Eritrea
Estado de África Oriental, que limita ao L co Mar Vermello, ao SL con Xibuti, ao N e O con Sudán e ao S con Etiopia (121.143 km2; 3.850.000 h [estim 2000]). Esténdese entre os 18° e 12° de latitude N e os 36° e 43° de lonxitude L. A capital é Asmara.
Xeografía física
Relevo e xeoloxía
O relevo de Eritrea pódese dividir en catro sectores: o primeiro deles correspóndese cunha estreita banda no litoral do Mar Vermello, que se prolonga máis de 1.000 km; a seguir érguese a meseta elevada do S, que supera os 2.500 m de altitude, separada por unha liña de fractura que a divide de N a S. Rodeando o altiplano están as chairas orientais, como a depresión do deserto de Danakil, cunha extensión de 80 km2, situada por debaixo do nivel do mar e cuberta de capas de lava terciarias, como consecuencia da actividade volcánica. As chairas do O, divididas por vales de orixe fluvial, presentan desniveis combinados con pequenas chairas.
Hidrografía e climatoloxía
As grandes diferencias de altitude no interior do país provocan unha gran diversidade climática; así, na cidade de Mitsiwa, situada ao nivel do mar, no litoral, a temperatura media anual é de 30°C e os rexistros de precipitacións acadan os 200 mm anuais, mentres que, pola contra, en Asmara, que só está 40 km ao O da anterior, os rexistros, debido aos 2.325 m de altitude, varían moi sensiblemente, e así a precipitación media anual increméntase ata os 500 mm e a temperatura descende aos 17°C. A irregularidade das precipitacións, concentradas en moi poucos días ao ano e na maior parte dos casos de carácter torrencial, provoca grandes catástrofes. O mes máis frío adoita ser xaneiro e as máximas precipitacións recóllense en setembro. Os principais ríos son o Gash e o Barka, que discorren desde a meseta cara ao O, no interior de Sudán.
Medio ambiente
As chairas de Eritrea están ocupadas pola sabana, onde, entre as especies arbóreas, predominan as acacias e os baobabs. A maior altitude subsisten bosques que dan paso, nos cumios, aos compoñentes típicos da flora alpina africana, entre os que destaca a presenza de fentos arbóreos. Nas zonas de altitude media predominan os prados que serven de pastos aos rabaños.
Xeografía económica
Economía
As políticas coloniais de Italia e o Reino Unido, que ocuparon o país sucesivamente na primeira metade do s XX, estiveron orientadas ante todo a maximizar a produción e exportación de materias primas, principalmente produtos agrícolas, gandeiros, mineiros e pesqueiros. Durante este período experimentouse un feble desenvolvemento das actividades da industria lixeira, aínda que reducido ao contorno das cidades de Asmara e Mitsiwa, porto natural da primeira. A anexión por parte de Etiopia en 1962 freou a expansión industrial e tivo como consecuencia o cesamento da actividade de moitas fábricas. A partir de 1974 os gobernos comunistas de Etiopia situaron a maior parte da industria baixo o control estatal. Como resultado das políticas colonialistas, primeiro, e comunistas, despois, Eritrea viuse involucrada en graves problemas económicos. Unha vez obtida a independencia (1993), o goberno desenvolveu un programa de recuperación baseado en criterios capitalistas e comezou a privatización do sector estatal. A débeda externa era en 1996 de 254 millóns $ USA e a inflación de -0,9% en 1998. A moeda oficial é o nakfa. Debido ás frecuentes calamidades naturais que afectan á rexión da África nororiental (persistentes secas violentamente interrompidas por chuvias torrenciais moi breves), Eritrea depende do Programa de Alimentación Mundial das Nacións Unidas para cubrir o déficit alimentario que sofre a súa poboación.
Sectores de actividade
A economía de Eritrea baséase no sector agropecuario: unha agricultura cerealista que só ocupa o 5% da superficie, restrinxida tradicionalmente á meseta, onde as precipitacións son suficientes para a produción de sorgo, orxo, millo e trigo; na gandería, co tradicional pastoreo de bovinos (1.550.000 cabezas [1999]), ovinos (1.570.000 [1999]) e caprinos (1.700.000 [1999]), centrado na franxa litoral e na zona stentrional árida; e na pesca, que constitúe un importante recurso (descárganse 1.576 toneladas anuais [1998]). O país posúe reservas de ouro, zinc, ferro, cobre, magnesio, potasio e petróleo aínda sen explotar. Na industria destacan os sectores petroquímico, mecánico e téxtil.
