Eptesicus
Xénero de morcegos, da familia dos vespertiliónidos, de ata 82 mm de lonxitude corporal e 54 mm de cola, cunha envergadura de ata 381 mm. As orellas son curtas e case triangulares, co bordo posterior estreito e pregamentos transversais. O trago ten 1/3 da lonxitude da orella, lixeiramente curvado cara a dentro e curvado na parte superior. As dúas últimas vértebras non están comprendidas no uropataxio. É un morcego antropófilo que vive en asentamentos humanos, parques e xardíns, e que hiberna principalmente en covas. Na Península Ibérica -ademais do resto de Europa occidental, ata Corea e Tailandia, N de África, a maioría das illas do Mediterráneo, Senegal, Nixeria e Guinea Ecuatorial-, está presente a especie E. serotinus. Existen no mundo outras 16 especies: E. bobrinskoi, dende Kazakhstán ata Irán; E. nilssonii, dende Europa Central ata Xapón e o Tibet; E. gobiensis, Mongolia e N de China; E. nasutus, dende a Península Arábiga ata Paquistán; E. fuscus, dende o S de Canadá ata o extremo N de Sudamérica e o Caribe; E. guadeloupensis, nas pequenas Antillas; E. lynni, en Xamaica; E. innoxius, na costa pacífica de Ecuador e Perú; E. brasiliensis, dende o S de México ata o N de Arxentina e Uruguay; E. furinalis, en México e no N de Arxentina; E. diminutus, no Brasil central e no N de Arxentina e Uruguay; E. bottae, no centro e sueste de Asia e no N de Exipto; E. hottentotus, en Kenya, Zambia, Malawi, Zimbabwe, Moçambique, Sudáfrica e Namibia; E. floweri, en Mali e Sudán; e E. demissus e E. pachyotis, en Tailandia. Reciben a denominación popular de morcegos das hortas.