Eristalis
Xénero de dípteros, da familia dos sírfidos, que se presentan na fase adulta como moscas de tamaño mediano ou grande e de cores vivas -con franxas ou manchas amarelas ou laranxas sobre fondo azul ou negro-. A cabeza é grande, cunha proxección frontal, e porta antenas de tres segmentos. Os ollos están separados nas femias e xuntos nos machos. Os adultos frecuentan as flores onde se alimentan de néctar. A fase larvaria caracterízase por presentar o corpo cunha longa e flexible prolongación que cumpre unha función respiratoria. As larvas desenvólvense en augas ricas en materia orgánica ou excrementos frescos do gando. Para realizar a metamorfose, a larva abandona o medio en que se desenvolveu e pupa baixo pedras ou terróns secos. A especie E. tenax resulta frecuente en toda Europa. Reciben a denominación popular de moscas abella.