Comercio exterior
O comercio exterior é de signo negativo. En 1999 o valor das importacións acadou os 560 millóns $ USA, sobre todo petróleo e maquinaria. Os principais provedores son Italia (17,4%), Alemaña (5,7%), Reino Unido (4,5%) e a República de Corea (4,4%). En canto ás exportacións, en 1999 o seu valor foi de 26 millóns $ USA, principalmente peixe e produtos manufacturados. Os clientes máis importantes son Sudán (27,2%), Etiopia (26,5%), Xapón (13,2%) e Italia (5,3%).
Transportes e comunicacións
A rede de transportes sufriu bastantes danos como consecuencia das sucesivas guerras, tanto civís como contra Etiopia, primeiro pola independencia e, entre 1998 e 2000, por cuestións fronteirizas, que devastaron o país nas dúas últimas décadas do s XX. A maior parte dos 4.010 km que integran a rede de estradas non están asfaltadas. O ferrocarril redúcese á antiga liña cosntruída en 1911 polos colonizadores italianos para conectar Asmara con Mitsiwa, o principal porto do país xunto con Aseb. En Asmara existe un aeroporto internacional.
Xeografía humana
Demografía
O crecemento da poboación no período 1994-1999 foi bastante elevado (3,7%), debido a un alto índice de natalidade (42,5‰). A mortalidade infantil en 1996 situábase no 64‰. A esperanza de vida en 1998 era de 50 anos para os homes e 53 para as mulleres. A estrutura por idades indica que se trata dunha sociedade moi nova, en que o 42,85% da poboación é menor de 15 anos, mentres que só o 2,28% supera os 65 anos (2001).
Poboamento
A guerra con Etiopia e as grandes fames causaron a desestruturación territorial provocada polos desprazamentos da poboación, especialmente nas áreas rurais. Trala proclamación da independencia en 1993, aproximadamente o 20% da poboación tivo que desprazarse e, incluso, unhas 500.000 persoas tiveron que refuxiarse en Sudán. O grao de poboación urbana só é do 18,7% (2000). As principais cidades son Asmara (400.000 h [1992]), Mitsiwa (40.000 h [1992]), Aseb (50.000 h [1992]) e Keren (40.000 h [1992]).
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
A poboación de Eritrea é moi diversa, aproximadamente a metade da poboación é cristiá e ocupa tradicionalmente a rexión da meseta. A outra metade é musulmá e está dividida en diversos grupos étnicos e lingüísticos. Os principais grupos étnicos son: os tigriña (49%), tigré (31,7%), afar (4,3%), bexa (3,9%) e kunama (2,7%). As linguas oficiais son o tigriña e o árabe. Tamén se falan outras linguas que pertencen a distintas familias lingüísticas: linguas cuxitas (afar, bexa, bilen, saho), linguas semíticas (tigré, ademais do tigriña) e linguas nilóticas (kunama, nara). O tigriña e o tigré son as linguas, respectivamente, dos cristiáns e dos musulmáns. O 50% da poboación fala o tigriña e o 25%, o tigré. O bexa fálase na área occidental de Eritrea, o afar no extremo sur do país, o saho na área oriental, e o kunama e o nara fálanse nas terras baixas entre os ríos Gash e Setit.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1999 situaba a Eritrea entre os países cun desenvolvemento humano baixo (ocupa o 148º posto cun índice do 0,416). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 51,8 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 52,7% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 26%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 880 $ USA.
