Eslovaquia

Eslovaquia

Estado centroeuropeo que limita ao N con Polonia, ao L con Ucraína, ao S con Hungría e ao O con Austria e a República Checa (49.034 km2; 5.397.000 h }estim 2000]). Esténdese entre os 48° e 50° de latitude N e os 17° e 23° de lonxitude L. A súa capital é Bratislava.
Xeografía física

Relevo, xeoloxía e climatoloxía
O relevo eslovaco está constituído por un conxunto de cordilleiras que forman parte dos Cárpatos Occidentais. Ao N destacan os Beskidy Occidentais e os Beskidy Orientais, formados por materiais cristalinos. Tamén ao N, na parte central, localízanse os montes Tatra, onde se sitúa o cumio máis elevado, o pico Gerlachovsky, de 2.653 m de altitude. Ao L, os macizos volcánicos de Vihorlat establecen a transición coas terras baixas. A rede fluvial organízase nas concas do Váh, do Hron e doutros afluentes do Danubio, que serve de fronteira con Hungría, mentres que o Vldava actúa tamén como límite coa República Checa. O seu clima é continental, con veráns cálidos e invernos fríos. Na cordilleira dos Cárpatos os invernos son máis duros e as precipitacións máis abundantes, cunha media que pode superar os 1.500 mm anuais. Nas rexións do L, nas terras baixas, os veráns son calorosos e as precipitacións redúcense bastante. En Bratislava, no SL do país, a temperatura media anual é de 11,1°C (-0,5°C de media en xaneiro e 21°C de media en xullo) e 665 mm de precipitación anual media.
Medio ambiente
Os solos son variados e ricos. Nas áreas onde a precipitación anual supera os 600 mm desenvólvense solos podzólicos, ricos en materia orgánica. Os aluvións fluviais constituíron veigas moi fértiles que se aproveitan para a agricultura. Os bosques ocupan o 41,4% do territorio eslovaco. Esténdense, sobre todo, polas áreas de montaña do N do país e son, fundamentalmente, de carácter centroeuropeo: carballeiras nos pisos baixos e faias e coníferas a maior altitude.
Xeografía económica

Economía
Trala caída do réxime socialista checoslovaco e a posterior independencia, os primeiros gobernos de Eslovaquia non adoptaron medidas para facilitar o paso a unha economía de libre mercado. O sistema produtivo -que se orientara dende o final da Segunda Guerra Mundial cara á antiga Unión Soviética e a outros membros do seu bloque- sufriu especialmente as consecuencias da desintegración do sistema comunista no conxunto destes países a partir de 1991. As dificultades da transición provocaron un incremento espectacular do déficit público, da inflación e do desemprego. A chegada ao poder da coalición democrática de Mikulás Dzurinda, primeiro ministro dende 1998, supuxo o comezo dunha nova política económica que conseguiu reverter a tendencia e reducir o déficit do Estado coa liberalización dalgúns sectores estratéxicos (electricidade, gas, transporte, etc), a mellora das exportacións, os investimentos estranxeiros (1.500 millóns $ USA), a privatización do sector bancario e a entrada na Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE). En 1999 a inflación foi do 10,6% e a taxa de desemprego acadou o 17,3%. A moeda oficial é a coroa eslovaca.
Recursos e sectores de actividade
O sector agropecuario ocupa o 7% dos traballadores e achega o 4% do PNB. Existen poucas áreas aptas para a agricultura, que ocupa o 32,8% da superficie, especialmente nas veigas do Danubio, ao S do país. Os cultivos máis importantes son as patacas, o millo, o azucre e o trigo. Na gandería destacan a cría de gando bovino (705.000 cabezas [1999]) e porcino (1.593.000 cabezas [1999]). A industria, que participa cun 31% no PNB e lle dá traballo ao 38% dos ocupados, céntrase nos sectores siderometalúrxico, químico e téxtil. En canto aos recursos enerxéticos, destaca a produción eléctrica en centrais nucleares, que representa o 43,5% da total do país. Os servicios proporcionan o 55% dos empregos, especialmente no turismo. A oferta turística eslovaca, favorecida pola súa localización centroeuropea, a súa óptima accesibilidade e a competitividade dos seus prezos, posúe un referente principal no patrimonio monumental e cultural das súas cidades medievais, especialmente a capital, Bratislava.
