Eoas, Os

Eoas, Os
[LIT]

Poema longo épico-heroico, obra de Eduardo Pondal, no que pretendeu relatar as grandes fazañas da historia centrándose na aventura de Cristovo Colón. Publicouno postumamente en 1992 Amado Rincón Virulegio, tras un proceso exhaustivo de transcrición, selección e ordenación das case 4.000 oitavas que Pondal lle legou á Academia Galega nunha maleta. Os intentos anteriores a cargo de Carré Aldao e Lugrís Freire, que recibiron en 1920 o encargo da Academia de estudar o estado do poema, da comisión de académicos nomeada en 1954 co mesmo obxectivo, e de Fermín Bouza-Brey, quen só puido transcribir corenta e tres estrofas, non tiveron éxito. Esta tardanza debeuse en parte ao estado do manuscrito que Pondal pulía continuamente na busca da maior perfección, refundindo as estrofas e variando os seus contidos, e tamén á estrutura inacabada do poema. Os diversos borradores manuscritos de Os Eoas conteñen diversidade de opcións, tanto nas estrofas e versos coma nos cantos, amais de estaren desordenados. Cos seus versos, Pondal recorreu ao tema universal da descuberta de América, incorporou lendas, xeografía e paisaxes galegas, e pretendeu exaltar Galicia e consolidar o uso literario do galego coa creación dun rexistro culto. Na edición de Amado Rincón a obra divídese en doce cantos de distinta extensión e componse de 1.124 oitavas reais. Na técnica, estilo, recursos retóricos e estrutura, Pondal segue modelos clásicos, como á Virxilio, e renacentistas, como á Camões, Torcuatto Tasso, Dante e Ariosto. Este feito ocasionou nun principio unha descualificación do poema e a crítica tachouno de anacrónico, aínda que xa Otero Pedrayo apuntou a súa filiación idealista finisecular e o situou na liña de Leconte de Lisle, unha idea que recolleu posteriormente Méndez Ferrín. A principal fonte da obra foi o Extracto do diario de Colón, de frei Bartolomé de las Casas, e segue o modelo de Os Lusíadas, xa que ambas tratan feitos históricos similares e contemporános. Unha primeira redacción de Os Eoas foi publicada por Pondal en 1857 en Galicia médica. Ensayo de geografía médica, de Ramón Otero Acuña, co título “Ensayo. Fragmento de un poema”. En 1961, Carballo Calero publicou unha antoloxía da obra, realizada sobre o manuscrito de Ponteceso, en Versos iñorados ou esquecidos de Eduardo Pondal, e en 1969, en Cuadernos de Estudios Gallegos, editou un fragmento do canto V, titulado “América descuberta”; e Amado Rincón, antes da súa edición definitiva, deu a coñecer algúns fragmentos en Eduardo Pondal: Novos poemas (1971).

Palabras veciñas

Eo, El | Eo, Ría do | eo- | Eoas, Os | eocénico -ca | eoceno | Eoceno