Escocia
País do Reino Unido que comprende a parte setentrional da illa de Gran Bretaña e as Illas Hébridas, as Illas Orcadas e as Illas Shetland (78.133 km2; 5.120.300 h [estim 1998]). Limita ao S con Inglaterra pola liña da crista das Cheviot Hills, que vai dende o firth Solway, no O, ao val do Tweed, no L. A súa capital é Edimburgo.
Xeografía física
Xeoloxicamente, Escocia está formada por unha serie de bloques paralelos alongados de SO a NL, separados por depresións, e que de N a S son: as Highlands ou terras altas do N, a greta do Glen More, os Grampians, a depresión das Lowlands e as Uplands. O arco das Illas Hébridas permanece separado das Highlands pola canle de Minch. As Highlands ocupan case que a metade do territorio escocés e prolónganse cara ao L polas Orcadas e as Shetland. Están constituídas principalmente por un zócolo de rochas metamórficas, aínda que tamén hai áreas volcánicas no O, como o altiplano basáltico da Illa de Mull. Este zócolo, fortemente erosionado, está levantado e fragmentado por vales profundos e estreitos. O sector setentrional das Highlands presenta unha serie de inselbergs que dominan un baixo altiplano de erosión. Toda a paisaxe está modelada polas glaciacións cuaternarias: perfís morénicos, cumios redondeados ou aplanados, vales, costas profundamente recortadas e, sobre todo, alongadas e profundas concas lacustres (lochs). Cara ao S descéndese bruscamente cara á gran depresión do Glen More, unha foxa tectónica duns 160 km de lonxitude, ocupada en parte polo Loch Ness e atravesada pola canle caledoniana, que separa as Highlands do Norte dos Grampians (ou Highlands do SL). Os Grampians, a rexión máis elevada de Escocia, son un altiplano de granitos e cuarcitas, lixeiramente inclinados cara ao L e intensamente erosionados. Culminan no Ben Nevis, que con 1.343 m é a máxima altitude do país. A rexión das Lowlands, ou Escocia Central, é unha vasta foxa que se abre dende o firth de Clyde ao de Forth. É unha sucesión de outeiros e amplos vales que favorecen as comunicacións entre o L e o O. A fertilidade do solo e a riqueza mineira convertérona no centro vital de Escocia. A Escocia Meridional está formada polas Uplands, unha serie de altiplanos monótonos de rochas sedimentarias que raramente exceden os 800 m. Cara ao S continúase co arqueamento das Cheviot Hills. A dirección do relevo e a intensa erosión glacial do Cuaternario orixinou na costa occidental un litoral moi recortado, con numerosos fiordes e centos de illas e illotes. A costa oriental, a excepción dos grandes entrantes de Moray e de Forth, é moi regular e rectilínea. O clima, en xeral, é frío e moi rigoroso, pois a elevada altitude media do país matiza as influencias oceánicas, que penetran amplamente grazas á orientación orográfica. A temperatura media anual en Edimburgo, na vertente occidental, é de 8,6°C, moito máis temperada que na vertente oriental. No Occidente os invernos son máis suaves e os veráns máis frescos, e os rexistros de precipitacións son máis elevados (1.200 mm de media anual, fronte aos 800 mm no L). No centro é onde se rexistra o maior rigor térmico, cunha temperatura media de xaneiro que non chega a valores positivos (0°C, fronte aos 3,1°C de Edimburgo). A pobreza dos solos (agravada pola persistencia da neve nun prolongado inverno e a intensa erosión) e a forte humidade, favorecen que a landa cubra grandes extensións. Tamén abundan os prados naturais, que cobren máis do 75% do territorio ao N das Lowlands. O bosque de piñeiro vermello ou de caducifolios queda limitado ás vertentes máis meridionais e entre os 300 e os 700 m de altitude. A súa extensión é de pouca importancia malia a repoboación forestal, comezada no ano 1919 pola Foresty Commission e algúns grandes propietarios.
