Ermidas, Nosa Señora das

Ermidas, Nosa Señora das

Santuario mariano situado nas Ermidas (O Bolo) e pertencente ao bispado de Astorga. Está situado nun lugar rochoso onde a vida relixiosa se estableceu en diversas ermidas situadas ao abrigo das covas. Unha das primeiras fundacións puido ser realizada por san Froitoso no s VII. Trala invasión musulmá a imaxe da Virxe, venerada nunha das ermidas, escondeuse para evitar profanacións e roubos. A lenda conta que esta imaxe foi descuberta por uns pastores ao observar que o seu gando emitía uns sons estraños ao chegar á entrada da cova. Daquela construíuse unha capela a finais do s XIII ou comezos do s XIV. En 1624 Alonso de Mexía y Tobar, bispo de Astorga, enfermou e, ante a gravidade do seu estado, invocou a Nosa Señora das Ermidas e sandou. En agradecemento mandou construír unha igrexa, dependencias para os seus administradores e unha residencia para os peregrinos; ademais a diocese estableceu unha escola de latín e filosofía. O seu sucesor no bispado, frei Nicolás de Madrid, converteuna nun santuario e construíu a capela maior, o cruceiro coa cúpula e o adro. A igrexa que se conserva construíuse entre 1624 e 1735, polo que conforma un conxunto de engadidos e variados elementos estilísticos. Ten planta de cruz latina con tres naves, desiguais, cubertas con bóveda de canón, agás o cruceiro que ten unha cúpula. A nave da Epístola, unha parte da capela maior e o camarín da Virxe, que está detrás da capela maior, escaváronse na rocha e uníronse ao resto do edificio. A fachada, obra de Juan Martínez Pita (1713-1726), concibiuse como un retablo pétreo composto por tres rúas: a central de catro corpos e as laterais rematadas en torres. Os dous primeiros corpos da rúa central enmárcanse por columnas acanaladas de orde xigante e dous pares de columnas salomónicas no primeiro corpo, onde se sitúa a porta de medio punto coas doelas decoradas, e un par no segundo; no terceiro corpo sitúase un frontón partido, e o derradeiro corpo acolle un pequeno templo, decorado cos escudos dos bispos de Astorga, Aparicio e Aguado, o anagrama da Virxe, e as imaxes da Asunción, do Pai Eterno, san Miguel, san Paulo, san Pedro, o Rei David e Salomón. As rúas laterais fórmanas cinco corpos: no primeiro sitúanse as portas de acceso; no segundo, unha ventá de arco de medio punto con balconadas; no terceiro, unha pequena ventá de arco semicircular; no cuarto, un par de ventás cunha pequena balaustrada; e no derradeiro corpo sitúanse as campás. As torres rematan nunha balaustrada, nun corpo abovedado e nunha lanterna, nas esquinas represéntanse as virtudes teologais e a fe, nunha das torres, e as virtudes cardinais na outra. No adro destaca un cruceiro que remata coas imaxes do Crucificado, no anverso, e da Virxe das Dores, no reverso. Consérvase un Via Crucis de 1730. Celébranse dúas festas ao ano, unha o 8 de setembro e outra o primeiro domingo de outubro.

Palabras veciñas

Ermida, A | Ermidas | Ermidas, As | Ermidas, Nosa Señora das | Ermidas, Virxe das | Erminio/Erminia | ermitán -na