Escandinavia
Rexión do N de Europa que, nun sentido físico, inclúe a Península Escandinava, situada entre o Océano Atlántico, ao O, o Océano Glacial Ártico, ao N, e o Mar Báltico, ao L; que se estende ao longo duns 1.800 km desde o Cabo Norte, no Ártico, ata os estreitos dinamarqueses. A península ocupa unha extensión duns 770.000 km2, divididos entre o territorio de Noruega, Suecia e Finlandia. A súa poboación é duns 13.500.000 h (estim 2000). Desde o punto de vista lingüístico, cultural, histórico e socioeconómico inclúese tamén na denominación de Escandinavia a Dinamarca, Islandia e a totalidade de Finlandia.
Xeografía física
A Península Escandinava comprende a maior parte do antigo escudo báltico, un bloque de materiais cristalinos, eruptivos e metamórficos, que sufriron primeiro os dobramentos caledonianos e despois, unha vez aplanados e erosionados, os dobramentos terciarios, que deron orixe aos Alpes Escandinavos. Esta cadea montañosa, que percorre a península de NL a SO, ten unha altitude media de 2.600 m. Modelada pola erosión glacial, presenta grandes altiplanos que se precipitan bruscamente sobre o Atlántico, dando orixe a unha costa moi recortada. Ao L dos Alpes Escandinavos aparece unha chaira onde abundan os outeiros morénicos e os lagos de orixe glacial. Os grandes glaciares cuaternarios escavaron numerosos vales que, ao ser inundados polo mar, formaron os fiordes; na actualidade os glaciares ocupan unha extensión duns 5.000 km2. Pola súa situación entre os 55° e os 71° de latitude N, un terzo da península está en latitudes superiores ás do Círculo Polar Ártico, o que implica un clima moi frío, relativamente temperado na parte meridional e subpolar na parte setentrional. A estación invernal prolóngase de outubro a maio. A temperatura media anual en Karesuando e Laponia é de 2°C, mentres que ao S é de entre 4°C e 6°C. Hai tamén marcados contrastes entre o L e o O, onde o rigor climático se atenúa pola influencia do Océano Atlántico e da corrente cálida do Golfo. A vertente occidental está baixo un dominio climático de tipo oceánico, con invernos non moi rigorosos, veráns suaves e ventos moi fortes. A vertente occidental, malia a presenza do Mar Báltico, ten un clima continental, máis frío e seco, con invernos moi rigorosos e veráns máis cálidos. No resto da península as chuvias oscilan entre os 400 e os 1.000 mm anuais, diminuíndo cara ao N. A rede hidrográfica está constituída por numerosos ríos, que discorren paralelos a ambas as dúas vertentes do eixe montañoso, desde o seu nacemento ata o mar. Os lagos cobren uns 50.000 km2 e, xunto cos ríos, representan aproximadamente un 7% da superficie total da península. O bosque boreal de coníferas (abeto e piñeiro silvestre) ocupa unha gran parte do territorio. Cara ao S predomina o bosque caducifolio de carballos e faias. No extremo setentrional e na montaña, o bosque substitúese pola tundra. O subsolo é rico, sobre todo, en xacementos de ferro, cobre, ouro, cinc, uranio, chumbo, titanio e níquel.
Xeografía humana e económica
Cultural e socialmente, os países escandinavos posúen unha relativa homoxeneidade. Os lapóns, poboación autóctona, son minoritarios (uns 30.000 h) e redúcense ás rexións setentrionais, mentres que a maioría, de orixe xermánica, establecidos a partir do s II, se concentran nas rexións centrais e meridionais. O comportamento vexetativo é bastante semellante, aínda que rexistran diferencias en función do grao de desenvolvemento: a taxa de natalidade é do 13,1‰ en Noruega, 12,5‰ en Dinamarca, 14,8‰ en Islandia, mentres que en Suecia e Finlandia só é do 10‰ e 11,2‰; a taxa de mortalidade é máis homoxénea, 11,1‰ en Dinamarca, 11,2‰ en Finlandia, 10,1‰ en Noruega, 10,7‰ en Suecia e só 6,9‰ en Islandia, onde a poboación é máis nova. As economías dos países escandinavos están entre as máis desenvolvidas do mundo e a renda per cápita supera en todos os casos os 20.000 $ USA (Suecia 25.580 $ USA, Noruega 34.310 $ USA, Islandia 27.830 $ USA, Finlandia 24.280 $ USA, e Dinamarca 33.040 $ USA).