Xeografía humana e económica
Escocia é a rexión menos poboada do Reino Unido, cunha densidade estimada de 66 h/km2, feito que supón un gran contraste coa densidade xeral do Estado, de 244 h/km2. Durante o s XX o seu crecemento mantívose tamén moi por baixo do que rexistraron Inglaterra e Gales (no período 1901-1981 tivo unha media anual de crecemento do 0,16%), malia que as súas taxas de natalidade eran similares. A emigración cara aos grandes centros industriais ingleses, favorecida pola hostilidade do medio natural, sobre todo nas Highlands (a súa densidade é de 8 h/km2) foi responsable desa diferenza respecto ao resto do Reino Unido. Aproximadamente o 80% da poboación se concentra na rexión das Lowlands, que acada densidades de entre 300 e 600 h/km2. A principal cidade é Glasgow (619.700 h [estim 1998]), verdadeira capital económica, seguida de Edimburgo (450.200 h [estim 1998]), capital administrativa e cultural. Outras cidades importantes son Aberdeen (213.100 h [estim 1998]) e Dundee (146.700 h [estim 1998]). Economicamente, Escocia (agás as Lowlands), posúe uns trazos diferentes do resto do Reino Unido. As adversas condicións edáficas para a agricultura propiciaron que a principal actividade agropecuaria fose tradicionalmente a gandería, que aproveitaba a facilidade para a extensión de pastos. A agricultura, que ten un papel moi secundario, redúcese ás rexións baixas e fértiles, onde se cultivan cereais (avea, centeo e orxo), patacas, legumes e xute. Dende 1943, o goberno británico implementou políticas de desenvolvemento rexional, principalmente no N, que se concretaron na construción e explotación de centrais hidroeléctricas e a creación de plantas industriais. A pesca tamén foi tradicionalmente un importante piar da súa riqueza: as principais capturas son arenque, salmón e bacallao. A costa oriental experimentou unha notable revitalización dende 1975 grazas ao descubrimento de petróleo na plataforma continental do mar do Norte, o que favoreceu o desenvolvemento de Aberdeen como principal porto e centro de elaboración de produtos petrolíferos. Tamén é importante a produción de gas natural. A industria ten a base nas minas de carbón da Escocia Central, que sitúan esta rexión entre as tradicionais rexións industriais británicas. As dúas concas mineiras corresponden aos antigos condados de Ayr e Lanar; desta última, e de toda a área industrial que se estende ao longo do Clyde, o centro abandeirado é Glasgow. Destaca a industria siderometalúrxica e especialmente a da construción naval, que representa case que a terceira parte da produción británica no sector. Outras industrias son as químicas, as téxtiles e as de destilación do whisky, ou a produción de cal. No sector servicios destaca o turismo, baseado nos atractivos paisaxísticos e culturais; entre os segundos, á parte da demanda que atraen o seu patrimonio monumental, destaca a afluencia de estudiantes de inglés.
Historia
Os primeiros vestixios de poboamento humano en Escocia remóntanse ao 6000 a C, aínda que os primeiros poboados, como o de Skara Brae, datan do Neolítico. Tralo desenvolvemento da cultura dos campos de furnas, estableceuse nos territorios ao N da illa a tribo dos pictos, de orixe indoeuropea, que falaban un dialecto celta do grupo britónico e posiblemente unha antiga lingua pre-celta. Estas dúas linguas parece ser que cederon ante a presión do gaélico cara ao ano 1000 e remataron por extinguirse. As primeiras noticias históricas dos escoceses proveñen de escritores latinos que describen a existencia de varias illas posuidoras de estaño. Foi no 81 cando os exércitos romanos conquistaron o S de Escocia e estableceron gornicións militares en Deva (Chester), no N de Inglaterra, e en Caerwent (cerca de Chepstow), no S de Gales, entre outras. Non obstante , as continuas razzias dos pictos levaron aos romanos á construción do muro de Adriano (122), que ía desde Newcastle-upon-Tyne ata Bowness-on-Solway. No 142, a liña fronteiriza estableceuse entre Forth e Clyde mediante a construción dun muro de turba, o muro de Antonino, que foi abandonado a mediados da década do 160. A partir do s III, o cristianismo estendeuse por terras escocesas grazas á acción, entre outros, de misioneiros como Ninian, a quen se lle atribúe a construción da primeira igrexa, e ao monxe irlandés san Columbán. No s IV as gornicións romanas no muro de Adriano abandonáronse, feito que aproveitaron os escotos irlandeses para establecerse no NO, os ingleses no L e os bretóns no SO. A partir do s VIII iniciáronse as invasións escandinavas, que colonizaron o N e o NO de Escocia. A presión escandinava levou a pictos e escotos, ata daquela enfrontados, a unirse baixo a autoridade do rei escoto de Dalriada Kenneth I MacAlpin (843), que estendeu os seus dominios ao S, estableceu a súa capital na cidade pita de Forteviot e creou un novo centro relixioso en Perthshire, ao trasladar alí as reliquias de san Columbán. Ademais, ao reclamar o trono picto, converteuse no primeiro monarca do Reino de Alba que adoptou o nome de Escocia, ao ser a terra dos escotos. A súa organización social tiña carácter tribal e no ámbito relixioso estaban dominados polos mosteiros. Falaban gaélico de Irlanda, orixe do escocés, que se estendeu por case todo o territorio; sen embargo, esta lingua inicial viuse influenciada por outras linguas que se falaban en Escocia: o nórdico, introducido polos colonos viquingos, que se falaba no N de Escocia; e o anglosaxón, precedente do inglés, levado por invasores alemáns, e que se falaba no SL. Pouco a pouco o gaélico cedeu terreo ao inglés. Trala