equeneido -da

equeneido -da

(< lat Echeneis)

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos equeneidos.

  2. s m [ANIMAL/ICT]

    Peixe da familia dos equeneidos.

  3. s m pl [ANIMAL/ICT]

    Familia de peixes mariños, da orde dos perciformes, de ata 90 centímetros de lonxitude, de cor gris, cunha banda negra bordeada en branco que atravesa o corpo; caracterízase por presentar a primeira aleta dorsal transformada nunha ventosa que lles permite fixarse a animais mariños de gran tamaño. Cada especie ten preferencias por certos hospedeiros e escollen entre quenllas, raias, peixes lúa, atúns, peixes espada, peixes martelo, sapoconchos, baleas e golfiños; todos eles teñen en común o feito de seren animais peláxicos. Poden fixarse tanto no exterior coma no interior da boca ou da cavidade branquial, e incrementan a succión deslizándose cara a atrás, e poden soltarse nadando cara a adiante. Poden fixarse aos cascos das embarcacións, de onde procede a lenda de que podían reter e dirixir os barcos. Aliméntanse de pequenas presas que capturan eles mesmos e dos crustáceos que se fixan sobre a superficie do seu hospedeiro. Empregáronos os caribes e os taínos para capturar sapoconchos e quenllas, soltándoos atados a unha corda e agardando a que se fixasen nestes animais. Nas augas ibéricas pódense localizar os xéneros Echeneis, Phtheirichthys, Remora e Remorina. Reciben a denominación popular de rémoras.

Palabras veciñas

equaeso -sa | Equateur | Equatoria | equeneido -da | equi- | equiángulo -la | equidade