun espazo e tempo determinados. O concepto de enunciación adquire especial relevancia nas disciplinas que estudian a lingua desde o punto de vista do seu uso, como son a sociolingüística e a pragmática, en especial nesta última, que se centra no feito lingüístico concibido como un xeito de acción e, en consecuencia, pretende ir máis alá do significado proposicional. En efecto, co fin de acceder ao significado pragmático dun enunciado ou acto de fala, resulta imprescindible coñecer as condicións da súa enunciación, isto é, o contexto de uso. A enunciación inclúe, por unha parte, a intención comunicativa do emisor ou forza ilocutiva, de xeito que, segundo as condicións de enunciación, unha expresión como Teño frío pode utilizarse para informar sobre un estado corporal ou ben para pedir ou ordenar a alguén que peche a ventá. Por outra parte, a enunciación inclúe, así mesmo, o contexto físico en que se produce o enunciado, tanto os participantes como os parámetros espacio-temporais. Por exemplo, o significado dunha expresión como Quero que vós fagades isto aquí e agora variará en función dos interlocutores, así como do momento e lugar en que se realice. Neste caso, os deícticos -demostrativos, pronomes persoais, adverbios de lugar e tempo, etc- son os principais elementos lingüísticos que se utilizan para referirse á enunciación e, como tales, só adquiren o seu significado completo nun acto de enunciación particular.

Palabras veciñas

enumeración | enumerar | enumerativo -va | enunciación | enunciado -da | enunciar | enunciativo -va