Comercio exterior
A orientación cara aos mercados do bloque soviético da economía checoslovaca pechoulle deliberadamente as portas a outros mercados ata comezos da década de 1990. Como consecuencia, o comercio exterior da Eslovaquia independente atópase nunha situación deficitaria. O valor das exportacións en 1998 foi de 10.664 millóns $ USA. As materias de exportación máis destacadas son os tecidos, os equipamentos de transporte, os minerais e os vehículos. Os seus principais clientes son os EE UU (59%) e os seus veciños Alemaña (27,8%), Italia (8,9%) e Austria (8%). O valor das importacións no mesmo ano foi de 12.959 millóns de $ USA, dos que a maior parte corresponderon aos combustibles, produtos manufacturados e maquinaria. Os provedores máis importantes son EE UU (51,4%), Alemaña (26%), Italia (7,1%), República Checa (13,69%) e Rusia (11,9%).
Transportes e comunicacións
A rede de estradas suma 17.710 km (1998), das que só 288 km son de autoestrada. A rede ferroviaria intégrana 3.667 km de vías (1998), dos que 1.535 km están electrificados. Para a navegación fluvial dispón de 172 km navegables a través dos principais ríos, especialmente o Danubio. Posúe dous aeroportos, situados nas cidades de Bratislava e Košice.
Xeografía humana

Demografía
Debido ás dificultades económicas, o crecemento vexetativo está practicamente estancado (0,07% en 1999), resultado da diferenza entre unha taxa de natalidade relativamente baixa (10,4‰ [1999]) e unha taxa de mortalidade relativamente elevada (9,7‰ [1999]). A esperanza de vida ao nacer é de 69 anos para os homes e de 77 anos para as mulleres.
Poboamento
A porcentaxe de poboación urbana é do 57,4% (2000). A rede urbana caracterízase pola macrocefalia de Bratislava, cidade da periferia de Viena, vinculada tradicionalmente á que foi a capital do Imperio Austrohúngaro, e que coa independencia sumou a función administrativa ás funcións culturais que viña desenvolvendo con anterioridade. A segunda cidade do país, por detrás de Bratislava (que suma case que 450.000 h [estim 2000]), é Košice, próxima aos 250.000 h (estim 2000), que articula o sector oriental do país. Ademais destas dúas, non hai ningunha outra que supere os 100.000 h, pois o terceiro núcleo de poboación é Prešov (93.790 h [1999]), situada 30 km ao N de Košice. Na periferia de Bratislava destacan as cidades de Trnava (69.844 h [1999]), 25 km ao NL da capital, e Nitra (87.548 h [1999]), xa máis afastada (60 km ao L). No centro do país, entre os montes Tatra e o curso do Danubio concéntranse unha serie de cidades medias, entre as que destacan Banská Bystrica (84.465 h [1999]) e Zvolen (44.705 h [1999]). O principal núcleo do N do país é Žilina (37.730 h [1999]).
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
Etnicamente, existe unha grande homoxeneidade, pois o 85,6% da poboación é eslovaca, aínda que tamén é importante a colonia húngara, que constitúe o 10,7% da poboación. Outras minorías son os cíngaros (1,7%), os checos (1,1%), os rutenos (0,6%), os alemáns e os polacos (cun 0,1% respectivamente). A lingua oficial é o eslovaco, que é a do 90% da poboación, pero tamén hai outras minorías lingüísticas que falan, sobre todo, húngaro (no S do país), ucraíno (a maioría no L), alemán (no L), polaco, romaní (concentrado no L, pero estendido por máis áreas) e ruso (no NL). Polo que respecta á filiación relixiosa, máis de dous tercios da poboación decláranse cristiáns (60,4% católicos, 7,9% protestantes e 1% ortodoxos).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1999 situaba a Eslovaquia entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o 40º posto cun índice do 0,825). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 75,5 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 91,9% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 96%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 16.064 $ USA.
