esgonzo
Réptil, da familia dos escíncidos, caracterizado por presentar o corpo alongado e groso, de forma cilíndrica, con cores crípticas e a rexión ventral máis clara. Posúe catro extremidades moi reducidas, o fociño cuneiforme e unha cola curta e ancha. Aliméntase basicamente de insectos e arácnidos, e é presa común de cobras, picanzos e peneireiros. Son animais ovovivíparos e os ovos desenvólvense nas vías xenitais das femias. En Galicia están presentes as especies: Chalcides striatus, que vive en toda a Península Ibérica en herbais húmidos, e Chalcides bedriagai, que ocupa toda a Península Ibérica, agás o extremo N (chega ata a provincia da Coruña polo O e ata o S de Tarragona polo L). A subespecie pistaciae aparece en montañas do O da Península Ibérica (Aire, Tras-os-Montes, Pessegueiros, Aracena, Béjar, Monchique e Montánchez).