escama

escama

(< lat squāma)

  1. s f

    Formación que cobre o corpo de moitos vertebrados e que lles serve de protección. Segundo a súa orixe, as escamas poden ser epidérmicas e dérmicas. As escamas epidérmicas, ou córneas, fórmanse a partir da capa xerminativa da epiderme. Os peixes actuais non as teñen e nos anfibios son moi raras. Nos réptiles hai dous tipos: os ofidios e os sauros teñen escamas aplanadas, imbricadas e con muda completa, e os quelonios e os crocodilos teñen escamas independentes, colocadas unha ao lado da outra e non presentan mudas. Os paxaros só teñen escamas nas patas, e os mamíferos, agás o pangolín e o armadillo, só na cola, nas mans e nos pés. As plumas, o pelame, os esporóns, as uñas, os cornos, etc, son modificacións destas escamas. As escamas dérmicas, ou óseas, fórmanse no derma e son, xa que logo, de orixe mesenquimática. As escamas dos peixes actuais preséntanse de catro formas diferentes: ganoideos, ctenoides, placoides e cicloides, todas cunha orixe semellante, pero con estrutura e forma diferentes. Os ósos de membrana do cranio derivan destas escamas. As escamas dos lepidópteros son pelame modificado, que lles cobren as ás e outras partes do corpo e son as responsables da súa coloración.

  2. s f

    Conxunto de escamas.

  3. s f
    1. Cousa que ten forma de escama.

    2. [PAT]

      Formación composta de fragmentos de capa queratinizada que se desprenden habitualmente de forma case imperceptible da pel, pero que en diversas dermatoses é moi manifesta, como no caso da psoríase.

    3. [MICOL]

      Fragmento do veo universal que aparece nos sombreiros dos cogomelos dos fungos do xénero Amanita.

    4. [BOT]

      Órgano vexetal de tamaño reducido e de orixe foliar.

    5. [XEOL]

      Conxunto de materiais con encabalgamento en forma de lámina, con espesor de decenas ou centenas de metros e lonxitude e anchura de quilómetros, e que foi sometido a poucos desprazamentos.

    6. Tella plana cun lado semicircular que ao imbricala con outra adopta forma de escama.

  4. s f

    Termo do latín dos chafoutas, ou xerga dos albaneis, e tamén do verbo dos daordes ou xerga dos telleiros, que corresponde á voz ‘peseta’.

Palabras veciñas

escalonia | escalope | escalpelo | escama | escamado -da | escamadura | escamar