Goberno e política
Eslovaquia converteuse nun estado independente o 1 de xaneiro de 1993, trala división de Checoslovaquia. A Constitución que se adoptara o 1 de setembro de 1992, definiuna como unha república parlamentaria. A xefatura do Estado reside no presidente (desde xuño de 1999, Rudolf Schuster) elixido para un período de cinco anos polo Parlamento Nacional. O poder executivo correspóndelle ao primeiro ministro, que tamén é xefe do goberno, designado polo presidente, (Mikuláš Dzurinda desde outubro de 1998). O poder lexislativo reside no Národná Rada Slovenskej Republiky (Parlamento Nacional Unicameral da República Eslovaca), composto por 150 membros elixidos por sufraxio universal para un período de catro anos. O sistema xudicial baséase no código austrohúngaro e modificouse para cumprir as esixencias da Organización para a Seguridade e Cooperación de Europa (OSCE). O máximo tribunal de xustiza é a Corte Suprema, integrada por xuíces elixidos polo Parlamento. Conta tamén coa Ústavny’ Súd (Corte Constitucional). Non está en vigor a pena de morte dende 1990 e aceptou a xurisdición da Corte Internacional de Xustiza da Haia. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Protocolo Facultativo do PIDCP; Segundo Protocolo Facultativo do PIDCP destinado a abolir a pena de morte; Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación Racial; Convención contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes; Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967); Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Protocolo de Roma para a creación do Tribunal Penal Internacional; Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais (1950); Convenio Europeo para a Prevención da Tortura e das Penas ou Tratos Inhumanos ou Degradantes (1987) e o Sexto Protocolo do Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais referente á abolición da pena de morte (1983). As principais formacións políticas son: Slovenská Demoktatická Koalícia (SDK, Coalición Democrática Eslovaca), dirixida por Mikuláš Dzurinda e integrada por Krestansko Demokratické Hnutie (KDH, Movemento Cristián Demócrata), Sociálnodemokratická Strana Slovenska (SDSS, Partido Social Democrático Eslovaco), Starna Zelenych na Slovensku (SZS, Partido Verde Eslovaco), Demoktatická Únia Slovenska (DU, Unión Democrática) e Demoktatická Strana (DS, Partido Democrático); Hnutie za Demoktatické Slovensko (HZDS, Movemento para unha Eslovaquia Democrática), presidido por Vladimir Meciar; Strana Demoktatická Strana Slovenská (SDL, Partido da Esquerda Democrática) baixo a presidencia de Peter Weiss; Slovenská Národná Strana (SNS, Partido Nacional Eslovaco) presidido por Jan Slota. Entre os movementos húngaros destacan Együttélés (Coexistencia) baixo a presidencia de Miklos Duary e Madarske Krestabsko-Demokratická Hnutie (MKDH, Cristiáns Demócratas Húngaros) liderado por Vojtech Bugar. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: ONU, Consello de Europa, Banco Europeo de Reconstrución e Desenvolvemento (BERD), OCSE, OSCE e é membro asociado da UE.
Historia

As orixes
A comezos da Idade do Bronce (1900 a C-1500 a C) a conca do Danubio foi unha importante encrucillada de rutas comerciais e culturais, ao tempo que nas montañas de Slovenské Rudohorie se desenvolveu una rica cultura dedicada a explotación das minas de cobre. Neste período, a cultura de Unetická penetrou lentamente no S. Na Idade do Ferro desenvolvéronse diversas culturas como a de Maïarovská (1500-1250 a C), que se caracterizou polas construcións defensivas e a extensión dun tipo de cerámica característico. Entre o 1250 a C e 700 a C apareceu a cultura de Lužická, que se estableceu sobre elementos autóctonos e caracterizouse polas fortificacións militares e unha administración ben organizada. Estaba vinculada cos xacementos de metais da rexión, un indicador do proceso de enriquecemento e prosperidade no comercio, testemuñado polos enxovais funerarios con abundancia de armas, escudos e xoias. Mentres, no SO desenvolveuse a cultura de Èaèianska, caracterizada por unha estrita xerarquización social e as influencias da civilización micénica e do Imperio Hitita. A chegada de tribos de orixe escita e tracia e os enfrontamentos cos celtas (ss VI - V a C) marcaron o comezo do derradeiro período da Idade do Ferro, no que se deu unha explotación mineira do ouro e do sal. Os celtas que se estableceron ao redor do Danubio, en Ipe, Hron e tamén no val do Nitra, dominaron os grupos de poboación xa establecidos, mentres que a cultura de Lužická se conservou nas áreas montañosas do N de Eslovenia, onde construíron fortificacións como a de Liptovská Mara. A comezos do s II a C chegaron novas tribos celtas ao tempo que se introduciu a moeda. Dende mediados do s I a C producíronse incursións das tribos dacias, que despois de derrotar os celtas de Bojs e Taurisks, penetraron no territorio da Eslovaquia Central e destruíron Bratislava. Os primeiros contactos cos romanos producíronse entre o 6 e o 9 d C coa chegada das lexións de Tiberio, que venceron a Marobud, caudillo dos cuados e dos marcomanos, e ocuparon a banda dereita do Danubio e unha pequena parte do SO de Eslovaquia. No 174 d C as lexións de Marco Aurelio penetraron nos vales dos ríos Váh, Nitra e Hron. No 377 os hunos cruzaron o Danubio e establecéronse na Panonia, na que permaneceron ata mediados do s V.
