esgrima

esgrima

(< esgrimir)

Deporte de combate que consiste no enfrontamento entre dous contendentes provistos dunha arma branca, coa que teñen que alcanzar o seu rival nalgún dos puntos do corpo marcados polo regulamento.
Regulamentación
Na práctica da esgrima deportiva pódense empregar tres armas: a espada, o sabre e o florete (cada unha delas constitúe unha especialidade). Os participantes visten unha indumentaria específica, que inclúe unha máscara, coa que se protexen dos golpes na faciana, e un peto provisto de sensores eléctricos ou electrónicos que indican a consecución dos touché do contrario, pois debido á dinámica dos combates resulta difícil percibilos coa vista. Os dispositivos máis convencionais consisten nun circuíto eléctrico no que se integran o peto coa arma do contrario, de xeito que, ao entraren ambos en contacto, péchase o circuíto e emítense sinais acústicos e luminosos. A única limitación que se lles impón aos participantes, á marxe das relativas ao sexo e á idade, é a de participaren coa mesma arma. O resultado dos combates decídese en función do número de touché; só puntúan os que alcanzan o contrario nas áreas do seu corpo conectadas aos sensores.
Historia

Orixe e evolución da esgrima
A esgrima naceu do estudo dos movementos dos loitadores con espada, como disciplina que se propuña perfeccionar a instrución no seu manexo para acadar unha maior eficacia no momento do seu uso. Os rudimentos desta técnica estaban ligadas á tipoloxía das armas. O rexistro arqueolóxico indica que os exipcios xa a practicaban ao redor do 1200 a C; na tradición chinesa ten unha antigüidade semellante. Os gladiadores romanos aprendían a loitar coa espada segundo unha técnica acorde coas características das armas que se empregaban no circo. Ademais, as lexións contaban cos seus doctores armorum, encargados da instrución dos soldados. Como parte indispensable do adestramento dos guerreiros medievais, no s XV difundiuse entre a nobreza europea o costume de frecuentar as salas de armas. Nun contexto próximo ao deportivo, inventouse en España unha arma lixeira que permitiu o desenvolvemento de confrontacións incruentas, para as que foi preciso a elaboración dunha regulamentación; así, naceron os primeiros tratados, La verdadera esgrima de J. Pons (1472) e El manejo de las armas de combate de P. de la Torre (1473). En Italia e Francia a innovación española desenvolveuse ata acadar o maior grao de esplendor. No s XVIII inventouse en Francia o florete, a máis lixeira das armas, que, concibida para o adestramento, levaba a punta cuberta cun botón de coiro. No s XIX comezáronse a usar as luvas, petos e máscaras de malla metálica, pois xa se convertera nunha disciplina fundamentalmente deportiva.
A esgrima deportiva
A esgrima é unha das catro disciplinas deportivas que formou parte do programa de todos os Xogos Olímpicos da Era Moderna. O principal paladín da restauración olímpica, Pierre Frédy, barón de Coubertin, foi un destacado esgrimista. En Atenas 1896 disputáronse probas das especialidades de florete e sabre, ás que concorreron 13 tiradores de 4 países. En París 1900 introduciuse a espada. En Saint Louis 1912 xurdiu unha forte polémica entre franceses e italianos ao redor da regulamentación (non especificaba a lonxitude das follas e as superficies permitidas para os touché), que se resolveu coa suspensión da proba de florete e a retirada dos galos. En 1913 decidiuse crear a Federación Internacional de Esgrima (FIE), que elaborou un regulamento, aprobado por unanimidade en xuño de 1914, pero que, debido ao estoupido da Primeira Guerra Mundial, non se editou ata 1919. En Amsterdam 1924 participaron por vez primeira as mulleres, aínda que só en florete e sabre, pois coa espada comezaron a competir en Atlanta 1996. Os dispositivos electrónicos de asistencia á arbitraxe introducíronse en Berlín 1936 na espada, en Melbourne 1956 no florete, e en Seúl 1988 no sabre. Entre 1920 e 1939 disputáronse anualmente os campionatos de Europa. Concluída a Segunda Guerra Mundial, en 1947 acordouse celebrar cada ano os campionatos mundiais. Ao longo do s XX, os tiradores franceses, italianos, húngaros e rusos disputáronse a hexemonía nas grandes competicións internacionais. En Galicia a esgrima deportiva introduciuse a principios do s XX. A Sala Calvet da Coruña foi o berce desta disciplina, que tamén acadou un gran desenvolvemento entre os militares. Nos Xogos Olímpicos de 1992 Galicia estivo representada por Ramiro Bravo, que se proclamou campión do Mundo en 1993.