España
(
Estado de Europa Occidental que ocupa a maior parte da Península Ibérica e inclúe, ademais, os arquipélagos balear e canario, as cidades autónomas de Ceuta e Melilla, outros territorios insulares da costa setentrional de África no mar de Alborán (Peñón de Alhucemas e Islas de Mar y Tierra, Islas Chafarinas e Peñón de Vélez de la Gomera) e o municipio transpirenaico de Llivia, enclave en territorio francés unido á fronteira por unha estrada internacional. Ocupa unha superficie de 505.009 km2, nos que acolle unha poboación de 46.951.532 h (2010). A capital é a vila de Madrid.
Localización e límites
A España peninsular esténdese latitudinalmente entre os 36° 00’ 03’’ N no seu punto máis meridional (Tarifa), e os 43° 47’ 34’’ N no máis setentrional (Estaca de Bares); lonxitudinalmente o seu extremo oriental correspóndese cos 3° 19’ 13’’ L (cabo de Creus) e o occidental cos 9° 18’ 19’’ O (cabo de Touriñán). Limita ao N con Francia, nunha fronteira trazada a partir do eixe axial dos Pireneos, con dúas excepcións: o Principado de Andorra, localizado nesta cordilleira, constitúe un estado independente a pesar de que un dos seus soberanos (copríncipe) é o bispo titular da diocese de La Seo d’Urgell (súbdito do Rei de España) e comparte a xefatura do Estado co Presidente da República Francesa; e o municipio ilerdense de Llivia, enclave en territorio francés. Ao O limita con Portugal, do que o separan nalgúns sectores cursos fluviais, como o Miño, e noutros accidentes do relevo de pouca envergadura. Ao S, co Peñón de Xibraltar, cunha superficie de 6 km2, permanece baixo a ocupación británica dende 1704. Ao N de África, coas cidades autónomas de Ceuta e Melilla que limitan con Marrocos. A costa peninsular española esténdese ao longo de 4.830 km: ao S e L o Mar Mediterráneo (2.073 km), entre o cabo de Creus e o estreito de Xibraltar; ao SO e NO o Océano Atlántico (1.682 km), entre o estreito de Xibraltar e a desembocadura do Guadiana e entre o esteiro do Miño e o Cabo Ortegal; e ao N o Mar Cantábrico (1.075), entre o Cabo Ortegal e o río Bidasoa. Os arquipélagos balear e canario teñen, respectivamente, 1.428 km e 1.583 km de perímetro litoral, mentres que as prazas de soberanía norteafricanas suman outros 38 km de costa.
Xeografía física
Xeoloxía
Tradicionalmente dividiuse o territorio peninsular en tres grandes unidades litolóxicas: a España silícea, a España calcaria e a España arxilosa. A España silícea corresponderíase co denominado Macizo Hespérico, un zócolo formado no Paleozoico que constitúe o núcleo do occidente peninsular. Este zócolo sufriu a fracturación herciniana; a erosión posterior converteuno nunha penechaira. A España calcaria correspóndese cos sectores orientais da Península, e esténdese dende os somontes da Cordilleira Cantábrica polos Pireneos e cara ao S polas Cordilleiras Béticas. As antigas concas sedimentarias oceánicas sufriron sedimentos durante a oroxenia alpina. A España arxilosa correspóndese coas principais depresións, (a do Ebro e a do Guadalquivir, fundamentalmente) cubertas de sedimentos (na súa maior parte arxilas, margas e xesos) polos grandes sistemas fluviais que as drenan. A evolución xeolóxica pódese resumir en tres períodos de sedimentación interrompidos polas dúas grandes oroxenias, a Herciniana e a Alpina. O modelado arcaico, orixinado hai máis de 4.000 millóns de anos, desapareceu por completo. Non obstante, aínda se poden apreciar bandas de materiais precámbricos no NO. O Ciclo Caledoniano, que se prolongou ata a primeira metade do Paleozoico, apenas deixou pegadas nas actuais Aragón, Galicia e Andalucía Occidental. Máis repercusión tivo o denominado Ciclo Herciniano, que rexistrou a sedimentación de materiais procedentes dos grandes batólitos graníticos e das rochas metamórficas que emerxeran no Precámbrico. A finais do Paleozoico, entre o Carbonífero e o Pérmico, a oroxenia Herciniana dobrou estes sedimentos e constituíu algunha das aliñacións máis importantes: o sector central dos Pireneos, o Macizo Hespérico, o Macizo Catalán e o Macizo Ibérico, de xeito que se pode afirmar que neste ciclo xurdiu o núcleo do relevo peninsular. O segundo gran período da evolución xeolóxica peninsular foi o Ciclo Mesozoico-Paleóxeno, que se iniciou hai 200 millóns de anos. No Mesozoico, ou Era Secundaria, a Península Ibérica constituía unha superficie de erosión que vertía cara ao L, onde se depositaban os sedimentos arrancados do substrato levantado por dobramentos no Herciniano. No Triásico Inferior, caracterizado por un clima cálido, depositáronse nos bordos dos macizos os materiais continentais arrancados pola erosión (arxilas, areas, etc). A transgresión mariña do Triásico Medio asolagou eses sedimentos e incorporou na serie materiais calcarios. Á retirada do mar no Triásico Superior (evidenciada por un novo rexistro continental) seguiulle unha nova transgresión no Xurásico Inferior, que desta volta se prolongou ata o Cretácico. Como consecuencia dun novo cambio isostático no Cretácico Superior, o mar invadiu o zócolo herciniano, convertido nunha penechaira pola erosión. Durante o Terciario, ou Cenozoico, predominaron as facies continentais na serie sedimentaria e tivo lugar a última grande oroxenia: a Alpina. A oroxenia Alpina elevou os Pireneos nunha primeira fase. Posteriormente, formáronse as Cordilleiras Béticas e tres concas endorreicas: o denominado Lago do Douro, o Lago do Ebro e a Submeseta Sur. Na derradeira fase da oroxenia Alpina rexistrouse unha importante fracturación que deu lugar á depresión do Guadalquivir, á formación do estreito de Xibraltar, como consecuencia do afundimento do macizo Bético-rifeño, e á formación do litoral mediterráneo. Nese momento formáronse as rías galegas e tamén os grandes ríos, que atoparon unha saída ao mar. De finais do Terciario datan as principais manifestacións do vulcanismo na Península (Olot, Campo de Calatrava, Gata e Dalías) e tamén en Canarias. Finalmente, o Cuaternario caracterizouse pola alternancia de períodos glaciares e interglaciares, sen que se rexistrasen grandes oroxenias, de xeito que os principais efectos no relevo son o modelado glaciar e a erosión e sedimentación, especialmente a fluvial.
Relevo
O relevo, froito da historia xeolóxica, é, pola súa diversidade e disposición, responsable dos grandes contrastes naturais. España está considerado o segundo país europeo máis montañoso, por detrás da alpina Suíza, pero se cadra resulta máis acertado indicar que se trata do segundo país europeo con maior altitude media. O relevo español pódese explicar ao redor dunha grande unidade morfolóxica, a Meseta, responsable, cos seus máis de 700 m de altitude media, da calificación do país como montañoso. A Meseta, que se eleva entre os 600 e os 1.000 m, é un altiplano inclinado cara ao O e dividido polo Sistema Central, cordilleira de dirección SO-NL que culmina a máis de 2.000 m e se prolonga cara ao N por Somosierra e cara ao O pola serra de Gredos e a serra de Gata. Ao S do Sistema Central ábrese a Submeseta Sur, que se corresponde coa rexión natural da Mancha e está articulada por pequenas aliñacións, como os Montes de Toledo, que marcan a divisoria entre as súas concas principais. A Sierra Morena e as Cordilleiras Béticas marcan o límite meridional da Meseta. A Submeseta Norte, pola súa parte, esténdese por Castela e León. Está enmarcada pola Cordilleira Cantábrica ao N, os montes de León e a serra da Culebra ao O, a serra de Peña de Francia ao SO, e a Serra da Demanda e os contrafortes do Sistema Ibérico ao L. Ao NO da Meseta atópase Galicia, o núcleo do Macizo Hespérico e, como tal, o máis antigo. Nas aliñacións alpinas rexístranse as maiores altitudes do país. O cumio máis elevado da Península é o Pico Mulhacén, en Sierra Nevada (Sistema Penibético), con 3.482 m de altitude. Pola súa parte, os Pireneos culminan nos 3.404 m de altitude do Pico Aneto, no macizo da Maladeta ou Montes Malditos. Non obstante , a máxima altitude do territorio español rexístrase no volcán do Teide, o volcán que constitúe a maior parte da illa de Tenerife, en Canarias, que acada os 3.718 m. Entre as depresións exteriores destacan a do Ebro e a do Guadalquivir. A depresión do Ebro, que cara ao N se eleva ata os Pireneos e polo S está limitada polo Sistema Ibérico, articula o sector nororiental de España. Pola súa parte, o val do Guadalquivir constitúe unha das formacións máis recentes, orixinada pola sedimentacións dos aluvións procedentes de Sierra Morena, ao N, e das Cordilleiras Béticas, ao S, que foron cubrindo un espazo mariño. O litoral levantino constitúe unha gran chaira litoral que tamén se formou por un proceso semellante ao da depresión do Guadalquivir, con achegas mariñas e aluvións fluviais. Polo que respecta aos grandes arquipélagos, as Illes Balears constitúen o extremo oriental do antigo macizo Bético, pero apenas se elevan ata os 1.200 m de altitude no sector setentrional de Mallorca (serra de Tramuntana), mentres que as illas Canarias, todas elas volcánicas, articúlanse ao redor das distintos estruturas volcánicas que as forman, que nalgúns casos (Tenerife, e La Palma) superan os 2.000 m de altitude.
Climatoloxía
Á configuración das características climáticas contribúen diversos factores dos que resulta unha gran variedade de tipos no territorio español. Coa excepción do arquipélago de Canarias situado en plena zona tropical, a localización latitudinal da Península Ibérica (no contacto da zona temperada coa zona subtropical do hemisferio boreal) e a súa posición na fachada occidental do continente (entre a masa oceánica do Atlántico e a conca do Mediterráneo) constitúen os primeiros trazos que definen o abano de tipos climáticos que se poden rexistrar sobre o territorio. A disposición do relevo e o vigor das súas principais aliñacións terminan de definir os contrastes que se rexistran neste aspecto. A Península Ibérica atópase nunha zona de intensa actividade atmosférica, onde converxen as masas de aire polar e tropical do hemisferio N. A superficie de contacto entre ambas as dúas masas constitúe a Fronte Polar que, por causas astronómicas, experimenta unha flutuación estacional en latitude: no inverno descende ata latitudes baixas, fronte ao S da Península, mentres que no verán desprázase cara ao N. Os principais centros de acción que inciden sobre a península son as masas anticiclónicas do Océano Atlántico (Anticiclón dos Açores), Polar, Escandinavo-Siberiano e Sahariano. A incidencia do relevo sobre o comportamento destas masas de aire provoca a división do territorio peninsular español en dúas metades definidas pola isohieta que rexistra 1.000 mm de precipitación anual media. Así, pluviometricamente fálase dunha España húmida (con precipitacións superiores a esa cifra distribuídas dun xeito bastante homoxéneo ao longo do ano, agás no verán), baixo o dominio do amplo abano dos climas oceánicos, que abrangue o cuadrante NO da península, con toda a cornixa cantábrica e Galicia, e os Pireneos; e dunha España seca, (con rexistros de precipitacións anuais medias inferiores a ese nivel de referencia, que descenden progresivamente de N a S, e cun réxime que provoca unha prolongada seca estival de entre 3 e 4 meses), que abrangue a Meseta e todo o sector central e oriental, incluído tamén o arquipélago balear. O arquipélago canario, situado na zona tropical, participaría tamén desta división e incluiríase na España seca. O clima oceánico é o da España húmida. Os caracteres máis propiamente oceánicos rexístranse na estreita franxa litoral, pois a inmediata elevación do terreo fai que poucos quilómetros cara ao interior xa se empecen a percibir tipos degradados con tendencias mediterráneas ou continentais. Unha área peculiar é a das Rías Baixas, nas que a orientación cara ao O-SO convérteas nun espazo litoral máis cálido, onde as precipitacións, que son das máis abundantes, están máis concentradas no inverno e nas estacións de transición, mentres que o verán é practicamente seco. As precipitacións son de carácter frontal e proceden fundamentalmente do O. A amplitude térmica anual oscila entre os 10°C e os 20°C, e resulta excepcional o número de días nos que, a nivel do mar, se baixe dos 0°C, do mesmo xeito que é estraño que se superen os 35°C. A altitude da Meseta confírelle un rigor térmico máis acentuado, especialmente no inverno, próximo ao dominio climático continetal: aínda que as temperaturas medias mensuais non adoitan baixar dos 0°C, pódense rexistrar temperaturas moi extremas neste sentido, de máis de -20°C e incluso -30°C. Do mesmo xeito, en sentido inverso, as temperaturas máximas extremas poden superar os 45°C. As precipitacións anuais medias oscilan entre os 300 e os 700 m, en función da maior ou menor distancia do mar e tamén da altitude. A costa meridional e levantina atópase no dominio climático mediterráneo, que se caracteriza no aspecto térmico pola suavidade dos invernos (entre 10°C e 20°C), mentres que no verán as temperaturas poden ser case tan elevadas como no interior, debido tanto á incidencia da radiación solar, como á influencia da masa de aire tropical procedente do Sáhara.
Hidrografía
A diversidade climática e a heteroxeneidade orográfica orixinan contrastes na rede fluvial, tanto no que respecta á lonxitude dos ríos como ao seu caudal. Non obstante , manteñen unha característica común, o seu réxime, pois tanto os ríos da vertente atlántica como os da mediterránea posúen un réxime pluvial; tan só os ríos da vertente cantábrica teñen un réxime nivopluvial. Tanto a Submeseta Norte como a Submeseta Sur están drenadas por grandes ríos da vertente atlántica: a Submeseta Norte denomínase tamén depresión do Douro, pois articúlaa este colector de 913 km de lonxitude; a Submeseta Sur drénana as concas do Texo e do Guadiana (778 km), separadas polos montes de Toledo, que constitúe a súa divisoria de augas. O Texo é o río máis longo da Península, con 1.007 km dende as súas fontes ata a súa desembocadura en Lisboa. Os outros grandes ríos da vertente atlántica son o Guadalquivir, que drena a depresión intrabética ao longo de 657 km, e o Miño (de 307,5 km de lonxitude), que a diferenza dos demais sofre menos a estiaxe e mantén o caudal en niveis aceptables. Malia que no sector oriental do país as precipitacións son menores que no occidental, o río máis caudaloso é un tributario da conca mediterránea, o Ebro. Isto débese a varios feitos que incrementan o seu caudal en diversos treitos do seu curso, que ten unha lonxitude de 910 km. O seu nacemento prodúcese na Cordilleira Cantábrica, na área de precipitacións máis abundantes. Despois, no seu curso medio recibe unha serie de afluentes (Aragón, Gállego, Noguera-Ribagorzana, etc) que baixan con dirección meridiana dos Pireneos e que incrementan notablemente o seu caudal. Nos outros grandes cursos da vertente mediterránea (o Llobregat, o Turia, o Xúcar, o Segura, etc), percíbese máis a influencia da seca estival, que mingua alarmantemente os seus caudais. Os ríos da vertente cantábrica son os que presentan cursos máis curtos, debido á proximidade da Cordilleira Cantábrica ao litoral, e apenas superan os 100 km de lonxitude. Entre eles destacan o Eo, o Navia (estes dous nacen en Galicia), o Narcea, o Nerbion e o Bidasoa. A súa localización na área de maiores precipitacións e a envergadura da Cordilleira Cantábrica fan que o seu réxime sexa pluvionival, polo que o maior caudal o rexistran nos meses da primavera.
Medio ambiente natural
España posúe un medio natural dos máis diversos e espectaculares do contexto europeo. Conta cuns 9.000 taxons de plantas vasculares, un 90% do total das que se localizan na Unión Europea. Delas, 1.500 son plantas endémicas (a metade dos endemismos europeos) e outras 500 especies constitúen endemismos iberoafricanos, compartidos só co N de África. A este gran número de plantas con flores e fentos súmanselle máis de 1.000 especies de briófitas. Existe un mínimo de 10.000 especies de fungos. A fauna española está composta por un número que oscila entre as 50.000 e as 60.000 especies, das que 770 son vertebrados (cifra da que se exclúen os peixes mariños), e o resto invertebrados. En ambos os dous casos superan o 50% do total das especies de cada grupo presentes na UE. Esta extraordinaria diversidade obedece a varias causas: por unha parte, o territorio español presenta unha grande heteroxeneidade climática, litolóxica e topográfica, das que resultan un amplo abano de condicións ecolóxicas distintas; por outra parte, España é o territorio máis meridional da Europa continental, polo que constituíu o refuxio ecolóxico dun bo número de especies, sobre todo durante os períodos glaciares, cando unha parte da Península Ibérica quedou libre do manto de xeo que cubriu a case totalidade do continente. Por ser o contacto entre Europa e África, e entre a zona tropical e a temperada, coinciden nela restos de vexetación de carácter subtropical-lauroide, esteparia de orixe mediterránea oriental e asiática. A vexetación eurosiberiana está representada por bosques caducifolios, prados, queirugais e asociacións relitas de plantas ártico-alpinas. Por último, a relativamente baixa densidade da poboación humana (78 h/km2, concentrados en gran medida na franxa litoral e nas illas), permitiu a conservación de gran parte desta biodiversidade. Potencialmente, a maior parte do territorio español estaría, de non ser pola actividade humana, cuberto de bosques (agás os cumios dos sistemas montañosos de maior altitude e áreas extremadamente secas do SL de Canarias e, probablemente, da Península Ibérica). Non obstante , a paisaxe de España aparece como un mosaico de bosques, matogueiras, herbáceas, cultivos de secaño (30%), cultivos de regadío (7%), pasteiros xerófilos (12%) e repoboacións forestais (30%), entre as que se intercalan as infraestruturas (vías de comunicación, canais, encoros, etc) e os núcleos de poboación (8%). España aparece tamén sucada por uns 75.000 km de ríos e uns 1.500 humidais, que ocupan o 0,22% da superficie. Para a conservación das mellores mostras do patrimonio natural español constituíuse a Rede de Parques Nacionais, que conforma un sistema de protección e xestión dunha serie de espacios que abrangue o 0,6% do territorio español. Está integrada por trece Parques, sete peninsulares e seis insulares: Aigüestortes i Estany de Sant Maurici, Archipiélago de Cabrera, Cabañeros, Caldera de Taburiente, Doñana, Garajonay, As Illas Atlánticas de Galicia, Ordesa y Monte Perdido, Picos de Europa, Sierra Nevada, Tablas de Daimiel, Teide e Timanfaya. Todo o territorio español está dentro do reino holártico , no que se distinguen catro rexións bioxeográficas: a eurosiberiana , que abrangue toda Europa, agás as partes ártica e mediterránea, e o O de Siberia, e na que predominan bosques caducifolios e piñeirais subalpinos; a mediterránea , que corresponde coa área circunmediterránea e presenta unha vexetación dominada por bosques esclerófilos e piñeirais mediterráneos; a boreo-alpina , formada polos cumes das altas montañas con zonas de neves eternas e prados alpinos; e a macaronésica , que engloba os arquipélagos dos Açores, Madeira, Canarias e Cabo Verde.
Rexión bioxeográfica eurosiberiana
Esta rexión esténdese polo Pireneo, Euskadi, Cantabria, Asturias e Galicia.
Bosques caducifolios da rexión eurosiberiana
As carballeiras constitúen a formación vexetal típica de case que todo o Pireneo, Euskadi, Cantabria, Asturias e Galicia, aínda que tamén están presentes en sistemas montañosos do reino mediterráneo. As carballeiras españolas poden estar constituídas principalmente por catro especies de carballos: o carballo común, o carballo cerquiño, o carballo pubescente e o carballo albar. As carballeiras formadas polo carballo común danse xeralmente en solos ben desenvolvidos e a miúdo ácidos, e teñen a súa área principal de distribución no NO da Península Ibérica: cobren practicamente toda Galicia e a metade occidental de Asturias; localízanse tamén en extensas áreas da Cordilleira Cantábrica e penetran polo Atlántico ata o S da provincia de Salamanca. Nestas carballeiras, ademais do carballo común abondan o bidueiro, a faia e o castiñeiro. A presenza de perennifolios como loureiros, aciñeiras, sobreiras, érbedos, hedras, acivros e teixos, testemuñan a evolución destes bosques a partir de laurisilvas terciarias e xustifican a clasificación das carballeiras actuais, presentes nas áreas máis cálidas, no mesmo grupo ca as laurisilvas, propias de zonas temperadas ou cálidas. As carballeiras nas que o carballo común é a árbore predominante son de extensión reducida por coincidir maioritariamente a súa distribución orixinal cos terreos propicios para o cultivo, os prados ou as plantacións de árbores de crecemento rápido, como o piñeiro ou o eucalipto. Cando se someten a alteracións reiteradas, como incendios ou cortas indiscriminadas, crecen matogueiras de toxos e queiroas. As carballeiras que subsisten próximas ao litoral presentan fentos relitos subtropicais, como Woodwardia radicans, Culcita macrocarpa, Hymenophyllum tunbrigense, Osmunda regalis ou Davallia canariensis. A riqueza destes elementos florísticos subtropicais terciarios distinguen as carballeiras españolas das do resto de Europa. En carballeiras dispostas en posicións máis cálidas tamén poden estar presentes elementos mediterráneos como silbardas, saltasebes, alaternos, loureiros, silvamares, sobreiras e érbedos. As carballeiras de carballo cerquiño, ou reboleiras, son as que ocupan unha maior extensión en España e están fundamentalmente na Cordilleira Cantábrica, montes de León, Sistema Central e zona setentrional do Sistema Ibérico, Pireneos e outras áreas da Península, como Sierra Morena, e chegan incluso ata Sierra Nevada. As carballeiras nas que predomina o carballo pubescente desenvólvense sobre solos básicos das abas dos Pireneos, dende Catalunya ata Euskadi, prolónganse polo S da Cordilleira Cantábrica ata a provincia de Burgos e ocupan, ademais, amplas zonas do centro e do S do Sistema Ibérico. As carballeiras de carballo albar están asociadas na Península Ibérica ás montañas: acadan os 1.800 m na serra da Demanda, ocupan ladeiras con fortes pendentes e toleran a influencia do clima mediterráneo e a continentalidade. Danse en todo tipo de substratos, aínda que teñen unha certa preferencia polos solos de natureza ácida e ben drenados. As carballeiras substitúense altitudinalmente por faiais, que polo xeral aparecen como masas densas e homoxéneas. Cando o faial non é moi denso, conviven coa faia outras especies arbóreas e arbustivas, como o cancereixo (Sorbus aucuparia), o acivro, o buxo ou o tileiro. Estes bosques de faiais aparecen no Pireneo, na Cordilleira Cantábrica e no Sistema Ibérico, e chegan polo Sistema Central ás serras de Ayllón e Pela, e incluso á comunidade de Madrid; existen tamén pequenas poboacións na serra de Béjar, en Salamanca. Unha boa parte dos bosques autóctonos desta rexión substituíronse por masas forestais de castiñeiros, piñeirais ou eucaliptais. Os elementos da fauna eurosiberiana máis singulares, no contexto español, constitúen poboacións relitas meridionais; durante a última glaciación a súa distribución desprazouse cara ao S e retrocedeu de novo cara ao N ao finalizar aquela, polo que deixou tras de si poboacións illadas nos macizos montañosos máis importantes. Estes núcleos relitos meridionais, localizados en bosques de montaña, constitúen, no contexto ibérico, elementos do grupo faunístico norteño; este é o caso de mamíferos como a corta nival, a corta rubia, o leirón rilón, o rato da fraga, a rata tobeira, a lebre do piornal, o rebezo e a marta -nos bosques de maior altitude do N de España e en Menorca-; e entre as aves, a pita do monte, o chasco rabipinto, a azulenta papuda, o peto negro, o peto mediano, o gabeador norteño, a estreliña espida, o verderolo serrano e o ferreiriño caluguinegro. Tamén determinadas especies de anfibios de orixe centroeuropea se diferenciaron no N de España como subespecies endémicas, por mor dos movementos faúnicos provocados polas glaciacións; este é o caso, por exemplo, da píntega común (Salamandra salamandra), da ra vermella (Rana temporaria) ou do Triturus alpestris cyreni. Anfibios como a píntega rabilonga (Chioglossa lusitanica), que constitúe unha especie endémica do NO da Península Ibérica, aparecen na beira dos cursos de auga que discorren polo interior das fragas mellor conservadas de Galicia e parte de Asturias. Outro elemento destacado da fauna do extremo setentrional de España é o oso (Ursus arctos), que no s XIV ocupaba a maior parte das montañas do territorio español, pero a finais do s XX só subsistía na Cordilleira Cantábrica e estaba practicamente extinguido nos Pireneos.
Matogueiras da rexión eurosiberiana
A degradación e eliminación dos bosques, mediante cortas, pastoreo e incendios, favoreceron o desenvolvemento e difusión de formacións arbustivas, dominadas por fabáceas, como os toxos (que teñen a súa maior extensión na área atlántica), ou por queiroas, dos xéneros Erica, Calluna e Daboecia, nos solos máis degradados. Entre as aves que caracterizan estas matogueiras destacan a tartaraña gatafornela (Circus cyaneus), o picanzo vermello (Lanius collurio), a escribenta amarela (Emberiza citrinella), a pica patinegra (Anthus spinolettae) e o chasco rabipinto (Saxicola rubetra). Entre as serpes, cómpre salientar a cobra de Esculapio (Elaphe longissima), que se distribúe por unha estreita franxa na rexión cantábrica e pirenaica; a cobra lagarteira común (Coronella austriaca), que ocupa a metade N, certas cadeas montañosas do centro e, de forma relita, as serras de Cazorla, Alcaraz e Sierra Nevada; e a víbora de Seoane (Vipera seoanei), que constitúe un endemismo ibérico, presente en España dende Galicia ata Navarra. Nos cumes dos sistemas montañosos aparecen outras especies características, como a perdiz charrela (Perdix perdix) e a lebre do piornal (Lepus castroviejoi), unha especie endémica que vive entre os 1.000 e 2.000 m de altitude, dende os Ancares ata Palencia. Outra formación, típica das serras, é a constituída polas turbeiras, que presenta o seu máximo desenvolvemento no NO, aínda que tamén están presentes ata o O de Andalucía, onde as especies que conforman o mato son queiroas hidrófilas, como Erica tetralix e Erica ciliaris; toxos, como Ulex minor; e arbustos, como o frundio (Myrica galle). Unha especie característica destes medios é a lagartixa das brañas (Lacerta vivipara), distribuída nas turbeiras de montaña, dende os Ancares e o Xistral ata os Pireneos. Por outra parte, o lagarto da auga (Lacerta schreiberi), que constitúe un endemismo dende Galicia ata Euskadi e o Sistema Central, con poboacións illadas nas serras de Las Villuercas, Guadalupe, nos montes de Toledo e en Andújar, vive en matogueiras e silveiras preto de cursos de auga. Outros dous réptiles ibéricos propios da rexión eurosiberiana son a lagartixa galega (Podarcis bocagei) e a lagartixa da serra (Lacerta monticola), que ademais do NO ocupa o Sistema Central. Nos rochedos montanos do N de España están presentes aves de grande interese bioxeográfico, como o gabeador vermello (Tichodroma muraria), a azulenta papuda (Prunella collaris) e a choia biquiamarela (Pyrrocorax graculus). Outro mamífero que orixinariamente ocupou gran parte da España peninsular pero que viu reducidas as súas poboacións e a maior parte dos seus exemplares ás serras e montañas da metade N foi o lobo (Canis lupus signatus); a distribución do lobo está limitada a Galicia, S de Asturias e de Cantabria, metade N de Castela e León, SO de Euskadi e O de La Rioja; conta tamén con poboacións illadas no N de Extremadura e Sierra Morena. Subsiste asociado, en moitos casos, á presenza de grandes mamíferos que lle serven de presa -como o corzo ou o xabaril-, e o gando vacún e cabalar que vive nas serras; aliméntase principalmente das preas destes animais orixinadas por morte natural debido ao frío e á fame.
Os Pireneos
Na cordilleira dos Pireneos está representada a rexión bioxeográfica boreo-alpina, que comprende os pisos bioclimáticos nival, alpino e subalpino. No piso nival, co límite inferior cara aos 3.100 m de altitude, predominan as criptógamas e as poáceas. O piso alpino, de prados naturais, esténdese entre os 2.300 e 3.000 m. O piso subalpino, de bosques de piñeiro negro, entre os 1.600 e 2.300 m, e de abetos entre os 1.200 e 1.600 m. A vexetación eurosiberiana atlántica está representada polas selvas formadas por bosques húmidos de faias ou carballos albares da vertente oriental dos Pireneos, onde viven representantes da fauna forestal pouco comúns, como o peto dorsibranco, o peto negro, o gabeador norteño, a marta e o lirio gris, ademais de cervos, corzos e paxaros forestais como o cruzabico e o verderolo da serra, e bandos de perdiz charrela. Nos cantís habitan aves rupícolas, como o voitre leonado e branco, a aguia real, o falcón peregrino, o bufo grande, a choia, o cirrio grande, o merlo rubio, o merlo azul, o quebraosos e o gabeador vermello. Os herpetos máis singulares son anfibios endémicos -como Euproctus asper e Rana pyrenaica-, as lagartixas endémicas -como Lacerta aranica, Lacerta aurelioi e Lacerta bonnali-, e cobras que en España están limitadas ao Pireneo e ao Prepireneo, como a víbora áspide (Vipera aspis) e a cobra verdiamarela (Coluber viridiflavus).
Rexión bioxeográfica mediterránea
Esta rexión ocupa a maior parte da España peninsular (agás a franxa N dos Pireneos, Euskadi, Cantabria, Asturias e Galicia), as Illes Balears, Ceuta e Melilla. Caracterízase pola prolongada seca estival, que dura como mínimo de 2 a 4 meses, e que coincide coas temperaturas máximas. A separación entre a España atlántica e a mediterránea non é, sen embargo, estrita, xa que, por un lado, a vexetación atlántica penetra na rexión mediterránea (sobre todo ao longo das cordilleiras), mentres que a mediterránea presenta enclaves na rexión atlántica, particularmente en puntos especialmente termófilos; ademais, nas zonas de contacto, onde coinciden formacións dos dous dominios, prodúcense comunidades mixtas relativamente complexas.
Reboleiras da rexión mediterránea
Constituídas por árbores do xénero Quercus de follas marcescentes, como Quercus pyrenaica (que ten na metade occidental de España a súa maior presencia), e Quercus faginea, que nas áreas mediterráneas de maior pluviosidade constitúe unha transición entre os Quercus de folla caduca, como os carballos, e os de folla perenne, como aciñeiras e sobreiras. O bosque deste tipo máis extenso está formado por Quercus faginea faginea, que medra preferentemente sobre solos básicos e se estende dende o N de Cádiz e Málaga e S de Córdoba ata as abas dos Pireneos e a Cordilleira Cantábrica, seguindo as Cordilleiras Béticas, ata Alacant, e cubrindo practicamente todo o Sistema Ibérico. Entre as especies características deste tipo de formación está o Sorbus aucuparia, o Ligustrum vulgare, o Cornus sanguinea e o buxo. En ladeiras sombrías, entre o nivel do mar ata os 1.200 m de altitude, nas provincias de Cádiz e Málaga, están presentes bosques de Quercus canariensis, onde se conservan formacións relitas da vexetación do Terciario, especialmente en forma de fentos, e onde tamén está presente a azalea mediterránea (Rhododendron baeticum).
Aciñeirais, sobreirais e devesas da rexión mediterránea
Os aciñeirais constitúen a formación arbórea máis extensa de España dende o nivel do mar ata os 1.400 m de altitude na rexión mediterránea (e tamén dalgunhas áreas tipicamente atlánticas, neste caso en posicións de solaina). Distínguense dous tipos de aciñeirais en función da subespecie que os forma: Quercus ilex ilex, polo NL peninsular e as Illes Balears, e Quercus ilex ballota, sintomática do clima mediterráneo. Por degradación, os aciñeirais dan paso á formacións de xaras e tomiños de moi distinta composición. Dentro da área da aciñeira, pero sempre sobre solos ácidos, hai formacións arbóreas dominadas pola sobreira; trátase dunha árbore termófila que precisa de humidade ambiental, e que está presente no SO, en Catalunya e nas Illes Balears. Acompañan á sobreira varias especies características, coma o érbedo (Arbutus unedo). Os aciñeirais e sobreirais puros son moi escasos, xa que todos estes bosques mediterráneos sufriron alteracións máis ou menos profundas. Un tipo de explotación que os modifica, que se practica en España dende tempos inmemoriais, é a súa transformación en devesas. A devesa é un ecosistema antrópico a partir do bosque mediterráneo espontáneo, no que se procura a obtención de pastos para o gando. Para conseguir estes pastos fanse claros no bosque. A devesa constitúe, polo tanto, un ecosistema seminatural sabaniforme, formado por praderías con árbores do xénero Quercus, no que predominan a aciñeira e a sobreira. Atópase principalmente no SO español, dende a provincia de Salamanca ata Huelva. Nestas explotacións prodúcese simultaneamente gando (porcos, vacas e ovellas), caza menor e maior, leña, carbón e cortiza. Constitúen á vez unha importante reserva da diversidade, tanto da flora mediterránea como da fauna, xa que é fundamental para especies en grave risco de extinción, entre elas as tipicamente ibéricas ou outras que pasan nas devesas unha parte do ano, como os grous. Un elemento fundamental neste ecosistema mediterráneo é o coello (Oryctolagus cuniculus), do que dependen para a súa alimentación máis de 20 especies de depredadores, algúns deles endémicos da Península Ibérica, como o lince ibérico (Lynx pardina) e a aguia imperial (Aquila adalberti), que subsisten, en pequeno número, no cuadrante suroccidental de España. Outros depredadores comúns nas devesas do SO español son a mangosta común (Herpestes ichneumon) e o peneireiro cinsento (Elanus caeruleus). Os anfibios mediterráneos máis típicos son o Pleurodeles waltl e o Pelodytes punctatus, ausentes do N de España, e os sapiños endémicos como: Alytes cisternasii (propio da metade S de Castela e León, Madrid, L de Castela-A Mancha, Extremadura e N de Andalucía); Alytes dickhilleni (das Serras Béticas); Alytes muletensis (de Mallorca), e Discoglossus jeanneae (endemismo distribuído ao S do Guadalquivir e nas áreas calcarias ou xesíferas de Aragón, O de Levante e centro de España). Entre os réptiles mediterráneos cómpre destacar a lagartixa de Valverde (Algyroides marchi), endémica das serras de Alcaraz, Cazorla e Segura, as lagartixas rabilongas (Psammodromus algirus e Psammodromus hispanicus), a lagartixa rabirrubia (Acanthodactylus erythrurus), o escáncer cego (Blanus cinereus), comúns na maior parte da área; a víbora fociñuda (Vipera latasti), a cobra rateira (Malpolon monspessulanus) e a cobra riscada (Elaphe scalaris), mentres que a cobra do mato (Macroprotodon cucullatus) é propia de lugares pedregosos das devesas ou matogueiras do S da Península Ibérica. A franxa costeira mediterránea española presenta, por outra parte, animais de claras preferencias termófilas, como o ourizo mediterráneo (Atelerix algirus) e o morcego patudo (Myotis capaccinii); o sapoconcho mouro (Testudo graeca), nas costas surorientais, Mallorca, Formentera e Donaña; o sapoconcho mediterráneo (Testudo hermanni), nas costas levantinas; a osga rosada (Hemidactylus turcicus), na franxa costeira dende Huelva ata Catalunya, val do Ebro, Illes Balears e introducida nas illas Canarias; e o camaleón (Chamaeleo chamaeleon) no S de España e Ceuta e Melilla.
Oliveirais bravos
Nas áreas máis cálidas da rexión bioxeográfica mediterránea (da costa mediterránea dende Girona ata Cádiz, as Illes Balears e o val do Guadalquivir), aparece un novo tipo de vexetación composto basicamente por oliveiras bravas (Olea europaea silvestris), Ceratonia siliqua e palmas mediterráneas (Chamaerops humilis). Esta vexetación tipicamente mediterránea substituíuse case que totalmente por cultivos, polo que o paspallás andaluz (Turnix sylvatica), que é típico destes medios, quedou, en consecuencia, a piques de se extinguir.
Coníferas mediterráneas
Na rexión mediterránea española, ademais das plantacións forestais, existen diversas especies de coníferas, especialmente asociadas ás cordilleiras e montañas. Así, o piñeiro bravo (Pinus pinaster) dáse, sobre todo, en sectores centrais da Península, en altitudes medias. O piñeiro negro (Pinus nigra) é particularmente abundante nas Cordilleiras Béticas e no Sistema Ibérico. Nas áreas mediterráneas máis secas e pedregosas, dende o nivel do mar ata altitudes variables, que poden chegar a 1.500 m nas ladeiras secas e soleadas, hai extensos bosques de piñeiro carrasco (Pinus halepensis), que ocupa practicamente todas as Illes Balears e a costa dende Girona ata Málaga, e penetra tamén no val do Ebro. Outro piñeiro termófilo, propio de solos areosos, é o piñeiro manso (Pinus pinea), que forma extensos piñeirais nas provincias de Huelva e Cádiz, onde se asenta sobre dunas e chairas areosas, aínda que a súa área se estende ata o centro e NL de España. Na Serranía de Ronda, que presenta unha alta pluviosidade, subsisten abetais formados fundamentalmente polo abeto pinsapo (Abies pinsapo). Outras coníferas da rexión mediterránea son as sabinas: nas altiplanicies e montañas do interior, situadas por enriba dos 1.000 m, aparece a Juniperus thurifera; no S a Juniperus phoenicea, en terreos calcarios, sobre todo na Serranía de Ronda; e nas dunas fixas areosas das provincias de Huelva e Cádiz existen sabinares de Juniperus oophora.
Matogueiras
Na España mediterránea hai queirogais, orixinados fundamentalmente por degradación de aciñeirais. Así, nas zonas baixas do S de España, os queirugais están formados basicamente por Erica scoparia, mentres que os de Erica multiflora se estenden polas montañas calcarias do L, acompañadas de Cistus clusii. Nas montañas (Sistema Ibérico e Cordilleiras Béticas), as matogueiras representan etapas de degradación dos sobreirais e aparecen queirogais de Erica australis. Un dos compoñentes fundamentais das matogueiras mediterráneas son as xaras, que constitúen pola súa extensión o trazo máis destacado da vexetación e da paisaxe das áreas ácidas do centro e o O da Península. Tres son as xaras predominantes: Cistus laurifolius, que resiste climas máis fríos, e os xarais por el formados, que se estenden polos páramos e outeiros do centro, no S das montañas, e no Sistema Central preferentemente por riba dos 1.000 m; Cistus monspeliensis, que constitúe unha especie máis termófila e se localiza nas zonas máis cálidas dos Montes de Toledo, Extremadura e Sierra Morena, e, sobre todo, nas zonas baixas de Andalucía; e Cistus ladanifer, que aparece en zonas térmicas intermedias e pode estar mesturado coas outras dúas xaras. Na metade L de gran parte do S de España, especialmente sobre solos básicos, as matogueiras máis estendidas son as formacións de tomiño onde abundan lamiáceas e fabáceas. Na España seca localízanse con frecuencia outras matogueiras nas que dominan especies do xénero Lavandula. Nos sistemas montañosos da zona máis cálida, sobre todo Sierra Nevada, sobre substratos ácidos, predominan as xestas Genista baetica e Cytisus purgans, e nas montañas béticas, sobre calcarias, a Genista baetica e Erinacea anthyllis, acompañadas por outros arbustos almofadados espiñentos. Algúns elementos da fauna típica destes medios son: a lebre mediterránea (Lepus granatensis), endémica da Península Ibérica e Mallorca, ausente ao N da diagonal entre o centro de Asturias e a desembocadura do Ebro, e aves como a perdiz rubia (Alectoris rufa), os chascos (Oenanthe sp) e as papuxas (Sylvia sp). Outro medio de grande importancia na rexión mediterránea é o constituído polas estepas de plantas perennes herbáceas ou leñosas baixas, asociadas a un clima mediterráneo árido e que están presentes no val do Ebro, nos páramos da Submeseta Norte, nas Hoyas de Guadix, nos vales de Serea e Alcudia e na costa de Almería. A fauna típica destes medios é a formada polas aves esteparias coma o sisón, o pernileiro, o cortizol ventrialbar, a calandra, a cotovía montesa e a avetarda, que se localiza sobre todo en Castela e León e Extremadura.
Rexión bioxeográfica macaronésica
A orixe volcánica do arquipélago das Canarias, pertencente á rexión macaronésica, repercute directamente na súa natureza, xa que todas as especies proceden dunha colonización posterior á súa formación a finais do Terciario. Estas condicións de partida, que limitan a posibilidade de aparición de numerosos organismos, como no caso dos grandes vertebrados terrestres, favorecen, sen embargo, os procesos de especiación e formación de especies endémicas, nos taxons que conseguen subsistir na súa chegada ás illas. De feito, as Canarias son a cuarta rexión a escala mundial en canto ao número de especies endémicas vexetais. Os relevos volcánicos permiten, en pouco espacio, unha riqueza de situacións climáticas e, xa que logo, de ecosistemas, que se reflicten nunha vexetación ordenada segundo as seguintes zonas: un semideserto subtropical, de afinidade sahariana, estendido principalmente polas illas orientais; unha zona de matogueiras con plantas subtropicais cactiformes que chegan ata os 400 m de altitude; un piso de bosque laurifolio, subtropical e moi degradado, integrado por numerosas especies de árbores, entre as que destaca pola súa singularidade o loureiro canario; na parte máis meridional das illas e nas zonas elevadas (ata os 2.000 m), os laurifolios substitúense polo piso do piñeiro canario. O piso de matogueiras de xestas ocupa a montaña entre os 2.000 e os 2.600 m. Por enriba destas altitudes, e só no Teide, preséntase un piso de semideserto alpinoide, substituído máis arriba por un piso de criptógamas onde só están presentes algúns liques. Entre as 8.500 especies de invertebrados presentes nas illas, o maior número de endemismos dáse entre os coleópteros. Entre as aves destaca a presenza do pimpín azul, o falcón de Leonor, o falcón bérber, a aguia pescadora, a gaivota patiamarela, a pardela chica, a pardela de Bulwer, o cortizol ventrimouro, o corredor, a chasca canaria, a avetarda hubara, a pomba rabiche, a pomba turqué e o ferreiriño canario; entre os réptiles, o lagarto de Hierro, e entre os mamíferos, o furafollas canario. O dromedario e o resto dos grandes mamíferos introduciunos o home en datas relativamente recentes.
Xeografía humana
Evolución demográfica
A poboación española en xaneiro de 2000 alcanzaba os 40.499.791 h. A evolución demográfica experimentada no s XX reflicte en termos xerais un incremento total do 117,65%, feito que significa un crecemento medio anual próximo ao 1,2%. Non obstante , este crecemento non foi uniforme ao longo de todo o século. O ritmo de feble crecemento do s XIX acelerouse a partir do cambio de século: as dúas primeiras décadas só rexistraron unha pequena crise moi conxuntural polas consecuencias do andazo de gripe de 1918. Aínda que a fecundidade reduciuse notablemente ao retrasarse a idade media de acceso ao matrimonio, a difusión da hixiene e, sobre todo, a bonanza económica, reduciron a taxa de mortalidade. A tendencia alcista mantívose durante todo o primeiro terzo da centuria. A Guerra Civil (1936-1939) e a posguerra significaron un incremento da mortalidade, pero, sobre todo, un afundimento da natalidade, debido á mobilización e ás baixas dos homes nas frontes, separados das súas familias temporal ou definitivamente, e á miseria na que quedou inmerso o país tralo conflito, co seu sistema produtivo practicamente destruído e as reservas espoliadas. A recuperación económica experimentada entre 1955 e 1975 traduciuse nun incremento paralelo da natalidade, especialmente intenso na década de 1960 e no primeiro lustro da década seguinte. A prosperidade económica que viviu o país permitiu tamén un descenso da mortalidade, favorecido pola xeneralización da asistencia sanitaria gratuíta a través da Seguridade Social, creada nesa época. Así, a poboación entre 1960 (30.500.000 h) e 1970 (33.900.000 h) medrou a unha media do 1,1% anual. A crise do petróleo de 1973, a masiva incorporación da muller ao mercado de traballo, a legalización e difusión dos métodos anticonceptivos, a diminución da influencia social da Igrexa e a ausencia de políticas de protección á familia (reducións fiscais, vivenda, asistencia á infancia e ás nais traballadoras, etc), crearon un marco desfavorable para a fecundidade, que baixou progresivamente, ata chegar a unha situación de estancamento no crecemento na década de 1990. Se na década de 1970 o crecemento demográfico mantivo ese ritmo, unha taxa media anual do 1,1% (pasouse a 37.700.000 h en 1981), na década seguinte baixou a unha media do 0,45% anual (39.400.000 h en 1991) e na de 1990 ao 0,31% de media anual. No tránsito entre o s XX e o s XXI detívose o descenso no ritmo de crecemento por mor da incorporación á poboación dun importante continxente de inmigrantes, na súa maioría adultos novos con índices de fecundidade máis elevados que a poboación autóctona.