Goberno e política
Integrada en Etiopia dende 1952 (primeiro como “unidade autónoma federada” e dende 1962 anexionada) independizouse, tras unha prolongada guerra, despois de que esta opción vencera no referendo de autonomía para a Rexión Autónoma de Eritrea (23-25 abril de 1993). Trala independencia, a Fronte Popular para a Liberación de Eritrea (FPLE) transformouse en febreiro de 1994 na Fronte Popular para a Democracia e a Xustiza (FPDX) e abandonou a súa orientación comunista. Unha vez proclamada a independencia, constituíuse unha Asemblea Nacional que estableceu un goberno de transición e creou unha Comisión Constitucional coa finalidade de redactar unha Lei Fundamental no prazo de dous anos. A comisión concluíu o seu traballo no prazo, malia que a Constitución foi ratificada o 23 de maio de 1997. Segundo a Constitución, o presidente, dotado de amplos poderes, elíxese cada 5 anos, do mesmo xeito que a Asemblea Nacional. Non obstante , debido á inestabilidade provocada pola persistencia das loitas internas e a guerra con Etiopia, a Constitución aínda non entrou en vigor, e tampouco se celebraron as eleccións parlamentarias e presidenciais. O poder executivo reside no presidente, que é xefe do Estado e do goberno, e ademais está á fronte do consello de ministros e da Asemblea Nacional. Foi elixido para unha lexislatura de transición e ten, entre outras atribucións, o nomeamento dos 16 membros do gabinete de ministros e dos funcionarios á fronte das diversas comisións. O poder lexislativo reside nun Parlamento unicameral, a Asemblea Nacional, que define as liñas xerais da política interna e externa, regula a súa aplicación e aproba os orzamentos. O sistema xudicial baséase nun complexo conglomerado legal no que se inclúen as leis de transición (que incorporaron os estatutos da FPDX), as revisións das leis etíopes, as normas consuetudinarias e as leis aprobadas trala independencia. O órgano xudicial superior é a Corte Suprema; ademais, o territorio xudicial organízase en 10 tribunais provinciais e 29 tribunais de distrito. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Estatuto de Roma da Corte Penal Internacional; Carta Africana dos Dereitos Humanos e dos Pobos (1981) e a Carta Africana sobre os Dereitos e o Benestar do Neno (1990). O único partido político legalizado é o gobernamental, a FPDX, presidido por Isaias Afeworki. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: ONU, OUA e membro asociado da UE.
Historia
O Reino de Axum
No I milenio a C iniciouse un importante movemento migratorio dende o S de Arabia ata as rexións montañosas de Eritrea, protagonizado polos sabeanos, un grupo de poboación de orixe semítica que se mesturou cos hamitas, procedentes do N de Sudán. A súa chegada supuxo a introdución da tecnoloxía do ferro e a aparición dos primeiros núcleos urbanos na rexión. O Reino de Axum naceu desta fusión ao redor do 500 a C e, segundo a tradición, tivo como primeiro monarca a Menelik, fillo de Salomón e da raíña de Saba. O seu dominio político e económico estendeuse sobre parte dos territorios de Eritrea, Etiopia e Sudán, mentres a creación do porto de Adulis, principal foco do comercio do Mar Vermello e núcleo da civilización de Axum, favoreceu a penetración dunha forte influencia helenística. No s IV, durante o reinado do Negus Ezanas (320-343), produciuse a conversión do reino ao cristianismo, que se conectou cos centros de Alexandría e Constantinopla e, deste xeito, incluíuse posteriormente na órbita do mundo bizantino.
A penetración do Islam e os otomanos
A extensión do Islam polas costas do Mar Vermello, culminada coa conquista de Adulis (710), supuxo a decadencia do reino de Axum e illou o interior do país. Durante os séculos seguintes, as terras altas, que formaban a maior parte dos territorios de Eritrea, permaneceron como un territorio remoto e illado en que se constituíron cinco reinos independentes: Nagash, Belgin, Bazin, Jarin e Quaita’a, sometidos ao goberno dos bexas ata o s XIII. A costa, que experimentou unha fonda islamización, mantivo nos séculos seguintes un intenso tráfico comercial coas restantes poboacións do Mar Vermello. En 1541 unha armada portuguesa desembarcou en Mitsiwa e, aliados cos etíopes, derrotaron os musulmáns (1542). Esta vitoria facilitou a reconquista de boa parte do seu territorio polos etíopes. Posteriormente, en pleno apoxeo da expansión do Imperio Otomano, os turcos ocuparon as costas e o porto de Mitsiwa (1557). A súa presenza prolongouse ata que os exipcios, aproveitando a súa proximidade e a decadencia dos turcos, estenderon o seu dominio polas costas (1840-1880).
