1 escatoloxía

1 escatoloxía

(< 1 escato- + -loxía)

s f [RELIX]

Doutrina sobre a renovada existencia do mundo e do home no final da historia e máis alá da morte. No Antigo Testamento a escatoloxía refírese aos últimos acontecementos que Deus lle anunciou ao pobo de Israel para a fin dos tempos, centrados na persoa do Mesías e na instauración do seu reino. Os desastres nacionais de Israel motivaron a aparición dunha literatura apocalíptica que explica os feitos escatolóxicos como unha destrución do mundo presente, que será substituído por un mundo futuro. A comunidade dos discípulos de Xesús, convocada polos acontecementos pascuais, definiuse diante do pobo como a comunidade escatolóxica: Deus, pola resurrección de Xesucristo de entre os mortos, inaugurou os últimos tempos, abertos a xudeus e non xudeus. O xuízo de Deus xa se realizou, pero aínda non se ten manifestado: os crentes esperan a parusía ou manifestación gloriosa de Xesucristo no derradeiro día, en que se fará realidade a resurrección dos mortos. Nesta liña, a teoloxía cristiá ve a morte do individuo como unha crise de crecemento, inmediatamente despois da cal, segundo a definición dogmática do Papa Bieito XII, hai unha sanción definitiva, no sentido en que o home consegue unha definitividade que cómpre entender como un proceso, ben de reconstrución persoal (xeralmente por medio da purificación no purgatorio), ben de frustración existencial (damnación).