Epiro
Rexión do NO de Grecia, xunto a Albania, que se estende desde a vertente occidental da cordilleira do Pindo ata o Mar Xónico, e desde Albania ata o golfo de Arta (9.203 km2; 339.728 h [1991]). Divídese nos nomós de Arta, Iiánnina, Préveza e Thesprotikón. De relevo montañoso, o seu clima é mediterráneo, modificado pola altitude. Iiánnina, coa función de capital, é o centro económico, seguido de Préveza. As actividades agrícolas constitúen a base económica da rexión, na que tamén son importantes a industria téxtil e alimentaria. Poboada orixinalmente polos helenos, no s V a C establecéronse os molosos e formaron un estado federal baixo a dinastía dos Eácidas, que amosaron unha grande actividade política e militar durante o reinado de Pirro II (318 a C-272 a C). Trala morte do seu sucesor Alexandre (260 a C), desapareceu a monarquía e estableceuse unha república dirixida por tres estrategas. Os ilirios aproveitaron a crise e ocuparon o país (230 a C), aos que sucederon os macedonios (219 a C-197 a C). Aliada cos romanos contra Filipo V de Macedonia, acadou unha breve independencia ata que foi conquistada polo cónsul Paulo Emilio trala Batalla de Pidna (167 a C), e incorporada ao Imperio Romano como parte da provincia de Macedonia (148 a C). A comezos do s I d C formaba parte da provincia de Acaia e a finais do s II converteuse en provincia imperial. No s IV, a rexión asignouse ao Imperio de Oriente e converteuse nun despotado independente de Bizancio, dirixido por príncipes da familia Comneno trala toma de Constantinopla polos cruzados (1204). Sufriu a invasión e o saqueo dos serbios e dos albaneses (1348) e, a pesar da reincorporación do despotado ao Imperio Bizantino (1388), os turcos otomanos sometérona no 1430. Recuperada temporalmente a súa independencia (1444), os turcos reconquistárona no 1467. Pola Conferencia de Constantinopla (1881) e o Congreso de Londres (1913) dividiuse, o S uniuse a Grecia e o N a Albania.