Esopo
Fabulista grego. Residiu en Samos como escravo e viaxou moito co seu último amo, o filósofo Xanto. Popular en Atenas, converteuse nun personaxe lendario como o testemuña a Vida de Esopo, obra composta no s IV a C por Planudo. Fóronlle atribuídas moitas fábulas de carácter alegórico e moral, en que personificaba animais, que se transmitiron de forma oral e exerceron unha grande influencia na literatura medieval e renacentista. A primeira recollida parece que a realizou Demetrio de Faleron no s IV; trátase dunha colección de 400 fábulas escritas en koiné, que inspiraron a autores da antigüidade tardía, como Babrias (poeta grego que as recreou en verso no s II a C) ou Fedro (poeta romano que as rescribiu e vulgarizou en latín no s I), e fabulistas medievais e posmedievais, como Jean de La Fontaine, en Francia, no s XII, ou Félix María de Samaniego, en España, no s XVIII. En 1480 Steinhöwel publicou unha edición en alemán e latín, orixe dos Isopetes escritos en linguas romances. Na literatura galego-portuguesa medieval hai pegadas destas fábulas esópicas como a historia dun monxe e dun paxariño nas Cantigas de Santa Maria e tamén en obras portuguesas como o Horto de Esopo (anónimo moral e ascético de finais do XIV e comezos do XV), coas historias do unicornio e outros animais, ou o Livro de Esopo (manuscrito do s XV con 62 fábulas moralizantes de finais da Idade Media atopado por Leite de Vasconcelos en 1900 na Biblioteca Nacional de Viena), prosa análoga a outras contemporáneas en latín e nas principais linguas europeas.
Cronoloxía
-
Deceso
-
Nacemento
Lugar : Frixia