Os principados eslavos
Os eslovacos, orixinarios da rexión oriental do Vístula, fóronse establecendo na rexión do Danubio medio dende o s VI. Enfrontáronse cos ávaros, que invadiron a rexión no 568. A comezos do s VII xurdiu o primeiro estado eslavo dirixido por Samo, que uniu as tribos eslavas e derrotou o exército dos francos dirixidos por Dagoberto (631). Trala morte de Samo (665), os ávaros impuxéronse de novo na rexión ata que foron derrotados por Carlomagno (803), co apoio dos eslavos que habitaban a rexión, aos que en recompensa entregou o control sobre Moravia, Bohemia e Eslovaquia. No 833 Mojmir, príncipe de Moravia, conquistou o Principado de Nitra e constituíu un reino coñecido como a Gran Moravia (integrado polos territorios bohemios e eslovacos), e promoveu a súa evanxelización con misioneiros francos. As aspiracións francas sobre as riquezas mineiras (ferro, prata e cobre) levaron a un novo ataque que derrocou a Mojmir, a quen sucedeu Rotislav I (846) que, aliado cos búlgaros (853), desafiou os francos. Despois de enfrontarse con Luís o Piadoso (857) asinou un tratado de paz cos francos (858). Expandiu o reino ata incluír Eslovaquia e boa parte de Bohemia baixo o seu mando. Consciente do valor político da cristianización do seu pobo, aproximouse ao emperador bizantino Miguel III (862), quen enviou os monxes Cirilo e Metodio, que deseñaron o primeiro alfabeto eslavo, traduciron o Evanxeo e organizaron unha Igrexa autónoma, cunha liturxia propia baseada no culto bizantino. Rotislav I foi capturado polos francos trala traizón do seu sobriño Svatopluk (870). Este liberouse dos francos (872-876), ampliou os seus dominios sobre Eslovaquia, Bohemia, Silesia e os Sudety e acadou o recoñecemento do papa (880). Svatopluk desvinculouse do Impero Bizantino e, trala morte de Metodio (885), a Igrexa perdeu a autonomía. A morte de Svatopluk no 884 supuxo o comezo da desintegración do reino ante os sucesivos ataques dos bávaros, aliados cos maxiares e cos duques de Bohemia (884, 897, 900). O novo monarca Mojmir II foi derrotado finalmente polos maxiares (906), feito que supuxo a desaparición do estado eslavo independente.
A integración no reino húngaro
Os maxiares establecéronse entre os ríos Tisa e Danubio. A súa cabalería continuou cos ataques anuais contra os territorios xermanos ata que no 995 o Rei Otón I o Grande os derrotou. A rexión occidental da Gran Moravia quedou sometida aos duques checos de Bohemia e, malia que tentaron recuperar o dominio sobre o territorio eslovaco, este continuou sometido aos húngaros. Durante o s XI desenvolveuse un Estado húngaro, no que se integraron diversas etnias. Eslovaquia acadou o status de principado en 1106. Os territorios eslovacos sufriron frecuentes ataques dos estados veciños no s XII, entre eles os dos mongois (1241-1243), especialmente cruentos. Os señores húngaros repoboaron os territorios con colonos de orixe xermánica, que contribuíron ao desenvolvemento da urbanización e da industria metalúrxica e da extracción de prata e ouro. No s XIV os eslovacos incrementaron a súa participación no goberno local e conseguiron a metade dos postos nos consellos municipais polo Privilegium pro Slavis (1381). Durante o goberno de Sexismundo de Luxemburgo (1387-1437), o movemento dos husitas estendeuse por Bohemia e as súas incursións afectaron a Hungría e a Eslovaquia, crearon un forte vínculo cultural e influíron sobre a liturxia tradicional, que pasou a celebrarse na lingua nacional.
A incorporación ao Imperio dos Habsburgo
Trala derrora dos húngaros en Mohács (1526), o reino desintegrouse e foi absorbido polo Imperio Otomano, agás Eslovaquia, que pasou a ser gobernada pola Casa de Austria. A expansión do calvinismo entre os eslovacos, favorecido polas influencias dos husitas e da congregación dos Irmáns Bohemios, sufriu as consecuencias da Contrarreforma. Converteuse no principal campo de batalla de Europa e sufriu o expansionismo do Imperio Otomano, que conquistou a Hungría Central (1620). Como consecuencia, a gran nobreza húngara estableceuse maioritariamente en Eslovaquia e fíxose coa maior parte das terras, ao tempo que se establecía unha marcada diferenciación social. Participaron na política dos Habsburgo e no s XVII Bratislava serviu como capital do reino, ata que os Habsburgo reconquistaron Hungría (1686-1699). A tolerancia relixiosa que caracterizou a Eslovaquia fronte ao resto do Imperio dos Habsburgo permitiu o incremento dos protestantes, malia a Contrarreforma. Trala chegada ao trono austríaco de María Tareixa (1743), produciuse unha transformación administrativa que se prolongou no reinado de Xosé II e tendeu ao centralismo, como consecuencia dunha crise no sistema feudal e das novas necesidades fiscais do Estado. As novas medidas supuxeron a xermanización da burocracia, e a limitación do poder das autoridades húngaras e o recoñecemento do dereito ao culto dos protestantes.
