Equisetum

Equisetum
[PLANTA]

Xénero de fentos perennes cun aparato vexetativo composto por un sistema de rizomas subterráneos, do que parten un número variable de frondes aéreas moi ramificadas con verticilos de microfilas escuamiformes, fusionadas entre si, e que fan unha vaíña que rodea o talo. Nos nós do rizoma aparecen, alternando con cada microfila da vaíña, un primordio rameal que orixinará pólas aéreas ou subterráneas. Todas as raíces son adventicias, a excepción da raíz primaria do embrión. Na Península Ibérica están presentes: E. arvense, E. ramosissimum e E. telmateia, presentes en toda a Península; E. fluviatile, E. hyemale e E. palustre, limitados á metade N da Península Ibérica; E. sylvaticum, moi localizado na Cordilleira Cantábrica; e E. variegatum, presente nos Pireneos e na Cordilleira Cantábrica.