Movemento natural da poboación
Como resultado da evolución socioeconómica, o comportamento vexetativo dos españois sufriu intensas transformacións. As condicións do mercado de traballo (precariedade no emprego e elevadas taxas de paro), o incremento da porcentaxe de persoas que prolongan a súa etapa de formación nos estudios superiores ou profesionais, a superación do rol tradicional da muller dedicadas aos labores domésticos, a ausencia de medidas lexislativas que favoreceran a conciliación da vida familiar coa laboral (carestía da vivenda, permisos de maternidade curtos) e, sobre todo, as transformacións nas mentalidades e aspiracións vitais da poboación, foron algúns dos factores que ocasionaron o descenso nos índices de fecundidade. O índice sintético de fecundidade baixou a 1,23 fillos por muller en 2000, debido fundamentalmente ao aprazamento da primeira maternidade ata despois dos 30 anos (30,67 de media nacional en 1999), de xeito que os anos máis fértiles resultan estériles. A baixa natalidade que se rexistra dende a década de 1980 (9,91‰ en 1999) levou a un paulatino avellentamento da poboación que incidiu nun incremento da taxa de mortalidade, que chegou ao 9‰ (1999), de xeito que o crecemento natural da poboación foi incluso inferior ao 0,1%. Os contrastes entre comunidades autónomas son sensibles. Polo xeral, as comunidades do N de España, onde a incidencia da inmigración é menor e a economía está máis terciarizada, rexistran as taxas de natalidade máis baixas (a mínima do Estado é de 6,47% no Principado de Asturias) e crecementos de signo negativo, mentres que as do S aínda manteñen un feble crecemento.
Esperanza de vida e estrutura por idade e sexo
A esperanza de vida ao nacer é de 75,5 anos para os homes e 82,6 anos para as mulleres (1999). Por comunidades autónomas obsérvanse contrastes, aínda que sen unha distribución zonal tan clara como na natalidade: Castela e León, Castela-A Mancha, Madrid e Navarra son as comunidades onde os homes son máis lonxevos, cunha esperanza de vida ao nacer que supera os 76 anos; pola contra, en Ceuta e Melilla (73,68), o Principado de Asturias (73,9) e Andalucía (74) é onde a esperanza de vida masculina é menor. No caso feminino acontece algo similar: as mulleres castelán-leonesas (83,84), madrileñas (83,74) e navarras (83,51) son, xunto coas cántabras (83), as que máis viven, mentres que as residentes nas cidades norteafricanas (80,03), as murcianas (80,75) e as andaluzas (80,97) as que menos. Con esta sensible diferenza na esperanza de vida dos homes e as mulleres, a estrutura por sexo da pobación amosa un claro desequilibrio a prol destas últimas, que representan o 51,05% do total (2002). A desproporción é claramente produto da súa maior lonxevidade, pois como acontece en todas as poboacións estudiadas polos demógrafos, nacen máis nenos que nenas (no grupo de idades de ata 4 anos a relación é de 51,5% de varóns). A desproporción diminúe paulatinamente ata que na cohorte de 40 a 44 anos está practicamente equilibrada (50,003% de homes e 49,997% de mulleres). A partir desa idade, as mulleres superan os homes en todos os grupos, ata duplicalos no grupo de maiores de 85 anos (70% mulleres e 30% de homes). Polo que respecta á estrutura por idades, o descenso da natalidade experimentado a partir da segunda metade da década de 1970 reflíctese nun brusco descenso dos grupos de idade correspondentes aos nacidos despois desa data. Así, os menores de 20 anos son só o 20,38% da poboación total, menos da porcentaxe que representan os maiores de 60 anos, que suman o 21,76%. As cohortes de idades máis voluminosas correspóndense cos nacidos entre 1973 e 1977, 1968-1972 e 1963-1967, por esta orde, que representan o 8,5%, 8,45% e 8,1% da poboación, respectivamente.
Migracións
España foi durante os ss XIX e XX un país de emigrantes. A emigración constituíu un fenómeno social tan masivo nalgunhas rexións (principalmente en Asturias, Andalucía, Canarias, Extremadura ou Galicia), que a súa pegada resulta imprescindible para comprender moitos dos trazos culturais, económicos e políticos que as caracterizan. A incapacidade do sistema produtivo para asumir o crecemento da poboación obrigou a moitos habitantes de distintas rexións a buscar fóra dos seus lugares de orixe as oportunidades que lles permitisen aspirar a mellorar as súas condicións de vida ou incluso a garantir a súa supervivencia. Os fluxos emigratorios foron tanto interiores como exteriores e, do mesmo xeito, hóuboos temporais e definitivos. Os emigrantes das rexións menos desenvolvidas acudiron ás áreas que principiaban o seu desenvolvemento industrial (Barcelona e Bilbao, fundamentalmente) e tamén á capital (Madrid), ao longo de todo o s XIX e s XX. A emigración ao exterior dirixiuse fundamentalmente cara aos principais países Hispanoamericanos (Arxentina, Cuba, Brasil, México, Venezuela e Uruguay, fundamentalmente) ata a metade do s XX, cando a Europa Occidental (Alemaña, Suíza, Francia e o Reino Unido, especialmente) comezou a demandar man de obra. Non obstante , a crise do petróleo de 1973 repercutiu no cesamento da demanda nos países tradicionalmente receptores e no retorno de moitos dos emigrantes. Pola contra, na emigración interior, a desaceleración da economía provocou a acentuación do éxodo rural. A partir da década de 1990, o desenvolvemento económico do país e, sobre todo, a súa integración no Mercado Único Europeo, convertérono nun foco de atracción para os inmigrantes, que en 2000 xa representaban o 2,2% da poboación.
Poboamento
Na distribución territorial da poboación española apréciase un claro contraste entre o litoral e o interior. A porcentaxe de poboación urbana supera os tres cuartos (77,6%). O litoral concentra as maiores densidades e as principais áreas urbanas do país localízanse nas costas, coa excepción de Madrid, que mantén unha dinámica positiva grazas á súa condición de capital administrativa do Estado, e outras capitais autonómicas ou provinciais como Zaragoza, Murcia, Valladolid, Córdoba, etc. Así, todo o perímetro mediterráneo está intensamente urbanizado. Nel destacan as aglomeracións da área metropolitana de Barcelona, todo o litoral da Comunitat Valenciana e a Costa del Sol andaluza. A costa atlántica andaluza é outro dos espacios máis intensamente poboados, especialmente o golfo de Cádiz. No NO e N, á beira do Atlántico e do Cantábrico, tamén se localizan importantes áreas urbanas, dende as Rías Baixas ata o Golfo de Biscaia ao redor dos principais portos, constituídos en centros comerciais e industriais. Á cabeza da rede urbana sitúanse as cidades de Madrid e Barcelona, que ademais de ser os municipios máis poboados (2.882.860 h e 1.496.266 h [2000], respectivamente), xeraron ao seu redor unha dinámica urbanizadora que sobrepasou os propios límites municipais: en ambos os dous casos o proceso de expansión comezou coa proliferación de cidades dormitorio ao abeiro da industrialización da década de 1960, de xeito que entre os 50 municipios con maior número de habitantes no 2000 rexístranse, ademais das capitais, 6 núcleos da periferia de Madrid (Móstoles, 23º con 196.289 h; Fuenlabrada, 31º con 173.788 h; Leganés, 32º con 172.049 h; Alcalá de Henares, 35º con 166.397 h; Getafe, 39º con 146.310 h; e Alcorcón, 40º con 144.636 h) e 5 da área de influencia barcelonesa (L’Hospitalet de Llobregat, 17º con 241.782 h; Badalona, 21º con 208.944 h; Sabadell, 26º con 183.727 h; Terrassa, 33º con 171.794 h; e Santa Coloma de Gramanet, 48º con 117.127 h). A menor escala, nun segundo nivel, outras cidades como València (3º con 739.014 h), Sevilla (4º con 700.716 h), Zaragoza (5º con 604.631 h) e Málaga (6º con 531.565 h), reproduciron ese modelo, aínda que sen enxendrar núcleos de tanta proporción. Bilbao (9º con 354.271 h), pódese considerar como unha desas grandes cidades, pois a descentralización da súa industria nos núcleos limítrofes chegou a constituír unha área metropolitana próxima ao millón de habitantes, con núcleos fabriles como Barakaldo, que supera os 100.000 h, e cidades residenciais como Getxo, con máis de 80.000 h. No terceiro nivel, no das cidades comprendidas entre os 250.000 e 500.000 h, aparece a pimeira cidade galega, Vigo, 13º municipio español con 285.526 h censados e unha dinámica de expansión que incluíu na súa órbita funcional os concellos veciños (entre eles Redondela, O Porriño, Mos, Nigrán, Gondomar, Cangas, Moaña) e incluso outros máis afastados como Soutomaior, Baiona, Ponteareas, Tui, A Cañiza, Ribadavia e Pontevedra. Á consolidación deste fenómeno de expansión da urbanización contribuíron factores como a popularización do automóbil particular e, sobre todo, a ausencia dunha política eficaz de vivenda, que deixa o mercado case que totalmente en mans da iniciativa privada.
Desenvolvemento humano
O Indicador do Desenvolvemento Humano en 1999 situaba a España entre os países cun alto grao de desenvolvemento, pois ocupa o posto 21º cun índice do 0,908. Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 78,3 anos; a taxa de alfabetización de adultos é do 97,6%; o índice bruto de escolaridade é do 95%; e o PIB real por habitante (PPA) é de 18.079 $ USA.
Economía
A economía española atópase entre as máis desenvolvidas do mundo. O PNB acadou en 2001 os 650.193 millóns de euros. A causa deste alto grao de desenvolvemento reside no aproveitamento das capacidades produtivas do país, que malia contar co hándicap da súa dependencia enerxética do exterior, converteuse nunha das principais potencias industriais do mundo na segunda metade do s XX.
Sistema Monetario
España é un dos países membros da Unión Económica e Monetaria europea (UEM) dende a súa fundación o 1 de xaneiro de 1999. A súa antiga divisa, a peseta, deixou de cotizar nos mercados a partir desa data, cando se adoptou o euro como moeda oficial, aínda que se mantivo en circulación ata o 28 de febreiro de 2002. O euro, que comezou a circular o 1 de xaneiro de 2002, converteuse a partir daquela data na única moeda. A incorporación á UEM supúxolle ao Estado e ao Banco de España a perda da soberanía en materia financeira e dalgunhas das funcións de control do sistema monetario en favor dos órganos comunitarios e do Banco Central Europeo.
Emprego
A España do derradeiro cuarto do s XX caracterizouse polo elevado índice de desemprego. Se ata entón a emigración resolvera en gran medida a incapacidade da economía española para acoller o exceso de man de obra, a recesión internacional provocada pola crise do petróleo de 1973 supuxo a redución case que total desa vía. Ademais da desaparición da posibilidade de emigrar, a crise puxo en evidencia as limitacións do sistema produtivo nacional para sobrevivir nun mercado internacionalizado. Trala Guerra Civil, a economía produtiva desenvolvérase nunha posición de hexemonía sobre o gran mercado interior, favorecida por políticas proteccionistas, adoptadas por vontade política pero tamén por obriga, debido ao bloqueo internacional ao que estivo sometido o Estado dende o final da Segunda Guerra Mundial (1945) e ata o final da Guerra de Corea (1953). Non obstante , a dependencia enerxética do exterior era insalvable e o incremeto dos prezos do petróleo a mediados da década de 1970 provocaron unha grave crise no país. De 122.000 parados rexistrados en 1970, pasouse a 543.000 en 1975. Os gobernos de Adolfo Suárez foron incapaces de atallar o problema malia os esforzos que se fixeron para atraer investimentos estranxeiros, e a cifra de desempregados elevouse a 1.527.000 en 1980. A industria pesada non era competitiva e nos anos oitenta o ministro de industria socialista Carlos Solchaga elaborou un drástico programa de reconversión. Durante a primeira metade da década de 1980 o paro seguiu medrando, ata acadar 2.969.000 de desempregados en 1985. Entre 1988 e 1991 a conxuntura internacional permitiu que se experimentara unha certa recuperación do emprego, pois pasouse de 2.852.000 parados en 1988 a 2.441.000 en 1990. Non obstante , as incertezas da economía mundial diante das convulsas transformacións na Europa Oriental e a inestabilidade no Oriente Medio repercutiron na apertura dun período de incremento alarmante do desemprego, que chegou ao seu máximo nivel en 1994, con 3.738.000 parados. A partir de 1996 iniciouse unha recuperación, a pesar de que coincidiu cos maiores volumes de poboación activa, cando por primeira vez se superaron os 16 millóns de persoas en idade e capacitadas para traballar. A redución do desemprego ata 2.588.000 parados en 2000 coincidiu co maior rexistro histórico de ocupados (14.182.000 traballadores en 2000), continuando a tendencia principiada na segunda metade da década de 1990, que levou a que en 1999 (13.617.000) se superase por primeira vez o tope de ocupados de 1974 (13.384.000). Os incentivos directos (subvencións) e indirectos (baixada da presión fiscal) á contratación, a expansión internacional das empresas e a súa modernización permitiron que o número e asalariados superase os 9.273.000 de traballadores que tiña como teito histórico (1990) e en 1996 iníciase unha suba espectacular: 8.943.000 en 1995; 9.284.000 en 1996; 9.709.000 en 1997; 10.157.000 en 1998; 10.837.000 en 1999; e 11.509.000 en 2000). Non obstante , a redución da taxa de paro logrouse grazas ao incremento dos contratos temporais e con xornadas reducidas, especialmente no sector dos servicios. A contratación temporal ou a tempo parcial constitúe o 75% dos empregos dos traballadores menores de 25 anos, que pasaron de ter unha taxa de desemprego do 45% en 1994 ao 26,2% en 2000.
Consumo e aforro
A relativa prosperidade da economía española na segunda metade do s XX permitiu o desenvolvemento dun sistema de protección social que repercute nunha participación elevada das prestacións sociais nas rendas familiares, que supoñen o 18,5% dos ingresos totais das familias (2000). A evolución á alza do desemprego e o avellentamento da poboación son responsables de que esa participación se duplicase no derradeiro terzo do s XX (en 1970 representaban 8,9% das rendas familiares). En canto á distribución da renda, o consumo privado mantívose en proporcións similares nese período, durante o cal oscilou entre os 4/5 e os 3/4 da renda familiar bruta. Pola contra, o aforro evolucionou en sentido inverso á imposición directa e en función proporcional a esta: se en 1970 os impostos indirectos detraían o 2,4% da renda familiar bruta, en 1995 alcanzaron o 10,5%. Non obstante , a redución de máis dun punto no lustro seguinte (9,3%), non se correspondeu cun incremento proporcional do aforro, que continuou a descender ata o nivel máis baixo (10,3%) e repercutiu na recuperación do consumo, que se situou en niveis semellantes aos de 1980 (80,4% e 80,7%, respectivamente). Dentro do consumo, unha porcentaxe moi elevada dedícase á vivenda (o 12,6% do consumo familiar), pois España posúe a proporción máis elevada de propietarios da súa residencia de toda a UE: mentres en España o número de familias que habitan nunha vivenda da súa propiedade é do 82%, a media na UE é do 59%.
Recursos e sectores de actividade
Sector Agropecuario
O sector primario dá emprego ao 7% dos traballadores ocupados e xera o 4% do PIB. A agricultura está máis desenvolvida na España meridional que na setentrional, debido á orientación gandeira das principais explotacións no N. Os cultivos ocupan un terzo da superficie agraria útil (SAU), aínda que existen acusados contrastes, pois mentres no Principado de Asturias e Cantabria (e nas cidades norteafricanas) son practicamente inexistentes (2,6% e 1,2% do territorio), en Andalucía, Catela-A Mancha e Illes Balears superan os 2/5 (40,5%, 40,6% e 47,4% do territorio, respectivamente). As principais áreas agrícolas correspóndense coas veigas dos grandes cursos fluviais e outras áreas do S, que puideron prosperar grazas ás favorables condicións topográficas e á concentración da propiedade, que fixo máis doada a introdución das innovacións da Revolución Verde, que permite mediante técnicas de selección xenética e a achega masiva de inputs (fertilizantes, praguicidas, calor, etc), o cultivo en condicións desfavorables e cun consumo mínimo de auga. A depresión do Guadalquivir, a depresión do Ebro, a horta de València, a veiga do Segura (Murcia) e o campo de Almería, son as principais áreas hortícolas. A Meseta é unha área eminentemente cerealística, aínda que tamén é importante o cultivo de patacas. As principais producións correspóndense cos cultivos mediterráneos, que manteñen unha tradición milenaria: a vide, estendida por todo o país, convérteo no 3º produtor mundial de viño, cunha oferta moi diversificada que inclúe viños dos máis selectos e apreciados do mundo, acollidos a diversas denominacións de orixe que acreditan a súa calidade (Rioja, Ribera del Duero, Navarra, Jerez, Priorat, Penedès, O Bierzo, Valdepeñas, Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra, etc), de xeito que constitúen un dos produtos agropecuarios, xunto cos mariscos, que xeran un maior valor engadido; a elevada insolación media tamén permite o cultivo da oliveira na maior parte do país, agás na cornixa cantábrica, de xeito que permite discutir a primacía na produción mundial de aceite de oliveira con Italia; o trigo constitúe o terceiro elemento fundamental na produción agrícola, especialmente na Meseta. Tamén cómpre destacar outros cultivos, como o tabaco, esencial para a economía dalgunhas comarcas estremeñas, ou o orxo, do que España é o 6º produtor do mundo, que abastece unha importante industria cervexeira (9º produtor mundial), desenvolvida na segunda metade do s XX como consecuencia do xurdimento dunha importante demanda interna, relacionada coa afluencia de turistas europeos. A gandería é unha actividade fundamental para o sector agropecuario nas rexións máis setentrionais, onde incluso a produción agrícola se subordina a ela. En total, a superficie dedicada a pastos representa o 21,1% da SAU. O armentío bovino é fundamental no sector agropecuario de Galicia (1.084.912 cabezas), Asturias (462.660 cabezas) e Cantabria (345.249 cabezas); non obstante o maior censo vacún é o de Castela e León (1.287.254 cabezas), mentres que Catalunya (690.903), Extremadura (594.475) e Andalucía (564.768) superan o medio millón de cabezas. En total en España hai máis de 6 millóns de cabezas de bovino (6.360.827 [1999]). O armentío ovino é máis numeroso (20.989.148 cabezas [2000]) e esténdese por todo o país, aínda que na Meseta (4.645.566 en Castela e León; 3.558.406 en Extremadura; 3.125.987 en Castela-A Mancha; e 2.862.149 en Aragón) é onde ten maior repercusión (España é o 11º país do mundo en tamaño do seu armentío ovino). Bovino e ovino abastecen unha industria láctea que é a 20ª produtora mundial de leite e a 17ª produtora mundial de queixo. O gando porcino español, o 5º máis numeroso do mundo con 22.079.591 individuos (1999), distribúese dun xeito máis homoxéneo, aínda que destaca Catalunya, con case tantas cabezas (6.019.632) como habitantes, e Aragón, onde os porcos (3.669.060) triplican á poboación humana. Á parte dos estabulados en granxas industriais, nas serras e devesas salmantinas, estremeñas e andaluzas, críase en extenso un porcino de gran calidade, o ibérico, do que se tiran carnes curadas (xamón) e embutidos moi apreciados nos mercados nacionais e internacionais. En canto ao sector forestal, destaca a produción de cortiza (vinculada á industria vitivinícola) na Andalucía Occidental, Extremadura e Catalunya, da que España é o primeiro produtor mundial xunto con Portugal, onde o sector está dominado polo capital español. Polo que respecta á pesca, a flota española, presente en todos os caladoiros mundiais, captura máis dun millón de toneladas de peixe anuais. Vigo é o principal porto pesqueiro do país. As dificultades para faenar en moitos caladoiros favoreceron o desenvolvemento da acuicultura como alternativa para abastecer de peixe os mercados.
Sector secundario
O sector secundario ocupa o 31% dos traballadores e achega unha porcentaxe equivalente do PIB. España é un dos países europeos máis ricos en recursos mineiros, malia que a ausencia de recursos enerxéticos (existen pequenos xacementos de petróleo en Burgos e na costa de Tarragona, pero a súa produción resulta anecdótica en comparación co consumo) fai que o comercio deste tipo de produtos sexa deficitario. A produción de carbón concéntrase en comarcas moi concretas do macizo galaico-leonés (no Bierzo e en Asturias), aínda que tamén se explotan xacementos das depresións do Ebro e do Guadalquivir. España é o 17º produtor mundial de antracita (13.754.000 t [1997]) e o 18º de lignito (12.587.000 t [1997]). Tampouco hai explotacións significativas de metais e pedras preciosas, pero en cinc (5º produtor mundial con 362.000 t [1997]), chumbo (17º con 24.000 t [1997]), estaño (20º con 200 t [1997]), sal (14º con 3.662.000 t [1997]) e aluminio (14º con 514.000 t [1997]) é un dos principais produtores. A industria concéntrase ao redor de núcleos tradicionais: Catalunya, especialmente a área de influencia de Barcelona e, en menor medida, Tarragona, constitúe a primeira rexión industrial tanto en número de traballadores (672.979 en 2000) como por cifra de negocio (110.310 millóns de euros[2000]). A segunda área industrial por volume de negocio é Madrid (56.181 millóns de euros e 296.798 empregados no sector [2000]), mentres que por ocupación é a Comunitat Valenciana (357.779 traballadores e 44.874 millóns de euros [2000]). Euskadi, especialmente ao redor de Bilbao, pioneira na industrialización, constitúese na cuarta área industrial do país (213.881 obreiros e 36.759 millóns de euros [2000]). A afluencia de capital estranxeiro á industria contribuíu á súa modernización, especialmente dende a incorporación ás comunidades europeas en 1986. A industria automobilística, na que España é 5º produtor mundial, só por detrás dos países de orixe das grandes compañías do sector, tivo os seus precursores en construtores nacionais, como Hispano-Suiza ou Barreiros; pero foi a chegada dos fabricantes europeos (italianos e franceses) na década de 1950 a que impulsou o desenvolvemento desta actividade. Barcelona (SEAT), Valladolid (Renault), Vigo (Peugeot e Citroën), Madrid (Talbot, despois Peugeot), Gasteiz (Mercedes-Benz), València (Ford), Zaragoza (Opel) e Linares (Santana--Suzuki), son os principais centros automobilísticos. En relación co sector do automóbil está a produción de pneumáticos, da que España é 9º produtor mundial con máis de 28 millóns de unidades ao ano (1997). Barcelona concentra a industria química e petroleoquímica. Un bo indicador da potencia industrial é a produción de ácido sulfúrico, que foi de 2.821.000 toneladas en 1997 (9º produtor mundial) e a de ácido clorhídrico, que acadou as 380.000 toneladas (7º produtor mundial). As refinerías de petróleo distribúense polo litoral de xeito estratéxico (A Coruña, Escombreras-Cartagena, Huelva, Castelló de la Plana, Tarragona e Bilbao) e no interior, nas proximidades de Madrid, Puertollano (Ciudad Real). A construción naval ten os seus centros tradicionais en Bilbao, Ferrol, Vigo, Cádiz, Cartagena e Barcelona. A fabricación de calzado é moi significativa no Levante, e constitúe unha das principais partidas de exportación.
Servicios
O sector terciario ocupa o 62% dos traballadores e achega o 67% do PIB. Dentro del destacan os empregados públicos: as distintas escalas da administración (estatal, autonómica, provincial, local e nalgúns casos comarcal) e a xestión de servicios públicos como o ensino e a asistencia sanitaria, ambos os dous con cobertura universal, fan que o número de empregados públicos se achegue aos 2.500.000, dos que 600.000 corresponden ás comunidades autónomas. Á marxe da función pública, o outro motor do sector terciario é o turismo, actividade na que España é a terceira potencia mundial, tan só superada por EE UU e Francia. O litoral mediterráneo e as illas representan a maior parte da oferta turística, aínda que o patrimonio monumental do interior e o litoral setentrional tamén constitúen focos de atracción para o turismo internacional. A bonanza climática, o cambio de moeda favorable, os prezos competitivos e a estabilidade política propiciaron que a partir da década de 1960, cando en Europa Occidental se logrou a universalización das vacacións anuais remuneradas, España se convertese nun destino atractivo e accesible para os traballadores europeos. O litoral mediterráneo experimentou unha notable transformación coa construción de infraestruturas e equipamentos para acoller a demanda, á que tamén se incorporaron os españois, favorecidos pola prosperidade económica que alcanzou o país. En 1998 ingresaron no país 47.749.075 turistas, que desembolsaron un total de 29.737 millóns de $ USA. A maioría dos visitantes eran europeos, especialmente franceses, alemáns, británicos, portugueses e italianos.
Comercio exterior
A balanza comercial española é moi deficitaria, pois mentres as importacións sumaron 144.436 M $ USA en 1999, as exportacións dese ano só representaron 109.964 M $ USA. Os maiores socios comerciais son os países de UE e os EE UU. Francia é o principal cliente e provedor. En segundo lugar, tanto como provedor como cliente e tamén cun signo deficitario para España, atópase Alemaña. Italia é o terceiro socio comercial e o Reino Unido o cuarto, aínda que o terceiro cliente é Portugal. Fóra da UE o principal socio comercial son os EE UU, o quinto provedor e o sexto cliente. A principal partida de exportación constitúea a maquinaria e os automóbiles, que representan o 42,9% das vendas totais. Os produtos químicos e petroleoquímicos representan o 12,2% das exportacións. O sector da moda, do calzado, das peles e o coiro e téxtil en xeral, representan en conxunto un 7% das exportacións españolas. A inexistencia de grandes xacementos petrolíferos provoca unha dependencia enerxética do exterior que se traduce nunhas importacións de cru e derivados que significan case que unha quinta parte das compras españolas nos mercados internacionais. Esta dependencia ten graves consecuencias na economía, sometida ás repercusións da variación dos prezos, que constitúen un factor de inestabilidade fronte ao que hai pouca marxe de manobra. A especialización das explotacións agrarias en determinados produtos máis rendibles fai que resulte máis barato importar unha serie de produtos agrícolas que producilos, polo que, aínda que a dieta apenas sufriu transformacións significativas, os mercados comezaron a abastecerse de produtos procedentes do estranxeiro (especialmente cereais e lácteos) que en conxunto representan o 10,1% das importacións. A maquinaria e os equipamentos industriais constitúen outra das grandes partidas de importación, co 22,1% do total.
Transportes e comunicacións
A rede de estradas prolóngase por 343.197 km (1995) e comprende autoestradas, autovías, estradas nacionais, estradas autonómicas, estradas comarcais e estradas locais. Ata a construción das primeiras autoestradas e autovías na década de 1970, as estradas nacionais constituían as principais arterias polas que circulaba o tránsito. No deseño da rede de estradas nacionais seguiuse un criterio político: trazáronse seis grandes estradas nacionais radiais que partían de Madrid cara aos principais puntos cardinais: a estrada nacional N-I cara a Burgos e Irun, na fronteira francesa; a N-II cara a Zaragoza e Barcelona; a N-III cara a València; a N-IV cara a Andalucía; a N-V cara a Extremadura; e a N-VI cara a Galicia. Estas seis estradas, convertidas case que por completo na década de 1990 en vías de alta capacidade (autovías ou autoestradas), xerarquizan a rede de estradas nacionais, que se vinculan con elas. O deseño da rede obrigou a canalizar as comunicacións entre as distintas rexións a través do centro, e non foi ata a década de 1980 e, sobre todo de 1990, cando se principiou a subsanar esta deficiencia coa construción de vías de alta capacidade periféricas: a conexión do litoral mediterráneo entre a fronteira francesa e Cartagena está practicamente concluída a través dunha serie de autoestradas; sen embargo, na costa andaluza as principais conexións están deseñadas para unir o interior coa costa e non as cidades costeiras entre si. O litoral atlántico galego vertébrase a través dunha autoestrada de peaxe. A rede de autoestradas suma 8.269 km. O ferrocarril, cunha rede de 12.486 km (7.093 km) que apenas se modificou na segunda metade do s XX, sufriu un retroceso no número de viaxeiros nas liñas de longo percorrido. A entrada en funcionamento en 1992 do tren de alta velocidade (AVE, Alta Velocidad Española) coa liña Madrid-Sevilla permitiu a elaboración de novos plans para estender a rede de alta velocidade ferroviaria a outras liñas, de xeito que a finais do s XX e principios do s XXI comezaron os traballos en diversos trazados. Os servicios rexionais e, onde os hai, comarcais (“cercanías”), rexistran unha afluencia maior de público nas liñas que unen os principais centros urbanos. Nas principais cidades (Madrid, Barcelona, València, Bilbao) existe un ferrocarril metropolitano subterráneo (metro), que constitúe un servizo esencial para a mobilidade urbana en todas elas. A rede ferroviaria de longo percorrido e a maior parte das liñas rexionais están xestionadas por unha sociedade pública, a Red Nacional de Ferrocarriles Españoles (RENFE). Existe tamén un ferrocarril de vía estreita, xestionado por Ferrocarriles Españoles de Vía Estrecha (FEVE), que opera polo litoral Cantábrico, entre Ferrol e Euskadi. En Euskadi e en Catalunya operan compañías de titularidade autonómica (Euskotren e Ferrocarrils Catalans). Polo que respecta ao transporte marítimo de viaxeiros, practicamente quedou restrinxido aos transbordadores que transportan tamén os vehículos particulares ás illas. As principais liñas do Cantábrico son as que unen os portos de Santander e Bilbao coas Illas Británicas. No Mediterráneo, Barcelona converteuse nun dos portos máis importantes de Europa. A compañía Transmediterránea, une a Península coas Illes Balears, Canarias e as cidades norteafricanas. Nestes traxectos os portos más importantes son os de València, Palma de Mallorca, Málaga, Algeciras, Cádiz, Las Palmas de Gran Canaria e Santa Cruz de Tenerife. O transporte aéreo resulta fundamental para o sector turístico, pois case que o 30% dos viaxeiros chegan por vía aérea. En conxunto os aeroportos españois atenden anualmente a máis de 50 millóns de pasaxeiros. Á parte de Iberia, compañía aérea bandeira, existen outras dúas grandes compañías privadas, Air Europa e Spanair. Os principais aeroportos son o de Palma de Mallorca (Sant Joan), Madrid (Barajas), Barcelona (El Prat de Llobregat), Bilbao (Sondika) e Tenerife Sur (Reina Sofía). Tamén operan voos internacionais os aeroportos de Alacant, Almería, Asturias (Avilés), Fuerteventura, Girona, Granada, Eivissa, Jerez de la Frontera, Lanzarote, Las Palmas de Gran Canaria, Málaga, Melilla, Menorca, Murcia, Reus, Donostia, Santander, Santiago de Compostela, Sevilla, Tenerife (Los Rodeos), València, Vigo, Gasteiz e Zaragoza.
Sociedade e Goberno
O marco constitucional
O ordenamento xurídico español ten na Constitución de 1978 a súa lei fundamental, aprobada polo pobo en referendo celebrado o 6 de decembro e sancionada polo Rei Xoán Carlos I o 27 de decembro de 1978. Formalmente divídese en dez títulos, ademais dun Título Preliminar no que se recollen os principios xerais do estado (soberanía nacional, forma política, linguas oficiais, símbolos, capitalidade) e das súas organizacións (partidos políticos, sindicatos, forzas armadas).
A Xefatura do Estado: O Rei e a Coroa
A forma política do Estado español é a monarquía parlamentaria segundo se establece no Título Preliminar da Constitución, que lexitima a proclamación de Xoán Carlos I como Rei de España o 22 de novembro de 1975 segundo a Lei de Sucesión franquista de 1969. A Constitución atribúelle ao Rei, como xefe do Estado, un papel de árbitro e moderador case testemuñal, e supedita todos os seus actos ao referendo do presidente do goberno, dos ministros ou do presidente do Congreso de los Diputados, segundo o caso.
Poder Lexislativo
Reside nun Parlamento bicameral, as Cortes Generales, constituído polo Congreso de los Diputados (cámara baixa) e o Senado (cámara alta). Exercen a representación do pobo español e ocúpanse da aprobación dos presupostos do Estado e do control da acción do goberno. Os seus membros elíxense por sufraxio universal, libre, directo, igual e segredo, pero no caso do Senado conta ademais con representantes das asembleas lexislativas das comunidades autónomas. En ambos os dous casos a lexislatura ten unha duración de catro anos.
Poder Executivo
O goberno, formado polo Presidente, os vicepresidentes (se os houbese) e os ministros, desempeña as funcións executivas, dirixe a política interior e exterior, e posúe potestade regulamentaria entre outras atribucións.
Poder Xudicial
No nivel inferior do sistema xudicial sitúanse os xulgados de paz, que radican naqueles concellos que non sexan cabeceira de partido xudicial e ocúpanse dos asuntos de orde civil por importe inferior a 90 euros e nos casos penais por faltas que lles atribúa a lei. Sobre eles están os xulgados de primeira instancia e instrución, nas cabeceiras dos partidos xudiciais. Nun nivel superior sitúanse as audiencias provinciais, con salas do contencioso-administrativo, do penal, do social, de vixilancia penitenciaria e de menores. As súas sentecias pódense recorrer no Tribunal Superior de Xustiza da comunidade autónoma. Existen, ademais, un conxunto de tribunais de ámbito nacional con sede en Madrid, como a Audiencia Nacional, que se ocupa, entre outros, dos casos nos que están implicados aforados, delitos de terrorismo e tráfico internacional de estupefacientes; e o Tribunal Constitucional, que ten competencia sobre os recursos de inconstitucionalidade contra as disposicións lexislativas, nos casos de violación de dereitos e liberdades e nos conflitos entre o Estado e as comunidades autónomas. O Consejo General del Poder Judicial (CGPJ), elixido polas Cortes Generales, ocúpase de resolver os asuntos do goberno dos maxistrados. A última instancia en todas as ordes correspóndelle ao Tribunal Supremo. O ministerio de Xustiza e as consellerías das respectivas comunidades autónomas xestionan os recursos que fan posible a administración de xustiza.
Comunidades Autónomas e organización territorial
A heteroxeneidade natural, cultural e económica do territorio español favoreceu a existencia de movementos reivindicativos dunha identidade peculiar no seu seo dende o mesmo momento da súa constitución como estado unificado, que se pode considerar efectiva trala promulgación dos Decretos de Nueva Planta por Filipe V (1714). Como consecuencia desas peculiaridades ou feitos diferenciais xurdiu en distintos lugares e distintos momentos históricos unha conciencia política a prol do autogoberno que callou en experiencias de distinto tipo, como o mantemento das institucións forais vasco-navarras no s XIX, a mancomunidade das deputacións catalanas durante o reinado de Afonso XIII ou a autonomía de Catalunya e tamén de Euskadi na Segunda República. A pervivencia desas causas e, sobre todo, deses sentimentos, era evidente no momento histórico da transición iniciada en 1975, polo que o proceso político constituínte abordou esta cuestión como un dos temas principais. Aínda que o deseño territorial do Estado seguiu unha liña continuista, ao seguir baseada nos municipios e nas provincias, introduciuse a posibilidade de que os territorios que o solicitasen a través dos mecanismos contemplados no Título VIII da Constitución, puidesen constituírse en comunidade autónoma para o acceso ao seu autogoberno. Finalmente, o modelo autonómico estendeuse a todo o territorio, que quedou dividido en 17 comunidades e 2 cidades autónomas. Mantivéronse as provincias e os concellos, así como os partidos xudiciais nos que se dividían e agrupaban, respectivamente.
Organizacións políticas e sindicais
As formacións de ámbito estatal con representación nas cámaras e implantación en todo o territorio nacional son tres, pero existen ademais varias agrupacións rexionalistas ou nacionalistas cunha sólida implantación nos seus respectivos territorios. O Partido Popular (PP), que aglutinou os votantes de centro-dereita, integrou elementos de Alianza Popular e da Unión de Centro Democrático (UCD). O Partido Socialista Obrero Español (PSOE), é a principal organización da esquerda e integrou ao longo das décadas de 1980 e 1990 a organizacións e militantes dun amplo espectro ideolóxico, dende os socialdemócratas da UCD ata excomunistas. A terceira agrupación parlamentaria con implantación estatal é Izquierda Unida (IU), coalición promovida polo Partido Comunista de España. Non obstante , o respaldo electoral de IU é inferior ao da coalición nacionalista catalá Convergència i Unió, terceira forza na cámara baixa, malia que só concorre nas catro circunscricións electorais da súa comunidade autónoma. Tamén acadaron representación parlamentaria partidos nacionalistas e rexionalistas de Euskadi, Canarias, Aragón, a Comunitat Valenciana e Andalucía. No caso galego, tanto Coalición Galega en 1986 como o Bloque Nacionalista Galego en 1996 e 2000, conseguiron representación no Parlamento. A participación dos traballadores nas relacións laborais das empresas, recollida e apoiada pola lexislación, agrúpase ao redor de dúas grandes centrais estatais, a Unión General de Trabajadores (UGT) e Comisións Obreiras (CC OO), que comparten cos sindicatos nacionalistas nos seus territorios a representación maioritaria dos traballadores. Existen tamén agrupacións sectoriais cunha forte implantación nos seus respectivos corpos (sindicatos independentes de funcionarios, de policías, de pilotos de liñas aéreas, etc).
Organizacións internacionais
No contexto da Guerra Fría, os EE UU modificaron a súa actitude cara a Franco, e aceptárono como aliado na loita anticomunista, polo que en setembro de 1953, asináronse acordos de colaboración entre España e EE UU, que precederon o ingreso español como membro numerario permanente na ONU, en decembro de 1955. Trala caída do réxime franquista e en pleno proceso de transición produciuse a incorporación de España ao Consello de Europa, que se aprobou o 16 de novembro de 1977. A entrada de España na OTAN retrasouse, pola oposición dos aliados europeos, ata 1981, baixo a presidencia de Leopoldo Calvo-Sotelo Bustelo. A integración de España nas organizacións do seu contorno completouse co ingreso na Comunidade Económica Europea o 1 de xaneiro de 1986, baixo a presidencia de Felipe González. Froito da evolución das institucións comunitarias, España converteuse nun dos fundadores da Unión Europea en 1993. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Protocolo Facultativo do PIDCP; Segundo Protocolo Facultativo do PIDCP destinado a abolir a pena de morte; Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación Racial; Convención contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes, e efectuou a declaración prevista no artigo 22 (pola que se recoñece a competencia do Comité contra a Tortura para examinar as denuncias enviadas a título individual); Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967); Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Protocolo de Roma para a creación do Tribunal Penal Internacional; Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais (1950), e realizou as declaracións previstas no artigo 25 (polas que se recoñece a competencia da Comisión Europea de Dereitos Humanos para examinar denuncias individuais de violacións do Convenio) e no 46 (pola que se recoñece a obrigatoriedade da xurisdición do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos para todos os asuntos relativos á interpretación e aplicación do Convenio); Convenio Europeo para a Prevención da Tortura e das Penas ou Tratos Inhumanos ou Degradantes (1987); e o Sexto Protocolo do Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais referente á abolición da pena de morte (1983). Ademais de todas as organizacións ás que pertence como membro da Unión Europea, España forma parte dos seguintes organismos internacionais: Banca Europea para a Reconstrución e o Desenvolvemento (EBRD); Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE); Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE); e do Cumio Iberoamericano.
Diversidade étnica e cultural: As nacionalidades históricas
A diversidade natural e a traxectoria histórica da Península Ibérica conformaron un territorio caracterizado polos contrastes humanos. A heteroxeneidade no clima e no relevo deu lugar ao desenvolvemento de formas de vida moi diferentes. Os accidentes do relevo e as vinculacións territoriais cos ámbitos atlánticos ou coa conca mediterránea, a procedencia dos elementos humanos que se asentaron nos diferentes puntos do país, a fragmentación relixiosa e a política, que foi a tónica dominante ata o s XVI (e se perpetuou ata o XVIII en institucións inconexas), a ausencia dun verdadeiro mercado interior ata o s XIX, foron, entre outros, factores que contribuíron a incrementar a diversidade, que se manifesta nunha heteroxeneidade cultural e lingüistica riquísima. Froito desta evolución histórica pódese considerar que galegos, cataláns, vascos, andaluces, casteláns, valencianos e canarios constitúen nacionalidades diferenciadas e de feito, a Constitución de 1978 recoñecéullelo aos catro primeiros grupos, ao denominalos “nacionalidades históricas”. Ademais, outros pobos posúen peculiaridades lingüísticas e culturais que permitiron o desenvolvemento de identidades rexionais e incluso comarcais: bercianos, manchegos, navarros, murcianos, estremeños, maragatos, montañeses, araneses, mallorquíns, etc.
Diversidade étnica e cultural: o fenómeno da inmigración
Dende mediados da década de 1980 España converteuse en país de acollida de inmigrantes. Nun primeiro momento, debido ás afinidades culturais, o continxente de inmigrantes procedía fundamentalmente de Hispanoamérica, aínda que tamén eran importantes as colonias portuguesa, magrebí e, en menor medida, filipina. Estes traballadores atopaban emprego nos sectores máis informais, especialmente na agricultura, na venda ambulante polo miúdo e no traballo doméstico. A finais dos anos oitenta e principios dos noventa incrementouse o fluxo de inmigrantes, atraídos pola prosperidade do país e as posibilidades que lles permitía a supresión das fronteiras interiores na Unión Europea. A procedencia dos inmigrantes experimentou mudanzas, pois aínda que o continxente de Hispanoamericanos seguía a medrar, aumentou espectacularmente o número de subsaharianos que ingresou no país. Ademais, os custos laborais da transición ao capitalismo trala caída dos réximes socialistas na Europa oriental, motivaron a incorporación de cidadáns destes países ao continxente de inmigrantes.
Os primeiros poboadores
A chegada dos primeiros poboadores procedentes de África á Península Ibérica produciuse, probablemente, a través de dúas vías: polo estreito de Xibraltar, por onde entraría o Homo erectus do Magreb para despois espallarse dende o S cara ao N pola depresión do Guadalquivir e polo SO; e polo S de Francia, por onde chegarían aqueles poboadores que cruzaran o istmo sículo-tunecino e que poboarían o NL e o levante español, para despois avanzar cara ao interior a través das concas dos grandes ríos. Non obstante , a expansión do poboamento por todo o territorio non se produciu ata ben avanzado o Acheulense. Os restos máis antigos de homínidos apareceron no conxunto de covas da serra de Atapuerca (Burgos), onde tamén se atoparon fósiles animais e testemuños de diversas industrias líticas. Os homínidos máis antigos apareceron no estrato Aurora da Trinchera Gran Dolina, onde se acharon 36 fagmentos óseos datados en máis de 780.000 anos e que foron identificados como unha nova especie denominada Homo antecessor. Na Sima de los Huesos, encontrouse unha poboación de Homo heidelbergensis de aproximadamente 250.000 anos. No xacemento de Orce-Venta Micena (Granada) atopouse un fragmento de cranio de discutida identificación e datación. Do Pleistoceno Medio, encontráronse algúns fragmentos de úmero na cova de El Tossal de la Font (Castelló) e varios dentes nos xacementos de Pinilla del Valle (Madrid) e a cova de El Tut de Fustanyà (Girona). Do tipo neandertal, consérvanse restos en Xibraltar, na cova de La Carigüela (Granada), nalgúns depósitos da Cova Negra (València), na cova de Lezetxiki (Gipuzkoa) e na cova de Los Moros I (Huesca), entre outras. Do Paleolítico Superior, apareceron restos do Homo sapiens, entre outras, nas covas de La Paloma e Tito Bustillo (Cantabria), Peña del Mazo (Asturias), nas covas de Reclau Viver e Bora Gran en Carreras (Girona) e na cova de El Parpalló (València).
As industrias líticas
O Paleolítico Inferior e Medio
As primeiras industrias líticas son as denominadas pebble culture, localizadas xeralmente nas terrazas fluviais, como os xacementos dos ríos Jabalón, Tajo, ao seu paso por Talavera de la Reina, e El Aculadero no baixo Guadalquivir; ou en depósitos costeiros, como o xacemento de Torre de la Higuerita (Huelva). Os achádegos destes depósitos testemuñan idiófonos de golpeo e litófonos. Durante o Acheulense, mantivéronse os xacementos ao aire libre, aínda que o tipo de instrumental lítico complicouse e apareceron coios xunto con bastos bifaces e fendedores. Destacan durante o Acheulense Inicial os xacementos propios da meseta de El Espinar e Gargabete; durante o Acheulense Medio, os xacementos da Cueva Mayor de Atapuerca e os da Isla nas terrazas inferiores do Jerte; e durante o Acheulense Superior, os niveis de ocupación na Trinchera Galería de Atapuerca, as covas de El Castillo (Cantabria) e o xacemento das Gándaras do Budiño (O Porriño). Algúns dos obxectos líticos atopados nestes xacementos empregáronse musicalmente, así como material óseo, como posibles ideófonos de rascado. No Paleolítico Medio, desenvolveuse o Musteriense, caracterizado pola abundancia de lascas e, no caso peninsular, con variantes nas que abundan as raedeiras e os útiles denticulados. Os asentamentos eran fundamentalmente ao aire libre ou baixo as rochas, sempre preto de lugares de caza. Na faixa cantábrica hai que salientar os xacementos de Arnero (Asturias), a cova de El Castillo (Cantabria) e a cova de Amalda Lezetxiki (Gipuzkoa); na Meseta, os xacementos da cova de Millán (Burgos), a cova de Los Casares (Guadalajara) e os depósitos das terrazas fluviais do Pisuerga e do Tormes; na depresión do Ebro, os xacementos da cova de Arrillor (Araba), a cova de Peña Miel I (La Rioja) e Mugarduia Norte (Navarra); no Mediterráneo, as covas de Els Ermitons e L’Arbreda (Catalunya), a Cova Negra (València), as estacións da zona de Alcoi (Alacant); e no sur, o sitio de Solana de Zamborino (Granada) e as covas do Boquete de Zafarraya (Málaga). Os restos atopados nos enterramentos presupoñen a existencia dalgún tipo de acompañamento musical na celebración do rito funerario. Quizais xa se utilizasen cunchas ensartadas en restra, especie de ideófonos sacudidores, que facían a función dun axóuxere. Tamén se documentan idiófonos de rascado. Nas terrazas do Manzanares e na cova de El Castillo, entre outras, descubríronse ósos tallados mediante raspado ou percusión.