O agromar do nacionalismo eslovaco e a maxiarización
O debilitamento do poderío austríaco durante os gobernos de Leopoldo II e Francisco II, permitiu o desenvolvemento dos nacionalismos húngaro, croata, serbio e eslovaco, que se difundiu coa creación do Reino Ilirio por Napoleón (1809-1813). Os húngaros adoptaron diversas medidas lexislativas, que se prolongaron durante a primeira metade do s XIX (1820, 1840 e 1844), polas que se impuxo o maxiar como lingua oficial do seu reino. Os eslovacos, sometidos ao goberno dos húngaros, solicitaron mediante a asemblea eslovaca de Liptovský a autonomía linguística para o seu territorio, pero a proposta foi rexeitada e orixinou un fondo malestar entre os eslovacos. Durante a rebelión húngara contra os austríacos (1848), os eslovacos aliáronse cos checos e cos alemáns republicanos e axudaron aos austríacos para sometelos. Os eslovacos tomaron o control sobre o seu ensino secundario e fundaron a primeira sociedade científica, a Matica Slovaka. O nacionalismo dos maxiares caracterizou a segunda metade do s XIX; coa transformación do Imperio dos Habsburgo na monarquía austrohúngara (1867), os eslovacos víronse desprazados fronte a unha nova burguesía industrial de orixe alemá e a nobreza húngara. A situación dos eslovacos empeorou e produciuse un importante movemento migratorio cara aos EE UU. O clero católico constituíu o núcleo dun movemento intelectual eslovaco que se fundou sobre os valores do campesiñado, pero a fins do s XIX, as autoridades húngaras eliminaron a lingua eslovaca da vida pública, que foi substituída polo maxiar, mentres os líderes intelectuais eslovacos sufrían persecución. Coa Lei Appony (1907), que transformou as escolas primarias eslovacas en maxiares deuse un paso máis neste proceso de aculturación.
A creación de Checoslovaquia
Durante a Primeira Guerra Mundial produciuse a aproximación entre os movementos independentistas checo e eslovaco, que chegaron a un acordo para a súa unión no seo dunha federación. T.G. Masaryk conseguiu o apoio do presidente dos EE UU, que asinou un acordo cos representantes do pobo eslovaco en Pittsburgh (30.5.1918), segundo o que Eslovaquia contaría cun Parlamento e cunha administración propias, mentres que o eslovaco sería a súa lingua oficial. Despois da guerra e trala vitoria dos aliados, produciuse o desmembración do Imperio Austrohúngaro e proclamouse a República Checoslovaca (28.10.1918), ratificada polo Consello Nacional Eslovaco reunido en Turčianský Svatý Martin (30.10.1918). En novembro de 1918, T. G. Masaryk foi elixido presidente da nova república e redactou unha Constitución (1920) que facilitaba a centralización e non beneficiaba o campesiñado e as minorías nacionais. Neste novo Estado, constituído polos territorios de Bohemia, Moravia, unha pequena parte de Silesia e Eslovaquia, xurdiron dende o primeiro momento diferencias entre a maioría checa, que gozaba dun nivel medio de educación máis alto e tiña certa experiencia no autogoberno, fronte á poboación eslovaca, dedicada maioritariamente á agricultura e que profesaban a relixión católica. Como consecuencia desta situación, no período de entreguerras produciuse unha centralización do goberno en Praga nas mans dos checos, nos gobernos de T. G. Masaryk e E. Beneš, mentres os eslovacos quedaban relegados a un espazo secundario. Os esforzos por industrializar Eslovaquia neste período fracasaron, en boa medida pola crise da economía internacional na década de 1930 e o resentimento incrementouse entre os eslovacos pola situación de dominio político e económico dos checos, feito que favoreceu o desenvolvemento de movementos nacionalistas extremistas. Como consecuencia do Pacto de Múnic (29-30 de setembro de 1938), en outubro de 1938 Alemaña ocupou os Sudety, mentres Polonia e Hungría se apoderaban da rexión de Teschen, do S de Eslovaquia e da Rutenia carpática, feito que supuxo a perda de máis da metade do territorio checoslovaco, a maior parte das industrias e as reservas de carbón. En outubro de 1938, o presidente E. Beneš renunciou ao cargo. O novo goberno, dirixido por Emil Hacha, enfrontouse ás tendencias separatistas en Eslovaquia e Rutenia. Os partidos nacionalistas eslovacos fusionáronse no Partido Popular Eslovaco (6.10.1938) de Andrej Hlinka, e proclamaron un goberno autónomo en Eslovaquia presidido por monseñor Jozef Tiso (7.10.1938).
