Escurís

Escurís

Empresa conserveira fundada en 1940 por Manuel Escurís López na Pobra do Caramiñal. En 1964 denominouse Manuel Escurís López e Hijos SL e en 1974 Escurís SL. Posúe as plantas industriais de Escarabote (Lampón, Boiro), que funciona desde 1963, dedicada ao enlatado de sardiñas e mariscos; O Castelo (Santiago do Deán, A Pobra do Caramiñal), que procesa e enlata sardiñas, polbo e luras; e A Baiuca (O Caramiñal, A Pobra do Caramiñal), que funciona desde 1984 como centro administrativo e comercial, sede dos laboratorios de control de calidade e investigación da empresa e dedícase tamén á fabricación de túnidos. En 1974 instalouse a fábrica de Taragoña (Rianxo) para a produción propia de envases. Conta coas empresas filiais Rianxeira de Mariscos SA (Rianxo), adquirida en 1991 e dedicada ao enlatado de mexillón; e Tunaliment SA (A Pobra do Caramiñal), elaboradora de conservas para a alimentación animal.