escritura

escritura

(< lat scriptūra)

  1. s f
    1. Acción de escribir.

    2. [ESCR]

      Representación da lingua falada tendo en conta as distintas realizacións das unidades gráficas (ideogramas, fonogramas, etc), as distintas realizacións históricas (xeroglífica, cuneiforme, etc) ou a calidade da súa execución (caligráfica, cursiva, clara, indescifrable, etc). Segundo os estudios de Harald Haarmann, naceu hai máis de 7.000 anos no sueste de Europa e tivo a súa continuación na área mediterránea centrada en Creta e Chipre. Esta primitiva cultura escrita, o mesmo ca a nacida en Sumer a finais do IV milenio a C e os sistemas gráficos autóctonos de Exipto, foi substituída por un novo sistema gráfico revolucionario: o alfabeto. Varios son os autores que estudiaron a historia da escritura e propuxeron distintas tipoloxías e definicións da mesma. Por exemplo, Ignace Gelb defínea como un sistema de intercomunicación por medio de signos visibles e convencionais. Este autor foi o primeiro en usar a palabra gramatoloxía para unha ciencia da escritura. J. Derrida, na súa obra De la grammatologie (1967), concibe esta gramatoloxía como unha ciencia positiva fronte ao seu propio traballo de natureza filosófica. A principios do s XXI non existe unha teoría xeral da lingua escrita, universalmente admitida, que contemple con rigor todos os sistemas de comunicación gráfica que merecen o nome de escritura. A tipoloxía máis usual da escritura está baseada nos traballos históricos. Enténdese por preescritura toda comunicación gráfica que, sen reproducir unha lingua articulada, transmite algún tipo de información; o home primitivo, para transmitila, acudiu a distintas formas, como facer nós nas cordas ou talladuras en materiais duros, petroglifos ou pinturas rupestres. Estas formas expresan ideas ou frases, pero son signos con poucas posibilidades de combinación. Desta natureza son, entre outros, os sinais de tráfico ou as marcas comerciais sen texto. Un paso adiante está constituído polas escrituras analíticas, sexan de tipo fonético (silábicas ou alfabéticas) ou de tipo ideográfico, como a escritura chinesa; entre elas hai importantes diferencias: as fonéticas están relacionadas cos significantes lingüísticos, como unha mera representación gráfica dos mesmos, e os ideogramas, xa desde Jan Ignacy Baudouin de Courtenay, vense como asociados directamente a conceptos extralingüísticos. Os estudios neurolóxicos axudan a distinguir a natureza destes dous tipos de escritura. O sistema xaponés usa tanto unidades ideográficas (kanji) como unidades fonográficas (kana); estas últimas son as máis afectadas nos casos de agrafía e de afasia, e quedan relativamente indemnes a lectura e escritura dos ideogramas. Na análise da lingua escrita considerábase como unha propiedade fundacional a duración ou permanencia do texto escrito (scripta manent) e á natureza sonora da palabra opoñíase en exclusiva a visual de lectoescritura. Ademais de varios tipos de gravación que permiten conservar as palabras, admítense tipos de escritura efémera como a escrita no ceo polos reactores, ou a que fan os contadores de historias chineses cando debuxan ideogramas no chan con auga que se evapora de contado. Tamén hai que considerar escritura o sistema táctil para cegos inventado por Louis Braille ou o sistema de escribir na palma da man propio dos tuareg, descrito por Cohen. Ademais de todos estes tipos de escritura que teñen como referencia unha lingua falada (escrituras glóticas), existen outros tipos de notacións, como a numérica ou a musical, que transmiten unha información que ten que ser interpretada con todo rigor; son as chamadas escrituras non glóticas. Para comprender todas as variedades de escritura nunha única definición, Roy Harris propón unha teoría do signo escrito que “integre a formación, o procesamento e a interpretación de marcas gráficas estruturadas no espacio”. O paso da lingua falada á lingua escrita non afecta soamente á lingüística ou á filosofía da linguaxe, nin se esgota nunha ciencia rexional sobre os tipos de escritura. Unha nova gramatoloxía leva a revisar o logocentrismo que goberna a tradición filosófica occidental e a achegarse ao discurso crítico de Nietzsche, Freud, Heidegger e Levinas. Para esta renovación, David R. Olson no seu libro The world on paper (1994) esixe revisar as seguintes proposicións: a) a escritura é unha transcrición da fala; b) a escritura ten superioridade sobre a fala; c) o sistema alfabético de escritura é tecnicamente superior; d) a escritura pode considerarse como un órgano de progreso social; e) a cultura escrita é un instrumento de desenvolvemento cultural e científico; e f) a cultura escrita é un instrumento de desenvolvemento cognitivo. O resultado desta revisión permitirá ver con outra perspectiva a situación anómala de Galicia, comunidade alfabetizada nunha lingua distinta á súa propia e natural.

    3. Conxunto de signos que se usan para escribir.

  2. s f

    Maneira ou estilo de escribir.

  3. s f

    Calquera cousa escrita.

  4. [DER]
    1. s f

      Documento en que se fai constar un acto ou negocio xurídico. Chámase escritura pública se se outorga en presenza de testemuñas ante notario, quen dá fe pública, e escritura privada se é obra de particulares sen intervención de ningún funcionario.

    2. escritura de tercio

      Escritura en que, para dar máis forza ao contrato, se impuña, como pena á parte que non cumprise, o pagamento dunha terceira parte da débeda ao fisco. Se o debedor non facía efectiva a obriga, podía ir preso.

    3. escritura social

      Documento mediante o cal se constitúe unha sociedade mercantil, que debe ser inscrita no Rexistro Mercantil. Con esta inscrición, a sociedade adquire personalidade xurídica.

Refráns

  • O que ben escribe, lé dúas veces.
  • O que se escribe, escríbese para ler e por iso hai que o ver.

Palabras veciñas

escritor -ra | escritorio | Escritos | escritura | escrituración | escritural | escriturar