O Estado de Jozef Tiso (1938-1945)
En marzo de 1939 Hitler presionou a Jozef Tiso e Ferdinand Durcanský, dirixentes do Partido Popular Eslovaco, para que proclamasen a independencia de Eslovaquia, baixo a ameaza de anexionala a Hungría. A Dieta eslovaca ratificou a independencia (14.3.1939), baixo a presidencia de J. Tiso, que se caracterizou polo tradicionalismo e o carácter antisemita. Foi recoñecida internacionalmente por 27 gobernos, entre os que se incluían Francia, Reino Unido e a Unión Soviética. Os alemáns emprenderon a transformación ideolóxica da sociedade, ao tempo que emprendían a reorganización da industria. A Segunda Guerra Mundial estimulou a economía eslovaca, polo que durante o conflito, o 50% da poboación activa estaba empregada no sector industrial. As presións sobre a Dieta do primeiro ministro, V. Tuka, e do novo ministro de Interior, A. Mach, conseguiron que se aprobase unha norma que permitiu a expropiación de bens, o internamento en campos e, finalmente, a deportación de 56.000 xudeus entre marzo e agosto de 1942. As deportacións detivéronse só despois das reiteradas protestas da Santa Sé. A partir de 1943, trala Batalla de Stalingrado e o desembarco aliado en Italia, apareceron os primeiros movementos eslovacos de oposición aos alemáns. Mentres, E. Beneš e J. Masaryk constituíron un Comité Nacional Checoslovaco en Londres. Malia o recoñecemento que recibiu dos aliados, non atopou apoios, polo que, en decembro de 1943, asinou un acordo de colaboración con Stalin, que ratificaba o cambio de poderes e influencias na Europa Central en favor da Unión Soviética. Ao mesmo tempo, os altos oficiais do exército eslovaco iniciaron un plan para depoñer o réxime de J. Tiso, pero a captura dun grupo de partisanos polos alemáns fixo estoupar a revolta en Banská Bystrica (29.8.1944). O exército alemán someteunos despois de dous meses de combates (27.10.1944), nos que os soviéticos vetaron calquera intento de axuda dos aliados. Os elementos que sobreviviron á insurrección refuxiáronse nas montañas e organizáronse en guerrillas que continuaron a loita ata a ocupación de Eslovaquia polos soviéticos na primavera de 1945.
O goberno democrático e o novo réxime comunista (1945-1968)
Tralo conflito organizouse un goberno provisional en Košice o 3 de abril de 1945, que posteriormente se trasladou a Praga (16.5.1945). Beneš foi elixido presidente da República á fronte dun goberno de coalición, do que se excluíron os nacionalistas checos e eslovacos. Os comunistas fixéronse cos ministerios do Interior, Agricultura, Información e Educación. Entre outras medidas, o novo goberno nacionalizou a banca e as industrias básicas e expulsou as minorías alemá e húngara. Despois das eleccións de maio de 1946, o comunista Klement Gottwald liderou un novo goberno de coalición, pero os enfrontamentos entre as diversas forzas políticas e o intervencionismo soviético provocaron a dimisión dos ministros non comunistas. Nas novas eleccións, os comunistas causaron incidentes e retiveron os dirixentes doutros partidos, polo que o 25 de febreiro de 1948 o presidente E. Beneš nomeou un goberno comunista dirixido por Gottwald, que promulgou unha nova Constitución na que o país se definía como unha democracia popular. Gottwald sucedeu a Beneš trala súa dimisión en xuño de 1948 e Checoslovaquia converteuse nun estado satélite da URSS. O goberno comunista reavivou o antagonismo entre checos e eslovacos e a oposición dos sacerdotes católicos de Eslovaquia foi duramente reprimida. A súa economía subordinouse ás directrices económicas de Moscova e do COMECON, que a orientou cara á produción de armamento. Como consecuencia, as tradicionais industrias de consumo debilitáronse e o nivel de vida descendeu. Trala morte de Stalin, os malos resultados económicos provocaron unha crise política e económica, acompañada dunha breve apertura no réxime comunista, que recibiu as queixas dos propios comunistas eslovacos pola estrutura asimétrica do partido, que permitía o dominio dos checos dende a rebelión de 1944. As queixas foron afogadas nunha sanguenta represión e o primeiro secretario Antonín Novotný realizou algunhas reformas na política económica. Pero, no segundo plan quinquenal (1956-1960) definiuse como novo obxectivo o desenvolvemento das industrias pesadas militares e tentouse unha reforma económica (1958), que non puido evitar que o terceiro plan quinquenal (1960-1965) rematase cunha recesión económica. Nesta situación de crise, a nova constitución, aprobada en 1960, recortou a autonomía eslovaca e orixinou malestar entre os líderes eslovacos que sobreviviran á represión da década anterior, mentres os sectores contrarios ás reformas se impoñían nos postos de dirección do país.