O Paleolítico Superior
Durante o Paleolítico Superior utilizáronse de forma habitual as láminas líticas, fronte ás lascas, e o traballo con materiais como o óso para a elaboración de novos instrumentos tanto de adorno como de uso habitual ou de uso ritual, no que a danza e a música eran protagonistas. Os obxectos líticos e óseos atopados en diversos xacementos de Segovia, València, Granada e Cantabria poden ser idiófonos de rascado. Distínguense tres horizontes culturais: o Auriñacense e o Perigordense, caracterizados por unha alta porcentaxe de raspadeiras, follas con retoque escamoso e azagaias de óso de base fendida, como as dos xacementos da cova de Labeko (Gipuzkoa), de Serinyà (Catalunya) e da cova de Horá (Granada); o Solutrense, definido polas puntas de folla de loureiro e con xacementos en Altamira (Cantabria), no Cueto de la Mina (Asturias), na cova de El Parpalló (València) e en Reclau Viver (Catalunya); e o Epigravetense e o Madalenense, dos xacementos da cova de Altamira (Cantabria), do nivel E de Lumentxa (Euskadi) e dos depósitos da cova de Nerja (Málaga). No Madalenense dátanse diferentes obxectos, como bastóns de mando empregados como armas e idiófonos, ou tubos feitos con ósos de paxaro, que enchidos de colorante servían para estender a pintura e que se empregaron como aerófonos de soprado, asubío ou reclamo, dátanse no Madalenense. Por outra banda, atopáronse restos de colgantes de dentes de animais que seica eran empregados como ideófonos sacudidores. Durante todo este período, o interior da Península, como consecuencia do rigor climático, permaneceu pouco habitado, como mostran os restos encontrados en covas como as de Atapuerca (Burgos), o Cerro del Berrueco (Salamanca) e os localizados nas terrazas do Manzanares e as covas da conca do Ebro. Neste período desenvolvéronse as primeiras manifestacións artísticas: unha arte parietal ou rupestre, formada por pinturas e gravados situados no interior das covas; e unha arte moble, formada por obxectos decorados con gravados. España é un dos centros europeos da arte paleolítica; os xacementos localízanse no litoral cantábrico, na Meseta e no S do Mediterráneo. Caracterizadas polo naturalismo e pola policromía, as representacións evolucionaron dende as pegadas de mans e signos claviformes ata a conformación de escenas rituais, de caza e danza. Do Auriñacense destacan, entre outras, as covas Clotilde en Santa Isabel e El Castillo e La Pasiega en Puente Viesgo (Cantabria). O esplendor da pintura rupestre acadouse no Madalenense cando as figuras comezaron a realizarse con manchas de cor; os exemplos máis relevantes localízanse en Asturias nas covas de San Román, Tito Bustillo e El Buxu, e en Cantabria, no conxunto de covas de Puente Viesgo e Altamira, cumio da arte parietal. Na arte moble destacan as representacións realizadas sobre instrumentos óseos (azagaias, arpóns e colgantes) e sobre seixos ou lousas que representan figuras realistas de animais e motivos xeométricos. Son menos frecuentes as esculturas exentas, como a ave de El Buxu, e os obxectos decorativos. Tralo cambio climático e como unha evolución directa do Madalenense, apareceu, tan só na fachada cantábrica, a cultura azilense caracterizada pola tendencia xeral á redución dos tipos líticos. Destacan, entre outros, os xacementos de Los Azules (Asturias), El Castillo (Cantabria), Arenaza (Gipuzkoa), Berroberría (Navarra) e o poboado de Pena de Xiboi (Guitiriz). Na fachada mediterránea e no interior distinguíronse dous complexos, un microlaminar característico da faixa levantina e outro xeométrico no baixo Ebro. En cambio, no litoral cantábrico desenvolveuse unha cultura propia caracterizada por localizacións próximas á liña de costa e cun fósil director denominado pico asturense, que tamén se pode atopar nos xacementos galegos da Guarda e Camposancos. Ao longo do Epipaleolítico desenvolveuse unha arte simbólica caracterizada pola abstracción e a xeometrización na que escasean as representacións zoomórficas e antropomórficas e na que abundan os seixos pintados e gravados. Destacan os xacementos asturianos de Los Azules, onde se localiza unha secuencia Azilense e Madalenense Final, El Pindal e Balmorí, e as covas de La Miaza, en Cantabria, La Cocina, en València e do Filador, en Tarragona.
O Neolítico
No Neolítico, o home deixou de ser só cazador para se converter en agricultor, apareceu a cerámica, as industrias líticas comezaron a facer útiles de pedra pulida e as poboacións iniciaron unha paulatina sedentarización. A revolución neolítica difundiuse dende os centros orientais en forma de ondas concéntricas. Estendeuse primeiro dende Catalunya cara ao S e posteriormente cara ao interior. Este período caracterizouse en todo o territorio peninsular pola cerámica con decoración cardial, como as dos xacementos da cova de Montserrat (Catalunya), do Barranc de Fabra (Tarragona), das covas de L’Or (Alacant) e La Sarsa (València), e da cova de La Carigüela (Granada). Nos ritos funerarios neolíticos, a música, sobre todo a vocal, ocupou un papel moi destacado da mesma maneira que os obxectos óseos, líticos e de madeira usados como instrumentos musicais. Destacan os zoadores, atopados en sepulcros contra o final do Neolítico, e as vasillas sobre as que se tensaba unha membrana para convertelas nunha especie de tambor. Ao redor do III milenio a C na zona catalá apareceu a cultura dos sepulcros de fosa, caracterizada polas sepulturas en fosas ovais ou en cistas de pedra nas que se introducían os cadáveres xunto cun enxoval funerario, fundamentalmente cerámico. Nestas mesmas datas, no N peninsular apareceron os primeiros indicios de neolitización como mostran os xacementos de Santimamiñe (Bizkaia) e do Covacho de los Usos (Araba). As primeiras comunidades neolíticas da área levantina desenvolveron a partir do V milenio a C a arte macroesquemática, caracterizada polas pinturas de gran tamaño que representan figuras antropomorfas; destacan, entre outros, os xacementos de La Sagra (Alacant) e La Balsa de Calicanto (València), anteriores cronoloxicamente á pintura levantina que se desenvolveu entre as secuencias culturais do Epipaleolítico e do Calcolítico. Na pintura rupestre levantina as figuras forman parte de escenas narrativas de caza, danza e rituais. Entre outras manifestacións destacan os xacementos de Cogul (Lleida), Val del Chaco del Agua Amarga e Cocinilla del Obispo (Teruel), Valltorta e Morella la Vella (Castelló de la Plana), Minateda e Alpera (Albacete), e Vélez Rubio (Almería). Durante o Neolítico e a Idade de Bronce desenvolveuse a arte esquemática, caracterizada pola abstracción e polo simbolismo das figuras antropomorfas, zoomórficas e signos e símbolos. Destacan, entre outras, as pinturas de Tajo de las Figuras e Laja de Jimena Alta (Cádiz); a cova de Aldeamaqueda (Jaén); e as das covas da comarca de Las Batuecas (Salamanca). Non obstante , o fenómeno neolítico máis destacable na Península Ibérica é o megalitismo. A gran maioría das construcións teñen un carácter funerario e distribúense ao longo de todo o territorio, a excepción do sector oriental da Meseta, A Mancha e Aragón. No NO e no N, as construcións megalíticas son túmulos, como o do Chan da Cruz (Cangas), ou dolmens, nas súas tres variantes: dolmens simples, como o dolmen de Dombate (Cabana de Bergantiños); dolmens de corredor, como o de Portillo de Enériz (Navarra); e cistas megalíticas, como o túmulo 245 de Veiga de Vilavella (As Pontes de García Rodríguez). No S a forma máis xeneralizada é a de cámara trapezoidal con pequeno corredor, como as das necrópoles de El Castillón (Granada) e Ontiveros (Sevilla). Na Meseta, a maioría das construcións megalíticas concéntranse no eixe Salamanca-Zamora e sempre moi vinculadas ás tipoloxías portuguesas e estremeñas, como as dos sepulcros de Pedro Toro e El Guijo (Salamanca). A última área peninsular na que se constatan monumentos megalíticos é o NL, ao S do río Llobregat. As construcións caracterízanse por ser sepulcros de cámara sinxela, cun pequeno corredor ás veces de cachotería e galerías cubertas, como as da necrópole de Bóbila Madurell (Barcelona) e l’Avellaner (Girona). Ademais desenvolvéronse outras tipoloxías como os aliñamentos, os círculos líticos (Chaira de Mourela, As Pontes de García Rodríguez) e os menhires (lapa de Gargantáns, Moraña). Algúns megalitos, entre outros, Pedra Cuberta (Vimianzo), Dombate (Cabana de Bergantiños), El Soto (Huelva), Veda de Guadancil (Cádiz) e Cubillejo de Lara de los Infantes (Burgos), aparecen acompañados de pinturas e gravados con motivos decorativos abstractos e figurativos.
Dos metais e as primeiras noticias históricas
Idade dos Metais
O seguinte paso evolutivo na historia do home foi o desenvolvemento da metalurxia, primeiro a do cobre durante o Calcolítico e despois as do bronce e do ferro. O primeiro foco metalúrxico foi a rexión SL onde, dende o Neolítico máis avanzado, algunhas comunidades comezaron a abandonar os hábitats en cova para formar pequenos asentamentos en lugares estratéxicos, como o poboamento de La Peña de los Gitanos (Montefrío, Granada). Desenvolvéronse tamén outros poboados como os almerienses de Almizaraque, Campos e Terrera Ventura, e os granadinos de La Virgen del Orce, El Malagón e Montefrío, entre outros. De pequeno tamaño, as vivendas eran circulares con baseamentos de pedra e grandes murallas que rodeaban todo o seu perímetro. O xacemento que deu nome ao grupo cultural é o almeriense de Los Millares (Santa Fe de Mondújar). Trátase dun poboado situado nun páramo, na confluencia dos ríos Huéchar e Andarax, sobre a que se construíron de forma sucesiva tres liñas de murallas con torres e bastións semicirculares. O sistema defensivo completouse cunha serie de fortíns con varias murallas que rodeaban un espazo central e que tiñan visibilidade total entre eles e o poboado principal. Ao redor destes poboados apareceron necrópoles con tumbas megalíticas de carácter colectivo ou sepulturas de tipo tholoi, cun corredor, onde podían existir nichos e onde se inhumaban os cadáveres cun importante enxoval funerario no que destacan puñais de lingüeta, puntas de cobre de tipo Palmela, cerámica e ídolos con deseños circulares, placas de xisto con representacións xeométricas ou antropomórficas e materias primas exóticas. Parece ser que este tipo de sepulturas correspondían a liñaxes familiares ou grupos parentais e, as súas diferencias nos enxovais funerarios e a complexidade dalgunha das construcións, fixo pensar na existencia dunha sociedade non igualitaria na que habería xerarquías de poder. Estas xerarquías aparecerían como consecuencia da especialización do traballo na agricultura e no mundo artesanal, e do desenvolvemento do comercio con produtos exóticos, como o marfil e os ovos de avestruz. No resto do territorio español, a metalurxia chegou posteriormente, pouco antes da chegada do fenómeno campaniforme ou, inclusive, durante el. O vaso campaniforme foi un fenómeno cultural, que se desenvolveu dende o 2200? a C, no que se aglutinaron unha serie de culturas que tiñan como característica común a aparición nos seus xacementos dun vaso cerámico con forma de campá invertida. Distinguíronse dúas fases: a inicial, formada polo grupo marítimo e caracterizada polas incisións con cordas e a decoración con bandas estreitas e paralelas, localízase, entre outros nos xacementos galegos de Lavapés, Fontela e Regueiriño; e a tardía, caracterizada polas bandas máis anchas con incisións que, na súa maior parte, énchense de pasta branca, e formado polo grupo Ciempozuelos, cos xacementos de Ciempozuelos, El Ventorro e Las Pozas, o grupo Carmona, no val do Guadalquivir, e o grupo Salamó, en Catalunya. Durante o Calcolítico producíronse os ídolos realizados en pedra ou óso e que poden representar a diferentes deidades. Diferénciase entre os cilíndricos, nos que os ósos se pintan e gravan con motivos xeométricos; os ídolos placa, de forma rectangular e con decoración xeométrica; e os antropomorfos, caracterizados polo seu naturalismo. Os vasos campaniformes convertéronse nun membranófono, semellante ao do Neolítico, ao tensar entre os seus bordos unha membrana. Durante o Bronce tampouco existiu unha unidade cultural dentro do territorio peninsular. No SL, durante o Bronce Antigo e Medio (2000-1200 a C) desenvolveuse a cultura de El Argar, cunha extensión similar á da cultura de Los Millares. Os seus poboamentos continuaron a estar situados en lugares estratéxicos e elevados nos que se construíu unha acrópole amurallada, polo que unha gran parte da poboación quedou extra muros. As casas, xeralmente de planta rectangular, distribuíronse polas abas dos outeiros por medio de terrazas intercomunicadas entre si. A súa cultura material caracterizouse pola cerámica de cor negra, de superficie brunida, sen decoración e de formas típicas, como as cuncas de carena baixa e as copas de pé alto. Non obstante , o máis característico desta nova sociedade foron as súas sepulturas individuais no chan das vivendas, onde as inhumacións eran en cista ou en pithoi. As diferencias nos enxovais funerarios, armas e obxectos de adorno, permitiron establecer unha división social xerarquizada formada por unha clase dirixente, con enxovais compostos por alabardas, espadas, diademas, algo de ouro e un vaso bicónico no caso dos homes, e prata, pendentes, aneis, brazaletes, puñais, punzóns e unha copa no caso das mulleres e os nenos; unha clase de pleno dereito, con enxovais compostos por puñais e punzóns para as mulleres e puñais e machados para os homes; unha clase de serventes con enxovais nos que aparece algún obxecto metálico e algunha peza cerámica; e os escravos que non levaban enxoval. Apareceron tamén obxectos que poden considerarse como idiófonos sacudidores (dentes de animais, vértebras de peixes, pebidas de froitas) e vasos xeminados nos que cada un produce un ton diferente, como o atopado en Cabezo Redondo. A súa economía continuou baseándose na agricultura e a gandería, aínda que a metalurxia tivo un papel máis importante. No Levante desenvolveuse un grupo cultural denominado Bronce Valenciano caracterizado polos poboados de altura protexidos por murallas, con casas de planta cuadrangular e baseamentos de pedra. A súa cultura material presenta céramicas lisas e obxectos de metal, como puñais de remaches, alabardas, puntas, machados planos, algúns obxectos de adorno e enterramentos en cistas ou furnas. En Catalunya, en cambio, perduraron as tradicións megalíticas. Na Meseta desenvolveuse a cultura de Las Motillas, caracterizada polos poboados e fortificados con dúas liñas de murallas concéntricas que deixaban libres espacios interiores nos que se instalaban vivendas e silos. Os enterramentos eran moi similares aos da cultura argárica. No NO peninsular, ao redor do ano 1550 a C, desenvolveuse un horizonte cultural caracterizado polos materiais cerámicos de enxovais funerarios e a súa ourivería. O achado máis salientable é o tesouro de Caldas de Reis composto por 36 pezas de ouro entre as que destacan tres cuncas, unha xerra e un peite. Durante o Bronce Final (1200-700 a C) mentres en Catalunya, a partir do 1100 a C, apareceron as primeiras influencias da cultura europea dos campos de furnas, en Andalucía comezou a colonización grega e fenicia e no interior peninsular desenvolveuse a cultura de Las Cogotas, caracterizada polas súas cuncas, fontes e vasos globulares con decoración de boquique. Nas Illes Balears (1300? a C) desenvolveuse a cultura talaiótica caracterizada polas cerámicas de tradición campaniforme con decoracións incisas, os enterramentos megalíticos e as estruturas arquitectónicas de gran tamaño relacionadas con outras construcións do Mediterráneo occidental: talaiots (Talatí de Dalt, Menorca), navetas, (Tudons de Ciutadella, Menorca) e taulas (Trepucó, Menorca). No apartado das manifestacións artísticas, cómpre destacar que, ademais do emprego dos metais, o traballo en pedra non cesou. Realizáronse estelas funerarias na área occidental da Península Ibérica. Consérvanse estelas antropomórficas, como as de Valdefuentes de Sangusín (Salamanca) e estelas-ídolo, laxes planas con decoración antropomórfica (Robledillo de Gata, Cáceres) ou con diversas figuras e obxectos e símbolos. Durante o I milenio a C desenvolvéronse en Galicia os gravados rupestres, espallados por todo o territorio en xacementos ao aire libre e con decoración xeométrica e abstracta. Entre outros destaca o conxunto de Campo Lameiro. Durante a primeira Idade do Ferro produciuse a expansión dos campos de furnas, cos seus rituais de incineración e enterramento en furnas cerámicas, dende a área catalá cara ao val do Ebro e á Meseta. En Luna (Zaragoza), atopouse unha estela funeraria dun guerreiro co gravado dunha lira que está considerada como o testemuño máis antigo dos cordófonos indoeuropeos. Mentres, no NO peninsular apareceu unha cultura propia, a cultura castrexa, caracterizada polos seus poboados en altura fortificados, denominados castros (Coaña, Asturias; Baroña, San Cibrán de Las e Viladonga); polas representacións de figuras antropomorfas, guerreiros e cabezas, e zoomórficas; e pola súa ourivería (torques, arracadas, braceiras e amuletos).
As colonizacións mediterráneas
No S peninsular, as fontes clásicas datan o primeiro contacto cos fenicios no s XII a C e o establecemento da súa colonia máis importante, Gadir (Cádiz), ao redor do ano 1100 a C, aínda que os indicios arqueolóxicos tan só permiten datar as súas orixes no s IX a C. As causas deste establecemento no S e no levante peninsular foron fundamentalmente económicas, buscaban metais preciosos como o estaño, a prata e o ouro que lle cambiaban aos indíxenas por manufacturas de luxo, como a cerámica grega. Introduciron a organización urbanística dos poboados. Consérvanse poucas edificacións fenicias, entre as que destaca a necrópole de Laurita no poboado de Sexi (Almuñecar) e do templo dedicado ao deus Melqart só se teñen noticias escritas. Na necrópole de Gadir, onde se superpoñen as secuencias fenicia e cartaxinesa, atopáronse hipoxeos rectangulares de pedra, onde se depositaban os cadáveres acompañados de xoias; eran enterramentos unipersoais e deles consérvanse sarcófagos antropomorfos e outras pezas. Traballaron tamén o marfil, a pintura sobre ovos de avestruz e na cerámica empregaron o torno de oleiro. Aínda que a iconografía fenicia en marfil e cerámica non achega datos musicolóxicos significativos, a influencia musical dos fenicios foi moi relevante. A cerámica descuberta nos seus poboados é pouco porosa e está ben cocida, feito que implica que puideron servir como resoadores. Así mesmo, destacan os chocallos do carro de Mérida. Tampouco hai moitos datos sobre a faceta musical cartaxinesa, malia supoñer que tiña un importante papel nos ritos funerarios, nas celebracións e na vida cotiá en xeral. En 1922 atopáronse nunha necrópole gaditana de Punta de Vaca seis pequenas campás e, por outra banda, cómpre nomear uns címbalos atopados nuns xacementos de Eivissa. Ademais, numerosos restos arqueolóxicos fenicios están decorados con motivos musicais. Dous séculos despois, os gregos interesáronse pola península, á que denominaron Iberia, e fundaron, no ano 575 a C, Emporion (Empúries), que pronto se converteu nun dos principais centros de produción da olería peninsular. As manifestacións artísticas conservadas proceden de Emporion e están compostas por xoias, cerámicas, os restos do templo de Asclepio e diversas pezas escultóricas, entre as que sobresaen unha cabeza de Afrodita e unha estatua identificada con Asclepio ou Esculapio. Destaca tamén o conxunto de esculturas atopadas en Porcuna (Jaén) e no apartado dos metais, a Niké de Alcudia. Os bronces conservados son pezas importadas procedentes de obradoiros gregos e atopados en Andalucía, Extremadura, o Levante, Empúries e nas Illes Balears. No eido da cerámica, as pezas tamén foron importadas. En Rodas e Empúries a música non se desenvolveu do mesmo xeito que na metrópole, aínda que si había unha lírica que se transmitía oralmente acompañada por instrumentos (lira, cítara). Testemuños musicais son algúns vasos áticos procedentes de Empúries nos que se representan tanxedores de lira, o sátiro itifálico de bronce con actitude danzante, atopado no Llano de la Consolación (Albacete), e dúas estatuíñas de ouro que representan dous músicos, procedentes de Arcos de la Frontera e Jaén. A presenza de gregos e fenicios en España non tivo nunca un carácter territorial, senón que se limitou a un carácter comercial, feito que provocou unha grande interacción coas poblacións locais que contribuíu á aparición de novas formas culturais que continuaron ata despois da conquista romana.
Os pobos autóctonos
No S, apareceu unha sociedade moi influenciada, sobre todo no medio artístico e relixioso, pola cultura fenicia. As fontes clásicas denominárona como o Reino de Tartesos e identificouse coas formas culturais desenvolvidas no eixe Río Tinto-Guadalquivir, habitado por pobos que se dedicaban ao comercio de metais preciosos que procedían do NO da península pola Vía da Prata. As manifestacións artísticas baseáronse na fusión dos elementos dos pobos indíxenas e na orientalización recibida dos fenicios dende o s VIII a C. No eido da arquitectura empregaron o adobe e as plantas circulares (ss X-VIII a C) e dende o s VII a C as plantas rectangulares e os zócolos de pedra. Consérvanse, entre outros, os restos do santuario de Zalamea de Serena (Badajoz), das murallas de Carmona (Sevilla) e dos poboados de La Alcudia, Manises e Azaila. O único templo identificado é o de Cástulo (Jaén). No apartado da ourivería sobresaen os tesouros de El Carambolo (Sevilla), Villena (Alacant), Aliseda (Cáceres) e do cortixo de Évora (Sanlúcar de Barrameda). As primeiras mostras cerámicas correspóndense co tipo de Carambolo, realizadas a man co torno de oleiro lento e de retícula brunida. Dende o s VIII a C produciuse unha cerámica de engobe vermello e dende o s VII a C vasos polícromos. No eido da escultura destacan as estelas funerarias de pedras duras (Ategua, Córdoba; Solana de Cabañas, Cáceres) que poderían indicar o lugar de enterramento dun guerreiro. A partir do s V a C desenvolveuse no NL, na costa levatina, en Andalucía oriental e no territorio do antigo reino de Tartesos, a cultura ibera, caracterizada por un mesmo rexistro cultural, moi influenciado polas colonizacións mediterráneas, pero sen existir nunca unha unidade política. Foi unha sociedade agrícola e gandeira gobernada por pequenos reis que dominaban unha cidade ou un pequeno territorio e que estaban, nalgunhas ocasións, axudados por un consello de anciáns. Nesta sociedade xerárquica semella que os guerreiros tiñan un papel dominante sobre o resto da poboación. Vivían en pequenos núcleos cun certo urbanismo en casas de pedra ou adobe con rúas paralelas e rodeadas de murallas, como o poboado de Ullastret (Girona). A minería e o comercio con fenicios e gregos foi un elemento importante no mundo ibérico que comezou a cuñar moeda para a súa utilización en intercambios comerciais. Aínda que se descoñecen as súas divindades, foi unha sociedade na que abondaron santuarios, como os de Despeñaperros (Jaén) e de Cerro de los Santos (Albacete), e templos, como os de Sagunto (València) e en Campello (Alacant), onde se atoparon exvotos en pedra, barro e bronce; e enterramentos en torre como o de Pozo Moro (Albacete) e tumbas de cámara. A arte ibera caracterizouse pola combinación de formas indíxenas locais coas procedentes do Mediterráneo oriental. A escultura evolucionou dende as imaxes de animais traballadas en pedras brandas, entre as que destacan as esfinxes de Galera (Jaén) e Villaricos (Almería), ata a representación de figuras femininas que puideron ter unha finalidade relixiosa ou simbólica, entre as que destacan a Gran Dama Oferente de Cerro de los Santos (Albacete), a Dama de Baza (Granada) e a Dama de Elx. Realizarónse tamén figuras de animais, entre as que sobresae a bicha de Balazote e feitos en bronce exvotos de pequeno tamaño que reproducen figuras de guerreiros. Sobresae o tesouro de Mairena de Alcor (Sevilla). Na cerámica, empregaron o torno de oleiro e realizaron pezas con decoración pitórica. A penas quedan testemuños musicais dos pobos iberos; destacan os vasos cerámicos atopados no Cerro de San Miguel, preto de Liria, con escenas de danza e con representacións de instrumentos, ademais dalgunhas figuras con instrumentos conservadas nos relevos de frisos e monumentos funerarios (Osuna). A influencia máis importante do mundo oriental en España foi a que fixo posible a aparición da escritura. Apareceron tres tipos de escritura, todos eles semi-silábicos e que aínda non se descifraron. No SO apareceu unha forma de escritura baseada no fenicio antigo; no SL a escritura ibera meridional que foi a máis difundida; e máis cara ao N a escritura levantina ibera. Nestas mesmas datas, no val medio do Ebro, na Meseta Oriental e na conca do Douro desenvolveuse a cultura celtibera marcada por unha forte influencia indoeuropea como consecuencia da chegada de pobos centroeuropeos na primeira Idade do Ferro. O pobo celtibero caracterizouse por ser unha sociedade guerreira fundamentalmente gandeira e articulada ao redor de grandes núcleos de poboación, entre outros, Numancia, Segeda e Contrebia Belaisca. Non obstante , o elemento máis salientable foi a fabricación do gladium hispaniensis, unha espada de ferro que os romanos acabaron integrando na súa panoplia guerreira. Empregaron a pedra e o adobe nas súas construcións arquitectónicas, entre outros poboados destacan Los Castellares e Contrebia Leukade (Aguilar del Río Alhama, La Rioja). Na Meseta occidental, moi vinculada á tradición celtibera, desenvolveuse a cultura dos verróns, esculturas zoomorfas labradas en granito que puideron ter unha finalidade máxico-protectora (touros de Guisando, El Tiemblo), e que se caracterizou polos seus poboados amurallados como o de Sanchorreja e Pallantia. No N e NO peninsular continuou o desenvolvemento da cultura castrexa. A partir do s VI a C os fenicios foron substituídos no control sobre o comercio no S e no Levante polos cartaxineses. Trala derrota destes fronte a Roma na I Guerra Púnica (241 a C) e ante a necesidade de metais preciosos para pagar as débedas de guerra, iniciaron unha serie de campañas para controlar o S e o SL dirixidas, sucesivamente, por Amílcar Barca, Asdrúbal, fundador da cidade de Cartago Nova (Cartagena), e Aníbal. O avance cara ao N dos exércitos cartaxineses comezou a preocupar os gregos instalados na costa catalana, que pronto reclamaron a axuda do seu aliado tradicional, Roma. O problema solucionouse coa firma dun tratado no ano 226 a C no que se sinalaba o Río Íber, probablemente o Ebro, como límite do avance cartaxinés na Península. Non obstante, o avance continuou cara ao N nun intento de Aníbal de exercer un maior control do territorio que lle permitise desenvolver aínda máis as explotacións mineiras. A arte cartaxinesa ou púnica derivou da fenicia e asumiu as influencias dos pobos mediterráneos cos que se estableceron contactos. Os centros de produción foron Gadir e Eivissa e, xunto a obxectos producidos nas propias colonias, atopáronse outros procedentes da importación. Encontráronse arracadas, contas vítreas e outros obxectos metálicos e terracotas onde se mostra a influencia grega e orientalizante. No apartado da cerámica destacan as xerras e pratos decorados con bandas policromadas e decoradas con motivos xeométricos. No eido da arquitectura sobresae a necrópole de Puig des Molins (Eivissa), con cámaras funerarias escavadas na rocha e dunha gran profundidade.
As linguas paleohispánicas
Son as linguas autóctonas da Hispania prerromana, entre as que se distinguen linguas non indoeuropeas (ibero, éuscaro e tarteso) e linguas indoeuropeas (de colonización, celtas ou paraceltas, celtibero). O ibero, cun sistema de escritura propio (de procedencia fenicia), representa o estrato lingüístico máis antigo, cun valor de lingua vehicular e cultural na área mediterránea. O éuscaro, falado ao redor dos Pireneos e espallado ata o Garonne polo N e cara ao Ebro polo S, é a única lingua que sobreviviu ao proceso de latinización de Hispania e ao contacto posterior coas linguas neolatinas, de xeito que foi substrato nalgunhas zonas do castelán, e adstrato continuado do castelán ao longo dos séculos; de feito, constitúe o único resto de lingua preindoeuropea da Europa occidental, de extensión maior ca a actual: a antiga lingua aquitana, falada na vertente setentrional dos Pireneos centrais e na chaira da Aquitania, era o éuscaro. Éuscaro e ibero comparten elementos comúns por razón dunha relación cultural no pasado, vestixios ademais da pluralidade lingüística da Hispania prerromana. O tarteso existía no S da Península, pero descoñécese a súa composición e características. A presenza das linguas de colonización en Hispania debeuse a razóns estritamente comerciais: tratábase de linguas faladas polos fenicios e cartaxineses, que deixaron pegadas en inscricións de moedas, e a dos gregos, de escaso efecto substratístico nos romances peninsulares. O SO peninsular adscríbese inseguramente ao dominio indoeuropeo, mentres que o O reflicte a influencia celta polo N por mor da asimilación histórica que sufriron os Gallaeci polos celtas dende época temperá. O substrato indoeuropeo é máis numeroso no dominio galego e portugués ca en calquera outra parte da Península Ibérica. O celtibero é a lingua máis arcaica da familia celta, que se localizou na zona da depresión do Ebro. As linguas peninsulares prerromanas desapareceron, agás o caso do éuscaro, mediante un proceso de cambio de código.
A Hispania romana
A conquista romana (218 a C-19 a C)
A continuidade do avance cartaxinés cara ao N e o asedio de Saguntum por parte das tropas de Aníbal, ofrecéronlle a Roma a escusa para a súa intervención directa na Península Ibérica. A chegada dos romanos produciuse no ano 218 a C co desembarco de Cneo Cornelio Escipión en Empúries no marco da Segunda Guerra Púnica e, en poucos anos (218 a C-206 a C), as tropas romanas conquistaron o S e o L peninsular. Non obstante , aínda que nun principio o interese romano se limitou a acabar coas bases militares cartaxinesas, as riquezas minerais da península determinaron a futura conquista de todo o territorio, que recibiu o nome de Hispania. No 197 a C, Roma dividiu os territorios conquistados en dúas provincias: a Hispania Citerior e a Hispania Ulterior. As primeiras revoltas indíxenas contra o poder romano tiveron lugar entre o 197 a C e o 195 a C. Marco Porcio Catón encargouse de reprimilas e de estabilizar e definir as fronteiras das provincias co interior peninsular. Unha vez controladas as rebelións, Roma comezou a planear o seu avance cara ao interior para acabar así coas continuas razzias dos pobos meseteños sobre os territorios baixo control romano e poder explotar mellor os seus recursos agrícolas e metalúrxicos. Os enfrontamentos iniciáronse no 154 a C coa invasión por parte dos lusitanos do val do Guadalquivir, na Hispania Ulterior, e a posterior expansión da revolta á área celtibera. Nas guerras celtibero-lusitanas (154 a C-133 a C), os indíxenas utilizaron o sistema de guerrillas para enfrontarse ao exército romano, feito que lles permitiu resistir durante un longo período. O período crítico das Guerras Lusitanas tivo lugar entre o 147 a C e o 139 a C, cando os lusitanos estiveron liderados por Viriato, mentres que nas Guerras Celtiberas destacou a toma de Numantia, no 133 a C por Publio Cornelio Escipión Africano, unha pequena cidade que conseguiu aglutinar ao seu redor a maioría das poboacións da conca do Douro. Unha vez integradas na órbita romana estas dúas rexións, unha serie de expedicións pacificaron o territorio entre os ríos Douro e Miño e ocuparon no 123 a C as Illes Balears. Durante o s I a C, Hispania foi o escenario das guerras civiles da República. As Guerras Sertorianas (82 a C-72 a C), iniciáronse coa rebelión contra Sila de Quinto Sertorio, gobernador da Hispania Citerior, e continuaron co avance deste e as súas lexións cara á provincia africana de Mauritania e o seu regreso a Hispania no 77 a C para apoiar os lusitanos na súa revolta. Gracias ao seu apoio aos lusitanos, Sertorio conseguiu crear unha rede de alianzas que lle permitiron controlar a Hispania Citerior e os territorios da Celtiberia. O temor ante o crecente poder de Sertorio levou a Roma a enviar a Pompeio e Metelo, que tras unha serie de enfrontamentos conseguiron acabar coa rebelión despois de asasinar a Sertorio no 72 a C. Dende o 49 a C desenvolveuse unha nova pugna polo control de Hispania entre dous xenerais romanos, César e Pompeio, que non se resolveu ata a Batalla de Munda (44 a C), na que as lexións de César derrotaron as de Pompeio. A derradeira etapa da conquista romana de Hispania constituírona as guerras contra cántabros e astures entre o 29 a C e o 19 a C e nas que interveu directamente o propio Emperador Augusto. Dende a definitiva pacificación da Celtiberia e a Lusitania, tan só continuaba fóra do dominio romano o N peninsular. No 29 a C, Augusto enviou tres corpos do exército e unha flota para enfrontarse por separado aos pobos rebeldes: galaicos, astures e cántabros. As campañas foron un éxito para Roma e a maior parte da poboación vendeuse como man de obra escrava. Non obstante , no 19 a C cántabros e astures subleváronse e foi necesaria a presenza de Marco Agripa para sometelos. A represión posterior levou a estes pobos a abandonar os seus hábitats nas montañas, ao sacrificio de toda a poboación masculina en idade de levar armas e ao establecemento de gornicións en puntos estratéxicos do territorio. A ocupación romana de Hispania produciu unha romanización en todos os ámbitos, un proceso de aculturación dos pobos indíxenas que habitaban a Península Ibérica. A introdución das formas políticas romanas dividiu o territorio en dúas provincias ao mando, cada unha delas, dun procónsul, que estaba á fronte dunha ou dúas lexións e estaba axudado por un cuestor. Á súa vez, as provincias dividíanse en populi, civitates e coloniae, cidades de fundación exclusivamente romana como Corduba, Urso e Hispalis, entre outras. No referente á poboación, os romanos conservaron aquelas estruturas sociais indíxenas que non estaban en contraposición coas súas. Ata mediados do s II a C, apenas se desenvolveron as formas sociais romanas e a presenza de italorromanos limitouse ao control do exército e da administración co fin de obter o maior beneficio posible. Non obstante , o paulatino establecemento de colonos e a creación de importantes núcleos urbanos permitiu que accedesen os grupos indíxenas, sobre todo no S, L e val do Ebro, ás novas esferas de poder, como é o caso da familia dos Balbos en Cádiz. Os grandes intereses económicos de Roma en Hispania reflectíronse nas formas de explotación implantadas. Hispania foi para os políticos romanos da República un lugar de enriquecemento persoal. No sector agropecuario, no S incentivouse a produción de trigo, viño e aceite en grandes propiedades, mentres que no N incentivouse a gandería. O estado romano realizou a explotación mineira a través de compañías privadas de publicani, que utilizaron man de obra escrava nas minas. Nesta época, os principais centros mineiros foron Cástulo e Cartago Nova, dende onde o mineral se trasladaba directamente a Italia. O artesanado continuou a ser de tradición indíxena e na súa produción incluíanse armas e obxectos cerámicos. O comercio con Roma potenciou a chegada a Hispania de produtos de luxo de fabricación itálica, mentres que a Península exportou metais, viño e aceite. A influencia romana tamén estivo presente na relixión; no período republicano foron moi comúns os cultos a divindades romanas asimiladas ás tradicionais indíxenas ou fenopúnicas. A continuidade da presenza romana, no S cidadáns romanos e no N o exército, e a intensificación dos contactos coa metrópole permitiron o triunfo en Hispania das formas socioculturais romanas.
O Alto Imperio
Unha vez pacificado todo o territorio peninsular, Augusto dividiu Hispania en tres provincias: Hispania Ulterior Bética, con capital en Corduba; Hispania Ulterior Lusitania, con capital en Emerita Augusta; e Hispania Citerior Tarraconense, con capital en Tarraco. A Lusitania ocupaba o actual territorio portugués, a excepción dos territorios ao N do Douro que pertencían á Tarraconense, e na súa parte oriental internábase na Meseta ata os montes de Toledo. A Bética limitaba coa Lusitania no Guadiana e ocupaba case todo o S peninsular. O resto do territorio ocupábao a Tarraconense. A Lusitania e a Tarraconense quedaron baixo a administración directa de Augusto por medio dun legado con rango de propraetor, mentres que a Bética a administrou o Senado por medio dun procónsul. As provincias imperiais contaban coa presenza nos seus territorios, dada a belicosidade dos seus habitantes, de varias lexións, como a VII Gemina en León. O territorio das provincias dividiuse en conventos xurídicos e estes á súa vez en populi e civitates de diferente status xurídico, entre os que hai que salientar as colonias e os municipios. Estes dous tipos de civitates gobernábanse por medio dun consello, a orde dos decurións, unha asemblea de cidadáns, cives ou municipes, e un poder executivo composto por duoviri, ediles, cuestores e sacerdotes do culto imperial, flamines e flaminicas, entre outros. A vida municipal financiouse mediante o everxetismo, un sistema polo que as elites municipais pagaban polo exercicio dos seus cargos e realizaban importantes doazóns á comunidade. A organización social romana acabou por imporse na península. O posto máis alto ocupábao a orde senatorial, cidadáns romanos de pleno dereito que desempeñaban os altos cargos provinciais. Por debaixo deles estaba a orde ecuestre, na súa maioría persoas de orixe humilde enriquecidas grazas ao comercio. O terceiro grupo social eran os decurións, membros das oligarquías municipais que dende o ano 74, trala concesión por parte do Emperador Vespasiano (69-79) no Edito de Latinidade do dereito latino a todos os habitantes de Hispania, pasaban, unha vez desempeñados os cargos nos seus municipios, a ser cidadáns romanos de pleno dereito, como ocurreu coas familias dos Balbos, os Séneca e as familias dos futuros emperadores Trajano e Adriano, entre outras. Por debaixo deles estaba unha gran masa de homes libres: labregos, comerciantes, artesáns e libertos. Finalmente, en Hispania existían un gran número de escravos públicos e privados. A economía centrouse no desenvolvemento das actividades agropecuarias e extractivas, orientadas ao comercio coa metrópole. No S, Levante e N de África desenvolveuse unha importante industria pesqueira baseada na salgadura e as conservas de peixe, o garum, famosas en todo o Imperio. Na agricultura continuou o cultivo da oliva, da vide e do trigo, e potenciouse o regadío. As industrias mineiras pasaron a depender directamente do emperador, que incluíu todos os grandes xacementos nas provincias imperiais. Os xacementos máis importantes deste período foron as minas do NO, de Río Tinto e de Vipasca. O desenvolvemento pleno da vida urbana potenciou as actividades de carácter artesán e a aparición dos collegia ou gremios de artesán. Aínda que a relixiosidade romana se impuxo, continuou a pervivencia de cultos indíxenas e orientais e introduciuse unha nova relixión, o cristianismo. Ademais do culto á triade capitolina, apareceu un novo culto de carácter público e integrador, o culto ao emperador e á familia imperial, que se tendeu a asimilar ás formas da fides ibérica.
O Baixo Imperio
Foi unha época de profundos cambios que deron lugar na Idade Media ao feudalismo. En tempos do Emperador Marco Aurelio Antonio Caracalla (211-217), a Tarraconense viuse reducida ao crearse no NO a Provincia Citerior Antoniniana, tamén coñecida como a Gallaecia. Diocleciano (284-305) dividiu o territorio hispano en seis provincias: a Bética, a Lusitania, a Gallaecia, a Cartaxinense, a Tarraconense e a Mauritania Tingitana, no N de África, nun intento de sanear a facenda pública. Da antiga provincia Tarraconense segregáronse a provincia Cartaxinense, constituída polo antigo convento do mesmo nome, e a provincia de Gallaecia, constituída polos actuais territorios portugueses ao N do Douro, a actual Galicia e os territorios dos conventos ástur e cluniense. As Illes Balears formaron parte da provincia Cartaxinense ata o 385 cando se constituíron como provincia baleárica. Todas estas provincias constituíron unha diocese, gobernada por un vicario con residencia en Hispalis, que á súa vez se integraba na prefectura das Galias. As cidades deixaron de ser o centro neurálxico da vida provincial e produciuse unha ruralización da sociedade. As elites abandonaron as cidades e o seu labor everxético, polo que foi necesario a creación do curator, un funcionario público encargado de controlar as facendas municipais. O abandono culminou no s IV cando os emperadores converteron a pertenza á curia municipal nun rango hereditario, co fin de asegurarse o pago de impostos. As cidades viron reducido o seu perímetro fisicamente e moitas delas, como Lugo, León e Zaragoza, entre outras, rodeáronse de murallas por medo a posibles invasións bárbaras. A sociedade dividiuse en honestiores e humiliores. Os primeiros estaban compostos pola antiga aristocracia senatorial, os curiais e os altos dignatarios da Igrexa, trala aceptación do cristianismo como relixión oficial polo Emperador Teodosio no 313. Os humiliores eran a antiga plebe urbana e rústica, que na maioría dos casos acabou por perder as súas propiedades e por someterse ao réxime do colonato. Continuou o proceso de concentración da propiedade agraria en mans de grandes propietarios ou do propio emperador, como a dinastía dos Severos, propietaria de grandes latifundios na Bética. O descontento social provocou a explosión de movementos campesiño como o dos bagaudas a finais do s II e principios do s III. Os rendementos agrícolas descenderon e o comercio reduciuse á importación e algunhas rexións practicaron a autarquía. Non obstante , nas grandes villae proliferou unha industria de luxo que se reflectiu arqueoloxicamente na presenza de importantes mosaicos e frescos. O cristianismo, introducido a finais do s I, triunfou como relixión maioritaria, aínda que perviviron algunhas prácticas indíxenas como denunciou san Martiño Dumiense. A expansión do cristianismo tamén trouxo a propagación dalgunhas prácticas consideradas heréticas como o priscilianismo, que acadou numerosos seguidores na Gallaecia e na Lusitania.
Arte romana e paleocristiá
A romanización deixou unha fonda pegada no urbanismo coa creación de cidades e de numerosas obras de enxeñería. Entre as cidades de nova planta destacan Tarraco e Emerita Augusta e entre as existentes, reformadas segundo as leis urbanísticas romanas, Cartago Nova e Sagunto. Consérvanse murallas, entre outras cidades, en Lugo, Astorga, Barcelona, León e Tarragona. Construíronse numerosas calzadas que unían os distintos puntos da Península Ibérica e nas que se erixiron pontes, como as de Mérida, Andújar (Jaén) e Alcántara (Cáceres), e arcos que sinalaban demarcacións territoriais ou eran conmemorativos, entre eles destacan os de Bará (Tarragona), Medinaceli (Soria) e de Trajano (Mérida). Os acuedutos caracterizáronse pola súa monumentalidade; destacan os de Ferreres en Tarragona, da primeira metade do s I, o de Segovia (97), o de Los Milagros e o de San Lázaro (s II, Mérida). Outras construcións que cómpre mencionar son os faros, como a torre de Hércules (A Coruña), que mantén a súa estrutura romana, e os portos, como o de Empúries. No campo da arquitectura relixiosa sobresaen o templo de Diana en Mérida (s I), o pequeno templo da ponte de Alcántara dedicado a Traxano e aos emperadores divinizados, o templo de Barcino, o de Diana en Itálica (Santiponce) e o de Vic. A torre dos Escipións (Tarragona) e a tumba dos Antoninos (Sagunto) son dúas mostras da arquitectura funeraria. No eido da arquitectura lúdica construíronse teatros, como os de Mérida, Itálica e Sagunto; anfiteatros, en Mérida, Itálica e Tarragona; circos, como o de Mérida; e termas, como as de Alange (Badajoz), Itálica e Lugo. As artes plásticas reproduciron os modelos iconográficos producidos en Roma, pero tamén reflectiron a influencia dos pobos autóctonos. No apartado da escultura cómpre destacar, entre outras obras, os sarcófagos de Husillos (Palencia), coa representación do mito de Orestes, e o de Alacant, co rapto de Proserpina; a cabeza de Cibeles procedente de Itálica e a estatua do Genio del Senado do templo de Diana (Mérida); e os retratos de Augusto e de Lucio Vero (Tarragona). Dos mosaicos, sobresaen os de Neptuno (Itálica), dos Siete Sabios e da casa do Mitreo (Mérida), e do sacrificio de Ifigenia (Empúries). Os primeiros edificios cristiáns pertencen ao terreo do funerario, como o mausoleo de Centcelles (Constantí, Tarragona) e o martirio de La Alberca (Murcia). Entre outras construcións destacan as basílicas de San Pedro de Alcántara (Málaga) e de Segóbriga en Cabeza de Griego (Cuenca). As primeiras manifestacións escultóricas foron obras importadas dos obradoiros romanos; nunha etapa posterior desenvolvéronse obradoiros locais. Entre os sarcófagos importados de Roma (s IV) destacan os de San Félix de Girona e de Berja (Almería) e entre os realizados en España (s V) os de Empúries e de Écija. No apartado da escultura exenta sobresaen as representacións do Bo Pastor da Casa de Pilatos de Sevilla. Os restos de pintura mural conservados son moi escasos, máis abundantes son os mosaicos, entre os que destacan os do mausoleo de Centcelles, os da sinagoga-basílica de Elx, os da basílica de Illeta del Rei (Menorca) e os da necrópole del Francolí (Tarragona). A penas se conservan restos arquitectónicos, pois a maioría das igrexas serviron de base para a creación doutras novas ou destruíronse trala invasión musulmana. Conservánse, entre outras, Santa Baia de Bóveda, o mausoleo de Centcelles e La Alberca (Murcia).