conquista normanda de Inglaterra, moitos ingleses refuxiáronse en Escocia, feito que iniciou un paulatino dominio anglonormando que se manifestou sobre todo a partir do reinado de David I (1124-1153), que transformou a sociedade escocesa nunha sociedade feudal e organizou a Igrexa segundo o modelo anglonormando. Entre 1153 e 1286, o Reino de Escocia experimentou unha grande expansión económica, aínda que os continuos intentos de expansión territorial cara ao S foron inútiles. O crecente poder inglés e a crise sucesoria trala morte de Alexandre III (1286) permitiulle a Eduardo I de Inglaterra impor no trono escocés o rei vasalo Xoán de Balliol que, co apoio dos nobres escoceses e do monarca francés, se enfrontou a el, feito que motivou a invasión de Escocia en 1296 e a súa incorporación a Inglaterra. Non obstante , os continuos enfrontamentos entre os exércitos ingleses e os nobres escoceses, e a chegada ao trono de Eduardo II de Inglaterra permitiron aos escoceses recuperar a súa independencia trala vitoria na Batalla de Bannockburn (24.6.1314). En maio de 1328, polo Tratado de Northampton, o rei inglés recoñeceu a independencia do Reino de Escocia e a Roberto Bruce como monarca, aínda que non significou o fin da intervención inglesa nos asuntos escoceses. A monarquía escocesa dos Stuart apoiou os franceses contra os ingleses na Guerra dos Cen Anos e na Guerra das Dúas Rosas, aínda que a vitoria inglesa en Flodden (1513) sobre Xacobe IV iniciou un novo período de influencia inglesa. A introdución e a expansión da reforma protestante predicadas por John Knox desde mediados do s XVI, provocaron unha nova crise dentro da monarquía escocesa. A raíña católica María I Stuart regresou ao seu país para enfrontarse á revolta nobiliaria e presbiteriana. Non obstante , os exércitos de Isabel I de Inglaterra, aliada cos nobres protestantes, acadaron o control de Escocia, que se consolidou trala execución de María I Stuart en 1587. En 1603, Xacobe VI de Escocia converteuse en Xacobe I de Inglaterra, feito que supuxo a unión de ambas coroas, aínda que os dous reinos continuaron a ser independentes. Durante o reinado do seu sucesor Carlos I, constituíuse o National Covenant, a unión da oposición presbiteriana. Opuxéronse a Oliver Cromwell, que os derrotou en Dumbar (1650) e en Worcester (1651), e incorporou Escocia á Commonwealth. Trala morte de Cromwell (1658) a coroa restituíuse en Xacobe VII de Escocia e II de Inglaterra, e desde a promulgación en 1707 da Act of Union, na que se votou a unión dos dous reinos, formouse un único país, o Reino Unido. O Parlamento escocés aboliuse pero a cambio Escocia puido comerciar libremente con Inglaterra e as súas colonias, e conservou o dereito e o ordenamento eclesiástico propio. Durante o s XVIII, Escocia destacou pola súa vida cultural, centrada na Universidade de Edimburgo, onde se formaron e traballaron numerosos intelectuais, entre outros, o filósofo D. Hume e o economista A. Smith. Durante o s XIX produciuse no eido económico un rápido aumento demográfico e unha importante industrialización, mentres que no eido político predominou o Whig Party. A imposibilidade por parte dos liberais de dar respostas ás reivindicacións dos sectores industriais máis desfavorecidos propiciou a creación do Scottish Labour Party, precedente do Bristish Labour Party, ao que se uniu posteriormente, e que antes do 1914 se converteu na primeira forza política escocesa. Coa crise económica dos anos trinta rexurdiu o sentimento nacionalista que deu lugar ao Scottish National Party, nado en 1934, e á radicalización das posturas dos laboristas escoceses. En 1939 creáronse unha serie de organismos administrativos particulares baixo a autoridade dun secretario de Estado e tamén un sistema escolar e xurídico propio. Nos anos setenta, o descubrimento de xacementos de petróleo na costa escocesa do mar do Norte deu un forte pulo ao nacionalismo. O goberno laborista británico respondeu ás reivindicacións cun proxecto de autonomía que, sometido a referendo en 1979, foi invalidado pola baixa participación. Durante o mandato do Conservative Party (1979-1997), o goberno non volveu considerar as peticións autonomistas. A chegada dos laboristas ao poder en 1997 permitiu abordar unha vez máis o problema da devolution, a recuperación por parte dos países que integran o Reino Unido da súa autonomía, e que no caso escocés se plasmou na elaboración dun proxecto de autonomía que restablecía o Parlamento escocés disolto en 1707. No referendo dese mesmo ano, o proxecto foi aprobado cunha participación do 55% e o 74% dos votos afirmativos. As primeiras eleccións ao novo Parlamento escocés (6.5.1999) deron unha maioría relativa ao Labour Party, seguido polo Scottish National Party, o Conservative Party e o Liberal Democraty Party, e estableceron un goberno de coalición entre laboristas e liberaldemócratas, no que o laborista Donald Dewar, foi elixido ministro principal. Desde finais do s XVII, o inglés pasou a ser a lingua oficial de Escocia. Aínda que algunhas institucións (a igrexa presbiteriana de Escocia, a educación, o goberno local e a administración pública) empregan terminoloxía procedente do escocés antigo, a lingua dos negocios e do resto das institucións é, polo xeral, o inglés; pola contra, na literatura o uso do escocés está bastante estendido. Desde 1990 intensificouse o interese polo renacer desta lingua: nas áreas bilingües o escocés emprégase xeralmente como primeira lingua e tamén se utiliza, sen carácter oficial ou formal, nalgunhas publicacións, na radio e noutros medios de comunicación.