Da Primavera de Praga á caída do comunismo
Ás incipientes propostas aperturistas dos líderes políticos engadíronse os membros das elites intelectuais, que rexeitaron a disciplina imposta dende o poder. As durísimas medidas represoras adoptadas dende o goberno socavaron a base do poder do primeiro secretario A. Novotný, que finalmente dimitiría (5.1.1968). Trala súa renuncia, Alexander Dubček converteuse en primeiro secretario do Partido Comunista e, xunto cos seus colaboradores, emprendeu a construción dun “socialismo de rostro humano”. Democratizouse o partido e expandiuse a democracia á autoadministración das empresas polos traballadores, aos autogobernos rexionais e á liberdade de opinión e prensa. A sucesiva aplicación destas medidas orixinou unha fonda inquietude entre os soviéticos, que forzaron os dirixentes checos a deter o proceso de reformas, que finalizaron coa invasión de Checoslovaquia polas tropas do Pacto de Varsovia (12.8.1968). Dubček foi substituído por Gustáv Husák, que aprobou unha nova Constitución (28.10.1968) na que se creou un Estado constituído por dúas repúblicas, o Estado checo (Bohemia e Moravia) e o eslovaco (Eslovaquia), con autonomía sobre os asuntos locais, mentres que o goberno federal conservou as responsabilidades nos asuntos exteriores, en defensa e en economía. Na década de 1970, logo de varios anos de oposición clandestina ao réxime comunista, desenvolveuse un grupo de oposición, formado por intelectuais como Václav Havel e líderes do movemento obreiro, que denunciaron en xaneiro de 1977 a falta de dereitos humanos na denominada Carta 77. O goberno encarcerou os asinantes do manifesto e a oposición continuou no exilio. A crise do petróleo de 1973 afectou á economía e provocou o estancamento na década seguinte. Animados pola apertura propiciada pola Perestroika na URSS, adoptáronse diversas medidas legais que buscaban abrirse ao mercado exterior e permitir a repatriación de capitais. En decembro de 1987 Husák foi substituído á fronte da secretaría xeral do partido comunista por Milos Jakes, malia que conservou a presidencia do país. A poboación comezou a amosar o seu descontento en grandes manifestacións, como a que tivo lugar en agosto de 1988, no vixésimo aniversario da invasión polas tropas do Pacto de Varsovia.
A democratización de Checoslovaquia

A finais de 1989, trala caída dos réximes comunistas na Europa Oriental e dentro do proceso democratizador, formulouse en Eslovaquia a necesidade da emancipación. Neste contexto constituíuse o Verejnost Proti Nasiliu (VPN, Foro Público contra a Violencia), organización ideoloxicamente heteroxénea definida pola defensa de reformas democráticas radicais. Entre os seus líderes estaba Vladimir Meciar, que negociou o ingreso do VPN no goberno eslovaco en coalición cos comunistas de Milán Cic. Nas eleccións de xuño de 1990, o VPN acadou a maioría relativa no Consello Nacional Eslovaco e Meciar accedeu á xefatura do goberno da república (27.6.1990). O VPN desintegrouse en abril de 1991 e Meciar ingresou no Hnutie za Demoktatické Slovensko (HZDS); foi destituído como xefe do goberno polo Presidium do Consello Nacional (23.4.1991). O HZDS converteuse na principal forza política eslovaca cun ideario nacionalista, de orientación católica e reformista. Entre os seus obxectivos estaban a procura dunha repartición de competencias entre as repúblicas da federación nun sentido máis favorable a Eslovaquia, e a defensa dunha transición moderada cara á economía de mercado. A súa indefinición ideolóxica serviulle para converterse nun movemento de integración interclasista. Nas eleccións lexislativas de xuño de 1992, o HZDS acadou o 37,3 % dos votos e 74 dos 150 dos escanos, grazas a un sistema de repartición ás primeiras minorías. Despois dun acordo entre o primeiro ministro checo Meciar e o xefe do executivo da República Checa, Václav Klaus, o 20 de xuño chegouse a un principio de acordo para a disolución de Checoslovaquia. O 17 de xullo o Consello Nacional eslovaco aprobou a declaración de soberanía pola maioría dos votos e nunha reunión con Klaus (26.8.1992) decidiuse a desaparición de Checoslovaquia para o 1 de xaneiro de 1993.
