Equipo da Democracia Cristiana e Social Democracia Galega
Coalición electoral de forzas demócrata cristiáns galegas que se presentaron ás eleccións xerais de 1977, formada por Alianza Galega Social Demócrata (AGSD), nome que adoptou o Partido Social Demócrata Galego ao ser legalizado; o partido de Lasuén, representado en Galicia por Pérez Barxa; o Partido Galego Social Demócrata (PGSD) e o Partido Popular Galego (PPG). O seu ideario electoral estivo constituído polos puntos en común dos catro grupos asentados nunha base humanista e comunitaria, no federalismo non independentista e no proxecto demócrata cristián de contido galeguista. A coalición, que soamente se presentou nas provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra, obtivo unicamente 23.075 votos en conxunto, feito que significou a súa disolución.