Escudo de España
Emblema propio de España, símbolo do seu Estado.
Lexislación
No Artigo 1 da Lei Orgánica 33/1981 de 5 de outubro defínese do seguinte xeito: “O escudo de España é cuarteado e entado en punta. No primeiro cuartel, de goles ou vermello, un castelo de ouro, ameado, aclarado de azur ou azul e con cachotería de sable ou negro. No segundo, de prata, un león rampante, de púrpura, linguado, uñado, armado de goles, coroado de ouro. No terceiro, de ouro, catro paos, de goles ou vermello. No cuarto, de goles, unha cadea de ouro, posta en cruz, aspa e orla, cargada no centro dunha esmeralda de sinople ou verde. Entado en punta, de prata, unha granada ao natural, aberta de goles ou vermello, tallada e foliada de dúas follas de sinople ou verde. Acompañado de dúas columnas, de prata, coa base e capitel de ouro, sobre ondas de azur ou azul e prata, superada a coroa imperial a destra, e dunha coroa real a sinistra, ambas de ouro, e rodeando as columnas unha cinta de goles, cargada de letras de ouro, na destra Plus e na sinistra Ultra. No timbre, coroa real pechada, que é un círculo de ouro, engastado de pedras preciosas, composta de oito floróns de follas de acanto, visibles cinco, interpoladas de perlas, e de cada un dos floróns sae un diadema sumado de perlas, que converxen nun mundo de azur ou azul, co semimeridiano e o ecuador de ouro, sumado dunha cruz do mesmo metal; a coroa forrada de goles ou vermello”. O Artigo 2 subliña a incorporación do símbolo da casa reinante: “escusón de azur ou azul, tres lises de ouro, postas dúas e unha, o bordo liso de goles ou vermello”. A regulamentación sobre o emprego do escudo e a súa concreción gráfica desenvolveuse nun conxunto de decretos e normas. O Real Decreto 2964/1981 de 18 de decembro, á parte de inserir o modelo oficial do escudo de España, estableceu o seu uso, colocación e tamaño. Así, debe figurar nas bandeiras que ondeen nas sedes dos órganos constitucionais do Estado, nos edificios da Administración do Estado, das Forzas Armadas, dos Corpos de Seguridade do Estado, buques, aeronaves e calquera outro establecemento militar, locais e residencias diplomáticas, e nos medios de transporte oficial. O seu tamaño estableceuse en 2/5 do largo da bandeira e, dependendo das proporcións desta, debe figurar no centro ou máis achegada á vaíña. As súas cores establecéronse no Real Decreto 2267/1982 de 3 de setembro, segundo o sistema internacional CIELAB (tamén as correspondencias co sistema CIE-1931), e no Manual de Imagen Institucional de la Administración General del Estado (Orde de 27.9.1999) expresáronse as súas cores no sistema Pantone.
Historia
A historiografía tradicional considerou o enlace matrimonial dos Reis Católicos como o acontecemento fundacional do Reino de España (1474), e tivo a súa plasmación heráldica nun escudo que uniu as armas das súas respectivas coroas e unha divisa que aludía á mutua soberanía nominal que ambos se recoñecían nos seus reinos: “tanto monta” cun xugo e un feixe de frechas. As armas dos seus sucesores incorporaron as distintas anexións territoriais que sumaron á coroa. O escudo dos RR CC estaba constituído polas armas dos reinos de Castela, León e os da Coroa de Aragón, superadas dunha aguia de san Xoán; a partir da conquista de Granada (1492) incorporáronse as armas deste Reino ao seu escudo. Xoana I de Castela (1504-1506) incluíu as armas do seu esposo Filipe I (Borgoña, Flandres, Brabante e Tirol). Carlos I (1516-1556) timbrou o escudo coa coroa imperial e incorporou as columnas de Hércules coa lenda Plus Ultra e o Vélaro de Ouro. Filipe II, Filipe III, Filipe IV e Carlos II (1556-1700) usaron as armas anteriores, sen a coroa imperial (Filipe II incorporou en 1580 as armas de Portugal). Filipe V de Borbon-Anjou (1700-1759) engadiu as armas da súa casa (flores de lis de ouro co bordo en goles) e o colar da orde do Espírito Santo; Carlos III (1759-1788) engadiu as armas dos ducados de Parma e Toscana e substituíu a orde do Espírito Santo pola que leva o seu nome. Xosé I Bonaparte (1808-1813) dividiuno en seis cuarteis (primeiro, Castela; segundo, León; terceiro, Aragón; cuarto, Navarra; quinto, Granada; sexto, o Novo Mundo, representado polas columnas de Hércules) e engadiu o escusón coas armas dos Bonaparte; Fernando VII (1814-1833) recuperou o escudo dos seus antepasados borbóns. Malia todo, durante o período borbónico anterior a 1868 foi habitual o uso dun escudo máis simple, coas armas de Castela e León (ás veces tamén as de Granada) co escusón das lises, timbrado de coroa real e co Vélaro de Ouro. O goberno provisional que rexentou España trala Revolución Gloriosa que derrocou a raíña (1868-1870), adoptou un novo escudo segundo o ditame da Real Academia de la Historia: primeiro, Castela; segundo, León; terceiro, Aragón; cuarto, Navarra; e quinto, Granada, entado en punta; timbrado dunha coroa mural, coas columnas de Hércules e a divisa Plus Ultra, sen coroas. Amadeo I (1870-1873) restableceu a coroa real e engadiu as armas de Savoia. Durante a Primeira República (1873-1874) volveuse timbrar o escudo coa coroa mural e suprimíronse as armas dos Savoia. Coa Restauración borbónica (1875-1931) recuperouse a coroa real e engadíronse as lises e o colar do Vélaro de Ouro. Durante a Segunda República (14.3.1931) recuperáronse as armas dos períodos democráticos, substituíndo a coroa real pola mural e suprimindo o escusón borbónico e as coroas que superaban as columnas de Hércules. Inda que no comezo da Guerra Civil os dous bandos empregaron os mesmos símbolos para representar a autoridade do Estado, co tempo as distintas idiosincrasias dos elementos que apoiaron a sublevación coincidiron en rexeitar eses símbolos. Despois de recuperaren a bandeira bicolor no territorio baixo o seu control (Decreto de 2.2.1938), incorporaron ou recuperaron símbolos cos que se pretendía vincular o novo Estado que propugnaban cos antecedentes imperiais dos ss XV-XVII; así, adoptouse unha heráldica semellante á empregada polos RR CC, substituíndo as armas de Aragón-Sicilia polas de Navarra e engadindo as columnas de Hércules e a divisa “Una, Grande y Libre” (lema tamén procedente das JONS, como o xugo e as frechas). Debido á derrota final das forzas leais á legalidade republicana, este escudo permaneceu vixente dende o 1.4.1939 ata 19.10.1981, cunha lixeira modificación introducida por Real Decreto 1511/1977 de 21 de xaneiro, consistente en representar a aguia de san Xoán en ademán de emprender voo, acubillando baixo as súas ás as columnas de Hércules. A vontade de reconciliación nacional expresada por Xoán Carlos I na cerimonia da súa coroación, que culminou politicamente coa promulgación da Constitución de 1978, traduciuse en 1981 nunha nova reforma do escudo consistente en eliminar os elementos con connotacións partidarias para deixar un emblema representativo da nación e da monarquía como institución aglutinadora dos pobos e as terras de España.