O Estado eslovaco independente
Vladimir Meciar, líder do HZDS, foi elixido primeiro ministro, mentres Michal Kovak se converteu no presidente da nova República de Eslovaquia (15.2. 1993). Meciar gobernou co apoio da extrema dereita nacionalista, o Slovenská Narodná Strana (SNS), mentres a oposición estaba formada polos membros do antigo partido comunista, que se transformou no Strana Democratickej Lavice (SDL), e por outros grupos de centro e socialdemócratas, como o Krestansko-DemoKratické Hnutie (KDH) e a Együttélés, coalición que representaba a minoría húngara. O 4 de setembro de 1992 promulgouse a Constitución. A escisión prexudicou a economía eslovaca, que perdeu ao redor de mil millóns de dólares polo comercio bilateral; máis da metade das industrias tiveron perdas ese ano e calcúlase que se destruíron máis de 500.000 postos de traballo. Neste contexto económico xurdiu a polémica entre a República Checa e Eslovaquia pola repartición dos bens patrimoniais de Checoslovaquia, e o goberno checo decidiu paralizar o proceso en marzo de 1993 ata chegar a un acordo xeral. Para enfrontarse ao déficit público, o goberno recortou as prestacións sociais. O 11 de marzo de 1994 Meciar foi deposto por unha moción de censura parlamentaria, na que participaron os disidentes do HZDS liderados por Jozef Moravcik, xunto cos membros da oposición e coa axuda do presidente da república M. Kovác. Nomeado primeiro ministro, Moravcik anunciou a constitución dun goberno de salvación nacional que emprendeu urxentes medidas económicas. As diferencias entre os coaligados debilitaron o proxecto e, tralas eleccións lexislativas do 30 de setembro de 1994, a coalición do HZDS, SNS e o Zdruzenie Robotnikov Slovenská (ZRS, Asociación de Traballadores de Eslovaquia) acadou o 47,6% dos votos e a maioría absoluta dos escanos. Meciar recuperou a presidencia do gabinete. Cancelou a política de privatizacións do seu antecesor e situou nos principais postos a homes da súa confianza. A súa política exterior definiuse pola ambigüidade, na procura do equilibrio entre Occidente e Rusia. Entrou a formar parte da Asociación para a Paz da OTAN (9.2.1994) e acadou o estatuto de membro asociado da UEO, (9.5.1994). Asinou o Tratado de Amizade (19.3.1995) con Hungría, no que decidiron respectar as fronteiras e as minorías, pero o conflito reanudouse trala aprobación dunha nova lei lingüística discriminatoria para os húngaros. O referendo respecto á adhesión á OTAN, celebrado o 23 e o 24 de maio de 1997, só contou coa participación do 10% do electorado, despois de que se suprimise a proposta da oposición sobre a realización de eleccións presidenciais. A finais de 1997, os opositores Krestansko Demokraticke Hnutie (KDH), Socialno Demokratická Strana Slovenská (SDSS), Starna Zelenych na Slovensku (SZS), Demoktaticka Únia Slovenská (DU), Demoktatická Strana (DS,), fundaron a Slovenská Demoktatická Koalícia (SDK), orientada ao centro-dereita. Asinaron ademais un acordo coa Együttélés e incluíron no seu programa o respecto á minoría húngara. O presidente Kóvac, que mantiña unhas tensas relacións persoais con Meciar, uniuse ás críticas contra o primeiro ministro. A mobilización dun numeroso sector da opinión pública contra o autoritarismo de Meciar fíxolle perder a maioría absoluta nas eleccións de setembro de 1998. O 30 de outubro a oposición en pleno constituíu un goberno de coalición baixo a presidencia de Mikuláš Dzurinda. O novo goberno aprobou unha emenda constitucional para permitir a elección do presidente da República (vacante dende finais do mandato de Kovác) por sufraxio directo. Nas eleccións directas de maio de 1999 Rudolf Schuster, candidato da coalición gobernante, impúxose a Meciar. O goberno de Dzurinda enfrontouse á crise económica que ocultara o goberno anterior e adoptou un conxunto de medidas para estabilizar o mercado e equilibrar a balanza de pagamentos. Non obstante , a reestruturación empresarial xerou un brutal incremento do desemprego, que chegou ao 19,2%. A entrada de capital estranxeiro (EE UU, Alemaña e Austria) e a privatización de numerosos servicios públicos non melloraron a situación económica. En política exterior adoptaron medidas destinadas a mellorar as súas relacións cos gobernos occidentais, como a ampliación dos dereitos das minorías nacionais, a apertura do seu mercado aos investimentos estranxeiros, a privatización da banca, a despolitización dos medios de comunicación públicos e unha reestruturación en igual sentido dos servicios de intelixencia; neste contexto solicitaron o ingreso na OTAN. En maio de 2000 asinouse un protocolo coa República Checa, que puxo fin ás diferencias na división dos bens de propiedade estatal da antiga Checoslovaquia e que aceptou a devolución das reservas de ouro de Eslovaquia depositadas no Banco Central checo e o pagamento simbólico da débeda eslovaca. As negociacións de adhesión á UE comezaron en Bruxelas o 15 de febreiro de 2000 e en decembro dese ano aprobouse o Acordo de Adhesión, que iniciou a rolda de negociacións definitivas.