Historia
A comezos da Idade Media o territorio escandinavo organizábase politicamente nos reinos de Suecia (s VII), Dinamarca (s VIII) e Noruega (s IX). Ante a insuficiencia de terras cultivables para abastecer unha poboación en aumento e a resistencia dalgúns nobres a someterse aos soberanos, iniciouse un gran movemento migratorio e colonizador. Nun primeiro momento, os noruegueses e dinamarqueses emprenderon incursións de pillaxe e, máis tarde, establecéronse nas Illas Británicas, Shetland e Orcadas, no N de Francia, en Islandia e en Groenlandia. Ao mesmo tempo, os suecos estendéronse polos vales fluviais da chaira rusa e, despois de contribuír á formación dos principados de Novgorod e Kiev, chegaron ao Mar Negro e estableceron contacto co Imperio Bizantino. A evanxelización dos pobos escandinavos iniciouse en Dinamarca ao redor do 830, pero tivo un lento desenvolvemento e non se completou ata o s XII. A difusión do cristianismo viuse favorecida por monarcas como Canuto II de Dinamarca e Eric IX de Suecia o Santo, que se apoiaron nela para establecer vínculos entre Escandinavia e Europa. A posterior expansión territorial a Estonia e Finlandia (ss XII-XIV) adquiriu o carácter dunha cruzada relixiosa, á que se engadiron motivacións económicas e civilizadoras. No 1397 os tres reinos unificáronse baixo o dominio de Dinamarca e constituíron a Unión de Kalmar, como resposta ao crecente poder do mundo xermánico e da súa organización económica, a Hansa. A hexemonía dinamarquesa suscitou os receos de Suecia, que estouparon ante as duras medidas dos monarcas dinamarqueses dirixidos por Gustavo I Vasa (1520). Despois de acadar a independencia en 1523, Suecia organizouse de xeito autónomo e estableceu dous bloques ben diferenciados no ámbito escandinavo ata o s XIX: Suecia con Finlandia, e Dinamarca-Noruega con Islandia. A adopción da reforma protestante como relixión estatal en Suecia e Dinamarca na primeira metade do s XVI, orixinou fondas transformacións sociais. Os dous reinos participaron na Guerra dos Trinta Anos (1618-1648) en apoio dos príncipes luteranos alemáns e, durante o conflito, o Rei Gustavo II Adolfo converteu a Suecia nunha potencia báltica e europea. Pero, a derrota de Carlos XII de Suecia en Poltava (1709) e a perda das provincias bálticas pola Paz de Nystad (1721) fixo que fose desprazada como potencia por Rusia. Polo Tratado de Tilsit (1807), os suecos confirmaron a supremacía rusa e Finlandia converteuse nun ducado dentro do Imperio Ruso. Noruega separouse de Dinamarca polo Tratado de Kiel (1814) e aceptou a soberanía do rei sueco. Na primeira metade do s XIX xurdiu nos ambientes intelectuais de Noruega, Suecia e Dinamarca o movemento escandinavista, que propugnaba unha estreita colaboración entre os gobernos dos tres países con vistas á unificación política. Non obstante , a denegación de axuda militar a Dinamarca polo goberno sueco durante a guerra con Prusia polos ducados de Schleswig-Holstein (1864) paralizou o movemento. A separación de Suecia e Noruega (1905) determinou que os obxectivos políticos, cada vez máis inaccesibles, se desprazasen polos sociais e económicos. Trala Primeira Guerra Mundial, Finlandia conseguiu a independencia e adheriuse ao movemento de cooperación nórdica, dedicado ao desenvolvemento da produción económica e ás melloras no nivel de vida. Despois da Segunda Guerra Mundial institucionalizouse a colaboración entre os estados escandinavos, entre os que se incluíu Islandia dende 1944, no Consello Nórdico (1952). Malia o ingreso de Dinamarca (1973) e de Suecia e Finlandia (1995) na Unión Europea, o Consello Nórdico traballou para consolidar a colaboración social, económica e cultural entre os estados escandinavos.