Ensino
Na época tardo romana houbo diversas escolas latinas provinciais e quizais algunha de retórica como manifestación do grao de romanización acadado en determinados contextos. Os hispanos máis relevantes que desenvolveron a súa actividade en Roma foron o filósofo Lucio Anneo Séneca o Novo e o retórico e pedagogo Marco Fabio Quintiliano.
Filosofía
Non pode afirmarse, en sentido estricto, a existencia dun pensamento filosófico español durante a romanización. Cómpre destacar o estoico Lucio Anneo Séneca o Novo (Córdoba 4 a C - 65 d C), que a pesar da súa orixe, é moito máis correcto cualificalo como un pensador romano, posto que foi educado en Roma, onde viviu a maior parte da súa vida e desempeñou, entre outros cargos, o de titor de Nerón. Mantivo un relativo eclecticismo e centrou o seu pensamento en asuntos prácticos ou de moral pura acordes co estoicismo máis clásico.
Lingua
O latín que se estableceu sobre linguas non indoeuropeas fíxoo sobre sistemas lingüísticos tipoloxicamente moi diferentes ao seu, mentres que a lingua latina que se superpuxo a linguas indoeuropeas encontrou xa unha estrutura xeneticamente relacionada con ela, feito que facilitou a súa recepción e, logo, a súa desaparición ao se diluír pola superposición latina. Así, a romanización lingüística da Península Ibérica constituíu a derradeira fase no proceso lingüístico de indoeuropeización do S e occidente europeos, menos clara nos territorios ao N do Texo, e nalgún caso, como os vascos, só parcialmente latinizados. Na escrita, empregouse o alfabeto latino non só en textos propiamente latinos, senón que serviu tamén para escribir linguas hispánicas como o celtibero, o lusitano e outras, feito que permite un mellor coñecemento das linguas prerromanas da Península.
Literatura
Na época imperial, os hispanos procedentes das rexións máis romanizadas acadaron postos de importancia non só nas estruturas administrativas, senón tamén nas elites culturais. No eido da poesía cómpre mencionar a Marco Valerio Marcial (40-102), que reflectiu nos Epigramas o aspecto ridículo da vida mundana na capital do Imperio, e a Marco Anneo Lucano (39-65), autor dunha obra lírica variada, na que destaca a Farsalia, poema épico dividido en dez libros que narra as guerras entre César e Pompeio. Na literatura retórica, sobresaíron Lucio Anneo Séneca o Vello (55? a C-40?) que escribiu, ademais dunha obra historiográfica non conservada, Oratorum et Rhetorum sententiae, divisiones, colores, tratado retórico en 10 libros; Marco Fabio Quintiliano (33?-100), autor dunha das obras máis influíntes da historia da retórica, a Institutio Oratoria, que, en 12 libros, ofrecía un compendio de todo o que debe presidir a formación dun bo retórico; e o filósofo Lucio Anneo Séneca o Novo que, ademais da súa obra filosófica, escribiu unha ducia de traxedias e o libro satírico Apocolocyntosis. Cómpre destacar tamén a Lucio Junio Moderato Columela (?-71), que escribiu, entre outras obras, o tratado de agricultura De re rustica, e Pomponio Mela (s I), autor do tratado xeográfico Tingitana (44), coñecido como Chorographia. Considérase a Prudencio de Calahorra (348-405?) como o derradeiro grande escritor hispanorromano. Como seguidores da tradición tardorromana destacaron, entre outros, Paulo Orosio (390?-?), autor da Historiarum aduersus paganos libri VII; Hidacio de Chaves (?-470?), quen tamén cultivou a historiografía na súa Chronica; ou Martiño de Braga ou de Dumio (510-580?), autor da De correctione rusticorum (573-574), co que pretendía loitar contra as supersticións pagás.
Música
A música era un elemento principal nos espectáculos públicos. Antes de comezar a representación teatral, escoitábase a música da tibia e no desenvolvemento da obra pezas instrumentais; así mesmo, ás veces, o actor declamaba sobre un fondo musical. Tanto no circo como no anfiteatro había músicos que lles facían sinais ao público e aos atletas con diversos instrumentos. Nas manifestacións artísticas represéntanse danzas (referentes ao mito de Dionisos), instrumentos (cítara, arpa, castañolas, crótalo, corno, sistro, lira, tímpano) e símbolos musicais. O culto a certas divindades indíxenas apoiábase con danzas e cantos, como nas danzas das noites de plenilunio ou as do solsticio de verán. Cómpre mencionar as puellae gaditanae, bailarinas e cantoras gaditanas que acadaron gran sona en Roma e no resto do Mediterráneo e que foron descritas por Marcial e Juvenal.
A desintegración do mundo romano e o reino visigodo
Os primeiros reinos peninsulares
As loitas dentro do Imperio Romano permitiron que no 409 tres confederacións de pobos centroeuropeos penetrasen e se instalasen na Península Ibérica. O usurpador Máximo firmou o tratado que permitiu o establecemento dos suevos na provincia de Gallaecia, dos alanos nas provincias Lusitana e Cartaxinense, e dos vándalos na Bética. Non obstante , o emperador lexítimo, Honorio, enviou, cara ao 416, a outro pobo de orixe centroeuropea, os visigodos, para acabar co poder de alanos, vándalos e suevos. No 429, os alanos desapareceron do territorio peninsular, os vándalos fuxiron ao N de África e os suevos crearon o seu propio reino na antiga provincia romana de Gallaecia. A creación dun reino independente no NO peninsular e o avance deste cara ao S obrigou a Roma a aliarse unha vez máis cos visigodos instalados en Aquitania, que conseguiron no 456 relegar os suevos a Gallaecia e encher o resto do territorio peninsular coas súas propias gornicións. De tal xeito que, dende a década do 470, toda a Península Ibérica, a excepción do NO, dependeu do reino visigodo do SL da Galia. Non obstante , trala batalla de Vouillé (507) e baixo o reinado de Gesaleico (507-510) o reino visigodo estableceu a súa sede en Hispania e só controlou na Galia unha pequena rexión, entre Narbonne e Carcasonne, coñecida como a Septimania. Iniciouse entón un período de afianzamento do poder dos monarcas visigodos no territorio peninsular que se viu complicado no 551, cando as propias loitas pola coroa entre os nobres lle permitiron ao emperador de Bizancio establecer unha provincia sufragánea do Imperio Oriental entre a desembocadura do río Guadalete e o N de Cartagena, que non se integrou no estado visigodo ata o 624. A partir deste momento, os reis visigodos comezaron un proceso de centralización e unificación de todos os seus territorios na cidade de Toledo, que fora escollida como capital por primeira vez por Atanaxildo (551-567). O Rei Leovixildo (569-586), ademais de lle engadir un novo cerimonial á vida da corte, iniciou a cuñaxe da nova moeda de ouro, nun intento de lle dar unha maior relevancia á monarquía. Tamén reprimiu as rebelións dos hispanorromanos no S nunha serie de campañas na década do 570 e acabou, no 585, co reino suevo de Gallaecia. Non obstante , a pesar desta unión territorial non existía unha unión relixiosa. Nas súas orixes os visigodos eran arianos, mentres que os habitantes de Hispania eran católicos; mais, a convivencia provocou numerosas conversións. Leovixildo tentou a unión ao redor do arianismo polo que incentivou economicamente as conversións; pero foi o seu fillo, Recaredo (586-601), quen se converteu ao catolicismo no 587 e conseguiu non só acabar cos problemas da Igrexa hispana, senón tamén agrupar os hispanorromanos ao redor da monarquía visigoda. Non obstante , malia esta unificación real do reino que supuxo a conversión, os monarcas visigodos foron incapaces de articular un método pacífico de acceso ao trono. Sucedéronse distintas formas de lexitimación do herdeiro ata que, no IV Concilio de Toledo, se impuxo a unción real como principio de xustificación da monarquía e, baixo o reinado de Sisenando (631-636), estableceuse a pena de excomuñón para aquelas persoas que atentasen contra o monarca ou algún membro da súa familia. Malia todo, os monarcas sucedéronse ao tempo que as intrigas políticas obrigaron a unha monarquía feble a aliarse cos nobres, co fin de reprimir as rebelións, como a da Septimania e a dos vascóns. A guerra civil comezou no 710, trala morte de Witiza (702-710), cando Rodrigo (710-711) se fixo co control de Toledo e o S peninsular e Agila II (710-713) co val do Ebro e a Narbonense; momento que aproveitaron os árabes para cruzar o estreito unha vez finalizada a súa conquista do N de África e derrotar a Rodrigo na Batalla de Guadalete.
Os inicios do feudalismo
A organización política visigoda baseouse nunha monarquía de carácter electivo na que o rei tiña, entre outras funcións, as de xefe máximo do exército, lexislador e administrador do reino. Mais, dende mediados do s VI, estaba auxiliado nas súas funcións polo Officium Palatinum, órgano colectivo composto por homes de confianza do monarca. Ademais, tamén existiu unha asemblea de notables, denominada Aula Regia, que colaboraba como asesora real en materia de leis e asuntos políticos e militares. Na organización territorial continuou a tradición dos gobernadores romanos, aínda que pasaron a depender do poder rexio, mais coas atribucións de épocas anteriores: recadación de tributos e administración de xustiza entre os hispanorromanos, xa que neste campo o rei era o xuíz para os nobres visigodos. Nos inicios do reino visigodo distinguíronse dous grupos sociais: os visigodos e os hispanorromanos. Os primeiros tiñan as súas propias leis que se plasmaron nun texto legal do 506, o Breviario de Alarico II (484-507), mentres que os hispanorromanos continuaron gobernándose polas leis romanas. Non obstante , a medida que o poder visigodo se afianzou apareceu o primeiro código de carácter territorial, a Lex Visigothorum (654), que debería aplicarse a todos os habitantes do reino sen distinción das súas orixes. Estas medidas lexislativas completáronse co Liber Iudicorum (654) e reflectiron a nova configuración social de carácter prefeudal composta por potentiores e humiliores. Os potentiores eran a vella aristocracia senatorial hispanorromana, os nobres visigodos e a Igrexa, propietarios da maioría das terras, posuidores de privilexios e membros do aparato estatal da monarquía. A Igrexa, ademais, adquiriu un papel político destacado a raíz da conversión de Recaredo (587) e a convocatoria de concilios eclesiásticos, por parte do monarca, nos que se tomaban decisións de carácter político e de lexitimización da monarquía. Os humiliores, en cambio, formaban a gran maioría da poboación: artesáns, pequenos comerciantes e propietarios, servos, libertos e escravos, que ante a dureza das condicións de vida optaron por vincularse á terra e someterse aos grandes propietarios. Ao mesmo tempo que ofrecían protección, os grandes propietarios aproveitaron a debilidade do poder real e acumularon atribucións fiscais e xudiciais e crearon exércitos propios. A economía baseouse na agricultura e a gandería mantívose con poucas diferencias respecto do período romano. Continuou a dominar a gran propiedade rústica, a villa, onde labregos de diversa condición xurídica cultivaban cereais e vide e practicaban unha gandería porcina e ovina baseada na trashumancia a través da antiga Vía da Prata. Abandonáronse a maioría dos xacementos mineiros, a excepción dos do NO peninsular, explotados polos suevos, pero dedicarónse á produción de ourivería de gran calidade. O comercio interior tivo un marcado carácter local, mentres que o comercio exterior mantivo o seu carácter mediterráneo, aínda que baixo o control de comerciantes de orixe oriental, sobre todo xudeus. Continuaron coa cuñaxe de moeda romana, o solidus, aínda que pronto pasaron a cuñar o terzo de solidus, no que a presenza de metal precioso era menor. Dende o reinado de Leovixildo foron as efixies dos reis visigodos as que apareceron nas moedas. No referente á vida cultural, continuou a tradición erudita clásica, aínda que moi vinculada á Igrexa, que fomentou a creación de escolas episcopais, como as de Toledo, Sevilla e Zaragoza, e que se localizaban en pequenos mosteiros. Parece, ademais, que neste período continuaron os niveis de alfabetización de época romana como mostran as númerosas epístolas que se conservan de particulares e os datos sobre bibliotecas persoais.
Arte
A partir do s V desenvolveuse unha arte que foi o antecedente da románica e que tivo como fontes a tradición grecorromana, o cristianismo, a influencia bizantina e os novos elementos decorativos procedentes dos pobos xermánicos como os traballos de ourivería. As primeiras manifestacións arquitectónicas seguiron os modelos baixoimperiais e paleocristiáns. Trala unificación relixiosa de Recaredo pódese analizar unha arte visigoda única baseada no emprego da pedra, do arco de ferradura e da bóveda de canón. Consérvanse a cripta de San Antolín na Catedral de Palencia e as igrexas de San Juan de Baños de Cerrato (Palencia), Santa María de Quintanilla de las Viñas (Burgos), San Pedro de la Nave (Zamora) e Santa Comba de Bande. No eido da escultura, destacan os relevos de Quintanilla de las Viñas e de San Pedro de la Nave, mentres que a pintura reduciuse á iluminación de códices. No apartado da ourivería sobresaen os obxectos litúrxicos e adornos persoais como fíbulas, broches, coroas votivas, cruces e outras pezas, conservadas nos tesouros de Guarrazar (Toledo) e de Torredonjimeno (Jaén).
Ensino
A actividade cultural iniciada en época tardorromana sufriu unha mingua; nos ss VI e VII distintos núcleos eclesiásticos reemprenderon as actividades educativas, entre os que sobresaen o de Sevilla coa figura de santo Isidoro (560?-636). Mérida, Córdoba ou Zaragoza foron no s VII lugares en que se realizaba unha apreciable actividade educativa, que decaeu como consecuencia das invasións musulmanas que provocaron a desintegración dos centros de poder e relixiosos do conxunto da Hispania visigoda.
Filosofía
A contribución filosófica máis destacable deste período foi a de santo Isidoro de Sevilla, reformador da Igrexa ao impulsar a formación cultural do clero. Escribiu tratados sobre diversas disciplinas, entre os que destacan, na orde filosófica, De natura rerum e, sobre todo, Etymologiae (623?), compendio dos distintos saberes.
Lingua
O latín foi adoptado e empregado culturalmente polos visigodos, que abandonaron o uso da súa lingua xermánica (superestrato), o gótico. A conversión do latín en romance foi un proceso máis amplo no que interferiron outras realidades lingüísticas limítrofes. As linguas románicas non proceden do denominado latín clásico, senón do latín máis próximo á lingua falada, latín vulgar, familiar, coloquial ou tardío, afastado dos canons de corrección gramatical dos textos latinos clásicos, que acentúa as súas características en época tardía inmediatamente antes da aparición das linguas románicas. As súas variantes sociodialectais anuncian trazos das futuras variedades neolatinas. As características lingüísticas do latín vulgar que pasaron ás diferentes linguas romances quedaron englobadas no termo prerromance, en tanto que se lles dá o nome de protorromance aos feitos de lingua reconstruídos comparativa e internamente sen apoio documental. Ramón Menéndez Pidal, na súa obra Orígenes del español (1926), non precisou o momento a partir de que se podía falar da existencia de romances peninsulares, senón que, consciente da dificultade de definir a aparición dos dialectos románicos hispánicos, distinguiu as orixes remotas da lingua (época que segue estando envolta na escuridade) e as orixes próximas, situadas cara ao s IX e seguintes.
Literatura
Co apoxeo do reino visigodo (ss VI-VIII) as letras hispánicas coñeceron o seu maior esplendor. Este florecemento recibiu tamén o nome de Renacemento isidoriano, porque nel xogou un papel destacado santo Isidoro, bispo de Sevilla (559-636?); entre a trintena de obras que escribiu, destacan as Etymologiae (623?). Noutros centros culturais espallados por toda a Península -Zaragoza, Levante, Toledo, Mérida, O Bierzo- exerceron o seu labor literario, ademais, san Braulio (631-651), o poeta retoricista Uxío de Toledo (morto en 657), san Xián de Toledo (644-680) e Valerio do Bierzo (morto arredor de 695).
Música
A liturxia cristiá tiña o seu acompañamento musical. Santo Isidoro de Sevilla describiu en De ecclesiasticis officiis a liturxia hispánica e no libro terceiro das Etymologiae (do capítulo XIV ao XXII) tratou a música como unha ciencia. Posteriormente, códices datados entre os ss X e XII transmitiron a música da liturxia hispánica, mais neles os pneumas non precisan totalmente a posición tonal dos sons. O Antifonario de León (s X) é o único manuscrito completo utilizado só polo cantor; o resto dos códices con notación musical son, polo xeral, litúrxicos e utilizados polo cantor e polos executantes do oficio. Así mesmo, cómpre destacar dous antifonarios de Silos, un de San Zoilo de Carrión e outro de San Juan de la Peña, dos que se conservan pequenos fragmentos, e o Libro de Horas de Fernando I. Ademais destes códices, están os cantorais que encargou copiar o cardeal Cisneros cara ao 1500 ao cóengo Alonso Ortiz para uso da capela mozárabe do Corpus Christi na catedral de Toledo. Os textos litúrxicos reuníronse no Missale mixtum secundum regulam beati Isidori, dictum Mozarabes, no que se integrou o Liber omnium offerentium, aglutinador dos cánticos e fórmulas con música de ordinario da misa mozárabe; e no Breviarium Gothicum.
Al-Andalus e os reinos cristiáns
O emirato, o califato de Córdoba e a formación dos reinos cristiáns
A presenza musulmá na Península Ibérica consolidouse entre o 711 e o 715. O territorio integrouse como provincia do califato de Damasco, pero os gobernadores enviados polo califa non conseguiron evitar o enfrontamento entre a minoría árabe e a maioría bérber que formaban o exército. Trala caída da dinastía omeia en Damasco, un dos seus membros conseguiu chegar á Península. ‘Abd al-Ra ḥ mān I (756-788) enfrontouse co gobernador Yūsuf al-Fihrī (756), axudado por iemenís e bérberes, e fíxose proclamar emir. A creación do emirato significou a independencia política dos califas abbásidas pero non a relixiosa. Iniciou entón unha centralización política e administrativa, con sede en Córdoba, organizou un exército mercenario e creou un arco defensivo fronte aos reinos do N que establecía tres rexións militares ou marcas: unha superior con capital en Zaragoza, outra media con capital en Toledo e outra inferior con capital en Mérida. Á súa morte, sucedérono Hišām I (788-796) e al- Ḥ akam I (796-822) que conseguiron consolidar o emirato, a pesar das continuas revoltas internas de carácter social e económico provocadas pola diversidade étnica e cultural da sociedade andalusí. ‘Abd al-Ra ḥ mān II (822-852) organizou o califato seguindo o modelo centralista de Bagdad, pero a propia estrutura político-social do emirato provocou novas revoltas, entre as que cómpre destacar a dos Banū Qasī, que estableceron un reino propio no val do Ebro, e a de ‘Umar ibn Ḥ af ṣ ūn (880) na Marca Inferior. ‘Abd al-Ra ḥ mān III (912-961) conseguiu deter as ameazas de disidencia interna ao tempo que iniciou unha serie de expedicións de carácter anual contra os reinos cristiáns que converteron os reis de León e Navarra e os condes de Castela e Barcelona nos seus vasalos. Ademais, acabou coa dependencia relixiosa de Damasco ao proclamarse amīr almu’mīnī (califa) e, polo tanto, líder relixioso e político do novo califato cordobés. Os seus sucesores, malia ter conseguido unha relativa paz dentro do califato, non conseguiron acabar coa cada vez maior presión dos reinos cristiáns. Almanzor, gobernador de Hišam II, iniciou despois da reorganización do exército unha serie de campañas de castigo contra os cristiáns que o levaron a saquear, entre outras, Santiago de Compostela (997) e Barcelona (997). Trala súa morte, os problemas internos do califato e a falta de poder dos califas levaron a asemblea de notables de Córdoba a abolir o califato (1031) e establecer unha serie de pequenos reinos, os Reinos de Taifas. A diferenza do S, onde os musulmáns formaron un estado forte, no N peninsular apareceron, dende mediados do s VIII, unha serie de pequenos núcleos cristiáns. Nas montañas asturianas xurdiu un pequeno principado que se declaraba herdeiro da monarquía visigoda e que dende moi cedo iniciou unha expansión, na que incorporou primeiramente Galicia. O descubrimento da tumba do Apóstolo Santiago durante o reinado de Afonso II o Casto (791-842) constituíu un elemento de forza ante o Islam e converteu a monarquía na defensora do cristianismo en Occidente, ademais de facer do Camiño de Santiago unha fronteira de carácter relixioso e tamén político, erixido en elemento aglutinador dos distintos reinos cristiáns que se foron formando. No reinado de Afonso III (866-910) o reino asturiano avanzou ata a liña do Douro e os monarcas pasaron a denominarse reis de León. Foi tamén nestas datas cando ao redor do Reino de León apareceron dous condados vasalos: o condado de Portugal, que se independizou en 1128, e o condado de Castela, que pasou a formar parte do reino de León por primeira vez en 1037. Nos Pireneos occidentais e centrais naceron, a finais do s VIII, os reinos de Pamplona (precedente do Reino de Navarra) e Aragón. No Pireneo oriental os reis francos crearon, ao comezo do s IX, unha serie de condados dependentes, entre os que destacou o condado de Barcelona, e que tiveron como obxectivo illar a monarquía gala das posibles accións mulsulmanas. Unha vez configurados, estes reinos iniciaron un continuo avance cara ao S. As causas do avance foron económicas, debido á presión demográfica que existía nos territorios de montaña e á necesidade de pastos dunha economía eminentemente pastoril; e relixiosas, a loita contra o Islam. Nos seus inicios, os ataques cristiáns foron razzias de carácter anual para apropiarse dun botín. Pouco tempo despois, os reis cristiáns afianzaron os seus avances mediante as repoboacións ou o establecemento de colonos nas terras que foran extremaduras. Afonso II o Casto levou a cabo a colonización das terras do val do Douro axudado pola Igrexa, que recibiu a cambio un gran número de latifundios. No s IX, o Reino de Navarra avanzou cara ás terras baixas de La Rioja e os condados da Marca Hispánica estendéronse ata a Plana de Vic, antes de conseguir a súa independencia dos reis francos durante o goberno do conde Wifredo (873-898).
Os Reinos de Taifas e o avance cristián
Os reinos cristiáns aproveitaron a fin do califato para iniciar un decidido avance cara ao S. O reino castelán-leonés traspasou o Sistema Central e conquistou a cidade de Toledo (1085), mentres que Sancho III de Navarra (1000-1035) fixou a fronteira do seu reino no eixe Douro-serra de Cameros-Ribera. Ademais, os territorios musulmáns víronse obrigados a lles pagar aos reinos cristiáns as parias. Os Reinos de Taifas, ante a presión militar e económica dos cristiáns, pediron axuda aos almorábides, unha seita musulmá do N de África, que aproveitou a escusa do pago de tributos para trasladarse á Península en 1086 e instaurou un novo Al-Andalus reunificado en 1090. Aínda que a chegada almorábide supuxo o inicio dunha serie de loitas de carácter relixioso, o avance cristián continuou. O conde de Barcelona Ramón Berenguer III (1096-1131) conquistou Tortosa (1148) e Lleida (1149); o rei aragonés Afonso I o Batallador (1104-1134) avanzou por todo o val do Ebro ata conquistar Zaragoza (1118) e tamén as terras entre Tudela e Madrid; e Afonso VII o Emperador (1126-1157) conquistou Almería para Castela (1147). Desapareceu, entón, o poder almorábide e os reinos cristiáns apuráronse a firmar os tratados de Tudillén (1151) e de Cazorla (1179) polos que se repartiron as áreas de conquista. En 1146, os almohades, unha nova seita islámica, invadiron Al-Andalus para seguir mantendo o S peninsular baixo a órbita do Magreb e do Islam, feito que provocou a emigración dun importante número de minorías relixiosas. Os almohades reconquistaron Sevilla (1148), pero ata o 1172 non reunificaron realmente Al-Andalus. Os reinos cristiáns, desbordados polo avance almohade e incapaces de defender as súas fronteiras, fomentaron a aparición de ordes militares, como a de Calatrava no Reino de Castela (1158), Avís no Reino de Portugal (1176) e Alcántara (1177) e Santiago (1170) no Reino de León. Mais isto non impediu que os almohades aproveitasen os enfrontamentos entre os distintos reinos cristiáns e chegasen, trala Batalla de Alarcos (1195), a asediar Toledo. Pero a unión militar dos reinos de Castela, Pamplona, Aragón e Portugal ante a convocatoria papal de cruzada acabou, trala Batalla das Navas de Tolosa (1212), co peligro almohade, e desintegrou, unha vez máis, Al-Andalus en Reinos de Taifas. Os cristiáns continuaron entón o seu avance: nos reinados de Fernando III o Santo (1217-1252) e Afonso X o Sabio (1252-1284), os casteláns conquistaron as cidades de Córdoba (1236), Sevilla (1248), Dènia (1245), Jaén (1246), Cádiz (1262) e o Reino de Murcia (1266), que xa era vasalo de Castela dende 1238; o Reino de Aragón centrou os seus esforzos no Mediterráneo e en 1228 iniciou a conquista de Mallorca coa axuda dos condes cataláns, dous anos máis tarde someteron a vasalaxe a illa de Menorca e en 1235 ocuparon Eivissa e Formentera; a nobreza aragonesa, en cambio, preferiu a conquista do Reino de València, que comezou en 1232 e finalizou coa caída da cidade de València en 1238.
O mundo rural e o mundo urbano
A política e a relixión estiveron intimamente relacionadas na organización política de Al-Andalus, entre os ss VIII e X, tanto como emirato dependente de Damasco como dende a conversión en califato. O califa, xefe temporal e relixioso, encargábase de dirixir a oración do venres, exercía como xefe supremo do exército, cuñaba moeda, dirixía a política exterior e era a máxima autoridade xurídica. Nestas funcións axudábano unha serie de ministros, entre os que destacaba o hachib, que tiña baixo o seu control ao resto dos ministros e a tesourería. Por debaixo deles existían unha serie de funcionarios encargados das rendas do Estado, do goberno dos núcleos urbanos e da administración de xustiza, sobre todo en materia relixiosa. A tesourería viuse enriquecida polos pagamentos non só dos tributos dalgúns reinos cristiáns senón tamén polos impostos, como o zakāt, o décimo sobre os bens mobles que pagaban os musulmáns e os tributos de carácter persoal pagados por mozárabes e xudeus. O territorio dividiuse en 21 coroas, semellantes ás dioceses visigodas e gobernadas por un valí, e tres marcas ou territorios de fronteira. No reino ástur-leonés a organización política baseouse nunha monarquía, primeiro de carácter electivo e despois hereditaria. Dende o reinado de Afonso II o Casto reorganizouse o Officium Palatinum como consello asesor do monarca e o territorio foi paulatinamente dividido en condados, gobernados por un comes. En Navarra, Aragón e os condados da Marca Hispánica a autoridade máxima foron os condes, dependentes do rei franco, que nos seus territorios administraban xustiza e os bens públicos, dirixían o exército e recadaban impostos. A poboación andalusí caracterizouse pola distinción entre unha clase social dominante de relixión musulmá e unha clase social heteroxénea, composta por artesáns, colonos e labregos, xeralmente non musulmáns. Entre os musulmáns existía unha minoría árabe, bérber e sudanesa, chegada do N de África, e os muladíes, hispanorromanos convertidos ao Islam; e entre os non musulmáns había mozárabes, cristiáns que conservaron o seu credo dentro de Al-Andalus e xudeus. Pola contra, no mundo cristián a sociedade foi dende o punto de vista relixioso máis homoxénea, aínda que persistiron certos trazos xerárquicos. Existiu unha clase dirixente composta pola alta nobreza e o clero, que acumulaban a propiedade da terra, e unha gran masa labrega, vinculada cada vez máis aos poderosos a medida que o proceso feudalizador avanzou. Non obstante , o avance cara ao S e as continuas repoboacións permitiron a aparición de pequenos campesiños libres organizados en comunidades, que desenvolveron, ao longo dos séculos, as mesmas estruturas de dependencia. Ó mesmo tempo e como consecuencia da aparición dos primeiros núcleos de carácter urbano, no mundo ástur-leonés xurdiu unha nova clase social, os cabaleiros viláns, que acabaron tendo os mesmos dereitos que a pequena nobreza. Dende un punto de vista económico, entre os ss VIII e X, Al-Andalus caracterizouse polo seu carácter urbano, mentres que os reinos cristiáns foron eminentemente agrícolas e sen apenas núcleos urbanos. Dende a súa creación, as cidades de Al-Andalus foron as grandes dinamizadoras do mundo islámico. Foron as principais produtoras de manufacturas de vidro, coiro, tecidos de seda, marfís e olería, e centros dun importante comercio exterior e interior. Potenciaron tamén o desenvolvemento da produción agrícola con melloras nos sistemas de regadío e coa introdución de novos cultivos, como a laranxeira, o arroz, a cana de azucre, a granada, e plantas téxtiles, como o algodón, o liño, o esparto e a moreira. Na gandería, a selección de razas mellorou os armentíos. O comercio exterior con Oriente e Occidente, potenciado pola cuñaxe de moeda de ouro (dinar) e prata (dirham), facilitou a chegada ao S peninsular de obxectos de luxo, mentres que Al-Andalus exportaba aceite, tecidos e manufacturas. A economía dos reinos cristiáns tiña en cambio unha circulación monetaria moi reducida, era basicamente agraria e sen apenas ningún intercambio de bens que non fosen materias primas. A partir do s XI e ata o s XIII, a situación cambiou: o mundo musulmán desintegrouse e os reinos cristiáns continuaron o avance cara ao S mentres que afianzaron as súas estruturas estatais. O establecemento dos primeiros Reinos de Taifas significou a ruptura da unidade territorial de Al-Andalus, aínda que se mantivo a unidade política ao imitarse os modelos de época califal pero non os fiscais, xa que se produciu un aumento da presión. A chegada dos almorábides, fieis seguidores dos preceptos coránicos, supuxo unha rebaixa dos tributos e cuñaxe de moeda propia. Mais, a chegada almohade ocasionou a vinculación do antigo Al-Andalus ao N de África, unha maior presión fiscal e unha reforma monetaria que duplicou o peso das moedas. Nestas mesmas datas, nos reinos cristiáns a monarquía consolidouse como forma de goberno, aínda que con distintas concepcións, pois mentres na coroa castelán-leonesa o poder do monarca era de orixe divina, na coroa aragonesa a monarquía entendíase como un pacto entre o soberano e o seu pobo. Malia todo, en ambas as dúas coroas o rei exerceu como xefe supremo do exército, detentou o poder lexislativo, administrou a facenda real, e continuou a concesión de regalías ou honores e de territorios ou municipios á nobreza para que os administrase. O rei exercía as súas funcións coa axuda dunha curia rexia, o Consello Real en Aragón (dende finais do s XIII), e as Cortes en Castela (dende principios do s XIII), que incluían tamén os representantes das cidades. O territorio continuou articulado ao redor das regalías e dos municipios, nos que se desenvolveu a institución do concello. No apartado da lexislación, en ambas as dúas coroas impúxose o dereito romano, que se converteu no dereito dos monarcas, e iniciouse unha grande actividade xurídica, que deu lugar a diversos códigos, como o das Sete Partidas en Castela e os dos Usatges en Catalunya. Ademais, na coroa aragonesa apareceron no s XIII as figuras xurídicas particulares dos procuradores reais, nos que o monarca delegara a súa potestade, e o Justicia Mayor de Aragón. A sociedade destes séculos caracterizouse pola continuidade das tendencias dos séculos anteriores. En Al-Andalus a situación seguiu sendo practicamente a mesma, agás durante os anos de dominio almorábide e almohade, no que as minorías xudías e cristiás foron perseguidas. Ademais, os invasores almorábides e almohades situáronse como clase dirixente da sociedade andalusí. Nos reinos cristiáns a dicotomía entre poderosos, nobres e eclesiásticos, por unha banda, e traballadores campesiños, pola outra, rompeu pola aparición dunha nova clase social como consecuencia da emerxencia dos municipios. Apareceu unha burguesía urbana composta por artesáns e comerciantes que se asociaban en gremios. Á marxe destas clases estaban os mudéxares, xeralmente de condición humilde e dedicados a tarefas de tipo agrícola, e os xudeus, na súa maioría dedicados ao comercio e que en varias ocasións foron asesores reais. Ademais, como resultado das peregrinacións ao sepulcro do Apóstolo Santiago, intensificáronse as relacións con Europa e, así, no s XII a Igrexa hispana foi moi receptiva aos cambios na súa liturxia, á reforma gregoriana e á chegada da orde do Císter, que fundou numerosos mosteiros ao longo do Camiño. No s XIII, de forma parella ao auxe da vida urbana, instaláronse as ordes mendicantes. No apartado económico, entre os ss XI e XIII continuou en Al-Andalus, a pesar da súa progresiva desintegración, o comercio e produciuse a extensión dos regadíos. Pola súa banda, os reinos cristiáns tiveron unha forte expansión económica en todos os niveis. Na agricultura, na Coroa de Castela existiron poucas innovacións tecnolóxicas, mentres que na Coroa de Aragón melloráronse tecnicamente os regadíos mediante a xeneralización do uso de muíños hidraúlicos e de canais. Non obstante , a progresiva concentración da propiedade provocou a aparición dos malos usos, o cobro de arrendamentos altos, a aparición de monopolios señoriais e as imposicións de prestacións de traballo, que deron lugar a revoltas, como a dos pagesos de remença. A gandería viuse potenciada en ambas as dúas coroas e, trala conquista do Guadalquivir, intensificouse a transhumancia, que no caso castelán constituíu en 1273 o seu propio órgano rector, o Consejo de la Mesta. O renacemento urbano permitiu o desenvolvemento do comercio. En Castela creáronse feiras e mercados, e os monarcas adaptaron o sistema monetario aos patróns musulmáns. A partir do s XII, sobre todo nos condados cataláns, o comercio non se limitou á Península, senón que se comezaron a exportar manufacturas téxtiles a Flandres e ao Mediterráneo.
A diversidade cultural
Antes da chegada ao mundo andalusí das correntes relixiosas islámicas máis piadosas, desenvolveuse, sobre todo durante os reinados de ‘Abd al-Ra ḥ mān III e al- Ḥ akam II (961-976), unha intensa actividade cultural. Na corte andalusí de al- Ḥ akam II creouse unha escola literaria e relixiosa que foi dotada de numerosos manuscritos árabes. Pola contra, no reino ástur-leonés o mundo cultural estaba vinculado á Igrexa e ao alcance de só uns poucos. Como continuadores da tradición visigoda, nos principais centros de actividade intelectual, mosteiros e catedrais, cultivouse o estudo das obras da época visigoda. Nos condados da Marca Hispánica, en cambio, e como resultado da súa vinculación ao mundo carolinxio, comezou a chegada de elementos culturais europeos como a letra carolina e a regra de San Bieito.
Arte
No Reino de Asturias desenvolveuse unha arte herdeira da tradición hispanorromana e visigoda vinculada á corte real. A súa arquitectura baseouse no emprego do arco de medio punto, da bóveda de medio canón ou peraltada, da planta basilical, normalmente de tres naves e con tres capelas rectangulares na cabeceira, e de materiais pobres. Do primeiro período, ou de formación, consérvase a igrexa de Santa Cruz (Cangas de Onís); á época de Afonso II, que construíu a primeira igrexa en Santiago de Compostela, pertencen a Cámara Santa de Oviedo e a igrexa de San Julián de los Prados ou Santullano; do reinado de Ramiro I destacan Santa María del Naranco, palacio convertido en igrexa, Santa Cristina de Lena e San Miguel de Lillo; e do reinado de Afonso III, que construíu unha basílica en Compostela, sobresae San Salvador de Valdediós. No eido das artes suntuarias consérvanse as cruces de la Victoria e de los Ángeles e as caixas de las Ágatas da catedral de Oviedo e das reliquias da catedral de Astorga. No territorio de Al-Andalus, o primeiro período correspóndese coa arte califal ou omeia, producida baixo o goberno dos Omeia. A manifestación máis relevante é a mesquita de Córdoba, iniciada por ‘Abd al-Ra ḥ mān I cara ao ano 785 e ampliada polos sucesivos califas; outras construcións salientables son a mesquita do Cristo de la Luz (Toledo), convertida en igrexa cristiá, e a cidade de Medināt al-Zahrā’. Polo que respecta ás artes suntuarias, traballaron o marfil. A arquitectura dos Reinos de Taifas foi principalmente militar e palaciana. A crise económica provocou o emprego de materiais pobres que se recubriron de xeserías e outros elementos decorativos. Destacan, entre outros, o palacio de La Aljafería de Zaragoza e as alcazabas de Málaga, Almería e Granada. O elemento máis característico da época almorábide foi a decoración de mocárabes. Entre as poucas construcións que se conservan destacan as ruínas do castelo de Castillejo de Monteagudo (Murcia). Os almohades fixeron diferentes construcións, entre outras, a Giralda, que foi o minarete da mesquita de Sevilla, e o patio de xeso do alcázar de Sevilla. O derradeiro período da arte hispanomusulmana foi a arte nazarí. Mentres que os exteriores se presentan austeros, os interiores dos edificios están moi decorados. Neste período construíuse a Alhambra de Granada, residencia real e fortaleza, e o Generalife, residencia estival dos monarcas. Os cristiáns que vivían en terras de dominio musulmán desenvolveron unha arquitectura que se estendeu tamén ao territorio cristián. Ao tratarse dunha arte de repoboación non tivo unha grande unidade estilística e baseouse nas tradicións paleocristiás e hispanovisigodas. Empregouse, en xeral, o arco de ferradura enmarcado nun alfiz e as bóvedas nervadas e de cuarteiróns. Cómpre destacar o templo rupestre de Bobastro (Málaga) e as igrexas de San Baudilio de Berlanga (Soria), San Miguel de la Escalada (León), Santa María de Lebeña (Cantabria), San Cebrián de Mazote (Valladolid), Santa María de Melque (Toledo), Santo Tomás de las Ollas (Ponferrada), Santiago de Peñalba (León) e San Miguel de Celanova. Presenta tamén características mozárabes Sant Quirze de Pedret (Barcelona). Entre as miniaturas destacan as dos Comentarios ao Apocalipse de Beato de Liébana. A primeira arte románica (ss X-XI) desenvolveuse en Catalunya baixo a influencia lombarda coa construción, entre outros, dos mosteiros de Sant Pere de Rodes, Sant Miquel de Cuixá e Santa Maria de Ripoll, da catedral de La Seu d’Urgell e das igrexas de Sant Viçent de Cardona e de Sant Climent e Santa Maria de Taüll. Os edificios románicos máis representativos construíronse a partir do s XI a través do Camiño de Santiago, no que destacan, entre outras edificacións, o mosteiro de San Juan de la Peña, a catedral de Jaca, o mosteiro de Loarre, a cripta de San Salvador de Leyre, San Martín de Frómista, San Isidoro de León e a catedral de Santiago de Compostela. En Castela e León, ao S do Douro construíronse unha serie de igrexas caracterizadas pola presenza dun pórtico lateral, entre as que destacan San Salvador de Sepúlveda, San Martín, San Esteban e San Millán (Segovia) e San Juan de Duero e San Juan de Rabanera (Soria). A cúpula de cuarteiróns é a característica principal da catedral de Zamora, da colexiata de Toro e da torre del Gallo da catedral vella de Salamanca. O contacto entre cristiáns e musulmáns deu lugar á arquitectura románico-mudéxar ou románica de ladrillo, desenvolvida en León, Castela e Toledo. Destacan, entre outras construcións, San Tirso de Sahagún; a torre de Santiago de Arrabal, a cabeceira do Cristo de la Luz e a sinagoga de Santa María la Blanca en Toledo; San Esteban e San Martín de Cuéllar en Segovia; e San Lorenzo en Toro, Zamora. Esta arquitectura estendeuse a finais do s XIII a Andalucía e Aragón onde destaca, entre outras obras, a ábsida da Seo de Zaragoza. A escultura románica aparece nas portadas, tímpanos e capiteis cunha finalidade non só decorativa, senón tamén didáctica. Cómpre destacar a fachada de Santa Maria de Ripoll, o tímpano da catedral de Jaca, os relevos do claustro do mosteiro de Silos, a portada de San Vicente de Ávila, a Cámara Santa de Oviedo e a portada de Praterías da catedral de Santiago de Compostela, obra do mestre Estevo. A transición entre a escultura románica e a gótica marcouna o Pórtico da Gloria do Mestre Mateo. En madeira realizáronse fundamentalmente imaxes de Cristo en maxestade (Cristo de Batlló) ou crucificado, rodeado ou non da Virxe, san Xoán e outros personaxes bíblicos (descendemento de San Joan de les Abadesses). No eido da pintura, sobresaen os frescos de Sant Climent e Santa Maria de Taüll (Lleida), da igrexa da Vera Cruz de Maderuelo (Segovia) e do Panteón Real de San Isidoro de León. Entre os frontais de altar destacan os do Mestre de Aviá. Da miniatura románica consérvanse, entre outros, o Beato de San Isidoro de León, o Libro de Horas de Fernando I, o Beato de Osma e a Biblia segunda de santo Isidoro de León. A difusión da orde do Císter determinou a construción de mosteiros que foron a vía de penetración do estilo gótico. Erixíronse, entre outros, os mosteiros de Moreruela (Zamora), Santa María de Huerta (Soria), as abadías de Poblet e de Santes Creus (Tarragona), o mosteiro de Las Huelgas (Burgos), La Oliva (Navarra) e Santa María de Oseira e, a finais do s XII, a cabeceira da catedral de Ávila. O gótico clásico desenvolveuse no s XIII coa construción das catedrais de León, Burgos e Toledo. A escultura monumental desenvolveuse nestas catedrais coas portas de El Sarmental e de La Coronería na catedral de Burgos, a Virgen Blanca da catedral de León e a porta de El Reloj da catedral de Toledo. Entre as miniaturas sobresaen as que aparecen nos códices das Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio, o Tratado de Ajedrez, o Libro de los Caballeros de Santiago e o Brevari d’Amor.
Ciencia
Os musulmáns realizaron un fondo labor de investigación e transmitiron os coñecementos da Antigüidade. As academias, escolas e bibliotecas de Córdoba, Granada e Sevilla foron o foco dende o que se irradiou a ciencia cara ao mundo, do mesmo xeito ca as establecidas polos xudeoespañois en Córdoba e Toledo. Nestes centros desenvolveuse a farmacoloxía como ciencia independente e desligada da medicina e da botánica, e, como consecuencia, establecéronse as primeiras boticas en España. Adquiriu tamén importancia o estudo da zooloxía e o da medicina; nesta disciplina os musulmáns foron a vangarda do seu tempo. Na astronomía destacaron, entre outros, Azarquiel, cordobés do s XII que contribuíu ao establecemento das táboas astronómicas e ideou varios instrumentos astronómicos, e o tamén médico Averroes (1126-1198). Os tradutores fixeron accesibles os coñecementos dos árabes, gregos e indios transmitidos polos musulmáns. No s XII o arcebispo Raimundo fundou a escola de Toledo, que introduciu a álxebra en Europa mediante as primeiras traducións de tratados sobre esta ciencia. A finais deste período destacou Afonso X o Sabio que compilou e traduciu tratados científicos, como o Libro del saber de astrología, as Tablas alfonsíes, que rexistran a localización de planetas e as coordenadas zodiacais, e o Lapidario, que estudia e describe as propiedades máxicas das rochas.
Ensino
En Al-Andalus floreceu unha importante actividade educativa, desenvolvida a través das madrassas, e cultural, en particular durante os ss IX e X. Baixo o fortalecemento do poder monárquico dos reinos cristiáns do N da Península e, sobre todo, cara a finais do s X foise restablecendo a actividade educativa e formativa latinista, de orientación fortemente relixiosa, estruturada arredor das disciplinas das artes liberais; das escolas monásticas, tanto de alumnado interno coma externo, pasouse ás escolas catedralicias, entre as que destacou a de Santiago de Compostela dende finais do s XI, para finalmente dar paso á creación das universidades. A primeira universidade hispana (alén da curta iniciativa palentina) foi a de Salamanca (1218), a universidade da metrópole relixiosa compostelá e do Reino de León, seguida pola de Lleida (1300). Estas institucións, recoñecidas por unha bula papal, estaban reguladas polo título XXXI da “Segunda partida” de Las siete partidas de Afonso X o Sabio.
Filosofía
A achega de Averroes é crucial para entender a adaptación que da obra de Aristóteles fixo no s XIII san Tomé de Aquino e toda a escolástica, pois dispuxo das obras aristotélicas nunha medida descoñecida nos territorios cristiáns e consagrou algunhas obras ao comentario dos libros do grego, ata o punto de que, para moitos autores cristiáns, foi coñecido como o Comentador. O seu pensamento deu lugar ao averroísmo latino, doutrina contra a que loitou san Tomé de Aquino e que, posteriormente, foi declarada herética e prohibida pola Igrexa.