O colonialismo italiano e o dominio británico
Trala apertura do Canal de Suez, unha compañía italiana de navegación estableceuse no porto de Aseb (1868) e adquiriu posesións nas costas do Mar Vermello (1869), que foron cedidas a Italia xunto cos territorios de Mitsiwa, Asmara, Keren e Akordat (1882). Polo Tratado de Uccialli (2.5.1889), Menilek II de Etiopia recoñeceu as posesións italianas no Mar Vermello e,así, en xaneiro de 1890, constituíuse a colonia de Eritrea, que se converteu na base dos intentos italianos para conquistar Etiopia. Non obstante , despois da derrota de Adwa (1896), os italianos abandonaron momentaneamente as súas intencións de expansión e centráronse en converter Eritrea, que conservaron baixo o seu poder, nunha colonia agrícola: o establecemento de colonos na rexión dende comezos do s XX acompañouse da construción de importantes infraestruturas de comunicacións (liñas de ferrocarril entre Asmara, Keren e Akordat; estradas que uniron a costa e as terras baixas coas montañas e, incluso, dous aeroportos), co obxectivo de organizar unha economía de mercado orientada á exportación de produtos agrícolas. Estas melloras, xunto cun eficiente aparato administrativo e institucional en que os italianos integraron os nativos, transformaron a sociedade, que desenvolveu unha certa conciencia nacional. Despois da conquista italiana de Etiopia (1935-1936), anexionouse ao territorio eritreo a provincia de Tigré. A poboación italiana na colonia cifrábase en 70.000 persoas a finais da década de 1930, mentres nas cidades aparecía unha clase traballadora e un grupo de profesionais urbanos. A dominación italiana mantívose ata 1941, cando, no contexto da Segunda Guerra Mundial, tropas británicas ocuparon a rexión e a someteron á administración militar dos exércitos aliados, fundamentalmente estadounidense e británico. Trala guerra, Italia renunciou á soberanía sobre Eritrea polo Tratado de Paz de 1947, mentres o Imperio Etíope tentaba facerse co control e gañar influencia sobre ela. As diferencias entre o primitivo sistema económico etíope e a economía colonial de mercado de Eritrea fixéronse patentes. Malia a opinión da maior parte da poboación en favor da independencia, o 2 de decembro de 1950 a Asemblea Xeral da ONU aprobou o proxecto de federación do territorio eritreo co Imperio Etíope.
O dominio etíope e a guerra de liberación
A federación entrou en vigor en setembro de 1952 e supuxo a imposición dunha nova cultura e dunha lingua, o amhárico (idioma oficial de Etiopia), así como a eliminación dos líderes políticos eritreos. O proceso de anexión xerou actitudes de resistencia que se manifestaron na aparición do Movemento para a Liberación de Eritrea (1958). O Emperador Haile Selassie, apoiado polos EE UU, forzou a incorporación de Eritrea a Etiopia como provincia autónoma (14.11.1962). En resposta, un sector maioritario do nacionalismo eritreo, encabezado pola Fronte de Liberación de Eritrea, fundada en 1961 e liderada polo sindicalista Idris Mohamed Adem, iniciou unha guerra de guerrillas contra os etíopes. Como consecuencia de diferencias internas, a fronte sufriu en 1970 a escisión dunha parte importante dos seus membros, que constituíron un novo movemento rebelde, a FPLE, de pensamento marxista, que tomou protagonismo na dirección da loita pola independencia. Trala revolución etíope de 1974, que derrubou o Emperador Haile Selassie, e a subida ao poder do ditador comunista Mengistu Haile Maryam (1977), ambos os dous grupos se uniron para loitar contra os etíopes baixo o liderado de Isaias Afeworki, de xeito que conseguiron expulsalos do territorio eritreo. Non obstante , a chegada de axuda soviética (asesores, tropas e armas), permitiu que os etíopes derrotasen a FPLE e reconquistasen Eritrea (1978). As hostilidades continuaron e en 1982 unha serie de accións das guerrillas eritreas permitíronlles capturar moitas pezas de artillería e carros de combate, cos que foron capaces de organizar un auténtico exército que emprendeu unha contraofensiva. No 1988 tomaron Afabet, cuartel xeral dos etíopes no NL de Eritrea, e en 1989 controlaron o N e o O do país. A finais da década de 1980, trala desaparición da axuda militar da URSS, produciuse o derrubamento do exército etíope, que permitiu a captura do porto de Mitsiwa e a maior parte do territorio eritreo, incluídas Asmara e Aseb, en febreiro de 1990. En maio de 1991 produciuse o derrocamento do presidente etíope Mengistu e o acceso ao poder da Fronte Popular Democrática Revolucionaria de Etiopia (FPDRE), que recibira o apoio da FPLE na súa loita contra o goberno. A FPDRE ofreceulle a Afeworki integrarse no goberno etíope, pero este rexeitou esa posibilidade e despois de facerse co control do país declarou a independencia de feito.
