Equipo Demócrata Cristiano del Estado Español

Equipo Demócrata Cristiano del Estado Español

Formación política demócrata cristiá que se presentou ás eleccións xerais de 1977. Nos inicios da transición política española, a democracia cristiá estivo dividida entre os partidarios de José María Gil Robles, membros da Federación Popular Democrática, e os de Joaquín Ruiz Giménez, vinculados á Izquierda Democrática. En xaneiro de 1976 celebrouse a primeira asemblea da formación en Madrid, xuntanza á que, xunto a estes dous partidos, acudiron representantes da Unión Democrática Galega, do Partido Nacionalista Vasco, da Unió Democrática do País Valencià e da Unió Democrática de Catalunya. O grupo contou co recoñecemento da Unión Europea Demócrata Cristiana. En marzo de 1977 produciuse a fusión definitiva dos grupos de Gil Robles e Ruiz Giménez e a consolidación do Equipo en todo o territorio estatal. En outubro dese mesmo ano incorporouse ao Partido Popular Galego (PPG). Posteriormente, a evolución do Equipo estivo caracterizada pola súa incapacidade para aceptar ás nacionalidades periféricas, feito que propiciou que os partidos representantes das nacionalidades catalana, valenciana, vasca e galega acudiran as eleccións de modo particular, á marxe do Equipo. Así sucedeu co PPG que, xunto con outras forzas, presentouse co nome de Equipo da Democracia Cristiana e Social Democracia Galega. O Equipo presentouse no resto de España sen conseguir ningún escano, feito que implicou a súa disolución meses máis tarde.

Palabras veciñas

Equipo 57 | Equipo Crónica | Equipo da Democracia Cristiana e Social Democracia Galega | Equipo Demócrata Cristiano del Estado Español | Equipo Realidad | equipolado -da | equipolencia