Lingua
A finais do s IX comezou a expansión castelá pola meseta de Burgos e cara ao 950 Fernán González erixiu o gran condado de Castela, co centro político e social en Burgos, onde agromaron documentos procedentes de Burgos, Cardeña e Covarrubias. Nos movementos de repoboación xogou un papel destacado o elemento éuscaro, perceptible na toponimia, e a posible concorrencia da sintaxe árabe. Despois, Sancho o Vello anexionou a Navarra bisbarras castelás como a Castela Vella con Trasmiera, Bureba e os Montes de Oca, ademais de Araba e Bizkaia, co que se foi facendo perceptible o influxo navarro. Afonso VI suprimiu o rito visigótico ou mozárabe (1070-1080) e durante o seu reinado comezou o predominio do elemento franco como resultado da influencia que a clerecía ultrapirenaica exerceu sobre a española tralas reformas cluniacense e cisterciense. A influencia franca revélase importante nestes séculos tanto en textos xurídicos (principalmente nos Fueros) como nos textos literarios e resulta especialmente intensa no Auto de los Reyes Magos. O elemento franco, á súa vez, foise hispanizando tras un proceso que fora anterior nos dominios ástur-leonés e castelán ca en Aragón e Navarra: nestes reinos a inmigración procedente de Ultraportos foi máis intensa e persistente. A complexidade do contacto lingüístico dos núcleos urbanos da zona centrosetentrional durante o s XII caracterizouse pola convivencia do dialecto local, falado pola maioría da poboación, co castelán estándar oficial dos documentos, o latín como lingua do culto cristián e de certos documentos, o occitano coas variantes dialectais (principalmente o gascón) dos comerciantes francos, o hebreo como lingua relixiosa da xudería, o árabe coránico e o árabe falado (hispanoárabe) da poboación árabe, o mozárabe dos inmigrados e o éuscaro dos repoboadores procedentes da área vasca. A esta complexidade lingüística da área castelá hai que sumar o feito de que Afonso X contase con colaboradores de diversa procedencia, ata o punto de chegar a ser o plurilingüismo unha característica da súa corte. Non debe estrañar, pois, que o monarca pulara pola denominada “reforma afonsina”, derivada da necesidade de crear unha lingua castelá xeral normalizada que se chegara a superpoñer a esa heteroxeneidade. Rafael Lapesa ten sinalado a existencia de dúas normas ben diferenciadas no castelán da época afonsina: o castelán koiné, en que confluíron a influencia semítica e franca, representado pola linguaxe épica do Cantar de Mio Cid e do Roncesvalles, a clerical de Berceo, o Libro de Apolonio e o Libro de Alexandre, o xograresco da Razón de Amor, a prosa da Fazienda de Ultramar e unha morea de documentos notariais; e o castelán drecho ou koiné castelá, que respondía en xeral ao gusto de Burgos, con certas concesións á lingua de Toledo e de León. Esta koiné castelá, que se converteu despois na lingua de toda a comunidade hispánica, non recibiu de iure o estatuto de oficialidade ata o s XX, se ben foi de feito lingua oficial dende o s XIII. De forma xeral pode afirmarse que a partir da reforma afonsina a grafía quedou solidamente establecida (ata o punto de que a transcrición gráfica aceptaba as normas fixadas pola chancelería e o scriptorium afonsino ata o s XV), a sintaxe fíxose máis elaborada, ordenada e complexa, e o léxico enriqueceuse con vocabulario técnico de base castelá, árabe e latina. Esta koiné castelá medieval, diverxente xa do latín e doutros sistemas de idéntica orixe románica, tamén do árabe e do éuscaro, estaba máis próxima a estes que ao castelán clásico e moderno. Ata a época de Fernando III, e xa de xeito máis xeral ata Afonso X, a lingua escrita tradicional en territorio castelán era o latín. En ocasións é doado distinguir qué correspondía nun texto á realidade da lingua falada e qué ao latín superposto (como sucede nas Glosas), pero outras veces non é tan fácil. A escritura hispánica caracterizouse polo conservadurismo latinizante, sometida a ríxidos moldes aprendidos, polo que os documentos do s X ao XIII ofrecen non a constitución dos romances senón a súa normalización escrita. Na lingua literaria, a corte de Portugal foi centro cultural da Península, cunha lingua poética (o galego-portugués) única e homoxénea. A Coroa de Aragón servía de ponte, cara a Castela, da poesía provenzal. A prosa castelá tiña o seu centro en Toledo, onde había un grupo mozárabe compacto, lugar da actividade da escola de tradutores que acadou o cumio na época afonsina. É moi importante ter en conta a participación activa que tiveron na formación da prosa castelá persoas procedentes dos lugares máis diversos da Península, entre os que destacan os vascos, e de fóra dela, os francos. A partir do s X, prodúcense fenómenos de nivelación lingüística habituais nos procesos migratorios onde conflúen xentes de diferentes dialectos que se incorporan a sociedades sen suficiente estruturación e con escasa densidade demográfica. Explícase así por qué o castelán, xunto con trazos comúns cos romances veciños, presenta solucións orixinais, pero, por outra banda, non son totalmente alleas á evolución doutros romances, senón máis ben o resultado final de procesos simplificadores. No literario, o castelán en formación aceptou elementos rexionais e así se explica que en textos e autores da primeira época (Razón de amor, Vida de Santa María Egipciaca, Gonzalo de Berceo) sexa sempre conflitivo saber se o dialecto é froito do autor ou da copia. Dialectalismo hai mesmo en textos non literarios, caso dos aragonesismos presentes no Fuero de Alcalá de Henares, e non hai que esquecer a incidencia que o mozárabe tivo sobre o castelán, especialmente no léxico.
Literatura
A invasión árabe no 711 supuxo unha nova ruptura na evolución das letras hispanas. O baleiro aberto trala aparición no ano 680 da Historia Wambae regis de san Xián prolongouse ata mediados do s VIII, época en que se perciben os primeiros síntomas de recuperación cultural co cultivo da poesía litúrxica, de obras historiográficas sobre a conquista musulmá e de escritos sobre a polémica adopcionista. A literatura hispanoárabe xurdiu no s IX, coincidindo co grande esplendor cultural do califato de Bagdad e cun pequeno rexurdimento protagonizado polos mozárabes cordobeses, no que sobresaen Euloxio de Córdoba, Paulo Albaro e Cipriano. Nesta época dátase tamén a primeira xeración de poetas andalusís, encabezados por Ibn Habib, Abu l-Majsi ou ‘Abbas ibn Nasih. O autor máis importante deste período é al-Gazal, que viviu baixo o emirato de al-Hakam I (822-852) e que compuxo a súa obra poética segundo formulacións doutrinais moi semellantes ás que darían orixe, nas literaturas románicas, á fin’amors ou amor cortés. Como representante da comunicación cutural con Oriente que existiu neses anos, cómpre mencionar a Ziryab, poeta e músico de orixe persa que desenvolveu boa parte da súa produción na corte cordobesa. A finais do s IX naceu o xénero das muwaxahas, atribuído a Moccaddan de Cabra, composicións que rematan cunha breve estrofa romance denominada kharxa. O momento de esplendor da literatura andalusí constitúeo o s X, que coincide co califato cordobés. Algúns autores desta etapa son ‘Abd Rabbini (860-940), que compuxo poemas corteses e un célebre libro de adab, ou xénero misceláneo, titulado al-’Iqd; Ibn Hani’ al-Andalusi (morto en 973), que foi poeta de corte do califato fatimí; os poetas Yahya ibn Hudayl (917-998) e o seu discípulo Yusuf ibn Harun al-Ramadi (morto preto de 1012); ou os que compoñían a corte poética de Almanzor, especialmente, Ibn al-’Arif (morto no 999) e o seu rival Sa‘id. A caída do califato provocou a decadencia do centro cultural cordobés e a extinción das últimas xeracións de poetas cortesáns. Desta época é Ibn Hazm (994-1063), teólogo, xurista e literato, que compuxo O colar da pomba, tratado amoroso de inspiración neoplatónica. A decadencia política, sen embargo, non impediu un novo florecemento artístico, arredor das cortes das taifas andalusís, entre as que sobresaíron as de Sevilla, Almería e Granada. Dos poetas sevillanos, cómpre mencionar o Rei al-Mu‘tamid (1040-1095), que cultivou todos os xéneros e que acadou celebridade, así mesmo, pola súa vida novelesca. O período das taifas conclúe coas invasións africanas, que traen consigo un quebranto inmediato para as letras andalusís, especialmente durante a etapa almorábide. A etapa das segundas taifas e da dominación almohade, en cambio, supón un novo despertar. Os poetas Safwan ibn Idris (1165-1202) e Abu Ya‘far ibn Sa‘id (morto en 1163), os prosistas al-Saqundi (morto en 1232) e Ibn al-Sayj (1132-1207), o historiógrafo Ibn Sahib al-Salá (morto en 1181), o místico Ibn al-‘Arabi (1165-1240) e o filófoso Ibn Tufayl (morto preto de 1185) representan estes florecentes anos. A derradeira etapa da literatura hispanoárabe coincide co reino nazarí de Granada, que recolleu toda a herdanza cultural andalusí, a miúdo coa carga retoricista engadida que procede da imitación dos modelos clásicos. A pesar disto, cómpre mencionar unha serie de poetas cortesáns de gran mérito, como Ibn al-Zubayr de Jaén (1230-1308), Ibn al-Hakim de Ronda (morto en 1308) ou o poeta e historiador Lisan al-Din Muhammad inb al-Jatib (1313-1375). Pola súa banda, a consolidación dos reinos cristiáns propiciou tamén o espertar da literatura, especialmente a historiográfica. Os seus primeiros froitos foron a Cronica Albeldense e a Cronica de Afonso III, ambas as dúas de finais do s IX. O xénero historiográfico cultivouse con profusión ata o remate da Idade Media. A medida que avanzaba cara ao S a expansión territorial dos reinos cristiáns e que, trala desaparición do califato cordobés, se debilitaba o poder musulmán, definíronse unha serie de centros culturais, entre os que destacan Toledo, onde se desenvolveu un intenso labor de tradución; Santa Maria de Ripoll, mosteiro no que se sitúa unha intensa produción de obras poéticas litúrxicas e profanas; e Santiago de Compostela, arredor da catedral, onde se compuxeron dúas das grandes obras hispánicas medievais, a Historia Compostellana e o Liber Sancti Iacobi (ou Códice Calixtino). Ao longo dos ss XI, XII e XIII, época de esplendor da literatura latina española, tivo lugar o renacemento cultural do Occidente medieval, que en España se vinculou a unha serie de factores inmediatos, como a penetración da orde de Cluny ou o desenvolvemento das peregrinacións xacobeas. Nesta época compúxose o Poema de Almería, unha das grandes mostras da épica latina española; ademais, floreceu o ciclo literario cidiano, do que se conservan obras en romance e latín; entre estas últimas, a Gesta Roderici e o Carmen Campidoctoris. A partir do s XIII as literaturas en romance cobraron, paulatinamente, un maior pulo, feito que redunda no declive das letras latinas, sobre todo a partir de mediados desa centuria. Á primeira corresponden Lucas de Tui, que compuxo Chronicon Mundi (1236), e Rodrigo Ximénez de Rada o Toledano (1180-1247?), que escribiu a Historia Gothica. As primeiras manifestacións literarias hispánicas en romance atéstanse na segunda metade do s XII e débense, precisamente, a trobadores cataláns que escribían en occitano, como Guiraut de Cabrera, Guillem de Berguedà, Ramon Vidal de Besalú ou Cerveri de Girona. Nos últimos anos dese século documéntase tamén a primeira composición da escola trobadoresca galego-portuguesa, obra de Johan Soares de Paiva. Ata o s XIV o provenzal foi a lingua poética catalana, non só na lírica, senón tamén na narrativa, segundo demostra o roman artúrico de Jaufre, do primeiro terzo do s XIII. Pola contra, a lingua poética de todo o ámbito centrooccidental (Castela e León) foi durante 150 anos o galego-portugués. De feito, o período de esplendor da escola trobadoresca galego-portuguesa sitúase na corte de Afonso X o Sabio, trobador e mecenas de trobadores, que produciu unha abondosa lírica de carácter profano, ademais do maior exemplo da lírica relixiosa medieval, as Cantigas de Santa María. En canto á épica, cómpre mencionar o Cantar de Mio Cid (1207?), que consagra o castelán, á marxe do latín, como código poético do xénero épico de todo o centro peninsular. De feito, os únicos cantares de xesta peninsulares que se conservan están escritos nesta lingua, incluído o fragmentario Cantar de Roncesvalles, de procedencia navarra e que relata a expedición de Carlomagno a España e a morte de Roldán. O outro cantar conservado, Las mocedades de Rodrigo, forma parte do mesmo ciclo narrativo ca o Cantar de Mio Cid, arredor da vida e fazañas deste heroe castelán. Polo que atinxe á poesía didáctica, cómpre mencionar a obra de Gonzalo de Berceo, monxe rioxano do s XIII que compuxo, entre outras obras, unha recompilación de milagres marianos, titulada Milagros de Nuestra Señora. A produción historiográfica presenta catro grandes obras: o Libre dels feyts, composto no reinado de Xaime I de Aragón (1213-1276), soberano que interveu moi directamente na súa composición; a Crònica (1283-1288) de Bernat Desclot; a Crònica de Ramon Muntaner (1265-1336); e a Crònica del reis d’Aragó ou Crònica de Pedro o Cerimonioso, composta baixo a supervisión directa deste monarca (1336-1387). A prosa castelá coñeceu un considerable desenvolvemento a mediados do s XIII, da man de Afonso X o Sabio, que impulsou -baixo o seu patrocinio e, ás veces, baixo a súa intervención directa- a composición de obras científicas e xurídicas (Libro del axedrez, Libro de la ochava esphera ou Siete Partidas) e historiográficas (Crónica General e a Grande e General estoria).
Música
A música andalusí ou arábigo-andaluza é a herdanza musical, tanto vogal como instrumental, da civilización hispanoárabe desenvolvida en Al-Andalus entre os ss IX-XV e conservada pola tradición oral nos países do N de África, onde se asentaron as escolas musicais despois da expulsión dos musulmáns (ss XVI-XVII). Adquiriu identidade propia en Al-Andalus e máis tarde pasou a Oriente. Como xénero musical sobresaen as nubas, pezas de corte clásico de orixe oriental que xurdiron no Bagdad abbásida e posteriormente evolucionaron e se desenvolveron en Al-Andalus (feito que explica a mestura da música cristiá coa achega da bérber e xudía que se configurou no período nazarí granadino). Posteriormente, o filósofo e músico de Zaragoza Abū Bakr Mu ḥ ammad ibn Bā ǧǧ a (1070-1138), coñecido como Avempace, reestruturou este xénero musical. No período abbásida destacou a escola clásica, dirixida por Is ḥ āq al-Maw ṣ ilī, de grande influencia en Oriente, África Setentrional e na Península, e a romántica, dirixida por Ivrahim al-Mahdi. Durante o goberno de ‘Abd al-Ra ḥ mān I chegaron a Córdoba os primeiros cantores orientais procedentes das escolas clásicas, entre as que destacou a escrava cantora medinesa ‘Ayfâ; o emir ‘Abd al-Ra ḥ mān II foi o primeiro en fundar un conservatorio musical en Al-Andalus. O músico e poeta persa Abū-l- Ḥ asan ‘Alĩ ibn Nāfī, coñecido como Ziryāb o Paxaro negro cantor, introduciu as nubas de Bagdag e o sistema árabe-pérsico, creou en Córdoba a primeira escola musical (s IX), estableceu un método de canto e engadiulle ao laúde clásico oriental unha quinta corda e o emprego do plectro ou pluma de ave para tanxelo. Proba da influencia islámico-andalusí son as iconografías de instrumentos islámicos na colección de botes, arquetas e marfís, nas miniaturas inseridas nos códices medievais cristiáns, e a estrutura de estrofas como a muwaxaha ou o zéjel que se reflicte nos vilancicos dos cancioneiros cristiáns, na lírica tradicional galaico-portuguesa, a través das cantigas de amigo, e nas formas poético-musicais da lírica francesa. Coa chegada dos Reinos de Taifas, a música tivo un período florecente e as nubas acadaron a súa plenitude. As cortes almohades, como a do rei abbásida de Sevilla al-Mu’tamid ibn al-’Abbas, de Ibn Mardanis, señor de València e Murcia, de Ibn ‘Abbas de Almería e do Rei al-Ma’mūm de Toledo, contaban con importantes orquestras de músicos e cantoras musulmanas. Trala conquista do Reino de Granada polos Reis Católicos (1492), a cultura musical desprazouse cara ao Magreb. Polo que respecta á música cristiá, a finais do s XI estableceuse o canto gregoriano ou romano carolinxio, e desapareceu o canto hispánico das igrexas. Catalunya foi a primeira en adoptar o rito romano carolinxio e, consecuentemente, o canto gregoriano. Pouco despois, en 1067 introduciuse o rito romano carolinxio no mosteiro de Leyre e en 1071 no mosteiro de San Juan de la Peña. O Reino de Castela e León puxo moitos impedimentos á nova liturxia e o Papa Gregorio VII mandou unha bula ao Rei Afonso VI, e mais a Sancho I Ramírez, rei de Aragón, na que esixía o abandono do rito hispánico. Paralelamente, comezou en Europa un proceso de copia de códices litúrxico-musicais; os primeiros códices musicais escritos na Península datan de principios do s XII e os libros litúrxicos adaptáronse ás necesidades de cada comunidade relixiosa. Ao chegar o canto gregoriano, a estrutura da misa romana estaba practicamente fixada. Polo que se refire á música profana, durante a Idade Media iniciouse o movemento musical dos xograres e trobadores favorecido polo Camiño de Santiago, que serviu como vía de penetración da lírica occitana e da temática do amor cortés do S de Francia, ademais de contar cos seus repertorios propios (os cantos de romeiros). Afonso X o Sabio impulsou na súa corte as ciencias e as artes, rodeouse de trobadores, xograres, cantantes e instrumentistas cristiáns, xudeus e árabes, e decretou que no quadrivium da Universidad de Salamanca se ensinase o organum e os diferentes xéneros compositivos vixentes daquela. As Cantigas de Santa María ( cantiga), recompiladas polo monarca, son un exemplo excepcional dentro da música paralitúrxica medieval; cántanse acompañadas de instrumentos que se reproducen nas miniaturas que adornan os códices. Na música profana, sobresaen as 7 cantigas de amigo de Martin Codax ( cantiga), das que 6 conteñen música anotada. A primeira etapa da polifonía medieval é a ars antiqua, que agrupa pezas producidas ao redor da Escola de Notre Dame e está representada en España, principalmente, polo Liber Sancti Iacobi ou Codex Calixtinus, polo Manuscrito de Toledo, escrito a finais do XIII e conservado na Biblioteca Nacional de Madrid, que contén obras anónimas da escola de Notre Dame; e polo códice do mosteiro feminino cisterciense de Las Huelgas, copiado a principios do s XIV e unha das mostras polifónicas medievais por excelencia.
A ruptura do mundo medieval
A construción das coroas de Castela e Aragón
O continuo avance cristián deixou, dende mediados do s XIII, o dominio musulmán limitado ao reino nazarí de Granada. Os enfrontamentos entre musulmáns e cristiáns continuaron durante os ss XIV e XV como parte da dinámica interna dos reinos. No reino castelán, a ofensiva contra os musulmáns iniciouse no reinado de Fernando IV (1295-1312) e continuou no do seu fillo Afonso XI (1312-1350), quen tomou Algeciras (1344) e conseguiu o control sobre o estreito de Xibraltar. Mais desde mediados do s XIV a liña de fronteira moveuse pouco e os reis casteláns centráronse máis na política interna. Durante a minoría de idade de Afonso XI, a existencia dun baleiro de poder permitiulle á alta nobreza conseguir maiores prebendas e ás cidades e vilas crear a Irmandade Xeral para protexer os seus intereses. Unha vez que Afonso XI alcanzou a súa maioría de idade, o monarca fortaleceu o poder real: suprimiu a Irmandade e promulgou o Ordenamento de Alcalá de Henares (1348), no que se deu vixencia real a Las siete partidas. Poucos anos despois da súa morte estalou unha guerra civil entre o seu herdeiro Pedro I o Cruel (1350-1369) e unha coalición nobiliaria liderada por Enrique de Trastámara na que tamén se involucrou o rei aragonés Pedro IV o Cerimonioso (1336-1387) e o monarca francés, partidarios de Enrique de Trastámara, e a monarquía inglesa que apoiou a Pedro I a cambio do señorío de Biskaia. O asasinato de Pedro I en Montiel en 1369 deixou libre o acceso ao trono do Trastámara (Enrique II de Castela o Fratricida, 1369-1379), que liquidou os focos de resistencia á súa persoa e concedeu privilexios aos nobres que o axudaran. En política exterior, acabou co enfrontamento entre Castela e Aragón pola Paz de Almazán (1375), na que tamén se concertou o casamento entre o herdeiro ao trono Xoán I e Leonor de Aragón, e interviu na Guerra dos Cen anos como aliado de Francia. Xoán I (1379-1390) continuou a política centralizadora, suprimiulle novas prerrogativas á nobreza e reorganizou o Consello Real. O seu segundo matrimonio con Beatriz de Portugal abriulle as portas ao trono portugués; sen embargo, a oposición portuguesa liderada polo mestre da orde de Avís derrotouno na Batalla de Aljubarrota (1385). Dous anos máis tarde, Xoán I tivo que enfrontarse á invasión de Galicia por parte de Xoán de Gante, duque de Lancaster, casado cunha filla de Pedro I o Cruel. En 1388 o duque de Lancaster renunciou ao trono no Tratado de Baiona. No s XIV a Coroa de Aragón centrouse no avance no Mediterráneo. Xaime II o Xusto (1291-1327) renunciou a Sicilia a cambio das illas de Córsega e Sardeña, firmou con Castela o Tratado de Monteagudo (1291), no que se repartiu as zonas de influencia no N de África, e ocupou entre 1310 e 1311 o ducado de Atenas. Pedro IV o Cerimonioso (1336-1387) incorporou definitivamente Mallorca á Coroa de Aragón e o seu fillo Xoán I (1387-1396) perdeu os ducados de Atenas (1388) e Neopatria (1391). Tralo reinado de Martiño I o Humano (1396-1410), cheo de problemas sociais e económicos, formulouse a sucesión con tres candidatos: Xaime de Urgell, tío do monarca, Luís de Anjou e Fernando de Antequera, candidato dos Trastámara. O carácter electivo da monarquía aragonesa permitiu que as Cortes do reino escollesen no Compromiso de Caspe (1412) a Fernando de Antequera, polo que tanto en Castela como en Aragón gobernaba a mesma familia. O s XV foi un século de enorme conflitividade social nas dúas coroas. En Castela a resistencia antiseñorial comezou en 1395 co alzamento da vila de Ágreda e agudizouse, baixo o reinado de Xoán II, coa Primeira Guerra Irmandiña (1431) en Galicia e as agresións aos conversos de Toledo (1449). En Aragón a conflitividade social centrouse no reinado de Afonso V o Magnánimo (1416-1458) que tivo que enfrontarse ás revoltas dos campesiños cataláns, aos enfrontamentos en Barcelona entre o patriciado urbano e a pequena burguesía polo control do monopolio municipal e ao alzamento do campesiñado mallorquino oposto á oligarquía municipal.
O florecemento urbano
Durante estos dous séculos, o reino nazarí de Granada caracterizouse pola existencia dunha continuidade nas formas de goberno de carácter centralista. O territorio continuou dividido en coras que, á súa vez, se dividiron en ta’as, pequenas circunscricións con gobernador. Nos reinos cristiáns tamén continuou o proceso centralizador comezado nos séculos anteriores. Na Coroa de Castela, o monarca reforzou a estrutura estatal co Consello Real, creado en 1385, coa Audiencia, órgano supremo de xustiza creado en 1371 e de carácter itinerante, coa Contadoría Maior de facenda, encargada das rendas reais, e coa fusión das Cortes de Castela e León nunha mesma institución. O territorio reorganizouse en cinco grandes circunscricións (Castela, León, Galicia, Andalucía e Murcia) gobernadas polos adiantados e os corrixidores, representantes do poder central nos concellos. En 1348 impúxose a utilización de Las siete partidas sobre os dereitos de carácter local. Na Coroa de Aragón a situación foi diferente ao ser o propio monarca o elemento de cohesión. Existían Cortes en cada un dos reinos e unhas Cortes xerais do conxunto da coroa. Ademais, durante o reinado de Pedro IV o Cerimonioso (1336-1387) creouse o cargo de gobernador xeral que no s XV se substituíu polo de vicerrei. A administración territorial variou segundo as zonas: en Mallorca dividiuse en veguerías; en Aragón xunto aos honores apareceron as xuntas de municipio; en València creáronse os distritos (1347), e en Catalunya a Generalitat converteuse en 1359 nunha institución permanente, primeiro cunha finalidade fiscal e despois tamen política. A sociedade andalusí estaba composta por un gran número de musulmáns, moitos deles chegados dos territorios conquistados polos reinos cristiáns, e polos non musulmáns, composto por cristiáns e xudeus. En Castela os grandes nobres aumentaron as súas redes de poder sobre todo trala creación no s XIV do morgado. Por baixo deles estaban os fidalgos, cabaleiros viláns e unha incipiente burguesía, que tiña como máxima aspiración acceder ao status de cabaleiro. Entre os sectores populares estaban o campesiñado, os escravos e unha minoría xudía, perseguida en varias ocasións (1391) e obrigada a se converter ao cristianismo. Na Coroa de Aragón a situación era moi semellante, xa que existía unha alta nobreza vinculada aos postos de poder do Estado e con grandes posesións, unha burguesía urbana e comercial, sobre todo en Catalunya, e unha maioría de labregos, moitos deles mudéxares. A Igrexa continuou, tanto en Castela como en Aragón, a formar parte das clases dirixentes, aínda que xurdiron algunhas voces discordantes que buscaban unha reforma. No eido económico, o Reino de Granada continuou a súa produción agrícola e artesanal do mesmo xeito que nas coroas de Castela e Aragón. Ao longo dos ss XIV e XV desenvolveuse un importante comercio baseado na industria téxtil. En Castela, a cidade de Burgos e mais o porto de Bilbao convertéronse nos principais exportadores de la a Flandres. En Aragón, en cambio, a actividade téxtil centrouse no algodón e a seda orientada ao mundo mediterráneo. En Catalunya, o comercio converteuse nunha actividade tan importante que no s XIV apareceu unha compilación de dereito marítimo, o Llibre del consolat de mar.
Arte
Nos ss XIV e XV os focos artísticos situáronse en Catalunya, València e as Illes Balears e constituíron o denominado gótico mediterráneo. Construíronse, entre outras, a igrexa de Santa María del Mar e as catedrais de Barcelona, Palma de Mallorca e Girona. No s XV traballaron en Castela Juan (?-1481) e Simón (1450?-1551?) de Colonia na catedral de Burgos, na cartuxa de Miraflores (Burgos), nas catedrais de Sevilla e Oviedo e na igrexa de San Pablo de Valladolid, e Gil de Siloé na cartuxa de Miraflores. Dende o s XIV desenvolveuse a arquitectura gótico-mudéxar, caracterizada polas igrexas con grandes torres de planta cadrada ou poligonal. Destacan, entre outras obras, as torres de San Pablo de Zaragoza, San Martín de Teruel, Santa María en Lebrija (Sevilla), a igrexa do Omnium Sanctorum en Sevilla e o mosteiro de Guadalupe (Cáceres). No eido da arquitectura civil destacan o antigo Palacio Real de Tordesillas, convertido en convento de Santa Clara, e os castelos de Arévalo (Ávila), Coca (Segovia) e Medina del Campo (Valladolid). A escultura espallouse por toda a fachada. Cómpre salientar a decoración da porta do Perdón da catedral de Toledo e, no eido da escultura funeraria, os sepulcros reais de Poblet, da catedral de Toledo, do mosteiro de Las Huelgas e o sepulcro de Carlos o Nobre e a súa dona na catedral de Pamplona e o Doncel de Sigüenza. No apartado da pintura, dende o s XIV desenvolveuse o italogótico, baseado no idealismo e no interese polo volume, coas obras de Ferrer Bassa.
Ciencia
O s XIV marcou o inicio dun período de estancamento, aínda que desta época datan as primeiras noticias do estudo das ciencias físicas, consideradas como auxiliares da medicina, igual que o resto de ciencias naturais, polo que se lles dedicou pouco esforzo.
Ensino
Os clérigos cultos, sobre todo os do N da Península, continuaron a súa formación nas máis prestixiosas universidades europeas e moitos deles chegaron a ser profesores nelas ou nas universidades hispanas, preferentemente nas de Salamanca e Alcalá de Henares; outros, en cambio, convertéronse en recoñecidos escritores, en particular de índole canónica, teolóxica e metafísica. Entre estas figuras destacan Ramon Llull e san Reimundo de Penyafort. En Granada fundouse unha madrassa, onde continuou o ensino de astronomía, medicina e matemáticas.
Filosofía
Na especulación filosófica de Ramon Llull (1232?-1315?) atópanse moitos dos temas recorrentes da filosofía medieval, en especial o da clarificación dos ámbitos e das relacións entre a razón e a fe. Combateu a doutrina da dobre verdade mantida por Averroes e defendeu a unidade da ciencia e da natureza. A súa obra máis importante foi Liber de ascenso et descenso intellectus.
Literatura
A literatura medieval mostra unha realidade moi complexa, condicionada polas diferentes linguas empregadas, reflexo, á súa vez, da fragmentación política e cultural do ámbito hispánico nesa época. Do mesmo xeito que uns reinos peninsulares foron consolidándose en detrimento doutros -Portugal, Castela, Navarra e a Coroa de Aragón, ademais do territorio andalusí-, algunhas linguas conseguiron tamén articular unha tradición literaria propia que se reflectiría na escrita. Así, cómpre sinalar a ausencia de textos vascos ata o s XVI, a conservación dunha tradición literaria mínima en navarroaragonés e mozárabe -absorbido o primeiro polo castelán e reducido o segundo ás kharxas- ou a inexistencia de obras en leonés, eclipsado literariamente polo galego-portugués e o castelán. A última xeración poética nazarí data de finais do s XIV e comezos do XV; a partir da segunda metade desta centuria apenas hai documentación acerca da produción literaria en territorio musulmán. Non obstante , posterior á conquista de 1492 é a derradeira obra hispanoárabe, unha crónica anónima que conta a historia do reino nazarí dende 1477 ata 1499, ano da saída ao exilio de moitos granadinos. Ademais, existía unha lingua de cultura, o latín, que mostrou gran vitalidade ao longo de todo o período, así como unha concepción das diferentes linguas, non como códigos identitarios de entidades políticas e culturais, senón como códigos poéticos, autónomos respecto á situación lingüística de cada territorio -de aí a elaboración de koinés poéticas, como o galego-portugués dos ss XIII e XIV ou o galego-castelán dos ss XIV e XV- ou o emprego de linguas foráneas polas cortes literarias de cada reino: o galego-portugués foi usado polos trobadores casteláns; o occitano por trobadores cataláns; e o mozárabe polos poetas andalusís. Á parte de Afonso X o Sabio, o outro gran mecenas da escola galego-portuguesa foi o Rei Denís I de Portugal (1279-1325), que aglutinou na súa corte a última gran xeración poética. Coa súa morte iniciouse un rápido proceso de decadencia que culminou en 1354, ano de pasamento de don Pedro, conde de Barcelos, que significou a extinción da escola lírica. A definitiva substitución do galego polo castelán como lingua poética do centrooccidente hispano prodúcese entre os ss XIV e XV, primeiro a través da denominada escola galego-castelá, aínda apegada aos moldes poéticos corteses de inspiración provenzal e, finalmente, a través da poesía alegórico-dantesca e petrarquista, que penetra en Castela dende Italia. Neste reino produciuse unha grande eclosión de poesía vernácula a partir do reinado de Xoán I (1379-1390), que se prolongou ao longo do século seguinte. Aínda que o castelán, como lingua da poesía lírica, non se consolidou ata mediados do s XIV, a súa utilización na poesía épica e didáctica é moi anterior. Ao s XIV pertence o Libro de Buen Amor, de Juan Ruiz, arcipreste de Hita, obra miscelánea de carácter xocoso e exemplificante. Outras obras pertencentes ao chamado mester de clerecía, caracterizadas todas elas polo emprego sistemático do molde estrófico da cuaderna vía -o Libro de Aleixandre, o Libro de Apolonio e o Poema de Fernán González ou o Rimado de Palacio, de Pero López de Ayala-, corroboran a vitalidade da literatura castelá dos ss XIII e XIV. En Catalunya, pola súa banda, á ausencia de testemuños épicos hai que unir o emprego do provenzal nas narracións novelescas en verso. Esta última circunstancia, en cambio, favoreceu a circulación por terras de fala catalá dos romans chegados do N dos Pireneos, tales como os relatos da materia de Bretaña. Relacionada con este ciclo narrativo estaría La Faula de Guillem de Torroella (nado arredor do 1348), relato de aventuras no que interveñen os personaxes da literatura artúrica. O Espill de Jaume Roig (morto en 1478), relato satírico de carácter misóxino, é xa un século posterior. A prosa doutrinal catalana, pola súa banda, está presidida pola figura de Ramon Llull (1232?-1316?). A historiografía mantivo ata finais da Idade Media a vitalidade acadada nestes anos a través dun abondoso corpus de crónicas, como a Crónica de Pedro I, a Crónica de Juan II ou a Crónica de Enrique IV. Continuador do labor afonsí foi o seu sobriño, o infante don Juan Manuel, que compuxo o Libro del Conde Lucanor, compilación de contos moralizantes. Entre as narracións cabaleirescas e de aventuras destacan a Gran conquista de Ultramar (s XIII), inscrita no ciclo narrativo das cruzadas, e o Libro del caballero Zifar (1300?), adaptación vernácula dos relatos cabaleirescos de orixe francesa con pegadas orientais. Neses mesmos anos talvez se compuxo a versión orixinal do Amadís de Gaula, relato inspirado nas obras artúricas francesas, conservado na versión definitiva que realizou en 1508 Garci Rodríguez de Montalvo. A produción prosística galega centrouse en tres grandes bloques: por unha banda, a adaptación dos relatos de aventuras de procedencia francesa, tales como o Livro de Tristán, tradución fragmentaria do Tristan en prose, obra artúrica da segunda metade do s XIII, e a Crónica Troiana, versión do Roman de Troie de Benoît de Sainte-Maure, ambas as dúas do s XIV; nun segundo lugar consérvanse obras historiográficas de tradición afonsí, como a tradución da Primera Crónica General (datada a comezos do s XIV); por último, as obras compostas arredor do centro cultural compostelán, entre as que destacan os Milagres de Santiago (s XIV), traducida do latín polo crego Rui Vázquez. Polo que atinxe ao teatro, só a Coroa de Aragón mostrou certa vitalidade nos séculos medievais, especialmente polo que se refire ao drama relixioso, vinculado aos ciclos da liturxia (ciclo de Nadal, ciclo de Pascua, ciclo do Corpus). O teatro profano apenas existe, sobre todo no centro e no occidente peninsulares. En galego non se documenta pegada ningunha de literatura dramática, mentres que en castelán toda a produción deses séculos se reduce a unha peza illada, o chamado Auto de los Reyes Magos (s XIII), posiblemente froito de influencias extrapeninsulares.
Música
A ars nova, segunda etapa da polifonía medieval, abrangue dende principios do s XIV ata principios do s XV. Entre as poucas obras que se conservan destacan El Llivre Vermell, códice conservado no mosteiro de Montserrat, no que se establecen as normas de conduta que debían seguir os peregrinos e os cantos polifónicos destinados a eles; e a Misa de Barcelona (s XIV), compilación das diferentes partes do ordinario da misa tratadas polifonicamente.
O nacemento dun estado moderno
A unificación dinástica dos Reis Católicos
Enrique IV de Castela (1454-1474) designou como herdeira a súa filla Xoana, en contra do establecido en 1468 no Tratado dos Toros de Guisando en que designaba a súa medio irmá Isabel como herdeira ao trono. Á súa morte en decembro de 1474, iniciouse unha guerra civil entre os partidarios de ambas as dúas pretendentes. Apoiaban a Xoana o Rei Afonso V de Portugal (1438-1481), o Rei Luís XI de Francia (1423-1483), a nobreza galega e algúns nobres casteláns; mentres que Isabel estaba apoiada polo seu home e herdeiro da coroa de Aragón, Fernando, numerosos eclesiásticos, a maior parte da nobreza e os grandes concellos casteláns. A vitoria dos exércitos fernandinos en Toro (1476), a retirada do apoio francés e os alzamentos antiseñoriais entre os partidarios de Xoana fixeron que Isabel fose aclamada como raíña de Castela e Xoana relegada a un convento. Ao mesmo tempo, a morte en xaneiro de 1479 de Xoán II de Aragón permitiu a Fernando herdar a coroa aragonesa e, por primeira vez, a unión dinástica das dúas coroas. Non obstante , a unión das coroas non significou en ningún momento a unión real dos dous reinos, pois cada un conservou as súas leis, institucións, moeda e aduanas. En Castela, os Reis Católicos iniciaron un proceso de reaxuste político co fin de acabar co poder dalgunha nobreza e restablecer o poder real. Unha das primeiras medidas foi, a pesar do acordado no Tratado de Alcaçovas (1479), acabar con aqueles nobres que apoiaran a causa xoanina. Foi así como terras e castelos foron expropiados a nobres galegos e andaluces e moitos deles víronse obrigados ao exilio. Iniciouse tamén unha importante reforma do estado castelán. O antigo Consello de Castela reorganizouse cunha nova composición na que abundaron os xuristas e converteuse no órgano supremo de goberno e administración. De xeito semellante a este organizáronse novos consellos, entre outros os da Inquisición e o das Ordes Militares, e entre estes e o monarca apareceu a figura do secretario real. Como órgano superior de xustiza reformouse a Chancelería, que fixou a súa sede en Valladolid para os territorios ao N do Texo e en Granada, a partir de 1505, para os territorios ao S, ao tempo que se crearon audiencias nas cidades da Coruña e Sevilla. As Cortes continuaron reuníndose, aínda que cun forte control rexio, co fin de que se fixese a vontade dos monarcas, sobre todo no referente aos impostos. A facenda real tamén foi reformada nun intento de aumentar o nivel de ingresos. A reorganización administrativa afectou tamén aos municipios: para cada cidade importante do reino castelán nomeáronse corrixidores, que viron limitadas as súas funcións ao ser un defensor do municipio fronte ao monarca castelán, ademais obrigouse ás cidades a manter economicamente os xuíces e as cuadrillas que conformaban a Santa Hermandad. No Reino de Aragón apenas houbo cambios dentro da súa estrutura estatal, polo que continuou a ser unha federación de diferentes reinos. En política exterior, os dous reinos mostraron posturas comúns ao apoiarse mutuamente e ao repartirse as áreas de influencia. Mentres Castela se centrou primeiro na conquista do Reino de Granada e despois na expansión atlántica, Aragón centrouse no avance no Mediterráneo. Aínda que xuridicamente o Reino de Granada era vasalo de Castela, os Reis Católicos iniciaron unha guerra de desgaste contra os musulmáns ao aproveitar as divisións internas do reino nazarí. En 1487 caeu Málaga e en 1489 Baza, polo que o reino se reduciu á cidade de Granada e á Alpujarra. Os casteláns estableceron o seu campamento en Santa Fe para continuar coas escaramuzas. Ante a presión castelá, o rei de Granada asinou en segredo a capitulación e entrega da cidade, que tivo lugar o 2 de xaneiro de 1492; segundo ela, os habitantes granadinos tiñan a liberdade de permanecer na súa cidade e preservar a súa relixión, costumes e normas xurídicas. Non obstante , a realidade foi que moitos deles emigraron ao N de África. Despois, Castela repoboou Melilla (1497) e fundou na costa africana Orán (1509) e Santa Cruz de Mar Pequeña (Ifni). A conquista e colonización de Canarias tivo un carácter privado, ata que en 1478 os Reis Católicos reafirmaron a súa soberanía e conquistaron Gran Canaria (1492) e Tenerife (1496). O arquipélago dividiuse en illas de señorío e de reguengo e os colonos superaron en pouco tempo a poboación indíxena. O avance portugués no Atlántico moveu os Reis Católicos a aceptar as proposicións de Cristovo Colón para o descubrimento dunha nova ruta coas Indias. Os termos do descubrimento e da posterior conquista das Indias definíronse nas Capitulacións de Santa Fe (1492), contrato polo que Colón e os reis se repartiron as futuras riquezas. O descubrimento do novo mundo (12.10.1492), enfrontou a Coroa de Castela coa Coroa de Portugal, que ata ese momento fora a potencia preponderante no Atlántico. Os monarcas evitaron o enfrontamento con Portugal e asinaron o Tratado de Tordesillas (1494) que trasladou a liña divisoria das áreas de influencia de ambas coroas 270 leguas máis ao O. A Coroa de Aragón continuou o enfrontamento coa coroa francesa, que a cambio do abandono dos intereses aragoneses en Italia entregou os condados do Rosellón e Cerdaña. En 1495 o rei francés invadiu o Reino de Nápoles e Fernando II buscou o apoio de Milán, Venecia, o papa e o emperador alemán para acabar coa presenza gala en Italia. Estableceu protectorados en Alxer, Tunes e Trípoli e reanudou as relacións comerciais entre Catalunya e Exipto. A política exterior viuse completada por unha política matrimonial, pola que os Reis Católicos casaron os seus fillos con membros das familias reais europeas, que tiña como obxectivo illar a Francia. Isabel e María casaron cos monarcas portugueses; Catarina casou co herdeiro do trono inglés, Arturo, e trala súa morte con Enrique VIII; Xoana con Filipe o Fermoso e o infante don Xoán con Margarida, ambos os dous fillos do Emperador Maximiliano de Habsburgo.
Transformacións socioeconómicas
A estrutura social das dúas coroas mantivo as formas medievais, aínda que con cambios que permitiron o fortalecemento do poder rexio. O conflito sucesorio en Castela e as frecuentes guerras fixeron que os monarcas concedesen numerosas cabalerías e fidalguías e acabasen cos privilexios daquela nobreza que non lles prestara apoio, sen embargo, a partir das Cortes de 1480, a concesión de señoríos limitouse. Na Coroa de Aragón a conflitividade social de reinados anteriores solucionouse por medio da arbitraxe rexia, que acabou favorecendo a nobreza. Fernando II acabou co problema dos pagesos de remença mediante a abolición dos malos usos e a entrega do dominio útil da terra aos labregos a cambio do pago dun censo aos señores. A chegada da burguesía ao estamento nobiliario reduciuse nas Leis de Córdoba (1492) e flexibilizouse mediante as Leis de Toro (1505), que lles permitían aos burgueses a fundación de morgados, paso previo para a obtención da fidalguía. O estamento eclesiástico tamén estivo ao servizo da monarquía. Os reis nomeaban os bispos, tiñan no seu poder a mestría das antigas ordes militares e controlaban o Tribunal da Inquisición que, case extinto na Baixa Idade Media, reapareceu en Sevilla no 1481 como tribunal eclesiástico en defensa da fe. No estamento non privilexiado incluíanse labregos, habitantes das cidades, indíxenas e minorías relixiosas (xudeus e mudéxares). Os campesiños continuaron obrigados ao pago do décimo eclesiástico, ao imposto ás autoridades reais e ao pago dos dereitos señoriais, mentres que, pola contra, os habitantes das cidades, profesionais liberais ou artesáns organizados en gremios, estaban suxeitos a unha fiscalidade polo xeral menos abafante, que dependía do foro da súa cidade. Os xudeus e os conversos habitaban maioritariamente as cidades, onde se dedicaban ao comercio, ás finanzas ou á artesanía. A súa boa situación social provocou envexas nos cristiáns, que iniciaron a súa persecución. Dende o inicio do reinado, as Cortes adoptaron medidas discriminatorias, entre elas a obriga de empregar vestidos especiais e vivir en barrios propios; finalmente, en 1492 acordouse a súa expulsión a menos que se convertesen ao cristianismo. Non obstante , a situación para os conversos, antes e despois da expulsión, non mellorou, xa que tamen os perseguiron e estigmatizaron cos estatutos de limpeza de sangue. Os mudéxares, en cambio, ao constituír unha pequena comunidade, modesta dende o punto de vista económico, puideron continuar co seu modo de vida. No Reino de Aragón houbo unha rebelión de musulmáns en 1499 que acrecentou sobre eles a presión eclesiástica e a conseguinte emigración. Dende o descubrimento de América e a conquista de Canarias xurdiu na sociedade hispana unha nova minoría, a dos indíxenas. Economicamente nas coroas de Castela e Aragón continuou o predominio das actividades primarias, aínda que a unión persoal das coroas permitiu algúns cambios. Estableceuse un patrón moeda de alta calidade, o excelente de ouro, o real de prata e o real de billón, aínda que a unificación monetaria baseouse só no patrón ouro. A agricultura seguiu en inferioridade fronte á gandería, controlada polo Consejo de la Mesta e beneficiada pola coroa. O desenvolvemento da produción lanar permitiu a Castela converterse na primeira exportadora europea de la, que dende os portos do Cantábrico se exportaba a Flandres e ao S de Inglaterra. Tamén se desenvolveu a industria téxtil coas sederías de València e a produción de panos en Segovia, Toledo, Granada e Sevilla. O comercio exterior afianzouse co dominio dos territorios italianos e co comercio nas Indias, e o interior aumentou como consecuencia da supresión dalgunhas das aduanas internas e a mellora das vías de comunicación. A revitalización do comercio permitiu, ademais, o afianzamento de institucións de crédito e bancarias, como a taula de València, creada en 1407, e as cidades feirais como Burgos e Medina del Campo, nas que xunto coas actividades comerciais tamén se realizaban outras de carácter bancario.
Arte
A finais do s XV desenvolveuse o gótico flamíxero, denominado tamén estilo Reis Católicos e, en menor medida, gótico isabelino. Caracterizado pola fusión de elementos mudéxares e hispanomusulmáns, desenvolveuse principalmente en Toledo e, entre outros, destacaron Juan Guas (1420?-1496), que traballou en San Juan de los Reyes (Toledo), no palacio dos Duques del Infantado (Guadalajara) e no castelo de Manzanares el Real, e os irmáns Antón (?-1530?) e Enrique (?-1534?) Egas, que traballaron, entre outras obras, no Hospital Real de Santiago. No s XVI, aínda en estilo gótico, realizáronse a catedral nova de Salamanca e a catedral de Segovia. Entre os edificios de carácter civil destacan as casas de El Cordón (Burgos) e das Conchas (Salamanca) e as lonxas de Palma de Mallorca, València e Barcelona. No s XV dominou o denominado gótico internacional caracterizado pola combinación do sentido narrativo, propio da miniatura, co interese pola perspectiva, o volume e a luz, e cultivado, entre outros, por Llúis Borrasà (1360?-1425?). Este estilo estendeuse ata a chegada das formas renacentistas, e destacaron, entre outros, Lluis Dalmau (?-1460?), Bartolomé Bermejo (?-1498?), Jorge Inglés, Fernando Gallego e Jaume Huguet (1415?-1492).
