Erzurum
Capital do il homónimo, na Anatolia Oriental, Turquía, preto do nacemento do río Tuzía (298.735 h [1997]). A agricultura e a gandería son as principais actividades económicas. Unha porcentaxe importante da súa poboación é kurda. Punto estratéxico das rutas comerciais, foi conquistada polos bizantinos, que a chamaron Theodosioúpolis, e con posterioridade polos turcos (1071), que a incorporaron de maneira definitiva ao seu imperio por medio de Selim I en 1514, co nome de Arzan ar-Rum, ‘terra dos romanos’. Coa represión contra os armenios (1923), chegou a decadencia da cidade. A súa recuperación produciuse trala construción do ferrocarril transcaucásico. Do seu patrimonio cultural destacan a madrasa de Yakutiye (s XIII), as mesquitas de Ulu (s XII) e a de Lala Mustafa Pasa (s XVI), e os mausoleos reais dos ss XII e XIII.