epidemioloxía

epidemioloxía

(< epidemia + -loxía)

s f [MED]

Rama da medicina que agrupa o conxunto de actividades interdisciplinarias que se empregan no estudo dos factores medioambientais, individuais ou doutro tipo que ameazan a saúde humana, e a súa aplicación ao control dos problemas sanitarios. A epidemioloxía permite determinar os factores de risco e predicir o curso dunha enfermidade, mediante o estudo do cómo, cándo e por qué unha enfermidade se desenvolve nunha comunidade. Na Antigüidade coñecíanse co nome de peste as enfermidades epidémicas que presentaban un elevado índice de mortalidade. No ano 1546, G. Fracastoro afirmou que a peste se podía transmitir por xermes e Ambrose Paré empregou o termo contaxio. Ata mediados do s XIX supúxose que a orixe das enfermidades infecciosas se debía aos miasmas, humores ou fermentacións. Co nacemento da era pasteuriana, descubriuse o papel dos axentes patóxenos vivos, e así xurdiu a epidemioloxía como ciencia. Isto permitiu dar unha base obxectiva de estudo para a epidemioloxía estatística, que, mediante sondaxes, permite estudar os modos de vida, a reprodución e a conservación dos axentes patóxenos. Nese momento fixouse o concepto de reservorio, que pode ser un hospedeiro animal, a terra ou a auga, e de vector, que é o transmisor do axente patóxeno. Como resultado deste novo enfoque xurdiu a epidemioloxía ecolóxica, que se encarga do estudo do medio, a epidemioloxía experiental, que traslada ao laboratorio os feitos recollidos sobre o terreo. O coñecemento da epidemioloxía das enfermidades transmisibles proporcionou a mellora dos métodos de loita eficaces, como a vacinación ou a desinfección, e de métodos profilácticos empregados a principios do s XX.