Ciencia
O descubrimento de América abriu novos camiños á navegación, que esixiu un maior desenvolvemento da astronomía e da xeografía, polo que se creou en Sevilla unha universidade para o cultivo destas ciencias. Elio Antonio de Nebrija (1442-1522) restableceu a cultura científica e preocupouse de determinar o tamaño da Terra. Destacou tamén Miguel Servet (1511-1553), médico e teólogo que describiu a circulación pulmonar, feito polo que foi xulgado e condenado a morrer queimado. A introdución da imprenta en España propiciou a difusión de coñecementos e deu un novo impulso ao desenvolvemento das ciencias.
Imprenta
Coa introdución do modelo de imprenta de Johann Gutenberg, iniciouse o proceso de renovación nos procedementos da edición e distribución dos libros. A industria tipográfica estendeuse rapidamente e aumentou a demanda de libros por parte, principalmente, da Administración, das universidades e da Igrexa. Esta industria viuse favorecida, inicialmente, polo sistema de monopolio que trouxo consigo, derivado do privilexio real. O paso de oficial a mestre impresor obrigaba a cambiar de vila ou cidade, o que impedía, normalmente, o establecemento de máis dunha imprenta nun mesmo lugar. O primeiro texto impreso foi unha Gramática latina, editada en Barcelona por Bertomeu Mates en 1468. En 1473 tirouse do prelo en Zaragoza unha bula contra os turcos. Neses anos había imprentas permanentes en Barcelona e València. Os primeiros obradoiros empregaban caracteres neogóticos e seguían os modelos dos impresores alemáns. A finais do s XV o obradoiro máis relevante foi o da familia Hurus de Zaragoza e, entre os impresores itinerantes, destacaron Juan Varela (Salamanca, Granada e Sevilla), Matías Marés (Zaragoza, Pamplona e Bilbao), Diego Gumiel (Girona, Barcelona, València e Valladolid) e Díaz Tanco do Frexenal, presente, entre outras cidades, en Ourense. Entre os traballos tipográficos máis salientables, cómpre subliñar a Grammatica (Burgos, 1484?), o Memorial del Peccador remut (Girona, 1483), a Vita Christi de Ximénez (1496), o Breviarium Ilerdense (1479), o Missale Auriense (Monterrei, 1494), o Breviarium Compostellanum (Santiago de Compostela, 1483), o Tratado breve de confesión (Valladolid, 1492) e a Biblia políglota complutense (1514-1517), encargada polo cardeal Cisneros.
Lingua
Entre os ss XIV e XVI Castela situouse no centro do proxecto creador da unidade neogótica de España, conseguida trala hábil castelanización dos elementos leoneses, tese que aparece defendida especialmente con Afonso X. Non é fortuíto que a Estoria de España (1270), escrita por este rei, pasase a empregar a linguaxe de Castela por ser lingua neutral ás xentes das tres relixións. Esta concepción afonsina da historia de España mantívose no fundamental no s XIV. Denomínase castelán preclásico a época que vai dende 1474, principio do reinado dos Reis Católicos, a 1525, incluída dentro dun período de transición entre o castelán medieval e o clásico e na que se distingue tamén unha etapa anterior, de 1400 a 1474, correspondente aos albores do humanismo. A etapa de transición comenzou realmente xa no s XIV. Na década de 1490 culminaron algúns dos cambios iniciados na época medieval. Nesta época de transición, observábase a influencia italiana na produción literaria, como imitación dos usos latinos tanto na sintaxe coma no léxico, xunto coa pervivencia, na lingua literaria, de usos populares e de inseguridades propias da etapa medieval. Foi, ademais, a época en que se asentou a extensión interna do castelán e comenzou a expansión externa, que culminou no período seguinte. A interna está unida á absorción dos dialectos e linguas veciñas, aínda que existiu algunha zona (disputada politicamente entre Castela e Aragón, que coñeceu en época medieval certas coincidencias co dialecto navarro e o aragonés, algunhas delas perviven na Andalucía oriental) que a pesar de castelanizarse non perdeu o dialecto anterior xa asentado; é tamén posible que a castelanización non fose suplantación idiomática en Navarra, senón apoio á coincidente evolución do romance navarro e castelán por camiños propios, pero o xeral é que a expansión castelá se fixese en detrimento dos dialectos veciños. No s XV, coa incorporación de España ao ámbito europeo, impúxose unha remodelación da súa historia e retornou o emprego da lingua latina. Dende o punto de vista lingüístico, empezaron a se publicar tratados gramaticais e ortográficos sobre a lingua castelá, así como vocabularios en que o castelán aparece xunto ás linguas clásicas e modernas: Arte de trobar (1433), de Enrique de Villena, Universal Vocabulario (1490), de Alonso de Palencia, e Gramática de la lengua castellana, Dicionario latino-español e Vocabulario español-latino, de Antonio de Nebrija, de 1492 e 1495. Estes son os primeiros pasos na formulación duns criterios normativos teóricos para o castelán, tanto para facilitar a súa aprendizaxe a falantes estranxeiros como para tentar fixalo, de xeito que se liberase dos procesos de corrupción que afectaron á lingua modelo, o latín.
Literatura
A Idade Media castelá remata no s XV con La Celestina, obra composta por Fernando de Rojas a partir dun texto anónimo, quizais de Rodrigo de Cota. Dentro da produción prosística galega, consérvanse obras historiográficas de tradición afonsí, como a Crónica de 1404 e a Crónica xeral e crónica de Castela, ambas as dúas do s XV; outras obras foron compostas arredor do centro cultural compostelán, como a Crónica de Santa María de Iria (s XV), traducida do latín polo crego Rui Vázquez. Dentro da prosa doutrinal catalana, á sombra de Ramon Llull, escribiron destacados autores dos últimos séculos da Idade Media, como Francesc Eiximenis (1327-1409), que en Lo Crestià pretendeu elaborar unha summa de saber baixo unha perspectiva doutrinal; san Vicente Ferrer (1350-1419), que conseguiu gran sona cos seus sermóns; Joan Rois de Corella (nado arredor do 1433), humanista e cultivador por igual dos xéneros lírico, narrativo e doutrinal; ou Bernart Metge (1340-1413?), humanista barcelonés que introduciu en España a Petrarca e Boccaccio e escribiu Lo Somni. Entre as narracións cabaleirescas en catalán, cómpre mencionar o Curial e Güelfa, obra anónima de mediados do s XV e, sobre todo, Tirant lo Blanch, un dos libros de cabalerías hispánicos máis destacados, comezado por Janot Martorell e rematado, trala súa morte (1468), por Joan de Galba. Nos últimos anos da Idade Media desenvolveuse tamén o teatro profano cunha certa continuidade, con figuras coma Lucas Fernández, Juan del Encina e Gil Vicente. A lírica galego-castelá está representada nesta época por Afonso Álvarez de Villasandino e Xoán Rodríguez do Padrón; a esta xeración sucedeulle outra, na que destacaron Juan de Mena e Íñigo López de Mendoza, marqués de Santillana. Finalmente, a poesía de cancioneiro castelá desa época consérvase en varias compilacións, das que o Cancionero de Baena (s XV) é a máis salientable. No oriente peninsular, o relevo do provenzal polo catalán como lingua poética non se produciu ata Ausiàs March (1397-1459), o primeiro poeta que compuxo á marxe da tradición occitana, tanto dende o punto de vista lingüístico como estilístico. Con todo, a superación dos modelos provenzais iniciárase antes de March, segundo demostra unha figura como Jordi de Sant Jordi (morto arredor de 1424), no que xa se aprecia, como noutros poetas da segunda metade do s XIV, unha progresiva influencia italiana. Traspasando xa a fronteira convencional da Idade Media, o humanismo supuxo o derradeiro florecemento da literatura e o pensamento latino español, e desenvolveuse arredor de dous grandes centros de cultura, Salamanca e Alcalá de Henares. Como figuras destacadas deste período, cómpre mencionar a Elio Antonio de Nebrija (1442-1522), historiógrafo, poeta e filólogo, autor das Introdutiones Latinae (1481); o portugués Arias Barbosa (1450-1540?), poeta e docente na Universidad de Salamanca, na que introduciu os estudios gregos; Hernán Núñez de Guzmán o Pinciano (1475-1553), docente de grego en Alcalá de Henares e colaborador na Biblia Complutense, e Francisco Sánchez de las Brozas o Brocense (1523-1600), gramático e autor da Minerua siue de causis linguae Latinae (1587).
Música
A corte de Isabel I foi unha das máis importantes de Europa dende o punto de vista musical; nela cultivouse a música profana e relixiosa, e á morte da raíña esta cultura musical fusionouse coa da corte do seu marido. Figura destacada foi o cardeal Cisneros, protector das ciencias e das artes, que salvou a liturxia isidoriana e o canto mozárabe dunha total desaparición e fundou, en 1498 en Alcalá de Henares, o Colegio de San Ildefonso, ao que dotou dunha cátedra de música que tivo como primeiro profesor a Pedro de Ciruelo, preceptor de Filipe II. Así mesmo, destacaron, entre outros, Juan de Anchieta, cantor da Capela Real de Castela; Pedro de Escobar, membro do coro da capela de Isabel a Católica e mestre de capela da catedral de Sevilla; Juan del Encina, que se estableceu nas cortes dos papas Alexandre VI e Xulio II e foi nomeado prior da catedral de León por León X; Pedro de Pastrana, cantante e mestre; Juan Pedro Aldomar; Lope de Baena; Francisco de Peñalosa, membro do coro da capela de Fernando o Católico e da capela papal de Roma; Juan de Triana, mestre de coral da catedral de Toledo; ademais de Francisco de la Torre, Francisco Millán, Alonso Pérez de Alba e Alonso de Mondejar.
O Imperio Hispánico
A creación dun Imperio: os reinados de Carlos I e Filipe II
A morte de Isabel a Católica en 1504 desatou o problema sucesorio, xa que en 1497 morrera o Príncipe Xoán, o único fillo varón dos Reis Católicos, e en 1500 o Infante Miguel, neto dos Reis Católicos. A coroa recaeu na segunda filla dos monarcas Xoana I a Tola, casada con Filipe o Fermoso, arquiduque de Austria e príncipe dos Países Baixos. As boas relacións entre o arquiduque e os monarcas franceses deu lugar a que no seu testamento Isabel a Católica declárase a Xoana raíña propietaria e que en caso de incapacidade mental a rexencia recaese en Fernando o Católico mentres o seu neto Carlos de Gante non cumprise os vinte anos. Fernando renunciou entón ao seu título de rei de Castela, pasou a ser gobernador do reino e convocou Cortes en Toro (1505), que recoñeceron a súa nova posición. As malas relacións cos nobres casteláns provocaron a súa renuncia ao goberno de Castela en 1506 e a chegada de Xoana e Filipe para ocupar o trono castelán. A morte de Filipe e a enaxenación mental de Xoana, a quen recluíron nun convento en Tordesillas, fixeron, de novo, rexente a Fernando. Durante a súa rexencia (1506-1516) incorporouse mediante conquista o Reino de Navarra e agudizáronse as tensións sociais. Á súa morte, sucedeuno o cardeal Cisneros ata a chegada a España de Carlos de Gante dende Flandres. Carlos I chegou a España no outono de 1517 e, en contra do esperado polos súbditos, situou nos cargos públicos e eclesiásticos a membros do seu séquito flamengo. En 1518 as Cortes de Valladolid e Aragón recoñecérono como rei e en 1519 as de Catalunya. En 1519 herdou as posesións dos Habsburgo en Austria e no Rin e a candidatura ao título de emperador do Sacro Imperio Xermánico e, para sufragar os gastos da viaxe, convocou Cortes, celebradas en Santiago de Compostela e A Coruña en 1520, das que conseguiu o diñeiro necesario. O nomeamento dun rexente estranxeiro, Adriano de Utrecht, radicalizou a crispación social e provocou a revolta das Comunidades de Castela (1520-1521) e das Xermanías na Coroa de Aragón (1519-1522). O aplastamento destas dúas rebelións non provocou cambios institucionais, mais a autoridade rexia saíu reforzada ao contar co apoio incondicional da nobreza, temerosa de perder o seu status. Unha vez coroado como emperador en Aquisgrán en 1520, polo que pasou a ser coñecido como Carlos V, gobernou un gran número de territorios independentes con leis e intereses propios. A súa política exterior centrouse nos enfrontamentos relixiosos nos territorios centroeuropeos, coa loita entre católicos e luteranos, que se resolveron, de xeito provisional, polo Ínterim de Augsburgo (1548); na confrontación co Rei Francisco I de Francia polo control do Reino de Navarra e das posesións en Italia, Flandres e Borgoña, que finalizou co Tratado de Crêpy (1544); e na defensa dos territorios austríacos cobizados polo sultán turco Solimán o Magnífico. Dedicado a resolver os asuntos imperiais, Carlos I deixou o goberno dos reinos hispánicos ao seu fillo Filipe, os Países Baixos á súa irmá María de Austria e as posesións austríacas ao seu irmán Fernando. Nos territorios americanos conquistáronse os imperios azteca e inca e sentáronse as bases para a futura organización e explotación sistemática dos mesmos. Envellecido polas continuas guerras, Carlos I abandonou a vida política en 1555 e retirouse ao mosteiro de Yuste, onde morreu en 1558. Antes repartiu o seu patrimonio territorial, deixando a coroa imperial ao seu irmán Fernando, e as coroas de Castela e Aragón, Italia, Flandres e América ao seu fillo Filipe. Dende o inicio do seu reinado, Filipe II centrou a súa atención, aínda que dun xeito diferente ao do seu pai, nos problemas europeos. Os enfrontamentos con Francia acabaron tralas vitorias de San Quintín e Gravelinas (1599) coa sinatura do Tratado de Cateau-Cambresis (1599). O reparto que Carlos I realizou de Alemaña desvinculou a coroa española dos problemas alemáns, aínda que non apartou a Filipe II da loita contra o protestantismo, quen se preocupou da aplicación da reforma trentina nos seus territorios. Un dos maiores problemas do seu reinado foron as continuas rebelións nos Países Baixos, gobernados pola filla natural de Carlos I, Margarida de Austria. Os disturbios iniciáronse en 1566 e provocaron unha primeira represión (1567-1572) dirixida polo duque de Alba; sen embargo, os enfrontamentos continuaron e en 1581 xurdiron no N de Flandres as Provincias Unidas, de relixión protestante, que non recoñecían a autoridade do monarca. A confrontación coa Raíña Isabel I de Inglaterra rematou co envío da Armada Invencible, nun fallido intento de conquistar as Illas Británicas (1588). Trala morte do Rei Sebastián de Portugal (1578), Filipe II tivo oportunidade de optar ao trono portugués, xa que por liña feminina era o parente máis próximo á dinastía portuguesa, e foi recoñecido como rei en 1581. Por outra banda, o monarca acabou co dominio turco no Mediterráneo trala Batalla de Lepanto (1571). Os problemas internos do reinado de Filipe II foron as consecuencias da expulsión mourisca (1568-1571) e o caso do secretario do rei, Antonio Pérez, que mostrou as diferencias lexislativas entre as coroas de Castela e Aragón. Nas exploracións ultramarinas decubríronse as Filipinas. Durante o s XVI mantívose a pluralidade territorial e institucional dos reinos das coroas hispanas. Na Coroa de Castela foron fundamentais os corrixidores, que tiñan poderes administrativos, xudiciais, fiscais e militares nos grandes municipios; xuridicamente, a coroa estaba dividida en chancelerías e audiencias: algunhas novas como a de Sevilla (1556) e a de Canarias (1566) e outras que tiñan á súa fronte un capitán xeneral ou gobernador como a de Galicia e Granada. No Reino de Navarra, a autoridade rexia estaba representada por un vicerrei asesorado por un Consello Real e completado xudicialmente por unha Audiencia. En Aragón, Nápoles, Sicilia, Sardeña, México e Perú gobernaba tamén un vicerrei, aínda que cada reino ou vicerreino tiña as súas propias institucións xudiciais. Algúns territorios europeos, como Flandres e Milán, estiveron rexidos por gobernadores con amplos poderes militares e civís. No caso dos territorios americanos, o poder da coroa non estaba limitado, aínda que en teoría a súa organización era similar á da Coroa de Castela. En todos os reinos diferenciábase entre a facenda rexia, o patrimonio rexio e a facenda do reino. Nas dúas coroas durante o s XVI a nobreza e o clero continuaron a ser os dous estamentos privilexiados. Dentro da nobreza distinguíronse os fidalgos, grupo máis numeroso e pobre, polo que exerceron toda clase de oficios; os cabaleiros, xeralmente membros das oligarquías urbanas; e na cúspide a alta nobreza, integrada por condes, marqueses e grandes de España. O estamento eclesiástico estaba composto por membros dos demais estratos sociais, aínda que a maioría dos altos cargos estaban ocupados por membros da nobreza. O estamento non privilexiado formábano os peiteiros, sen privilexios e obrigados ao pago de tributos; os labregos, entre os que se distinguiron pequenos propietarios, arrendatarios e xornaleiros; os habitantes das cidades, entre os que se distinguiron ricos comerciantes e pequenos artesáns; e os grupos de marxinados, integrados por mouriscos, conversos, pobres e escravos. O sistema económico continuou baseado nos sectores primarios e aumentou a extensión da superficie cultivada. No eido industrial, desenvolvéronse as industrias relacionadas coa guerra, entre outras, a construción de galeóns, fábricas de pólvora e canóns e siderúrxicas. O comercio de exportación de la ao N de Europa continuou e desenvolveuse o comercio con América, de onde chegou ouro, prata e pedras preciosas, mentres que a Península exportou viño, aceite e algúns produtos artesáns. Os monarcas financiaron as guerras europeas a través de préstamos de banqueiros de orixe alemana, os Fugger, durante o reinado de Carlos I, e xenovesa, no reinado de Filipe II. Os continuos endebedamentos provocaron a bancarrota do estado en 1557 que se solucionou mediante a emisión de juros, que os banqueiros acabaron revendendo. Iniciouse a reorganización dos impostos aduaneiros, subíronse os almoxarifados, os décimos do mar, as alcabalas e a tributación eclesiástica; sen embargo, en 1575 volveuse declarar a bancarrota.
O humanismo e o Renacemento
Arte
En Castela as primeiras formas renacentistas conviviron co gótico flamíxero. Entre os primeiros arquitectos en empregar a nova linguaxe destaca Lorenzo Vázquez coa construción, entre outros, do colexio de Santa Cruz (Valladolid) e o palacio de Cogolludo (Guadalajara). A arquitectura plateresca, combinou as características do gótico isabelino e as musulmanas coas renacentistas. Destacaron, entre outros, Juan de Álava (1505?-1537), autor do convento de San Esteban de Salamanca e do Colexio de Fonseca en Santiago de Compostela; Rodrigo Gil de Hontañón (1500-1577), autor do convento de Las Dueñas, da fachada da Catedral nova e da fachada da Universidad de Salamanca; e Juan Guas (1420?-1496), autor da igrexa de San Juan de los Reyes (Toledo). Coa chegada ao trono de Carlos I, importáronse as formas italianas e a arte converteuse nun medio para exaltar a figura do emperador. As formas clasicistas asumiron os principios manieristas durante a segunda metade do século. Destacaron, entre outros, Pedro Machuca (?-1550) no palacio de Carlos V en Granada; Diego de Siloé (1495?-1563) na catedral de Granada (1528); Andrés de Vandelvira (1509-1575) na igrexa funeraria do Salvador de Úbeda e na catedral de Jaén; Rodrigo Gil de Hontañón no palacio de Monterrey en Salamanca, na fachada da Universidad de Alcalá de Henares e na fachada do Tesouro da catedral de Santiago de Compostela; e Alonso de Covarrubias (1488-1570) no patio do Hospital de Tavera e na fachada do Alcázar de Toledo (1546-1547). Os anos finais do s XVI estiveron marcados pola construción do Real Monasterio de San Lorenzo de El Escorial, por Juan Bautista de Toledo (1515?-1567) e Juan de Herrera (1530-1597). O estilo herreriano empregouse, entre outros, no colexio de Nosa Señora da Antiga ou do Cardeal en Monforte de Lemos, na catedral de Valladolid e nas casas e no palacio ducal de Lerma (Burgos). Na escultura produciuse unha dualidade, por unha banda na corte traballaron escultores foráneos, principalmente italianos, e, por outra, existiron obradoiros locais. Entre os primeiros destacaron Domenico Fancelli (1469-1519), autor dos sepulcros dos Reis Católicos na Capela Real de Granada e de Diego Hurtado de Mendoza na catedral de Sevilla; Philippe Biguerny (1475?-1543), autor do retablo da capela do Condestable na catedral de Burgos; e Pietro Torrigiani (1472-1528). Entre os escultores españoles destacan Damià Forment (?-1540), autor do retablo de Santo Domingo de la Calzada, e Bartolomé Ordóñez (?-1520), autor dos sepulcros de Filipe o Fermoso e Xoana a Tola e o escultor de orixe francesa Juan de Juni (1507-1577). Alonso Berruguete (1490-1561) foi o introdutor das formas manieristas, nas que destacaron Mateo Giralte (1625?-1675) e Pedro de Salamanca (?-1570?). A transición entre a pintura do gótico internacional e as formas italianizantes reflectiuse na obra de Pedro Berruguete (1450-1503). Cultivouse a temática relixiosa e a corte introduciu o retrato. Destacaron, entre outros, Gaspar Becerra (1520-1570), Juan de Borgoña (1465?-1536?), Juan de Juanes (1523?-1579), Alejo Fernández (1475?-1545?), Fernando de Llanos (1475-1550), Vicent Macip (1475-1545?), Luis de Morales (1510-1586), Juan Pantoja de la Cruz (1553-1608), Alfons Sánchez-Coello (1531?-1588) e Hernando Yáñez (?-1540?). No último terzo do s XVI destacou a obra de El Greco (1541-1614), representante da corrente manierista.
Ciencia
No s XVI acadouse un gran desenvolvemento das matemáticas coas achegas, entre outros, dos aritméticos Pedro Ciruelo, Juan Martínez Guijarro, Gaspar Lax e Miguel Francés, dos alxebristas Pedro Núñez e Juan Pérez de Moya e do xeómetra Antonio Hugo de Omerique. En 1582 fundouse a Academia de Matemáticas de Madrid que, constituída polos cosmógrafos, arquitectos e enxeñeiros que traballaban para Filipe II, foi o antecedente da moderna Academia de Ciencias. Tamén continuou a evolución das ciencias náuticas e dos estudios astronómicos, e acadaron gran desenvolvemento as ciencias médicas, entre outras, a anatomía, fisioloxía, cirurxía e epidemioloxía. No apartado das ciencias naturais, apareceron as primeiras obras dotadas de método científico, entre outras, Relación sumaria de la historia natural de las Indias e Historia general y natural de las Indias de Gonzalo Fernández de Oviedo, nas que se describen novas especies; pero esta rama do coñecemento aínda estaba intimamente relacionada coa historia e a xeografía. Neste período iniciáronse os estudios sobre América e estes estimularon os que xa se realizaban na Península; isto deu como froito a publicación de numerosas historias naturais, tanto de carácter xeral, referidas a América ou á Península Ibérica, como rexional, entre as que destaca a de Benito Arias Montano. Pero a finais do s XVII entrouse nun período de decadencia, iniciado a mediados do século anterior como consecuencia da prohibición de Filipe II de ir ao estranxeiro para ampliar estudios.
Ensino
O desenvolvemento do humanismo italiano, dende mediados do s XV, tivo resonancia nas cortes de Castela e Aragón e nalgunhas cidades, como as de València, Barcelona e Burgos. En València traballou Joan Lluís Vives i Marc (1492-1540), autor, entre outras obras, de De institutione feminae christianae e Introdution ad sapientiam (1524), De ratione studii puerilis (1523), De tradendis disciplinis (1531) e Exercitatio linguae latinae e De anima et uita, 1538), e quizás o máis destacado pedagogo renacentista. Ademais da filosofía da educación, os eixes fundamentais da súa reflexión foron a doutrina antropolóxica, a filosofía moral e a filosofía social e política. Neste século, e como continuación do xermolo dos ss XIII e XIV, produciuse o desenvolvemento das universidades. Así, creáronse as de Girona e Barcelona, e as de Alcalá de Henares e València, estas últimas consideradas xa universidades do s XVI, ao ser co novo século cando comezaron a súa actividade docente, como tamén o fixeron, entre outras, as de Granada, Santiago de Compostela e Oviedo. Este espírito humanista-renacentista tamén se fixo presente na renovación dos estudios universitarios; sobre todo, difundiuse na formación gramatical e nas facultades de Artes e de Medicina das universidades de Alcalá de Henares e de València. Non obstante , as guerras relixiosas europeas, o papel xogado polos Austrias como “monarcas católicos” e a influencia do Concilio de Trento repercutiron dun xeito restritivo na renovación cultural que se vivira nos territorios hispanos nas primeiras décadas do s XVI ao favorecer o aumento do tradicionalismo e do conservadurismo da formación: un maior recurso á autoritas tradicional filosófica e teolóxica, e a eliminación da liberdade de creación filosófica e intelectual.
Filosofía
No terreo da filosofía, durante os ss XVI e XVII, asistiuse a un breve renacer dos movementos escolásticos. Entre os pensadores que se preocuparon do problema do “libre albedrío” cómpre destacar a Francisco de Vitoria (1486-1546), que se ocupou do problema indiano e escribiu sobre o individuo e as súas relacións socio-políticas, o dereito de guerra e outros asuntos comúns na época; e a Francisco Suárez (1548-1617) que se afastou do tomismo tradicional en Disputationes Metaphisicae, e que expresou a súa doutrina sociopolítica, entre outras, en De Lege e Defensio Fidei.
Imprenta
A finais do s XVI as imprentas estendéranse con carácter permanente a dezaseis cidades de toda España, aínda que o número de obradoiros itinerantes podía superar a cincuentena. Entre outros impresores destacaron Rosenbach e Heidelberg, responsable da edición da Gramática de Antonio de Nebrija; a familia Cromberger en Sevilla; Andrés Pescioni e Nicolás Gazini en Toledo; Quirino Gerardo en Madrid; a familia Giunta en Salamanca e Madrid; René Rabut en Granada; Juan e Andrés Renaut en Salamanca; Mey en València; Jorge Coci e Portonaris de Ursino en Zaragoza; e Adrián de Anveres en Estella. A prosperidade do negocio editorial foi en aumento nos lugares onde a liberdade de imprenta era maior; de feito, moitas obras castelás imprimíronse en València ou Catalunya e incluso en Francia. Exemplo da influencia dos impresores estranxeiros en España foi o contrato asinado entre o Rei Filipe II e a casa Plantin de Anveres para a impresión de misais e breviarios destinados aos relixiosos e eclesiásticos de todos os seus dominios.
Literatura
A literatura española do s XVI viuse moi influenciada polos canons renacentistas italianos. Sonetos, silvas, oitavas reais, liras, tercetos encadeados ou estancias foron formas métricas empregadas polos poetas renacentistas españois. No ámbito da poesía lírica, Garcilaso de la Vega (1501?-1536) recolleu a herdanza do petrarquismo, adaptou o hendecasílabo xunto co heptasílabo e foi autor de églogas, sonetos, cancións, elexías e unha oda. Xunto a el, Juan Boscán (1493?-1542), creador de sonetos e cancións ao estilo italiano. Na lírica relixiosa destacou frei Luis de León (1527-1591), catedrático da Universidad de Salamanca, humanista, admirador e coñecedor dos clásicos latinos, quen deixou valiosas mostras da súa prosa en tratados como De los nombres de Cristo, La perfecta casada ou Exposición del libro de Job. A súa poesía, grave e fonda, caracterízase pola procura dunha vida solitaria, afastada, sinxela, en contacto coa natureza. Pechada España á heterodoxia protestante, sobre todo no reinado de Filipe II (1556-1598), xurdiron correntes de espiritualidade que callaron en excelentes froitos literarios. Así aconteceu co ascetismo, que tentou dar conta da loita do espírito para chegar á perfección, e co misticismo, que manifestou os prodixiosos efectos que a alma experimenta na contemplación de Deus. Na prosa ascética destacou frei Luis de Granada (1504-1588), frade dominicano autor de Guía de pecadores e Introdución al símbolo de la fe. Así mesmo, destacou san Xoán da Cruz (1542-1591), lírico da mística que expresou a intensidade da paixón do amor divino. Poemas como “Cántico espiritual”, “Noche oscura del alma” ou “Llama de amor viva”, comentados verso a verso polo mesmo poeta, son parte da súa obra. Cómpre salientar a obra de santa Teresa de Xesús (1515-1582), cunha expresión literaria sinxela, natural, familiar, carente de calquera pretensión estetizante, que orientou o Libro de las Fundaciones, El Castillo interior (ou Las moradas) e Libro de su vida, que reflicten a vivencia da relixiosidade. Así mesmo, é autora de Camino de perfección, dentro da liña da ascética, e dunha obra lírica e epistolar. A liña garcilasista, italianizante, continuouna Fernando de Herrera (1534-1597), poeta da escola sevillana, de estilo recargado e ornamentalista e inspiración amorosa e patriótica. Na narrativa concorreron distintas modalidades. Así, os libros de cabalerías, ateigados de fantasía e desmesura, representaron a continuidade da narración medieval, como o Amadís de Gaula (1508), de Garci Rodríguez de Montalvo. A novela pastoril, idealista e italianizante, tivo éxito en títulos como La Diana (1559), de Jorge de Montemayor, ou La Galatea (1585), de Miguel de Cervantes. Derivación amorosa da temática das guerras da Reconquista é a novela mourisca, idealista tamén, da que é mostra a anónima Historia del Abencerraje y de la hermosa Jarifa (1551). Viaxes, aventuras e amor son elementos da chamada novela bizantina, terreo cultivado por Cervantes en Los trabajos de Persiles y Segismunda (1616). A descuberta e conquista de América produciu a súa propia literatura. Así, dunha banda, hai grandes poemas épicos como La Araucana (1569-1589), de Alonso de Ercilla, e doutra, un feixe de crónicas de Indias, novelescas e fantásticas ás veces, da autoría de Bernal Díaz del Castillo, Gonzalo Fernández de Oviedo, Pedro Cieza de León, Francisco López de Gómara ou frei Bartolomé de Las Casas. A narrativa máis xenuinamente española, produto do realismo renacentista, é a novela picaresca, da que o anónimo Lazarillo de Tormes (1554) é o máis destacado título. A sátira anticlerical e social, a fame e a crítica ao sentimento nobiliario da honra son os seus motivos centrais. Foi traducida en case toda Europa e o xénero tivo continuidade no período barroco. Polo que atinxe ao teatro, a temática relixiosa dominante proseguiu nas Églogas do salmantino Juan del Encina (1468-1529); pero a renovación do xénero iniciouse coa chegada a España de compañías de cómicos italianos. A imitación deles, fundou a súa propia compañía Lope de Rueda (1505?-1565), que destacou na creación dos chamados pasos, obras breves, de carácter cómico e personaxes populares que se consideran antecedentes dos entremeses. Ademais, cómpre destacar a Lucas Fernández, Bartolomé de Torres, Gil Vicente e Juan de Timoneda. Xunto coas representacións de obras de temática relixiosa, existía o costume de representar traxedias ou comedias de Plauto e Terencio. Situado cronoloxicamente entre o Renacemento e o Barroco está Miguel de Cervantes Saavedra (1547-1616). Autor de romances e sonetos, como dramaturgo non tivo éxito, malia o seu acerto no xénero do entremés en pezas como El viejo celoso, El rufián viudo ou El retablo de las maravillas. Compuxo oito entremeses e arredor de trinta comedias. Como narrador cultivou a novela pastoril ou a bizantina, e escribiu as Novelas ejemplares (1613) e El Ingenioso hidalgo Don Quijote de la Mancha (1605-1615), que o consagrou como escritor.
Música
A partir do s XVI, e como consecuencia do Concilio de Trento, produciuse un gran desenvolvemento da música. O espírito da Contrarreforma afectou a música relixiosa e as capelas catedralicias propiciaron este fenómeno e convertéronse nun fervedoiro de músicos que compuxeron unha polifonía da máis alta calidade. Isto provocou que os polifonistas, maioritariamente cregos, cultivasen unha estética sobria, pero cun forte carácter expresivo. O reinado de Filipe II foi unha época de gran florecemento musical en todos os ámbitos, tanto de compositores como de instrumentistas e cantantes. A música caracterizouse polo espírito relixioso que lle deu á polifonía o seu carácter distintivo, determinado por unha grande expresividade, mística e austera, que ten o seu reflexo no uso dos silencios expresivos e a depuración técnica do contrapunto. A escola polifónica chegou a unha gran perfección con Bartolomé de Escobedo, Francisco Soto de Langa, Pedro Guerrero, Francisco Guerrero, Juan Vásquez, Sebastián de Vivanco, Rodrigo de Ceballos e, sobre todo, con Cristóbal de Morales (1500?-1553), autor de motetes, misas, lamentacións e de 16 magnificats, e Tomás Luis de Victoria (1548-1611), capelán das Descalzas Reales de Madrid e autor de misas, motetes e do Officium Hebdomadae Sancte. Así mesmo, entre outros músicos, destacaron Melchor Robledo, Juan Navarro, Mateo Flecha o Mozo, Fernando de las Infantas e Alonso Lobo. Paralelamente á polifonía vocal, a música instrumental tivo un período brillante na música de tecla, especialmente na organística. Neste terreo cómpre mencionar a Luis Venegas de Henestrosa, Juan Bermudo, Bernardo Clavijo del Castillo e, especialmente, Antonio de Cabezón, pertencente á capela de Filipe II e autor de diferencias e tientos, que exerceu grande influencia na produción dos virxinalistas ingleses e na dos compositores napolitanos. En xeral, a maior parte da música foi relixiosa pero tamén existe unha música profana caracterizada pola inspiración popular e expresada, sobre todo, a través dos villancicos, romances, estrambotes, a vihuela e o madrigal. Cómpre mencionar os vihuelistas Luis de Milán, autor do libro para vihuela El maestro (1536); Enríquez de Valderrábano, autor de Libro de música de vihuela, intitulado Silva de sirenas (1547); Diego Pisador, autor de Libro de música de vihuela (1552); Miguel de Fuenllana, autor de Orphénica lyra (1554); Alonso Mudarra, autor de Tres libros de música en cifra para vihuela (1546); Luis de Narváez, con Los seis libros del Delphin de Música de Cifra para tañer vihuela (1538); e Luis Venegas de Henestrosa, autor do Libro de cifra nueva para tecla, harpa y vihuela (1557). De finais do s XV e principios do s XVI son o Cancionero Musical de Palacio, o Cancionero de la Colombina, o Cancionero de la catedral de Segovia e o Cancionero del duque de Calabria ou de Uppsala. O primeiro, exemplo do repertorio musical da corte dos Reis Católicos, é coñecido con este nome porque se atopou no Palacio Real de Madrid e tamén como Cancionero de Barbieri, por ser este compositor e musicólogo quen o estudiou e transcribiu a finais do s XIX. Aproximadamente consta de 551 composicións, 460 con música, na súa maioría romances, vilancicos e cancións de autores como Juan del Encina, Pedro de Escobar, Juan de Anchieta, Juan Cornago, Francisco de Peñalosa e Francisco de la Torre, xunto con pezas de músicos anónimos; o segundo, atopado na biblioteca de Fernando Colón, contén ao redor dun centenar de pezas da época dos Reis Católicos e recolle cancións e vilancicos polifónicos de autores estranxeiros e outros españois como Francisco de la Torre, Juan de Triana, Juan Cornago e Juan de Urrede; o terceiro inclúe pezas relixiosas e profanas, cun estilo marcadamente polifónico, unha mostra representativa da música franco-flamenga; e o cuarto constitúe unha fonte principal, xunto a arquivos manuscritos dalgunhas catedrais (Toledo) e mosteiros (El Escorial ou Montserrat), da música do reinado de Carlos I; atopouse na biblioteca da Universidade de Uppsala (Suecia) e contén cancións e vilancicos de autores como Mateo Flecha o Vello, Cristóbal de Morales ou Diego Ortiz. Testemuño do repertorio musical da época de Filipe II é o Cancionero de Medinacelli (segunda metade do s XVI), que recolle cancións, maioritariamente profanas, vilancicos e madrigais de Rodrigo de Ceballos, Juan Navarro, Francisco Guerrero, e anónimos. Entre os teóricos da época sobresaen Diego Ortiz, co Tratado de glosas (1553); Francisco de Salinas, coa obra De musica libri septem (1577); Juan Bermudo, autor de Declaración (1555); e Tomás de Santa María, autor de Arte de tañer fantasía (1565).
A Crise do s XVII
A Filipe II sucedeulle o seu fillo Filipe III (1598-1621), monarca cortesán que deixou o goberno en mans do valido Francisco Sandoval y Rojas, duque de Lerma. En política exterior, nos inicios do seu reinado continuaron as hostilidades con Inglaterra. En 1601, unha flota española desembarcou en Kinsale (Irlanda), nun intento frustrado de conquistar o país. A chegada ao poder de Xacobe I (1603-1625) e a influencia do conde de Gondomar permitiron a sinatura dun tratado de paz en Londres en 1604. O enfrontamento cos holandeses continuou ata 1607, cando trala derrota da flota española en Xibraltar se asinou a Tregua dos Doce Anos (1609-1621), na que se recoñeceu a independencia de Holanda. En Italia, os enfrontamentos con Venecia e Savoia obrigaron a crear un novo nó de comunicacións entre Italia e os Países Baixos a través dos cantóns católicos suízos. Mentres, dende os ducados do S de Italia continuouse a loita contra os turcos e fortaleceuse a presenza española na costa setentrional de África. A política interior caracterizouse pola expulsión dos mouriscos e pola aparición dunha nova figura política, o valido. Os mouriscos eran unha minoría relixiosa non asimilada culturalmente; o temor a que prestasen axuda aos turcos, ou mesmo aos franceses, precipitou a súa saída. En 1609 expulsáronos do Reino de València e un ano máis tarde dos reinos de Castela e Aragón. A súa expulsión tivo consecuencias moi graves, ao quedar algúns reinos, como o de València, semidespoboados. O abandono das tarefas de goberno por parte do soberano permitiu o ascenso como valido do duque de Lerma, que aproveitou o posto para o seu engrandecemento persoal e o do seu círculo máis cercano, sen embargo, a partir de 1612 a súa influencia sobre o monarca diminuíu, polo que, en 1618, e ante as acusacións de corrupción, Filipe III afastouno do poder, non sen antes outorgarlle o capelo cardenalicio, que lle concedía a inmunidade. Sucedeuno no posto o confesor real, o padre Aliaga, e a este o fillo do anterior, o duque de Uceda. A Filipe III sucedeuno o seu fillo, Filipe IV (1621-1665), que continuou co goberno de validos. Gaspar de Guzmán, conde duque de Olivares, tentou realizar unha serie de reformas internas ao tempo que mantiña o prestixio internacional da monarquía hispánica. No eido internacional involucrouse na Guerra dos Trinta Anos (1618-1648) como aliado dos Habsburgo austríacos. A axuda foi de carácter militar e económico e permitiulles aos austríacos pacificar Bohemia (1620). A fin da tregua con Holanda supuxo o reinicio das hostilidades entre ambos os dous países. Os intereses da coroa española non se situaban na recuperación dos territorios holandeses, senón na protección do seu imperio colonial en Asia e América. A guerra foi de tipo militar e económico, España buscou illar comercialmente a Holanda, e os enfrontamentos militares tiveron lugar na costa de Brasil; sen embargo, as vitorias holandesas en Bois-le-Duc (1629) e Maastricht (1632) obrigaron a España a buscar unha solución diplomática. A conclusión das Guerras de Relixión en Francia permitiu a este país entrar con forza no escenario da política europea. Luís XIII (1610-1643) e o seu ministro, o cardeal Richelieu, desexosos de obter a hexemonía europea, enfrontáronse ás dúas ramas da monarquía dos Habsburgo, a hispana e a austríaca. Trala vitoria católica de Nordlingen (1634), os franceses aliñáronse xunto aos holandeses e aos protestantes alemáns. Tentaron invadir España por Navarra pero foron rexeitados en Hondarribia (1638). Un ano máis tarde, a flota holandesa dirixida polo almirante Tromp destruíu a flota hispana no canal da Mancha. A continuidade da guerra e os efectos da mesma levaron a que os países belixerantes asinasen a Paz de Westfalia en 1648; paz que non chegaría ata 1659 coa sinatura da Paz dos Pireneos, pola que España entregou a Francia o Rosellón e algunhas prazas en Flandres a cambio de Catalunya. En política interna, o reinado de Filipe IV iniciouse cunha Xunta de Reformación (1618) que promulgou unha serie de leis destinadas a reducir o luxo e a ostentación. Dentro desta política reformista presentóuselles ás Cortes a Unión de Armas, un proxecto para establecer un exército permanente pagado por todos os reinos da coroa. Non obstante , a situación económica e as continuas crises paralizaron estes proxectos de reforma. En 1640, a situación política e económica do país agravouse ao estalar as rebelións de Catalunya e Portugal. A rebelión catalá comezou como un alzamento popular contra os abusos dos tercios que loitaran no Rosellón. O 7 de xuño, o alzamento chegou á cidade de Barcelona, onde os campesiños asasinaron o vicerrei. A Generalitat convocou a Junta de Brazos, na que se autorizou o recrutamento de tropas, e en 1641 proclamou unha república catalá dependente do rei francés. A guerra continuou ata 1659, cando se firmou a Paz dos Pireneos. Portugal nunca aceptou a súa integración na coroa española e aproveitou a conxuntura sociopolítica para rebelarse contra Filipe IV. Foi unha guerra de fronteiras na que os lusos estiveron apoiados discretamente por Francia e Inglaterra. A impopularidade de Olivares levou a Filipe IV a retiralo en xaneiro de 1643. O rei tentou gobernar por el mesmo aconsellado por sor María de Ágreda, coa que mantiña correspondencia; sen embargo, pronto tomou como valido a Luis Méndez de Haro, sobriño de Olivares. Carlos II o Enfeitizado (1665-1700) sucedeu ao seu pai pero non gobernou por causa da súa minoría de idade ata 1675. A rexencia recaeu na sua nai Mariana de Austria e aínda que no testamento de Filipe IV se establecía que a raíña gobernaría asistida por un consello de rexencia, ela preferiu ao seu confesor austríaco, o xesuíta Johannes Everard Nithard. Unha das primeiras decisións do novo goberno foi a sinatura do Tratado de Lisboa (1668), no que se recoñeceu a independencia de Portugal, e da Paz de Aquisgrán (1668), na que Francia devolveu a España o Franco Condado a cambio das prazas de Furnes, Bergues, Armentières, Menin, Lille, Douai, Courtrai, Audenarde, Tournai, Ath, Binche e Charleroi. En 1667 Xoán Xosé de Austria, medio irmán do rei, desbancou o valido Juan de Valenzuela e gobernou en nome do seu irmán ata 1669. Iniciou unha serie de reformas, dirixidas a dar unha maior unidade aos reinos da monarquía hispánica, e promoveu a participación da Coroa de Aragón nos asuntos xerais da monarquía. Trala súa morte sucedéronlle como validos o duque de Medinaceli (1680-1685) e o duque de Oropesa (1685-1691). Os seus gobernos centráronse nas refomas internas, ante a incapacidade de éxitos na política europea, na que España perdeu, pola Paz de Nimega (1678), o Franco Condado. Elaborouse un proxecto de contribución única que mellorase a situación económica do Estado, mais a oposición da alta nobreza e da Raíña Mariana de Neoburgo impediron calquera tipo de cambio. Dende 1690 o principal problema da monarquía foi a falta de herdeiro do monarca. Na organización política, o establecemento durante o s XVII do réxime do valimento fixo perder importancia aos secretarios do Consello de Estado. Non obstante , os consellos de cada reino adquiriron máis importancia e os seus postos ocupáronos xuristas formados nos grandes colexios maiores. O Consello de Facenda reorganizouse en varias ocasións como consecuencia das crises económicas, pero o cambio máis importante foi a creación en 1601 da Comisión de Millóns. As Cortes convertéronse soamente no medio para votar a recadación de impostos, aínda que algunhas cidades e reinos sen representación, como Galicia, Extremadura e Palencia, conseguiron o seu voto. Os municipios continuaron controlados pola nobreza, mais o pago de impostos á Coroa levou a moitos deles á venda de terras de carácter comunal. Tamén se acrecentou durante o s XVII a venda por parte da Coroa de cargos públicos. O s XVII foi un século de crises como consecuencia da situación económica e demográfica que sufriu España. Os continuos andazos de peste, a expulsión dos mouriscos, as continuas migracións e guerras provocaron unha caída demográfica. O empobrecemento xeral provocou unha ruralización, sobre todo na Meseta, que levou á práctica desaparición do comercio. Non obstante , algunhas rexións, como Galicia e a costa cantábrica, aumentaron a súa poboación como consecuencia da introdución nas súas agriculturas do millo traído de América. Baixo os gobernos de Xoán Xosé de Austria, o duque de Medinaceli e o conde de Oropesa, iniciouse unha tímida recuperación. Intentouse revitalizar a industria téxtil por medio da creación da Junta de Comercio y Moneda e buscouse regular o tráfico coas Indias, para o que se suprimiron os dereitos aduaneiros de Sevilla e Cádiz (1660). En 1680 reformouse o sistema monetario para baixar a inflación; ademais a moeda de billón depreciouse e reaxustouse a de prata, de xeito que unha moeda de prata equivalía a dúas de billón.
