escavadora
(< escavar)
Máquina empregada na escavación de terreos para remover grandes cantidades de terra. Consta basicamente dun chasis montado sobre rodas ou eirugas e provisto dunha pa, unha culler ou unha roda de alcatruces. O elemento de escavación vai montado sobre a pluma e móvese mediante cables ou por un circuíto oleohidráulico. Os tipos máis correntes son: a escavadora de culler frontal, empregada sobre todo na escavación de terreos non rochosos e para noiros verticais; a escavadora de culler retroactiva, tamén coñecida como retroescavadora, en que a culler fai o esforzo de escavación en sentido cara á máquina e traballa por debaixo do nivel desta, que se emprega en gabias e cimentos, e a escavadora bivalva, utilizada en terreos brandos, en gabias estreitas e profundas, cando hai moita diferenza de cota entre o nivel de escavación e o de descarga. Outro tipo de escavadoras son as dragalinas. Nas escavacións en terreos moi disgregados ou baixo a auga empréganse escavadoras con culler autoprensadora.