erasmismo

erasmismo

(< antropónimo Erasmo deRotterdam)

s m [FILOS]

Movemento ideolóxico derivado do pensamento de Erasmo de Rotterdam. De carácter humanista, distinguíronse o erasmismo filolóxico e o teolóxico. O erasmismo teolóxico inseriuse noutras correntes espirituais paralelas, no espiritualismo medieval persistente nos alumeados, no reformismo savonaroliano e nos primeiros cenáculos luteranos. Difundiuse a través do Colexio Trilingüe de Louvain e dos erasmistas moderados da facultade de Teoloxía como M. van Dorp e Adrián de Utrecht. En Alemaña, adoptárono algúns partidarios de M. Lutero, como U. von Hutten, J. Reuchlin, L. C. Melanchton, E. Wimpfeling e G. Witzel. Os erasmistas ingleses, entre eles T. Wolsey, tamén adoptaron a súa relixiosidade renovadora. En Francia, o cenáculo erasmista de Meaux, ao redor do bispo G. Briçonnet, decantouse cara a un evanxelismo independente, representado por L. d’Étaples, e cara ao protestantismo, da man de G. Farel e L. de Berquin. En Italia, centrouse en Nápoles, no cenáculo de Juan de Valdés e derivou cara á ruptura coa Igrexa romana por parte de M. Vermigli e S. Castellione. En Portugal, difundiuse a través dos profesores erasmistas das universidades de Évora e Coimbra, e polos profesores portugueses dos colexios universitarios franceses como A. de Resende, M. de Gouveia e D. de Gois. En España, espallouse a través das obras de L. Vives, discípulo de Erasmo en Louvain, e das traducións das obras feitas por D. López de Cortegana e o impresor M. Eguía. Despois da tradución do Enchiridion militis christiani difundiuse entre os círculos de alumeados. Entre os seus seguidores destacaron A. de Fonseca, A. de Valdés, G. de Alderete, A. Enríquez e A. Alcaraz. O período de maior extensión das obras de Erasmo foi entre 1527 e 1532, que coincide co inicio da súa relación epistolar con M. Servet e J. Ginés de Sepúlveda. Ao mesmo tempo, desenvolveuse en España o antierasmismo propiciado por franciscanos e dominicanos que consideraban a Erasmo como herexe. Entre 1530 e 1540 a persecución dos erasmistas aumentou e a Inquisición iniciou procesos contra J. de Vergara, antigo secretario de A. de Fonseca, B. de Carranza e A. de Valdés, entre outros. O Index de Paulo IV (1558-1559) prohibiu todos os escritos de Erasmo. O do inquisidor F. de Valdés, en 1559, prohibiu algunhas obras espirituais, particularmente as traducións en vulgar, actitude seguida polo Index de Pío IV, en 1564. Non obstante , continuou vixente en Castela ata a época de B. Arias Montano e de M. de Cervantes. O erasmismo europeo non se esgotou no Renacemento nin no manierismo. A súa actitude racional e crítica rexurdiu sobre todo durante o s XVIII. No s XIX a historia cultural interesouse por Erasmo por ser un precursor do Renacemento europeo.

Palabras veciñas

erario | Erasístrato | erasmiano -na | erasmismo | erasmista | Erasmo | Erasmo de Rotterdam