A cultura do Barroco
Arte
Durante o Barroco a pintura española acadou a súa idade de ouro, e desenvolveuse principalmente en Sevilla e Madrid. No eido da arquitectura, o século comezou baixo a influencia clasicista para despois asumir as formas barrocas. Destacaron, entre outros, Juan Gómez de Mora (1598-1648), autor do convento de La Encarnación, do concello e da Plaza Mayor de Madrid e da Clerecía de Salamanca; Francisco Bautista (1594-1679), autor das igrexas de San Juan Bautista de Toledo e de San Isidro el Real de Madrid; Alonso de Carbonell, que construíu o palacio del Buen Retiro; e Pedro Sánchez (1569-1633), que dirixiu as obras da catedral de San Isidro de Madrid. En Andalucía traballou Leonardo Figueroa (?-1730) nas igrexas de San Luis de los Franceses e do Salvador de Sevilla; Ignacio Sala na Real Fábrica de Tabacos de Sevilla; Alonso Cano (1601-1667) na catedral de Granada; e Francisco Hurtado (1669-1725) no sagrario da cartuxa e da catedral de Granada. En Castela traballaron, entre outros, Pedro de Ribera (1683-1742) na ponte de Toledo en Madrid; Narciso Tomé (?-1742), autor do Transparente da catedral de Toledo; e os irmáns José Benito (1655-1725), Joaquín (1674-1724) e Alberto Churriguera (1676-?). En València sobresaíron Conrado Rudolfo (?-1752), autor da fachada da catedral, e H. Rovira, autor da fachada do palacio do Marqués de Dos Aguas; e en Murcia Jaime Bort, autor da fachada da catedral. En Galicia cómpre salientar a remodelación barroca da catedral de Santiago de Compostela, na que traballaron Bartolomé Fernández Lechuga (?-1645), José Peña de Toro (?-1676), Domingo Antonio de Andrade (1639-1711), Fernando de Casas Novoa (1675?-1749) e Lucas Ferro Caaveiro (1699?-?). Destacaron tamén Diego de Romay, frei Tomé Alonso, frei Gabriel de Las Casas (1654-1709), Simón Rodríguez (1716-1765) e Clemente Fernández Sarela (1716-1765). A escultura barroca foi esencialmente relixiosa e produciu imaxes e pasos procesionais cunha técnica e unhas características que non se acadaron no resto de Europa, entre outras, o emprego de elementos postizos. En Castela destacou Gregorio Fernández (1756-1636), de orixe galega; en Andalucía Juan Martínez Montañés (1568-1649), Juan de Mesa (1586-1627), Alonso Cano (1601-1667) e Pedro de Mena (1628-1688); e en Murcia Francisco Salzillo (1707-1783). Na Corte traballaron, entre outros, Xoán de Boloña e Pietro Tacca (1577-1640), autor da estatua ecuestre de Filipe IV na praza de Oriente de Madrid. A pintura relixiosa afondou na doutrina do Concilio de Trento: representouse a Igrexa triunfante, os martirios e éxtases de santos e os ciclos monásticos. Cultivouse tamén o retrato, sobre todo o ecuestre, as naturezas mortas e, en menor medida, a paisaxe, a pintura mitolóxica e a costumista. Cómpre destacar a Francesc Ribalta (1565-1628), Josep de Ribera (1591-1652), Juan Sánchez Cotán (1560?-1627), Francisco Zurbarán (1598-1664), Alonso Cano (1601-1667), Juan Carreño de Miranda (1614-1685), Claudio Coello (1642?-1693), Bartolomé Esteban Murillo (1617-1682), Juan de Valdés Leal (1622-1690) e Velázquez (1599-1660), cumio da pintura española.
Ensino
Mentres en distintos lugares de Europa durante o s XVII se estaban a forxar as bases da revolución científica que conducirían á Ilustración, en España produciuse unha importante mingua da actividade formativa; esta realizábase por medio de escolas primarias, fundadas por algúns concellos ou sostidas por institucións relixiosas -como os propios colexios de gramática dos xesuítas-, de cátedras de gramática e dos colexios xesuítas que ofrecían o equivalente a unha formación secundaria máis gramatical ca humanista, e as distintas e relativamente numerosas pequenas universidades (entre elas a de Gandía, Burgo de Osma, Osuna e Irache) que daban, sobre todo, os estudios facultativos de artes, teoloxía e de canons, en tanto que eran poucas as que dispoñían das facultades de Dereito Civil e de Medicina; a de Santiago de Compostela dispuxo destas cátedras só dende mediados do s XVII.
Imprenta
Produciuse unha perda de calidade nos traballos de impresión e os obradoiros convertéronse en meras industrias de reprodución. Roto o privilexio real, as únicas poboacións que mantiveron e incluso aumentaron o número de imprentas foron Lleida, Madrid, Barcelona, València e Zaragoza, mentres que Cuenca, Guadalajara, A Coruña e Medina del Campo perderon as que tiñan. En Galicia o único que mantivo certa constancia foi Luís Paz en Santiago de Compostela que imprimiu en 1601 as Constituciones Sinodales, o mestre Pacheco, impresor da Relación de las exequias que hizo la Audiencia de la Coruña á doña Margarita de Austria (1612), e Juan Guixard de León, editor das obras Jubileo (1628?), de Méndez, e Información (1631), do padre Astorga.
Lingua
A etapa coñecida como castelán clásico (ss XVII-XVIII) ou dos séculos de ouro, de carácter literario, significou a última gran transformación do sistema fonolóxico, en que ademais se consolidou a noción de español como idioma común nun momento en que, como consecuencia da expansión política cara a Europa e América, aumentou o interese pola aprendizaxe da lingua e, con el, a publicación de tratados gramaticais, lexicográficos e ortográficos destinados ao ensino de estranxeiros. O desenvolvemento literario e normativo correspondeuse cun proceso de estandarización crecente en que se seleccionaron algúns dos usos que convivían en etapas anteriores. Por esta razón, nesta época, caracterizada pola fixación de usos na lingua escrita, desenvolveron a súa obra os autores que, en boa medida, se van converter en modelos para o establecemento da norma académica no s XVIII.
Literatura
No ámbito da literatura, Miguel de Cervantes, Francisco de Quevedo, Lope de Vega, Luis de Góngora, Tirso de Molina, Mateo Alemán e Calderón de la Barca consolidáronse como os grandes nomes. Literariamente, o estilo barroco crea dificultade e escuridade; amorea complexidades retóricas na expresión e racha a harmonía entre a expresión e o contido. Culteranismo (ou gongorismo) e conceptismo son as dúas vías do barroco literario español. Na narrativa hai unha continuidade da novela picaresca, chea de digresións morais, de actitude de desilusión e desengano, de negro pesimismo e deformación expresiva; isto último é salientable en La vida del Buscón llamado Don Pablos (1626) de Quevedo. Cómpre citar, ademais, o Guzmán de Alfarache (1599), de Mateo Alemán, e La vida del escudero Marcos de Obregón (1618), de Vicente Espinel. De carácter psicolóxico e con elementos costumistas está a chamada novela cortesá, modalidade en que destaca Novelas ejemplares y amorosas (1637), de María de Zayas y Sotomayor. Fóra do terreo estricto da narrativa apareceu toda unha produción en prosa de carácter político, moral, haxiográfico ou doutrinal. Cómpre falar de Baltasar Gracián (1601-1658), definidor do conceptismo en Agudeza y arte de ingenio e autor dunha alegoría da vida humana en El criticón. Diego de Saavedra Fajardo (1584-1648) aplicou o conceptismo á temática política en Empresas políticas. Na poesía -culterana, conceptista ou clasicista-, ademais das grandes figuras de Lope de Vega, Góngora ou Quevedo destacan Juan de Tassis, Conde de Villamediana (1582-1622), autor de sonetos amorosos e da culterana Fábula de Faetón; Francisco de Rioja (1583-1659), cantor das flores; Rodrigo Caro (1573-1647), autor da Canción a las ruinas de Itálica; Andrés Fernández de Andrada (1575?-1648), ascético e estoico na sentida Epístola moral a Fabio; a doutrinaria e moralizante obra dos irmáns Lupercio e Leonardo Argensola; e a obra de Juan de Jáuregui e Pedro Soto de Rojas. O s XVII representou a formación e consolidación do teatro nacional ou clásico español, da chamada comedia española. Funcionaban tres clases de teatro: o popular, representado nos corrales; o relixioso (en especial os autos sacramentais), que se representaba en prazas ou diante das igrexas; e o cortesán, de fastosa escenografía, que se desenvolvía nos salóns dos palacios. A pegada popular foi fundamental no desenvolvemento do teatro nacional, pois a incorporación de formas populares deixouse sentir tanto no rexeitamento da preceptiva literaria italiana, que se entendía como demasiado formalista, como na construción do espectáculo, no que se incorporaban elementos populares como loas, entremeses, cantos e bailes, ou na concepción do primeiro espazo escénico, denominado corral de comedias. Escrito sempre en verso, contaba con compañías de comediantes que ían do reducido bululú, un actor, ata a farándula e a compañía, de moitos máis actores, xunto co ñaque, gangarilla, cambaleo, garnacha e bojinganga, agrupacións descritas por Agustín de Rojas Villandrando en El viaje entretenido (1603). A representación dunha comedia duraba horas e incluía unha loa inicial, un entremés e un baile final, e o espectáculo remataba aínda cun sainete. Na festividade do Corpus representábanse os autos sacramentais, pezas dun acto, de carácter alegórico e de exaltación da Eucaristía, que dominaron a escena española durante os ss XVI, XVII e boa parte do XVIII, ata a súa prohibición en 1765. No seu Arte nuevo de hacer comedias, Lope de Vega formulou as bases da nova comedia española: estruturada en tres xornadas (exposición, nó e desenlace) que configuran a acción; acción múltiple chea de dinamismo, de lances e episodios; supresión das unidades de acción, lugar e tempo; mestura do tráxico e o cómico; polimetría e cancións intercaladas; personaxes fixos: a dama, o galán, o bobo (gracioso ou donaire) e a criada; temática moi variada: histórica, amorosa, mitolóxica, costumista, de enredo, de honra, pastoril, de capa e espada, etc. A dramaturxia de Lope de Vega creou escola e a ela adscribíronse Antonio Mira de Amescua (1574?-1644), que en El esclavo del demonio criticou as teses da predestinación e o libre albedrío; Guillén de Castro (1569-1613), que volveu á figura histórica do Cid en Las mocedades del Cid; frei Gabriel Téllez (1584-1648), literariamente Tirso de Molina, autor de El burlador de Sevilla, onde creou a figura de Don Juan que recreou despois Zorrilla, e El condenado por desconfiado, nova contribución ao problema da predestinación. Juan Ruiz de Alarcón (1581-1639) dramatizou o vicio da mentira en La verdad sospechosa. Destacaron, ademais, Luis Vélez de Guevara e Agustín Moreto. Pero foi Pedro Calderón de la Barca (1600-1681) o máis universal dos seguidores do teatro de Lope, teatro que el reformou en boa medida ao perfeccionar a composición estrutural e intensificar o estudo dos caracteres. Escribiu El alcalde de Zalamea, drama que trata o problema da honra, o drama filosófico La vida es sueño e comedias como El médico de su honra, La dama duende, A secreto agravio secreta venganza, Casa con dos puertas mala es de guardar ou El mayor monstruo, los celos. No ámbito do auto sacramental deixou pezas como El gran teatro del mundo, El divino Orfeo, El veneno y la triaca ou No hay más fortuna que Dios. Félix Lope de Vega y Carpio (1562-1595) foi un escritor de éxito, agarimado polo público. Poeta sacro e profano, ás veces de inspiración autobiográfica, reuniu os seus versos nos poemarios Rimas, Rimas sacras e Rimas humanas y divinas del licenciado Tomé de Burguillos. Cultivou o poema épico en La Dorotea ou La Gatomaquia; das súas pezas teatrais destacan Fuenteovejuna, El Caballero de Olmedo, Peribáñez y el comendador de Ocaña, La dama boba, El perro del hortelano, El castigo sin venganza e El villano en su rincón. Como prosista, tratou o xénero pastoril na súa novela La Arcadia, mentres que La Dorotea é unha “acción en prosa” dialogada. Luis de Góngora y Argote (1561-1627), representante da lírica culterana, foi exclusivamente poeta. A súa obra creceu co tempo en complexidade estética, ateigada de complicadas metáforas, latinismos e alusións mitolóxicas. Compuxo poemas de tipo popular na liña satírico-humorística, pero tamén de carácter relixioso. Empregou o romance, o romancillo, o soneto, o terceto, as oitavas, etc. Foi o autor de Fábula de Píramo y Tisbe, Soledades e Fábula de Polifemo y Galatea. Poeta lírico, escritor político, moralista e narrador foi Francisco de Quevedo y Villegas (1580-1645). Contribuíu á novela picaresca con La vida del Buscón llamado Don Pablos, e personificou a liña conceptista do Barroco. No terreo da prosa, os seus Sueños son unha sátira do mundo e da vida. Como fantasía satírico-moral escribiu La hora de todos y Fortuna con seso; como tratadista político, Política de Dios, Gobierno de Cristo y tiranía de Satanás; e no eido da literatura ascética La cuna y la sepultura. Boa parte da súa lírica apareceu postumamente co título de Parnaso español (1648). Malia o indubidable favor popular que o teatro gañou durante este século e o seguinte, os actores nunca gozaron de recoñecemento oficial, debido ás permanentes condenas da Igrexa, ata o punto de que só a partir de 1587 se comezou a permitir unha tímida incorporación da muller á interpretación. Coa chegada dos epígonos dos grandes dramaturgos do Século de Ouro, os espectáculos comezaron a potenciar o uso de maquinaria escénica para conseguir os máis variados efectos, feito que se incrementou coa incorporación da música. O uso excesivo da tremoia deixouse sentir tanto nas comedias de maxia como na ópera.
Música
O Barroco musical limitouse á imitación do que se facía en Italia e Francia. O s XVII foi a época de esplendor do vilancico relixioso. A música relixiosa foi cultivada, entre outros, por Juan Esquivel, Mateo Romero, Domingo Fernández, Pedro Ruimonte, Juan Bautista Comes, Juan García de Salazar, Joan Cererols, Francisco Valls e Joan Pujol. A música profana está representada por Juan Blas de Castro, Gabriel Díaz e Juan de Palomares. No campo da polifonía sacra, numerosos músicos intentaron conservar as características propias, mentres que outros asimilaron o xeito italiano. Neste período destacaron en Madrid, como centros da creación musical, a capela do Convento de la Encarnación, a capela do Convento de las Descalzas Reales e a capela da Capilla Real. Así mesmo, sobresaíu o labor dos mestres de capela espallados polas distintas catedrais, entre os que destacaron António Carreira e José de Baquedano. Cómpre mencionar a obra do guitarrista Gaspar Sanz (1640-1710), quen deu o protagonismo decadente da vihuela á guitarra no seu tratado Instrución de música sobre la guitarra española y método desde sus primeros rudimentos hasta tañerla con destreza (1674). A escola organística iniciada por Antonio de Cabezón continuou con Juan Cabanilles e Francisco Correa de Araúxo. Nesta época naceron formas específicas españolas como a zarzuela, o tiento e a batalla. Posiblemente, o primeiro antecedente da zarzuela foi a peza teatral de Calderón de la Barca en dous actos e con moitas partes musicadas El jardín de Falerina, estreada en 1648, e Juan Hidalgo foi o autor da música da primeira ópera española conservada, Celos aun del aire matan (1660), con letra de Calderón.
O absolutismo borbónico
A centralización política
Á morte de Carlos II o Enfeitizado (1700) presentouse o problema sucesorio. Aínda que o Consello de Estado designou ese mesmo ano como herdeiro a Filipe d’Anjou, neto de Luís XIV de Francia, as potencias europeas rexeitaron este candidato por temor a unha unión entre as coroas de Francia e España e apoiaron ao arquiduque Carlos de Habsburgo. En 1701, ao tempo que Filipe V chegaba a Madrid, formouse na Haia unha alianza integrada por Austria, Holanda e Inglaterra, á que en 1703 se uniron Portugal e o ducado de Savoia. A Guerra de Sucesión pola coroa española (1700-1715) tivo como escenarios de batalla Europa e España. O Tratado de Utrecht (1713) puxo fin aos enfrontamentos en Europa e entregou ao arquiduque Carlos os antigos dominios españois nos Países Baixos, Milán, Nápoles e Sardeña; Sicilia ao duque de Savoia; e Xibraltar, ocupado en 1704, e Menorca, ocupada en 1708, aos británicos, ademais de privilexios comerciais con América durante trinta anos. A guerra dividiu España, pois mentres Castela apoiou a Filipe V, Catalunya, Aragón e València apoiaron a Carlos VI de Austria. A vitoria dos exécitos casteláns en Almansa (1707), Brihuega (1710) e Villaviciosa (1710) permitiu que Filipe V fose recoñecido como monarca nos reinos da Coroa de Aragón. O triunfo borbónico supuxo a chegada a España do absolutismo ilustrado e do seu programa de reformas que remodelaron a organización estatal. A centralización do novo estado levou ao Consello de Castela a estender a súa xurisdición a todo o territorio español, aínda que o seu poder se viu limitado. Os antigos secretarios de Estado convertéronse en secretarios de despacho, altos funcionarios, posteriormente chamados ministros, con atribucións políticas que despachaban directamente co monarca. O número de secretarías fixouse en 1721 en cinco, Estado, Xustiza, Facenda, Guerra e Mariña e Indias, esta última separada posteriormente. A administración territorial modificouse cos Decretos de Nueva Planta (1707-1715), que acabaron cos foros e institucións propias da Coroa de Aragón e significaron o nacemento de España como estado centralizado e a súa división en territorios gobernados por un xefe militar e político, o gran capitán. Creáronse novas audiencias, como a do Principado de Asturias (1717), e apareceron os intendentes, que gobernaban vastos territorios e tiñan atribucións en materia de facenda, milicia, xustiza e goberno. En política exterior, entre 1715 e 1719, Filipe V, influenciado pola súa segunda esposa, Isabel de Farnesio, e polo crego italiano Giulio Alberoni, tentou recuperar algunha das posesións españolas en Europa. Alberoni organizou as forzas navais e recuperou Sardeña (1717) e Sicilia (1718). O Reino Unido, Holanda, Austria e Francia organizáronse na Cuádrupla Alianza (1718) que atacou as tropas españolas en Sicilia e ocuparon Gipuzkoa e Catalunya. En 1719 Filipe V aceptou as súas condicións e retirou as tropas españolas de Italia. En 1724 o monarca abdicou por motivos relixiosos no seu fillo Luís I, que morreu un ano máis tarde; o baleiro de poder resolveuse coa volta ao trono de Filipe V. A Raíña Isabel de Farnesio iniciou unha serie de contactos diplomáticos destinados a introducir os seus fillos na política europea e tentou casar os infantes Carlos e Filipe con membros da familia real austríaca a cambio da concesión a Austria dun monopolio comercial con América a través do porto de Ostende. Non obstante , as negociacións fracasaron e España asinou con Francia o Primeiro Pacto de Familia (1734) polo que se comprometía a axudala na Guerra de Sucesión polaca a cambio de concesións territoriais. A loita dos exércitos franceses e españois en Italia permitiu ao infante Carlos converterse en rei de Nápoles e Sicilia entre 1734 e 1759. En 1743 asinouse o Segundo Pacto de Familia polo que España volvía apoiar a Francia fronte ao Reino Unido na Guerra de Sucesión austríaca. A Filipe V sucedeulle o seu fillo Fernando VI (1746-1759), que procurou a neutralidade de España na política europea. Polo Tratado de Aquisgrán (1748) acadou para o seu medio irmán, Filipe de Farnesio, o ducado de Parma. En 1750 asinou pactos co Reino Unido, polos que este renunciaba aos seus privilexios comerciais con América; e con Portugal, que devolveu a colonia de Sacramento a cambio da entrega dos territorios das misións xesuíticas no Paraguay. En 1753 asinouse o concordato co Vaticano no que se limitou a cantidade de diñeiro que España entregaba á curia romana e se concedeu ao monarca o dereito de nomear a gran maioría dos cargos eclesiásticos. En política interna, o marqués de La Ensenada reorganizou a armada española a través da remodelación de antigos arsenais, como o gaditano da Carraca, e a creación de estaleiros en Ferrol e Cartagena; mellorou as comunicacións entre Castela e a periferia ao abrir novos camiños, como o que uniu Madrid e Santander; e tentou instaurar en Castela o catastro, un sistema tributario único similar ao existente en Aragón. En 1759 morreu Fernado VI e o seu medio irmán, Carlos, ata ese momento rei de Nápoles e Sicilia, herdou a coroa española. En política internacional, o apoio de España a Francia na Guerra dos Sete Anos (1756-1763) permitiu a recuperación da illa de Menorca en 1746. No interior, o reinado de Carlos III significou a chegada do despotismo ilustrado. As primeiras medidas reformadoras introducidas polo ministro de Facenda, o marqués de Esquilache, dirixíronse a prol da consecución da contribución única. Rescatáronse rendas e propiedades enaxenadas á Facenda Real, fundouse a lotería e os montepíos en favor de viúvas e fillos de funcionarios e militares e reorganizáronse as forzas armadas. Non obstante , as medidas de presión fiscal en detrimento da alta nobreza, a mala colleita do ano 1765 e as medidas liberalizadoras do comercio de Rodríguez Campomanes, fiscal do Consello de Castela, provocaron no domingo de Ramos de 1766 un motín do pobo de Madrid. O motín de Esquilache iniciouse como unha protesta polo bando emitido polo ministro sobre capas e chapeus; continuou co saqueo da súa residencia, cos enfrontamentos entre o pobo e a garda valona, e acabou coa concesión por parte do monarca das peticións do pobo, o desterro de Esquilache, a supresión da garda valona, a abolición dos bandos sobre a vestimenta, a rebaixa nos prezos dos alimentos e a amnistía para todos aqueles que participaran no motín. Ao final das revoltas, o conde de Campomanes iniciou unha investigación co fin de buscar os culpables do alzamento. Foron encarcerados o marqués de Valdeflores e o abade Gándara e implicouse á Compañía de Xesús. Os intereses do estado ilustrado estaban en conflito coas doutrinas xesuíticas, ao manter a Compañía de Xesús a súa obediencia ao papa, que a enfrontaba co regalismo, e a súa negación do absolutismo e lexitimación do dereito do pobo á rebelión. Os xesuítas xa foran expulsados, entre outros países, de Portugal (1759) e Francia (1764), e en febreiro de 1767 asinouse o decreto de expulsión da orde de España e dos territorios americanos, que se viu completado coa disolución da mesma por parte da Santa Sé en 1773. A expulsión tivo consecuencias inmediatas ao ser esta orde relixiosa a que controlaba o ensino secundario. Iniciouse unha reforma das universidades na que tamén se buscou acabar co poder dos colexios maiores. Un novo intento de instaurar a contribuición única en Castela levou ao conde de Floridablanca a realizar un novo censo e iniciar as reformas fiscais; por outra banda, rebaixáronse os impostos sobre os produtos de primeira necesidade, graváronse as rendas de propiedades rústicas e civís e iniciouse a tributación de censos, accións e outras fontes de riqueza que ata ese momento non tributaban. No ámbito europeo, Carlos III continuou a política de neutralidade de España, aínda que asinou con Francia un Terceiro Pacto de Familia (1761) que se renovou en 1779. Os enfrontamentos entre Francia e o Reino Unido levaron a este a ocupar os portos de La Habana e Manila, que non se recuperaron ata 1763. Trala Declaración de Independencia dos EE UU (1776), España apoiou os americanos e a cambio conseguiu a devolución de Florida pola Paz de Versailles (1783). As relacións con Portugal estabilizáronse trala firma do Tratado de San Ildefonso (1778), no que España recoñeceu como portuguesas as provincias de Santa Catalina e Río Grande, a cambio da renuncia de Portugal a instalarse no Río de la Plata e a cesión das illas de Fernando Poo e Annobón.
A evolución socioeconómica
A chegada dos Borbóns e das ideas absolutistas introduciron cambios na estrutura socioeconómica. A sociedade do s XVIII continuou a ter un carácter estamental, aínda que as clases dirixentes, xeralmente ben preparadas, buscaron acabar coas desigualdades sociais, que impedían, segundo eles, o crecemento económico. A nobreza continuou a ser a clase privilexiada, aínda que con reformas. Aumentou o número da alta nobreza, ao entrar a formar parte dela personaxes de recoñecida valía intelectual, política e económica, mentres diminuíu o número da baixa. Os ilustrados tamén procederon a reformar o clero secular, considerado como instrumento educativo do pobo. O terceiro estado, definido pola súa carencia de privilexios, continuou a ser un grupo heteroxéneo composto por unha minoría burguesa, labregos, artesáns e pescadores. Produciuse, ademais, un aumento demográfico, constatable grazas á realización por parte dos ministros ilustrados de censos de carácter sistemático. Na agricultura, a necesidade dun maior número de alimentos traduciuse no cultivo de novas terras, na ampliación do regadío e na diminución dos barbeitos. Na gandería, continuou a supremacía da la, aínda que a Mesta viu reducida a súa influencia nas terras de Extremadura. Desenvolveuse a pesca de altura en Terranova e no Mediterráneo, onde se acabou coa piratería, e as industrias conserveiras e de salgadura en Andalucía e Galicia. Continuou a existencia de industrias vinculadas á guerra, como as fábricas de armamento de Asturias, Bizkaia e Gipuzkoa. Desenvolvéronse fábricas de manufacturas reais como as de tecidos en Talavera de la Reina, San Fernando e Guadalajara, de tapices en Aranjuez e de vidro en La Granja de San Ildefonso. O comercio desenvolveuse especialmente en Catalunya, onde existiu unha extensa rede comercial. As contribucións das teorías mercantilistas levaron a intentos de reforma no sistema de pesos e medidas. Reformouse o sistema monetario para acabar coa inflación e en 1737 fixouse o valor do real de prata en 68 marabedís, o do real de a dous en catro reais de billón, que posteriormente pasou a chamarse peseta, e o do real de oito en dez reais.
A cultura ilustrada
Arte
A chegada da dinastía Borbón á coroa de España supuxo para as artes unha renovación estilística motivada pola presenza de artistas estranxeiros que incorporaron as novas tendencias clasicistas. Na Corte traballaron, entre outros, Filippo Juvara (1676?-1736) nos palacios reais de Madrid e de La Granja de San Ildefonso, e Giacomo Bonavia (?-1759) no palacio de Aranjuez. En 1752 Fernando VI impulsou a creación da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, que se converteu dende 1783 na rectora da vida artística, pois só ela concedía os títulos e dirixía a aprendizaxe. Ademais, creouse o Museo del Prado. As primeiras formas neoclásicas empregounas Ventura Rodríguez (1717-1785), entre outras obras, na fachada da catedral de Pamplona. Mantiveron as formas neoclásicas, entre outros, Francesco Sabatini (1722-1797) na porta de Alcalá e no ministerio de Facenda de Madrid; Juan de Villanueva (1739-1811), autor do Museo del Prado, do Jardín Botánico, do Observatorio Astronómico, da Casita de Arriba e da Casita de Abajo de El Escorial e da Casita del Príncipe en El Pardo; Isidro González Velázquez (1765-1840), autor da Casita del Labrador de El Escorial; Antonio López Aguado (1764-1831), autor da porta de Toledo e do proxecto do Teatro Real de Madrid; e Silvestre Pérez (1767-1825), autor da antiga casa do concello de Donostia, convertida en Biblioteca Municipal, e da igrexa de Mugardos. A escultura desenvolveuse ao redor da Corte e da academia e cultivou os temas clásicos, como as alegorías, e o retrato. As primeiras formas neoclásicas corresponden a Francisco Gutiérrez (1727?-1782) e Juan Pascual de Mena (1707-1784). A pintura do s XVIII non asumiu na súa totalidade os postulados clasicistas e mantivo as características do barroco decorativo italiano. A súa renovación produciuse trala chegada de Anton Rafael Mengs (1728-1779), director da Real Fábrica de Tapices, onde traballaron os irmáns Francisco e Ramón Bayeu e Goya, entre outros.
Ciencia
Fernando VI e Carlos III fomentaron o desenvolvemento da cultura científica e permitiron un maior contacto co resto de Europa. Carlos III promocionou especialmente o estudo dos chamados coñecementos útiles, e con esta intención foron traídos profesores estranxeiros, como Joseph Louis Proust. Tamén baixo o seu reinado se creou o Museo de Historia Natural. Destacaron, entre outros, Jorge Juan, que publicou a primeira obra española na que aparece o cálculo infinitesimal, e Antonio de Ulloa, que participou na medición do arco do meridiano terrestre; os dous realizaron as primeiras determinacións gravimétricas, numerosas determinacións astronómicas, e estudiaron a constitución física da atmosfera. Hai que salientar tamén o labor do padre Feijoo que, consciente do atraso científico de España, contribuíu a aumentar o interese polas ciencias naturais e defendeu o método experimental. Foron numerosos os botánicos do Real Jardín Botánico de Madrid, como Josep Quer i Martínez, Antoni Josep Cabanilles i Palop e José Celestino Mutis, que co seu labor de exploración contribuíron a ampliar os coñecementos sobre a flora da Península. Tamén destacan os traballos de frei Martín Sarmiento, que recollen tanto coñecementos botánicos como zoolóxicos. Non obstante , España permaneceu á marxe da revolución científica que tiña lugar en Europa.
Ensino
No s XVIII Bieito Xerome Feijoo Montenegro, profesor de teoloxía no mosteiro de San Vicente do Pino (Monforte de Lemos) e na Universidad de Oviedo, publicou oito volumes do Teatro crítico universal (1726-1739) e cinco de Cartas eruditas y curiosas (1742-1760), ás que se lles engadiu un volume de Adiciones (1783), que constitúen unha vasta enciclopedia de temas diversos. Converteuse, co apoio real, no gran crítico do tradicionalismo científico e cultural barroco hispano, de orientación escolarizante, ao abrir novas perspectivas europeizadoras. O panorama educativo e formativo seguía a discorrer por camiños similares aos indicados, e só comezou a modificarse con algunha forza a partir de mediados de século, a través e co concurso das institucións científicas e académicas impulsadas dende o contorno real: as Reales Academias, os novos centros de formación militar, os centros de formación técnica ao servizo das manufacturas reais (tapices, cerámica e outras), o Colegio Imperial, para a formación de nobres, e as Reales Sociedades de Amigos del País, impulsadas polo conde de Campomanes, autor nos anos 70 de escritos favorables ao impulso dunha nova formación científica e técnica. Xunto a estas innovacións, figuras como Gregori Mayans i Siscar, Gabriel Ciscar, frei Martín Sarmiento, Pablo Olavide Jáuregui e Gaspar Melchor María de Jovellanos Ramírez, situado xa na fronteira do novo s XIX, tamén reclamaban a renovación profunda dos estudios. Pola súa parte, Manuel de Godoy y Álvarez de Faria, continuando o reformismo ilustrado, adoptou medidas de impulso do ensino primario (xunta de exames, 1804, e creación do Instituto Militar Pestalozziano para a formación do profesorado, 1806).
Imprenta
A chegada de Carlos III confirmou a recuperación e desenvolvemento da industria tipográfica. Destacaron, entre outros, Joaquín Ibarra (1725-1785) e Antonio de Sancha en Madrid, Monfort (1716-1785) en València e Pradell. Ao par, cómpre subliñar os traballos da Imprenta Real e dalgúns obradoiros de Barcelona, Málaga e Zaragoza. Entre as edicións deses anos sinálanse a Santa Biblia (1775), o Breviario mozárabe (1775), o Don Quijote de la Mancha (1780 e 1782), a Historia de España (1783?) do padre Mariana, as Memorias históricas de la Marina, Comercio y Artes de Barcelona (1779), de Antonio Capmany, o Viaje a Constantinopla (1790) e Los Quatro Libros de Arquitectura (1797) de A. Palladio.
Literatura
A dinámica literaria coñeceu tres etapas: un barroquismo degradado e decadente, o neoclasicismo e o prerromanticismo. Escritor barroco, imitador de Quevedo, foi Diego Torres y Villarroel (1693-1770). Feijoo, Ignacio Luzán e Francisco Isla atacaron os gustos barrocos. Destacou A Poética de Ignacio Luzán (1702-1754); Tomás de Iriarte (1750-1791), coas Fábulas literarias; Leandro Fernández de Moratín, coas pezas El sí de las niñas e La comedia nueva; Gaspar Melchor María de Jovellanos Ramírez (1744-1811), ilustrado e reformista e autor de escritos políticos, económicos, históricos ou filosóficos; José María Blanco (1775-1841), coñecido como Blanco White, ilustrado, emigrado a Londres, autor de Letter from Spain; Juan Meléndez Valdés (1754-1817), que xunto con José Cadalso e Jovellanos integrou a escola salmantina, cultivou unha poesía idilíca, sentimentalista e pastoril. No teatro, ademais de Moratín, e membros xunto con el da escola madrileña, sobresaíron Ramón de la Cruz (1731-1794), cos seus sainetes; Vicente García de la Huerta (1734-1784), autor da traxedia La Raquel; e Nicolás Fernández de Moratín, que atacou a representación dos autos sacramentais. José Cadalso (1741-1782), aínda que de formación neoclásica, como poeta manifestou en Noches lúgubres unha exaltación sentimental que preludia o romanticismo. Pero foi na prosa epistolar das Cartas marruecas onde deseñou unha visión crítica da España do seu tempo e satirizou os costumes e crenzas de tipo moral, político ou relixioso. Un único xénero, o ensaio, ocupou ao frade bieito Bieito Xerome Feijoo Montenegro (1676-1764), ilustrado e de saber enciclopédico, atento á difusión dos coñecementos modernos e á censura da superstición e das crenzas populares. A finais do século xurdiron, en escritores formados no gusto e estética neoclásicos, síntomas dunha nova sensibilidade: a afirmación do sentir individual, a expresión intensa e exaltada da emoción, o rexeitamento de normas, a visión fúnebre e ata violenta da natureza son claves do Prerromanticismo. Nicasio Álvarez Cienfuegos, Manuel José Quintana, José Marchena, Manuel María de Arjona -continuadores das escolas salmantina e sevillana- e, con eles, a voz lírica de José Cadalso, inician o lirismo prerromántico.
Música
O s XVIII caracterizouse polo predominio da música relixiosa sobre a profana (xa que a demanda de música profana por parte da nobreza era moito menor), pola influencia da música italiana e pola multiplicidade de estilos distintos, como consecuencia do variado gusto dos mecenas que apoiaban a creación musical. A produción destinouse, en gran parte, ao culto litúrxico e a música profana medrou e diversificouse, de feito apareceu a ópera e xa no s XIX as formas de música popular urbana: bandas de música, orfeóns, etc. Así mesmo, cultivouse a tonadilla escénica, peza breve con partes faladas e cantadas que incluía bailes e que triunfou porque incorporou á escena o cotián e os elementos populares. Difundiuse por toda a Península e América e contribuíu á formación dunha linguaxe musical española que posteriormente se desenvolveu na zarzuela. Entre as figuras que cultivaron este xénero sobresaen Blas de Laserna (1751-1816) e Manuel García (1775-1832). As catedrais e igrexas foron puntos fundamentais de creación e apoio musical e destino de músicos estranxeiros que desenvolveron a súa arte. Entre os compositores da época destacan, entre outros, Antonio Rodríguez de Hita (1724?-1787), Antonio Soler (1729-1783), monxe e mestre de capela de El Escorial, organista e autor de obras relixiosas, sonatas para teclado e dun importante tratado teórico titulado Llave de la modulación (1762); e os músicos italianos instalados en Madrid Domenico Scarlatti (1685-1757) e Luigi Boccherini (1743-1805). O reinado de Carlos III correspondeuse co apoxeo musical das catedrais galegas; de grande importancia foron as capelas de música de Mondoñedo, Tui, Ourense, Lugo e Santiago de Compostela. A partir de 1808 esta situación empeorou e produciuse un declive musical, debido a problemas internos nas catedrais, ás guerras e, posteriormente, coa chegada do Trienio Liberal, á redución de capital das catedrais, aínda que durante a Década Ominosa pódese falar dunha certa recuperación, froito da estabilidade orzamentaria. Entre os mestres de capela destacaron Buono Chiodi, Melchor López, Gaspar Smith e paralelamente sobresaíron músicos da calidade de Ramón F. Cuéllar Altarriba, João Pedro Almeida Mota e Joaquín Pedrosa.
Da crise do Antigo Réxime ao Sexenio Revolucionario
Os ecos da Revolución Francesa e a Guerra da Independencia (1789-1814)
A Carlos III sucedeulle o seu fillo Carlos IV (1788-1808), que se tivo que enfrontar ao desencadeamento e ás consecuencias da Revolución Francesa. Os seus gobernos estiveron presididos por distintos ministros ata que en 1789 ascendeu o favorito Manuel Godoy. A partir deste momento, a política exterior española vinculouse á francesa. O triunfo da revolución e a posterior caída da monarquía gala significou a perda do aliado máis importante de España fronte a Inglaterra, polo que en 1793 Carlos IV declarou a guerra á Convención Nacional. As hostilidades levaron á invasión francesa de Euskadi e l’Empordá e a sinatura da Paz de Basilea (1795), na que se cedeu a Francia a parte española da illa de Santo Domingo. Mentres, a economía española resentiuse como consecuencia da interrupción na chegada de caudais de América, do aumento nos prezos dos produtos de primeira necesidade e do aumento da débeda exterior como consecuencia directa da guerra. Ante esta situación, o goberno realizou unha nova desamortización de bens, neste caso os bens de capelanías, hospitais, hospicios e institucións benéficas. En agosto de 1796 reanudáronse os enfrontamentos co Reino Unido, polos que se perdeu a illa de Trinidad, e o goberno viu fracasar os seus apoios aos Borbóns italianos fronte aos exércitos de Napoleón. A continuidade do apoio español a Francia, por causa dos intereses persoais de Manuel Godoy, levou á armada española a enfrontarse, xunto coa francesa, á inglesa na Batalla de Trafalgar (1805), que freou o intento dos franceses de invadir o Reino Unido. En 1807 asinouse con Francia o Tratado de Fontainebleau, polo que España permitiu a entrada no seu territorio das tropas francesas para invadir Portugal, tradicional aliada do Reino Unido, a cambio de compensacións territoriais. O acordo estipulaba que, trala conquista, Portugal se dividiría en tres partes: unha para María Luisa de Borbón, irmá de Carlos IV e antiga raíña de Etruria; outra para o favorito Manuel Godoy; e outra para compensar a Carlos IV pola perda dos territorios ao N do río Ebro que serían ocupados por Francia. Non obstante , as intencións de Napoleón eran outras. O emperador aproveitou as disputas entre o monarca e o seu fillo Fernando para converter a España nunha monarquía satélite, similar ás que xa establecera en Italia, Holanda e Alemaña. Nos inicios de 1808 comezaron a chegar a España numerosas tropas francesas que se dirixiron a Madrid, Barcelona, Pamplona e Donostia. Ante esta situación, a Corte retirouse a Aranjuez para preparar a fuxida a América. Non obstante , o 17 de marzo de 1808 producíuse o Motín de Aranjuez, alentado pola nobreza partidaria do príncipe de Asturias. O motín provocou a destitución de M. Godoy e a abdicación de Carlos IV no seu fillo. Fernando VII trasladouse a Baiona para entrevistarse con Napoleón e este convenceuno para renunciar á coroa en favor do seu pai, que, á súa vez, lla cedeu a Napoleón. Napoleón nomeou o seu irmán, Xosé Bonaparte, novo rei de España e reuniu en Baiona unha serie de notables españois que asinaron o 7 de xullo de 1808 o Estatuto Real de Baiona, carta outorgada na que se estableceu a existencia dunhas Cortes de base estamental e unha serie de reformas de carácter liberal-burgués. Mentres, nas rúas de Madrid ante a presenza de tropas estranxeiras, estalou o 2 de maio de 1808 un movemento popular que se xeneralizou rapidamente ao resto do territorio e que deu comezo á Guerra de Independencia (1808-1814). Comezaron a constituírse unha serie de xuntas territoriais que se fixeron co poder e organizaron a loita contra os franceses. En setembro constituíuse unha Junta Central Suprema, instalada en Aranjuez primeiro e despois en Sevilla, que asumiu a soberanía da nación, convocou Cortes e que se disolveu despois de transferir os seus poderes a un consello de rexencia, establecido en Cádiz, a única cidade libre da presenza gala. Aínda que, en principio, o exército francés era moi superior ao español, nas primeiras operacións os galos foron derrotados. O fracaso da conquista de Andalucía trala Batalla de Bailén (19.7.1808) provocou o abandono de Madrid por parte de Xosé Bonaparte, o levantamento do sitio de Zaragoza e a intervención persoal do propio Napoleón. A chegada de reforzos permitiu aos franceses recuperar Madrid e iniciar unha serie de reformas como a abolición do Tribunal da Inquisición, a redución do número de conventos e a supresión das aduanas interiores e dos dereitos señoriais. Os franceses tamén conseguiron acabar co apoio inglés ao perseguir as tropas británicas ata conseguir que embarcasen no porto da Coruña; o seu continuo avance permitiulles pór sitio a Cádiz en 1810. Ese mesmo ano, convocáronse Cortes en Cádiz co obxectivo de elaborar un texto constitucional. A Constitución de Cádiz promulgouse en 1812 e nela recoñeceuse a soberanía da Nación e a división de poderes; aínda que se recoñeceu a monarquía como forma de goberno, os poderes do monarca estaban limitados pola propia Constitución que o rei estaba obrigado a xurar. Ademais, as Cortes realizaron un labor lexislativo que permitiu a abolición dos dereitos señoriais, a liberdade de prensa, a abolición dos gremios e do Tribunal da Inquisición, o alleamento dos bens das comunidades relixiosas e a apertura da carreira militar a todas as persoas. A chegada dende Portugal dos exércitos ingleses do xeneral Wellington, que freou o avance francés en Fuentes de Oñoro, en xaneiro de 1812, e Los Arapiles, en xullo de 1812, e a desastrosa campaña dos franceses en Rusia, obrigou á retirada das tropas de España e a sinatura do Tratado de Valençay (1813) que permitiu o regreso de Fernando VII.
O reinado de Fernando VII: entre o absolutismo e o liberalismo (1814-1833)
Á volta de Fernando VII, as Cortes dividíronse entre liberais, que querían o apoio do monarca á Constitución de Cádiz, e os realistas, que no Manifesto dos Persas lle mostraron ao monarca o seu desexo dunha volta ao absolutismo. O 4 de maio de 1814, Fernando VII asinou en València unha serie de decretos nos que restableceu a autoridade real absoluta e declarou a Constitución e os decretos das Cortes constitucionais nulos. Entre 1814 e 1820 produciuse a restauración de todos os privilexios da sociedade estamental, o que significou a volta do Tribunal da Inquisición, a devolución á Igrexa e á nobreza de todos os bens que lles foran alleados e o restablecemento dos morgados e os décimos. Non obstante , a crise económica, como resultado da fin do conflito bélico, a débeda exterior, as sublevacións nas colonias americanas coa conseguinte perda de ingresos e de mercados, e a presión fiscal trouxeron a inestabilidade política, canalizada a través do exército. A Guerra de Independencia permitiu o ascenso á cupula do exército de numerosos oficiais de clase media simpatizantes do liberalismo que, favorecidos pola expansión das ideas francesas, protagonizaron unha serie de pronunciamentos fallidos, entre outros os de Francisco Espoz y Mina en Navarra, o de Juan Díaz Porlier na Coruña e o de Luis de Lacy y Gautier en Barcelona. O pronunciamento en Las Cabezas de San Juan do 1 de xaneiro de 1820 liderado polo comandante Rafael del Riego e protagonizado polos exércitos congregados en Andalucía para ser enviados para a defensa de Bos Aires, secundouse noutras rexións como Galicia, onde se chegou a constituír unha Xunta Revolucionaria Suprema que estendeu o seu poder a Vigo e Ferrol. O triunfo dos militares liberais levou a Fernando VII a aceptar e xurar a Constitución de Cádiz. Tomáronse unha serie de medidas reformadoras que o rei, mediante o seu dereito de veto, tentou deter, entre outras, a supresión dos morgados, do Tribunal da Inquisición e daquelas comunidades monacais que non chegasen a vinte e catro individuos, a prohibición á Igrexa da adquisición de bens inmobles, a supresión de gremios, a liberdade de industria, a abolición de aduanas interiores e do monopolio do sal e do tabaco, a liberdade de prensa e a creación dunha Milicia Nacional. Elaborouse o primeiro Código Penal, un regulamento xeral de instrución pública e potenciouse o saneamento da facenda pública. Os levantamentos de carácter realista comezaron a sucederse nas rexións do N e, en agosto de 1822, constituíron a Junta Suprema de España que proclamou o Manifesto de Urgell, onde instaban ás potencias europeas que integraban a Santa Alianza a intervir en España e restaurar o absolutismo. No Congreso de Verona (1822) aprobouse a intervención e, en abril de 1823, entraron os Cen Mil Fillos de San Luís, liderados polo duque de Angulema. Ante a falta de resistencia, o exército francés obrigou ao goberno liberal a fuxir a Cádiz e acabou instaurándose o réxime absolutista en outubro de 1823. Na Década Ominosa (1823-1833) iniciouse unha represión antiliberal, aboliuse a liberdade de prensa, a Milicia Nacional e todas as institucións constitucionais; sen embargo, dende 1826, a grave crise económica, como consecuencia da perda definitiva do imperio colonial trala Batalla de Ayacucho (1824), obrigou ao rexime absolutista de Fernando VII a iniciar unha política económica de corte liberal. As concesións ao liberalismo provocaron nos absolutistas un rexeitamento que os levou a apoiar como sucesor de Fernando VII ao seu irmán, Carlos María Isidro de Borbón. Ademais, en 1830 deuse a coñecer a Pragmática Sanción de 1789 na que se derrogaba a Lei Sálica e que permitiu declarar como herdeira a súa filla Isabel.