O goberno provisorio de Isaias Afeworki
En 1992, o novo goberno etíope accedeu á celebración dun referendo sobre a independencia de Eritrea; no plebiscito de abril de 1993, dirixido pola ONU, o 99,8% dos votantes pronunciouse a favor da independencia. Trala declaración oficial (24.5.1993), formouse un goberno provisorio para un período de transición de catro anos, dirixido por Isaias Afeworki da FPLE, que se transformou en FPDX. A reconstrución do país seguiu baixo un réxime de partido único, en que se impuxo o carácter laico do Estado, a introdución dun servizo nacional, a inexistencia de linguas oficiais e a reestruturación administrativa entre outras medidas. As relacións diplomáticas con Sudán deterioráronse en novembro de 1994 cando se cruzaron acusacións mutuas de colaboración con grupos terroristas. Estas rompéronse en decembro de 1994 a causa dos ataques de grupos armados islamistas no SO de Eritrea e, en 1995, o conflito incrementouse cunha declaración de apoio a calquera grupo opositor sudanés que realizou o presidente eritreo. No nadal dese mesmo ano desencadeouse un conflito armado con Iemen pola posesión do arquipélago de Hanish, en Bab-el-Mandeb, e fíxose necesaria a mediación de Francia e da ONU, que recoñeceron a soberanía eritrea sobre as illas de Mohabaka. En 1997 o goberno estableceu unha Asemblea Constituínte, formada por 527 membros, coa misión de discutir e ratificar o texto da Constitución, que recoñeceu o pluralismo político condicionado e instituíu un réxime presidencialista. Trala disolución da Asemblea Constituínte creouse unha Asemblea Nacional de Transición, depositaria do poder lexislativo ata as vindeiras eleccións á Asemblea Nacional, previstas para 1998. As relacións con Etiopia deterioráronse dende finais de 1997, despois de que Eritrea adoptase unha nova moeda (o nakfa) en lugar da moeda etíope, feito que supuña unha dificultade para o comercio entre ambas. A tensión aumentou polas diferencias sobre os límites fronteirizos na zona de Tigré. En maio de 1998 Eritrea invadiu a rexión de Shirga e en xuño ocupou Badme, Zelambesa e Aseb. Os etíopes responderon cunha dura contraofensiva o 7 de febreiro de 1999, que se estendeu nos meses seguintes, ata un período de tregua non declarada, a finais de xuño dese ano. As propostas de diálogo patrocinadas pola OUA e a ONU foron rexeitadas por Eritrea ata que asinaron un acordo marco baixo o patrocinio da OUA en xullo de 1999, aínda que posteriormente Etiopia denunciou o tratado. As negociacións reanudáronse e continuaron ata febreiro de 2000, cando se rexistraron novos enfrontamentos. Etiopia atacou Eritrea despois dunha tregua de tres meses (12.5.2000) e nas semanas seguintes recuperou os territorios perdidos en 1998 e ocupou o SO de Eritrea. O 18 de xuño do 2000 estableceuse un acordo de cesamento do fogo, ratificado o 12 de decembro do 2000, entre o presidente de Eritrea, Isaias Afeworki, e o primeiro ministro etíope, Meles Zenawi, no que se recollía a despregadura dunha forza de interposición da ONU para delimitar as fronteiras. Foi ratificado o 12 de decembro do 2000. Logo da firma do armisticio con Etiopia, parte da poboación e dos elementos reformistas da FPDX amosaron a súa disconformidade co réxime de partido único e formularon dúbidas sobre as razóns reais do conflito. Fontes gobernamentais e da ONU estimaron nun millón e medio as persoas desprazadas pola guerra ou afectadas pola seca en Eritrea. No 2001 a FPDX sufriu divisións internas acompañadas de críticas á súa xestión e acusacións de bloquear o proceso democrático, de corrupción e de crecente autoritarismo. As eleccións, previstas para decembro do 2001 e que debían rematar co goberno de transición, pospuxéronse sen fixar unha nova data. Dende comezos do 2002 producíronse novas mostras do autoritarismo presidencial, como o arresto da maior parte dos membros reformistas da FPDX, que publicaron unha carta aberta na que solicitaban unha maior apertura e criticaban o presidente ou o peche de todos os medios de comunicación independentes.