Erasmo de Rotterdam

Erasmo de Rotterdam

Humanista e teólogo. O seu verdadeiro nome era Geert Geerts, pero, seguindo unha tendencia humanística e interpretando que o seu nome viña do verbo medio-holandés ghëren ‘desexar’, cambiouno por Desiderius Erasmus Rotterdamus, latinizando o primeiro nome e grecizando o segundo. Formado en diversas escolas relixiosas de Goude e Deventer, profesou como agostiño no mosteiro de Steyn en 1488 e en 1492 ordenouse. Os seus estudios como latinista fixeron que se convertese en 1493 no secretario do bispo de Cambrai. En 1495 retomou os seus estudios na Universidade de París, onde entrou en contacto co humanismo platónico italiano e as doutrinas da devotio moderna. Entre 1496 e 1500 viaxou polos Países Baixos e Inglaterra, onde coñeceu o teólogo John Colet e o humanista cristián Thomas More, que o conduciron a unha síntese de platonismo e cristianismo e a unha piedade paulina e cristocéntrica. En 1500 publicou Adagiorum collectanea, colección de ao redor de 800 citas de autores clásicos que lle valeu o recoñecemento nos círculos humanistas da época. Entre 1501 e 1502 dedicouse ao estudo do grego e entre 1505 e 1506 volveu a Inglaterra, onde coñeceu o bispo R. Foxe. En 1506 doutorouse en Teoloxía na Universidade de Turín. De novo en Inglaterra, exerceu como profesor no Lady Margaret College de Cambridge, onde desenvolveu a súa teoloxía crítica coa Igrexa. En 1517 o Papa León X eximiuno da obriga de vestir o hábito da súa orde e permitiulle vivir fóra dun mosteiro. Recibiu propostas para establecerse en Francia, Inglaterra, Alemaña e España, pero instalouse en Louvain ata 1521, para despois residir en Basilea ata 1528, cando se trasladou a Friburgo de Brisgovia para finalmente, en 1535, regresar a Basilea. Teoloxicamente, foi moi crítico coa Igrexa do seu tempo, aínda que nunca rompeu con ela nin seguiu as doutrinas luteranas. Entre as súas obras de índole relixiosa destacan Enchiridion militis christiani (1515), onde exalta a piedade como vía para a reforma relixiosa; Iulius exclusus a caelis (1513), sátira sobre o Papa Xulio II; Novum Instrumentum (1516), unha nova tradución do texto grego do Novo Testamento con notas e tradución latina; Carela pacis (1517); De interditio esu carnium (1522); Institutio christiani matrimonii (1526); De praeperatione ad mortem (1534); De sarcienda Eclesiae concordia (1534); e Eclesiastes (1535). En setembro de 1524 enfrontouse a M. Lutero con De libero arbitrio diatribe e este respondeulle con De servo arbitrio (1526); Erasmo volveu contestarlle coa obra Hyperaspistes diatribae (1526). Entre as súas obras humanístico-filosóficas destacan Moriae encomium (1511), sátira da sociedade eclesiástica e laica do seu tempo en que propugnou unha volta á piedade dos primeiros cristiáns; Antibarbarorum liber (1518) e Ciceronianus (1528), en que afirmaba que as letras clásicas debían estar ao servizo do cristianismo. Os seus estudios filolóxicos fixeron que escribise, en 1510, o tratado Dialogus de recta latini graecique sermonis pronuntiatione, en que defendía que o grego antigo non se debía pronunciar como o grego moderno, en contra das teses defendidas por Johannes Reuchlin. Escribiu tamén algunhas obras de pedagoxía: De ratione studii et instituendi pueros comentarii (1512), Libellus novus et elegans de pueris statim ac liberaliter instituendi (1529) e De civitate morum puerilium (1530). Foi tamén tradutor das obras de Plutarco, Séneca, Oríxenes, Atanasio, Xoán Crisóstomo, Basilio, dos Pais da Igrexa, San Xerome e do Novo Testamento.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Rotterdam

  • Deceso

    Lugar : Basilea