Isabel II: as Guerras Carlistas e a alternancia política (1833-1864)
Trala morte de Fernando VII (1833) e pola minoría de idade de Isabel II, quedou como rexente a súa nai María Cristina das Dúas Sicilias asesorada por un Consello de Goberno. Simultaneamente, os partidarios do infante Carlos María Isidro comezaron unha insurrección armada, a Primeira Guerra Carlista (1833-1839). Aínda que a raíña rexente se achegara aos liberais co fin de preservar a coroa da súa filla, as sublevacións militares en Castela e Catalunya levaron a un cambio de goberno. O novo goberno moderado de Francisco Martínez de la Rosa promulgou o Estatuto Real de 1834, no que o principio de soberanía estaba compartido polas Cortes e o monarca e só se recoñecía o sufraxio censatario. Ademais, as Cortes tiñan un carácter tradicional ao estar divididas en dous estamentos, o dos próceres e o dos procuradores. Non obstante , a conflitividade social provocou a sucesión de tres gobernos moderados e un radical liderado por Juan Álvarez Méndez, marqués de Mendizábal, instaurado tralo éxito da rebelión de La Granja no verán de 1835. O novo goberno buscou na continuidade do labor das Cortes de Cádiz a solución aos problemas económicos da facenda española. As medidas concretáronse na supresión de conventos e mosteiros que contasen con menos de vinte membros, na desamortización dos bens dos mesmos e na supresión dos señoríos. A Mendizábal substituíuno, en maio de 1837, Francisco Javier de Istúriz, político moderado. Este feito provocou en agosto dese mesmo ano unha nova reacción que se concretou no pronunciamento dos sarxentos de La Granja e que obrigou a María Cristina a asinar un decreto polo que se restableceu a Constitución de 1812. A raíña rexente formou un novo goberno de talante progresista que convocou Cortes Constituíntes. O labor das novas Cortes plasmouse na Constitución de 1837, un texto en que se recoñeceu a soberanía nacional, estableceuse o bicameralismo e se mantivo o sufraxio censatario. Fixouse que nos municipios os alcaldes se escollerían por elección popular e creouse a Milicia Nacional. As tensións entre moderados e progresistas e as dificultades dos exércitos isabelinos fronte aos carlistas provocaron a ruptura entre a raíña rexente e os liberais. En setembro de 1840 iniciouse en Madrid unha revolución nos concellos que cristalizou na formación dunha serie de xuntas de goberno revolucionarias que levaron á renuncia e saída do país da raíña rexente e ao inicio da rexencia de Joaquín Baldomero Fernández Espartero (1841-1843). Durante este período, os pronunciamentos moderados sucedéronse sen éxito. Dende decembro de 1842 as accións revolucionarias agudizáronse en Catalunya como consecuencia da sinatura dun tratado económico con Inglaterra, no que se quebraban os intereses da industria nacional ao acabar co proteccionismo. En xullo de 1843, un novo pronunciamento acabou coa rexencia de Espartero e declarou a Isabell II maior de idade. Durante a Década Moderada (1843-1854), o goberno de España estivo baixo o control do Partido Moderado liderado polo xeneral Ramón María Narváez. Trala súa chegada ao poder suspendeu algunha das liberdades do período anterior como o dereito de reunión e de liberdade de prensa. Elaborouse a Constitución de 1845, na que a soberanía residía no rei e nas Cortes bicamerais, o Senado formábase por designación real, e estableceu un voto restrinxido. O goberno moderado potenciou a centralización administrativa en todos os eidos. Na orde xurídica, iniciouse un movemento codificador que culminou na promulgación dun novo Código Penal (1848), unha nova lei de axuizamento civil, unha lei de notariado, unha lei hipotecaria e un proxecto de Código Civil. En 1844 creouse a Guardia Civil, un novo corpo armado de organización militar e funcións civís con xurisdición en todo o territorio. Reformouse a facenda pública e desenvolvéronse unha serie de obras públicas co fin de modernizar o país. En 1851 asinouse un concordato coa Santa Sé no que se paralizou a desamortización que a Igrexa aceptou a cambio da subvención, por parte do Estado, do clero. En 1854 produciuse un novo pronunciamento militar en Vicálvaro que adquiriu o carácter de movemento político coa promulgación do Manifesto do Manzanares e que provocou a caída do goberno moderado e a súa substitución por un novo de coalición entre progresistas e liberais moderados. O Bienio Progresista (1854-1856) significou a reforma constitucional e a defensa da soberanía nacional coa Constitución de 1856, que nunca chegou a promulgarse. Reiniciouse o proceso desamortizador mediante a Lei de Desamortización Xeral de 1855. Non obstante , novas desordes sociais en Barcelona e València provocaron a caída do réxime, a instauración dunha nova década moderada e o retorno á Constitución de 1845, aínda que modificada pola Acta Adicional do 15 de setembro de 1856. Sucedéronse os gobernos liderados polos xenerais Leopoldo O’Donnell e Ramón María Narváez ata a Revolución de setembro de 1868. A grave situación financeira en 1866 e a crise de subsistencias de 1868 levou a progresistas e demócratas a realizar unha serie de alzamentos fallidos. Non obstante , a unión entre estes dous partidos no Pacto de Ostende potenciou o pronunciamento. No verán de 1868, o pronunciamento militar en Andalucía, Levante e Catalunya, xunto coa formación en numerosos concellos de xuntas revolucionarias, levou ás tropas sublevadas do xeneral F. Serrano a avanzar sobre Madrid, o que xeneralizou o movemento en todo o país propiciou a fuxida a Francia da Raíña Isabel II.
O sexenio revolucionario: de Amadeo de Savoia á Primeira República (1868-1874)
O 4 de outubro de 1868, a Junta Revolucionaria de Madrid nomeou rexente ao xeneral Serrano e constituíu un goberno provisional, presidido polo xeneral Joan Prim i Prats e formado por unionistas e progresistas. Convocáronse eleccións ás Cortes Constituíntes para xaneiro de 1869. A Constitución de 1869 recoñeceu a soberanía nacional, aínda que escolleu como forma de goberno a monarquía, o sufraxio universal e a liberdade de cultos. As Cortes foron bicamerais, aínda que de elección popular. A Serrano nomeóuselle rexente do Reino mentres se buscaba un candidato para o título de rei de España. Entre Amadeo de Savoia, Antonio de Orleans, Fernando de Coburgo, Tomás de Savoia, o xeneral Baldomero Espartero e Leopoldo de Hohenzollern-Sigmaringen, escolleuse a Amadeo de Savoia, que chegou a España en decembro de 1870. Unha vez que Serrano abandonou a rexencia, o Rei Amadeo I xurou a Constitución de 1869 e formou un goberno de coalición entre progresistas, unionistas e demócratas. O monarca italiano non tivo apoios fóra das Cortes, polo que o pobo e máis a aristocracia escolleu como candidato ao fillo de Isabel II, Afonso de Borbón. Á falta de apoios uniuse a inestabilidade social, como consecuencia do inicio dunha nova sublevación carlista no País Vasco e Navarra, as noticias chegadas dende Cuba, onde se producira un pronunciamento independentista, e a falta de entendemento entre o goberno e o monarca no referente á disolución do corpo de artillería. Todos estes factores levaron o rei a abdicar o 11 de febreiro de 1873. O Congreso e o Senado, nunha sesión conxunta, constituíronse como Asamblea Nacional e proclamaron a República, aínda que deixaron ás Cortes Constituíntes a organización da nova forma de goberno. O primeiro goberno republicano estivo composto por representantes das tres correntes de pensamento existentes dentro dos republicanos: a esquerda federal, de José María Orense; o republicanismo federal do ministro de gobernación, Francesc Pi i Margall; e a dereita do ministro de Estado, Emilio Castelar. O 23 de abril o goberno tivo que enfrontarse a un intento do golpe de estado por parte dos monárquicos. O 10 de maio celebráronse eleccións e constituíuse un novo goberno liderado por F. Pi i Margall que tiña como obxectivos acabar coa Guerra Carlista, reorganizar o exército coa finalidade de evitar novos intentos golpistas, mellorar a situación da facenda pública e iniciar o programa de reformas, no que se incluíron, entre outros, os proxectos de reforma agraria, da lei de xurados mixtos e a regulamentación do traballo dos menores de dezaseis anos. Non obstante , a conflitividade social provocou a caída do goberno e a chegada ao poder da dereita republicana. Durante os dous meses de goberno de Nicolás Salmerón agudizouse o problema do cantonalismo ao xeneralizarse as insurreccións en case todo o Levante e producíronse unha serie de folgas de carácter obreiro como as de Alcoi e Barcelona. Os republicanos fragmentáronse e E. Castelar substituíu no goberno a Salmerón. Para acabar coas desordes, aínda que sen éxito, o goberno puxo en práctica unha política represiva e suspendeu as Cortes. Finalmente, o pronunciamento militar do xeneral Manual Pavía restaurou os Borbóns no trono.
O reinado de Afonso XII e a rexencia de María Cristina (1875-1902)
En xaneiro de 1875, Afonso XII chegou a España e dispúxose a acabar cos problemas herdados do período anterior, entre outros, a Guerra Carlista e a Guerra de Cuba. O seu político de confianza, Antonio Cánovas del Castillo afianzou a volta á monarquía mediante a promulgación da Constitución de 1876. A Terceira Guerra Carlista (1872-1876) acabou coa ocupación de Irún, Tolosa e Estella e a fuxida a Francia, en xaneiro de 1876, do pretendente Carlos VII. A Guerra dos Dez Anos de Cuba (1868-1878) finalizou coa Paz de Zanjón (1878), aínda que non significou a fin dos enfrontamentos na illa. A Restauración borbónica materializouse na creación dunha comisión que, en estreita colaboración co goberno, elaborou un novo texto constitucional. En 1875 celebráronse eleccións a Cortes nas que os conservadores obtiveron a maioría dos escanos e que en 1876 aprobou unha nova Constitución. A Constitución de 1876 inspirouse na súa predecesora de 1845 en aspectos como o da soberanía compartida polo monarca e as Cortes e o carácter bicameral das mesmas; o único punto diverxente foi o recoñecemento da liberdade de culto, feito que provocou duras críticas por parte da Igrexa. A Constitución completouse un ano máis tarde coa aprobación dunha nova lei electoral, que instaurou o sufraxio censatario. O sistema político desenvolvido por Cánovas del Castillo tivo como obxectivo conferir unha maior estabilidade aos gobernos e baseouse na alternancia no poder dos dous grandes partidos políticos do momento, o Partido Conservador, liderado por el mesmo, e o Partido Liberal, liderado por Práxedes Mateo Sagasta. Neste sistema, o rei designaba o xefe de goberno e os ministros e podía disolver as Cortes segundo a súa vontade. En 1885 Afonso XII morreu e sucedeuno o seu fillo póstumo Afonso XIII, nado o ano seguinte. A alternancia no poder durante a rexencia de María Cristina de Habsburgo-Lorena (1885-1902) acordouse entre os dous partidos no Pacto del Pardo (1885), que inaugurou un goberno liberal que volveu instaurar o sufraxio universal. Nestes anos desenvolveuse o caciquismo, que mantivo á oligarquía agraria na elite e marxinou da vida política á burguesía e aos incipientes movementos sociais, vinculados ao anarquismo e ao socialismo. En 1895 reiniciouse a insurrección independentista en Cuba, que conseguiu do goberno español, en febreiro de 1897, unha ampla autonomía que os políticos da illa rexeitaron. A entrada no conflito dos EE UU levou os exércitos españois, xa decimados pola dureza da guerra, a unha serie de derrotas que se traduciron o 14 de agosto de 1898 na independencia de Cuba e na cesión aos EE UU de Puerto Rico, Filipinas, a illa de Guam e o arquipélago das Marianas.
Afonso XIII (1902-1931)
Trala maioría de idade de Afonso XIII, continuou a alternancia de partidos, aínda que sen os seus líderes anteriores. Ampliouse o espectro político co Partido Republicano Radical de Lerroux; cos partidos autonomistas, a Lliga Regionalista e Esquerra Republicana en Catalunya, o Partido Nacionalista Vasco (PNV), a Federación Republicana Gallega (FRG) e a Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA); e os partidos obreiros e sindicatos como o Partido Socialista Obrero Español (PSOE), a Unión General de Trabajadores (UGT) e a Confederación Nacional del Trabajo (CNT). Tralas eleccións de 1907, nas que a maioría dos escanos correspondentes a Catalunya foron para Solidaritat Catalana, o rei mandou formar goberno a Antonio Maura. O goberno maurista (1907-1909) buscou a revitalización de concellos e deputacións, a regulación do dereito de folga, a promulgación de leis de conciliación e arbitraxe, a creación do Instituto Nacional de Previsión e o afastamento do rei da vida política. Non obstante , a desfeita da intervención militar en Marrocos obrigaron á mobilización de reservistas que, apoiados polas organizacións obreiras de Barcelona, se negaron a embarcar cara ao país africano. O goberno decretou o estado de guerra, o que provocou o estalido da Semana Tráxica de Barcelona. O goberno fixo intervir ao exército e condenou a morte a algúns dos líderes da revolta, como ao anarquista Ferrer Guardia. As consecuencias desta política foron a caída do goberno de A. Maura e a formación dun novo goberno liderado por Xosé Canalejas. O goberno liberal de Canalejas (1910-1912) impediu o establecemento de novas ordes relixiosas de orixe francesa ata a promulgación da nova Lei de Asociacións, o que lle custou o enfrontamento coa Igrexa e as forzas políticas de dereita; promulgou unha Lei de Recrutamento na que se estableceu o servizo militar obrigatorio para os homes; suprimíronse a maioría dos consumos e buscou solución ao problema catalanista ao crear a Mancomunitat de Catalunya. Non obstante , continuaron as acción militares en Marrocos e a represión, a través do exército, das folgas obreiras. Tralo seu asasinato (1912), o goberno liderouno o conservador Eduardo Dato, que mantivo a España á marxe da Primeira Guerra Mundial e converteu o país no principal provedor dos belixerantes, o que repercutiu nunha bonanza sen precedentes na industria e na agricultura españolas. A chegada de divisas permitiu o rescate da débeda externa, o fortalecemento nos mercados estranxeiros da peseta e a modernización da industria española. Non obstante , o alzamento dos prezos dos produtos de primeira necesidade provocou as revoltas das clases medias, dos funcionarios, dos militares e das clases traballadoras. Dentro do exército, ás dificultades económicas engadiuse o malestar derivado da política seguida en Marrocos. Dende 1916 constituíronse, primeiro en Catalunya e despois nas capitanías xerais de todo o país, as Juntas de Defensa del Arma de Infantería, co fin de acabar coa política de ascensos por méritos de guerra. Participaron activamente na vida política e convertéronse a partir de 1917 nun grupo de poder con grande influencia dentro do goberno. A quebra do sistema alterno de partidos levou os deputados cataláns a convocar o 19 de xullo de 1917 unha asemblea dende a que se reclamou a convocatoria de Cortes Constituíntes. A isto sumouse a folga xeral do verán de 1917 que as oligarquías tradicionais e a alta burguesía interpretaron como o inicio dunha revolución semellante á rusa. O exército reprimiu a folga en toda España e foron condenados a cadea perpetua os líderes socialistas e anarquistas da mesma. Entre 1917 e 1923 sucederónse os gobernos, ao tempo que se radicalizaba a situación social. Os enfrontamentos entre a patronal e os traballadores provocaron numerosas mortes en Barcelona. O movemento obreiro reorganizouse; no PSOE houbo unha escisión que deu lugar ao Partido Comunista, pouco despois Partido Comunista de España (PCE). As continuas derrotas en Marrocos crearon un clima político favorable aos partidarios dun golpe de forza. O 12 de setembro de 1923 o capitán xeneral de Catalunya, Miguel Primo de Rivera, deu un golpe de Estado referendado polo rei e apoiado pola inmensa maioría do exército, da burguesía e das clases medias. A Ditadura de Primo de Rivera (1923-1930) tivo como obxectivo o restablecemento da orde pública, asegurar o bo funcionamento do Estado e acabar co problema marroquí. Primo de Rivera clausurou as Cortes, disolveu os partidos políticos, aboliu o cargo de presidente do consello, proclamou o estado de excepción e creou un Directorio Militar para dirixir o país. En Marrocos ordenou o repregamento das tropas e o abandono da maioría dos postos fortificados, ao tempo que pactou con Francia unha operación militar na que se atacou por terra e por mar o Rif. En maio de 1927 o protectorado español en Marrocos quedou pacificado. Unha vez que se restableceu a orde pública, Primo de Rivera formou un goberno (3.12.1925) coa participación de elementos civís. O denominado Directorio Civil embarcouse nunha campaña de obras públicas que levaron á creación das confederacións hidrográficas, da rede de paradores de turismo e á construción dunha rede nacional de estradas. A actividade económica, caracterizouse polo intervencionismo; creou monopolios estatais como a Compañía Arrendataria del Monopolio de Petróleos SA (CAMPSA) ou a Telefónica, co conseguinte aumento da débeda pública e a caída da peseta nos mercados internacionais. No plano político, potenciouse a creación dun partido único similar ao fascista italiano, a Unión Patriótica, declarouse ilegal a CNT e promoveu medidas de carácter social como a creación de comités paritarios formados por patróns e obreiros. No eido cultural, as trabas impostas á lingua catalana, a supresión da Mancomunitat de Catalunya, as medidas contra a liberdade de prensa e de cátedra provocaron a oposición da burguesía catalá e da intelectualidade universitaria. Ante o descontento das clases obreiras, do exército e do propio rei, Primo de Rivera presentoulle a súa dimisión ao monarca o 28 de xaneiro de 1930. Afonso XIII mandou formar goberno ao xeneral Dámaso Berenguer coa misión de restaurar o réxime constitucional. A Ditablanda, nome co que se coñeceu o seu goberno, aboliu a censura, decretou unha ampla amnistía, devolveu ás cátedras os profesores e restableceu os concellos anteriores a 1923; sen embargo, dentro dalgúns sectores da sociedade, como no exército, coa Asociación Militar Republicana e os intelectuais da Asociación al Servicio de la República, comezaron a xurdir programas de acción para derrocar a monarquía que se plasmaron no Pacto de San Sebastián (1930) no que estiveron presentes todas as asociacións e partidos políticos republicanos. En decembro de 1930 a gornición de Jaca sublevouse e proclamou a República. O goberno reprimiu este movemento e, unha vez substituído D. Berenguer, convocou eleccións municipais para o 12 de abril de 1931, nun intento de recuperar a legalidade constitucional.
A sociedade decimonónica
A comezos do s XIX a sociedade continuaba a ser estamental, herdada do Antigo Réxime. Existían dous grupos sociais numericamente reducidos, nobreza e clero, que controlaban a riqueza e a propiedade da terra e unha ampla maioría, practicamente analfabeta, vinculada ao campo; pero a medida que avanzou o século e como consecuencia do progreso industrial, apareceron dúas novas clases socias de carácter urbano, a burguesía e a clase obreira. A burguesía naceu vinculada ao desenvolvemento industrial e, dende mediados de século, identificouse coas clases oligárquicas do estado liberal. Comprou as terras procedentes do proceso desamortizador e integrouse activamente nas estruturas de poder. A partir de 1875 distinguiuse entre a burguesía agraria e a burguesía dos negocios con intereses, en ocasións, contrapostos. As clases obreiras comezaron, dende mediados de século, a organizarse en sociedades. A primeira delas constituíuse en 1839 en Barcelona trala aprobación, por parte do goberno, da lei de sociedades obreiras de axuda mutua e beneficiencia. Posteriormente, creáronse en Madrid (1868) e Barcelona (1869) seccións da Asociación Internacional de Traballadores (AIT), vinculadas ao anarquismo e en 1879 o Partido Socialista Obrero (PSO). No campo, existía unha maioría de traballadores non posuidores da terra que non tiña apenas medios de subsistencia, polo que se vían obrigados a emigrar. No interior, a emigración concentrouse nos núcleos industriais da periferia como Barcelona, Bilbao e València, entre outras cidades, mentres que, cara ao exterior, a emigración canaria, asturiana e galega se dirixiu a Iberoamérica e a andaluza ao N de África, onde traballaron como man de obra barata para os colonos franceses. No terreo económico, España continuou a ser un país agrario no que, a pesar do aumento das terras de cultivo como consecuencia das sucesivas desamortizacións, a produción non aumentou. Ademais dos cultivos tradicionais, cultivouse a pataca e o millo. Na minería, a explotación dos xacementos deixou de estar reservada ao Estado e pasou a mans privadas trala promulgación das leis de desamortización do subsolo en 1849 e 1859. A maioría das minas explotáronnas compañías estranxeiras que tamén monopolizaron a industria siderúrxica. Os primeiros altos fornos creáronse en Marbella en 1833, mais pola ausencia de carbón mineral trasladáronse a Gipuzkoa e Asturias. Dende o reinado de Isabel II produciuse unha mellora na rede de estradas e a mediados de século, principiou a construción da rede ferroviaria. A primeira liña de ferrocarril na España peninsular foi a Barcelona-Mataró, que se inaugurou en 1850. O resto da rede construíuse con capital estranxeiro, maioritariamente francés, e cun trazado elaborado segundo os intereses propios das empresas construtoras. Na industria desenvolvéronse manufacturas alimentarias e modernizáronse as fábricas téxtiles catalanas. Dende a década de 1830 utilizouse a enerxía hidraúlica nas empresas e os teares mecánicos. O comercio sufriu unha grave crise trala perda das colonias americanas, as principais compradoras dos produtos españois. Non obstante , durante a Primeira Guerra Mundial (1914-1919) o comercio español tivo un rápido crecemento ao non ter competidor nos mercados europeos.
A cultura decimonónica
Arte
No eido das manifestacións artísticas, o s XIX pode definirse, en xeral, como un século ecléctico no que predominou unha influencia académica clasicista na súa primeira metade, e unha influencia francesa na segunda. Poden distinguirse tres grandes períodos: o neoclasicismo inicial relacionado coa Academia; o romanticismo da época de Isabel II; e o realismo do último terzo de século no que comezaron a introducirse, dun xeito moi lento, as propostas impresionistas e renovadoras. No apartado da arquitectura neoclásica cómpre destacar a Narcís Pascual i Colomer (1801-1870), autor do Congreso de los Diputados de Madrid; Enrique María Repullés (1845-1922), autor da Bolsa de Comercio de Madrid; e Francisco Jareño (1818-1892), autor da Biblioteca Nacional (1866-1892). Recuperáronse tamén as formas medievais, principalmente as góticas, as árabes e as mudéxares. Destacaron, entre outros, Federico Aparici (1832-1917), que elixiu o románico para a basílica de Covadonga; Francisco de Cubas (1826-1898) que proxectou en neogótico a catedral de Nuestra Señora de la Almudena de Madrid; e Elies Rogent i Amat (1821-1897) que empregou os elementos da arquitectura cristiá e islámica na Universitat de Barcelona. O eclecticismo arquitectónico comezou a desenvolverse coa aparición de arquitectos nacidos ao redor de 1850 e, posteriormente, cos nacidos cara a 1875. Entre outros destacan os edificios construídos para a Exposición Universal de Barcelona de 1888, dos que se conservan o Arc de Triomf de Josep Vilaseca (1848-1970) e o restaurante do parque da Ciutadella, convertido en Museu de Zoologia, de Lluís Domènech i Montaner (1850-1923). Destaca a construción de edificios institucionais como deputacións provinciais (Deputación Provincial de Pontevedra, de Alexandre Rodríguez Sesmero), casas do concello (Concello da Coruña de Pedro Mariño) e ministerios (antigo ministerio de Facenda, sede do de Agricultura, de Velázquez Bosco). Construíronse tamén edificios lúdicos como casinos (Casino de Donostia, sede do concello dende 1947, de Morales de los Ríos) e teatros (Liceu de Barcelona, realizado por Oriol Mestres en 1861; Teatro Arriaga de Bilbao, obra de Joaquín Rucoba en 1885). A finais de século desenvolveuse, sobre todo en Catalunya, o modernismo. Destacaron Lluís Domènech i Montaner (Palau de la Música Catalana, 1905) e Antoni Gaudí autor, entre outras obras, do Templo da Sagrada Familia, do parque Güell, da casa Milá, e renovador da arquitectura finisecular. A nova arquitectura do ferro introduciuse en España a través da construción de pontes. Destacan, entre outras, a ponte de Triana ou de Isabel II en Sevilla, realizada polos enxeñeiros G. Steinacher e F. Bernadet (1845-1852); a coñecida como Puente Colgante de Valladolid, ideada por unha compañía inglesa e montada polos enxeñeiros Campuzano e Borregón; e as construídas por José Eugenio Ribera. Construíronse tamén estacións de ferrocarril, entre as que destacan as madrileñas de Delicias, proxectada por Cacheliévre en 1879, do Norte, proxectada en 1879, pero modificada por Mercier en 1881, e a de Atocha, inaugurada en 1892. Xa no s XX construíronse as do Norte de València (1906) e Barcelona (1914). En ferro realizáronse tamén mercados (mercados de Sant Antoni, 1879-1882, e do Borne, 1873-1876, en Barcelona), pasaxes comerciais (pasaxe Gutiérrez de Valladolid, obra J. Ortiz de Urbina, 1886), pavillóns (palacio de Cristal de Madrid, 1887) e palcos de música (palco da Alameda de Santiago de Compostela, de Daniel García Vaamonde). No eido da escultura, durante os primeiros anos do s XIX mantivéronse as directrices neoclásicas. Destacaron, entre outros, José Álvarez Cubero (1768-1827), Esteban de Ágreda (1759-1842;), Francisco Elías Vallejo (1782-1858), Damiá Campeny (1771-1855) e Antoni Solà (1787-1861). Dende o segundo terzo do s XIX desenvolveuse o romanticismo. A obra que iniciou a renovación escultórica foi Ángel caído de Ricard Bellver (1845-1924), gañadora da Exposición Nacional de 1878. Destacaron, entre outros, Andrés Aleu (1832-1901), Mariá Benlliure (1845-1924), José Grajera (1818-1897), Sabino de Medina (1814-1879), Francisco Pérez Valle (1804-1884), Ponciano Ponzano (1813-1877), Agustí Querol (1863-1909) e Jeroni Suñol (1839-1902). Cunha certa relación co modernismo atópase a obra de Miquel Blay (1866-1936) e de Josep Llimona (1864-1934). Partindo do modernismo evolucionou a obra de Manolo Hugué (1872-1945). No apartado da pintura, a gran figura da plástica española foi Francisco de Goya (1746-1828). A súa obra evolucionou dende unha formación académica e clasicista ata as composicións expresionistas das Pinturas Negras. O clasicismo académico perdurou en Vicente López (1772-1850) e, entre os pintores plenamente neoclásicos, destacaron Josep Aparicio (1773-1838), José de Madrazo (1781-1859) e Juan Antonio Ribera (1779-1860). Dende o segundo terzo do s XIX, a pintura acadou unha gran relevancia. Cultivouse a paisaxe, o retrato, as escenas de xénero e a pintura de historia. Entre os paisaxistas destacaron Xenaro Pérez Villaamil (1807-1854), Carlos de Haes (1826-1898), Jaime Morera y Galicia (1854-1927), Martín Rico y Ortega (1833-1908), Serafín Avendaño (1838-1898) e Antonio Muñoz Degrain (1841-1924). No terreo do retrato destacaron, entre outros, Antonio María Esquivel (1806-1957) e Federico de Madrazo (1815-1894). Na segunda metade do século acadou un certo auxe a pintura de xénero representada por Mariano Fortuny (1838-1847). A pintura de historia cultivárona, entre outros, Eduardo Cano de la Peña (1823-1897), José Casado de Alisal (1832-1886), Antoni Gisbert (1834-1901), Francisco Pradilla (1846-1921) e Eduardo Rosales (1836-1873). O impresionismo aparece nas obras de, entre outros, Aureliano de Beruete (1845-1912) e Darío de Regoyos (1857-1913), aínda que evolucionaron cara ao naturalismo e o expresionismo respectivamente. O modernismo pictórico móstrase na obra de Hermenegild Anglada i Camarasa (1871-1959), Ramón Casas (1866-1932), Isidro Nonell (1873-1911) e Santiago Rusiñol (1861-1931).
Ciencia
Do reinado de Carlos IV cómpre destacar a Bartolomé de Medina e Alonso Barba nos laboratorios químicos que se fundaran. A Guerra de Independencia provocou o peche de cátedras, laboratorios e museos e a suspensión das publicacións científicas. Nos plans Pidal (1845) e Moyano (1857) expresouse a intención de restablecer a actividade científica do país por medio da creación de cátedras dedicadas ás novas ramas do coñecemento que se baseaban no traballo experimental. Con isto, as ciencias modernas pasaron a formar parte dos currículos universitarios. En 1847 creouse, mediante un Real Decreto, a Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales co fin de proporcionar os medios necesarios para o seu desenvolvemento. O Plan Chao (1873) retomaba o interese polas ciencias e o seu carácter experimental e contemplaba a creación das facultades de matemáticas, de física e química e de historia natural, que estarían dotadas de laboratorios. Pero o ensino das ciencias quedou reducido á explicación oral dos libros de texto e a produción científica, á publicación destes libros de texto. Nos laboratorios químicos o traballo reducíase á análise de augas e de minerais co fin de explotalos industrialmente. En canto ás ciencias naturais, non foi ata o derradeiro terzo do século cando os naturalistas se especializaron nas distintas ramas do que antes quedaba englobado na historia natural. A publicación, en 1892, da obra Estudios biológicos de Antoni Vicent iniciou a ciencia biolóxica. Neste terreo a figura máis destacada foi Santiago Ramón y Cajal, que deu o último paso na formulación da teoría celular cos seus estudios sobre as neuronas. A finais do s XIX chegaron correntes científicas procedentes de Europa, como o darwinismo, o positivismo, o naturalismo alemán, a psicofísica e a antropoloxía científica, que crearon un ambiente propicio para a eclosión da ciencia no século seguinte. Destacaron, entre outros, José Rodríguez Carracido e Laureano Calderón Arana, introdutores da química biolóxica; Odón de Buen, especializado en bioloxía mariña; Ignacio Bolívar Urrutia, que posibilitou o desenvolvemento da xenética; e Pere Mata i Fontanet, primeiro catedrático de medicina legal e toxicoloxía e precursor da psiquiatría.
Ensino
A Constitución de Cádiz de 1812, que consagraba no seu Título IX a obrigatoriedade do ensino, ordenou a creación de escolas primarias oficiais e dunha Dirección General de Estudios. As Cortes impulsaron, en 1821, un plan de estudios que proclamaba a instrución pública gratuíta e a creación de escolas en aldeas de 500 h. En 1825 promulgouse a primeira lei de instrución primaria por parte do ministro Francisco Tadeo Calomarde. As reformas educativas liberais principiaron a ser efectivas a partir de 1834, grazas á conxuntura política favorable e á influencia do pedagogo Pablo Montesino. Entre elas destacan a regulación dos estudios oficiais dos seminarios (1835); o Plan do Duque de Rivas (1836), que ordenou por vez primeira os estudios secundarios, cun currículo literario-científico, que se impartían en colexios de humanidades e colexios de bacharelato, creados nas facultades universitarias de filosofía; a creación das escolas normais (1839, reorganizadas en 1849); e o Plan Pidal (1845), que reorganizou o segundo ensino (cun bacharelato elemental, de 5 cursos, e un superior, de 2), ao crear os institutos de bacharelato, inicialmente integrados nas universidades e, dende 1847, autónomos. En 1849 creáronse as Academias Provinciais de Belas Artes e as Escolas de Debuxo e, en 1850, o ensino industrial e as Escolas de Agricultura, as de Comercio e as de Náutica. O 9 de agosto de 1857 o ministro de Fomento, Claudio Moyano, conseguiu aprobar a primeira Lei Xeral do Ensino en España que organizaba, nunha estrutura de certa unidade, todos os elementos formativos ao servizo da educación pública e iniciaba o ensino de novas titulacións profesionais (veterinaria, agrimensura, etc). Con esta lei, o ensino secundario comprendía seis cursos e recoñecía unha nova categoría profesional, a dos catedráticos. A Lei de ensino primario de 1867, elaborada polo ministro Severo Catalina del Amo, suprimiu as escolas normais, repostas durante o sexenio revolucionario (1868-1874). En 1871 abriuse a primeira Escola Oficial de Artes e Oficios. En 1876 creouse en Madrid unha cátedra de pedagoxía froebeliana e a Institución Libre de Enseñanza (ILE), que naceu baixo o impulso de Francisco Giner de los Ríos. Esta institución achegou á pedagoxía española os máis lúcidos estímulos da mellor pedagoxía europea dende un espírito de tolerancia, liberdade, laicismo e de promoción cultural, e influíu nas orientacións de política educativa liberal e republicana. En 1881 creouse un padroado de escolas infantís, un curso normal para mestras de escolas infantís e un museo pedagóxico, como centro informativo das novidades pedagóxicas internacionais. En 1887 a Administración Central pasou a encargarse do financiamento do ensino secundario público. En 1900 creouse o ministerio de Instrución Pública e ampliáronse as estruturas administrativas centrais e provinciais para a xestión dunha educación en proceso de desenvolvemento. En 1901 o currículo das escolas primarias quedaba conformado polas seguintes materias: doutrina cristiá e nocións de historia sagrada; lingua castelá, lectura, escritura e gramática; aritmética, co sistema métrico decimal; xeografía e historia; nocións de dereito; de xeometría; de ciencias físicas, químicas e naturais; de hixiene e fisioloxía humana; debuxo; canto; traballos manuais e exercicios corporais. No 1900 creáronse as Escolas de Artes e Industrias, por refundición das anteriores de Belas Artes e de Artes e Oficios. En 1901 o ministro Álvaro de Figueroa Torres, conde de Romanones, traspasou ao Estado o pagamento dos salarios do profesorado de ensino primario. En 1907 creouse a Junta para la Ampliación de Estudios, que lle ofrecía ao profesorado a posibilidade de dispoñer de bolsas para a realización de viaxes formativas ao estranxeiro. Nos anos seguintes continuouse coa renovación educativa: renováronse os estudios de maxisterio (1914), aumentou paulatinamente o número de escolas e difundiuse un clima de renovación didáctica. En Catalunya, a Mancomunitat promoveu a creación de institucións educativas e formativas de espírito catalanista. Todo este clima tivo un certo freo durante a Ditadura de Primo de Rivera, aínda que seguiu a dinámica de creación de escolas públicas. En 1927 as Escolas Industriais pasaron a denominarse Escolas de Formación Profesional de Traballo, e reestruturouse de novo o ensino secundario; este volveu cambiarse durante a Segunda República, segundo o Plan de 1903, ata a Reforma Villalobos (1934), unha vez máis revisada logo polo ministro de Educación Pedro Sáinz Rodríguez (1938).
Fotografía
Os primeiros aparatos de daguerrotipo chegaron da man do gravador Ramon Alabern á Real Academia de Ciencias y Artes de Barcelona e de Gaspar de Remisa á Sociedad El Liceo de Madrid. As primeiras imaxes tomadas son unha imaxe da lonxa e da mazá que rodea a casa de Xifré de Barcelona efectuada o 10 de novembro de 1839; e diferentes imaxes en Madrid, tomadas o día 18 dese mesmo mes e ano polo doutor José Camps y Camps. Entre os primeiros artistas cómpre destacar a Francisco J. Parcerisa (1803-1875), que ilustrou Recuerdos y bellezas de España; José Albiñana, que abriu unha galería en Madrid para mostrar os seus traballos; Pau Audouart, os irmáns Napoleon, Pedro Monlau, Narcís Cuyás e Adolf Mas, creador do Arxiu Mas, en Barcelona; Enríquez Godínez en Sevilla; e Eugenio Juliá e Jean Laurent en Madrid. Dende 1839 apareceron numerosas publicacións periódicas e tratados breves sobre os daguerrotipos. A imaxe fotográfica difundiuse a partir da prensa diaria, as revistas gráficas e a prensa fotográfica. Entre as publicacións específicas destacan La Fotografía (Sevilla, 1864) e La fotografía práctica (1893-1899). En 1861 estableceuse en Madrid a Sociedad Fotozincográfica, que investigou as técnicas para incluír nos libros facsímiles de documentos históricos e, en 1879, creouse a Sociedad Heliográfica Española, encargada de perfeccionar os sistemas de estampaxe e gravado da imaxe fotográfica. No apartado técnico cómpre destacar o desenvolvemento da tricromía e a fotografía en cores, onde destacaron as investigacións de Eduardo Alcobé.
Imprenta
O avance da nova política liberal e o aumento do número de xornais, moitos deles con imprenta propia, fixeron que se incrementase o número de obradoiros tipográficos. Entre outros impresores e gravadores destacaron A. Espinosa, F. Selma, os irmáns López Enguídanos, Peleguer, Cardano, Ballester, Fabregat, F. de P. Martí, M. Rodríguez, Nicolás Barsanti e Manuel Ribadeneyra, que colaborou dende 1830 con Bergnes de las Casas (1800-1879) e que deu ao prelo, entre outros traballos, unha dupla edición de Don Quijote (1862-1863). Outros impresores destacados foron a casa madrileña Aguado, que imprimiu as Obras de L. F. De Moratín (1830), León Amarita, a casa Mellado, o publicista Ayguals de Izco, o impresor-editor Boix, a familia Gaspar e Roig, o editor barcelonés Rivet, Abelardo de Carlos, impulsor do comercio de libros en Hispanoamérica, e J. J. Sigüenza y Vera, rexente da Compañía de Impresores y Libreros del Reino, autor dunha reimpresión en 1822 do Mecanismo del Arte de la Imprenta. En 1824 incorporouse a prensa Stanhope, que realizaba as impresións en ferro. Así mesmo, dende Europa chegaron as artes químicas de gravado en cinc e a fototipia, o emprego do cromo e a aplicación das técnicas fotomecánicas. Cara ao terceiro cuarto do s XIX cómpre subliñar o labor dos impresores Narciso Ramírez e Jepús. No eido da lexislación, cómpre salientar a lei do 26 de xuño de 1883, que regulaba a edición de libros (máis de 200 páxinas), folletos (entre as 8 e as 200 páxinas), follas (menos de 8 páxinas) e carteis.
Literatura
Aínda que circulara en Europa a imaxe de España como “país romántico” o certo é que, no terreo da literatura, o romanticismo literario comezou serodiamente e a súa plenitude durou pouco (xa en 1850 tiña pulo o realismo). O éxito da peza dramática Don Álvaro o la fuerza del sino (1835), de Ángel de Saavedra, Duque de Rivas, sinalou a afirmación do romanticismo español, que penetrara anos antes por Andalucía e a través dun sector da prensa catalá (a revista El Europeo). Pero o feito determinante foi o retorno dos exiliados, os liberais perseguidos por Fernando VII (o Duque de Rivas, Espronceda, Martínez de la Rosa, etc). Filosoficamente, triunfou o pensamento idealista (Hegel, Schelling, Fichte) e en política a doutrina do liberalismo. Na lírica destacaron Juan de Arolas, Nicomedes Pastor Díaz, Carolina Coronado, o Duque de Rivas, José Zorrilla, José de Espronceda y Delgado (1808-1842), autor de Poesías (1840), “El estudante de Salamanca” e “El diablo mundo”. Gustavo Adolfo Bécquer (1836-1870), romántico tardío, influído polo lirismo alemán de Heine, escribiu Rimas (1871) e Leyendas, 28 relatos de amor, de misterio, do sobrenatural e fantástico, do exótico e do costumista. A escritora bilingüe galega Rosalía de Castro (1837-1885), publicou en castelán En las orillas del Sar (1884). Destacan, así mesmo, Enrique Gil y Carrasco (1815-1846), autor de El señor de Bembibre, e Francisco Navarro Villoslada (1818-1895), autor de Amaya o los vascos del siglo VIII. Fóra do terreo novelístico desenvolveuse o cadro de costumes, derivado do interese romántico polo típico e local, polo nacional e autóctono, polo popular. Ramón Mesonero Romanos (1803-1882), con Escenas matritenses, e Serafín Estébanez Calderón (1799-1867), con Escenas andaluzas, son axeitados representantes do costumismo. Pero foi Mariano José de Larra (1809-1837) nos seus artigos na prensa madrileña baixo o pseudónimo de Fígaro (e outros) quen levou o xénero á máis alta categoría. Durante todo o século había cómicos nos locais onde agromaba con forza o teatro por horas, o teatro ínfimo, o café teatro, o cuplé, o teatro musical e de variedades e outras manifestacións escénicas de carácter popular. Ademais, durante a centuria producíronse na escena española varias transicións, que van do drama histórico ao drama romántico, da comedia de costumes á alta comedia, da alta comedia á comedia realista e ao drama social, mentres continuaba a súa xeira triunfal un teatro popular que se adoita agrupar baixo a denominación de género chico, e que tivo unha grande importancia no desenvolvemento do teatro comercial no primeiro terzo do s XX. Os dramaturgos románticos reaccionaron contra a morea de regras, normas e preceptos neoclásicos. Mesturaron o tráxico e o cómico, dividiron o drama en cinco actos, gustaron das escenas nocturnas e fúnebres e o protagonista cumpría sempre o seu tráxico destino. O Don Juan Tenorio de José Zorrilla (1817-1893), foi a peza máis popular, que posteriormente acadou grande éxito. Outras obras representativas foron La conjuración de Venecia (1834), de Francisco Martínez de la Rosa; El trovador (1836), de Antonio García Gutiérrez; Los amantes de Teruel (1837), de Juan Eugenio Hartzenbusch; e Traidor, inconfeso y mártir (1849), de José Zorrilla. O ano 1868 representou a afirmación inicial do realismo. A publicación de La Fontana de Oro (1870), de Benito Pérez Galdós, foi simbólica ao respecto. A publicación da novela La Gaviota (1849), de Fernán Caballero (Cecilia Böhl de Faber), anunciou o realismo que, dende unha ideoloxía tradicional, representaron Pedro Antonio de Alarcón (1833-1891), con El sombrero de tres picos ou El escándalo; José María de Pereda (1833-1906), con Peñas arriba e Sotileza; Armando Palacio Valdés (1853-1937), con La hermana San Sulpicio e La aldea perdida; Juan Valera (1824-1905), con Pepita Jiménez, Juanita la larga ou Doña Luz. A intensificación profunda e levada ao límite dalgúns postulados do realismo deu lugar ao naturalismo, que teima nos métodos científicos de observación, no documentalismo, no determinismo, no materialismo e no bioloxismo. A existencia dun naturalismo na novela española é polémico. Dende logo, en boa parte dos seus presupostos doutrinais foi asumido por Emilia Pardo Bazán e Vicente Blasco Ibáñez. Existen elementos naturalistas en Leopoldo Alas Clarín e Benito Pérez Galdós, considerados como os cumios do realismo. Benito Pérez Galdós (1843-1920), de ideario liberal progresista, foi cronista da evolución da sociedade española do s XIX. A súa atención polo pasado histórico reflíctese nos Episodios Nacionales así mesmo, escribiu as novelas Doña Perfecta, Gloria, Tormento, La de Bringa, La desheredada, Miau, Fortunata y Jacinta, Misericordia e Nazarín. Como dramaturgo provocou polémica con Electra e adaptou á escena algunhas das súas novelas. Leopoldo Alas Clarín (1852-1901) fixo de Oviedo o eixe da súa novela La Regenta e trazou unha panorámica social da cidade que vai dende o clero á burguesía pasando polo mundo obreiro e a aristocracia. Cultivou tamén a novela curta e o conto. En Emilia Pardo Bazán (1851-1921) atópanse, intensificados, os trazos do naturalismo que aparecen en Galdós e Clarín. Autora de varios libros de contos, non retrocedeu, nas súas novelas, ante a crueza das paixóns, a presión do medio natural e social, a herdanza biolóxica e outros determinismos. La tribuna e, sobre todo, Los pazos de Ulloa e La madre naturaleza, as tres de escenarios galegos, son do máis significativo da súa produción. Vicente Blasco Ibáñez (1867-1928), calificado como o Zola español, deixou nas súas novelas da horta valenciana -La barraca, Cañas y Barro, Entre naranjos- a pegada máis dura e descarnada do naturalismo. Ademais da novela rural cultivou a de temática social. No teatro sobresaíron Adelardo López de Ayala, José Tamayo y Baus, José Echegaray (1832-1916), Enrique Gaspar e Joaquín Dicenta. En poesía destacou Gaspar Núñez de Arce (1894-1903) e Ramón de Campoamor (1817-1901), irónico e sentimental en Doloras e Humoradas. Contra 1890 en Hispanoamérica iniciouse unha renovación que callou no movemento chamado modernismo, con Rubén Darío como gran figura. En España, en 1898, a perda das últimas colonias de ultramar e, sobre todo, a Guerra de Cuba, foi un sinal de alarma xa definitivo dun proceso de decadencia e degradación da vida política española que tivo a resposta de rexeitamento e protesta nun grupo de escritores representativos da chamada Xeración do 98.
Música
No s XIX en España a influencia da ópera italiana foi enorme e os músicos trataron de crear unha ópera nacional baixo os canons da italiana, ata tal punto que utilizaban o italiano como lingua operística. Dentro desta tendencia destacaron Ramón Carnicer (1789-1855), fundador do Conservatorio Nacional Español, Hilarión Eslava (1807-1878) e Vicente Cuyás. Ante a imposibilidade de competir cos italianos e ante o fracaso desta iniciativa, os músicos españois reaccionaron en contra da influencia do italiano e apostaron de novo polo xénero da zarzuela, grazas ás achegas de Ramón de la Cruz, Rodríguez de Hita e outros. Neste período cómpre citar a traxectoria artística do compositor Juan Crisóstomo Arriaga (1806-1826), autor da ópera Los esclavos felices (1820), de Felipe Pedrell (1841-1922), musicólogo, compositor e editor musical que renovou o interese polo folclore xenuíno e creou a moderna musicoloxía española; e de Conrado del Campo (1879-1953), compositor e mestre de toda unha xeración que renovou o panorama musical. Así mesmo, neste século inaugurouse en Madrid o Conservatorio (1830), o Teatro Real (1850) e o Teatro de la Zarzuela (1856), xurdiron as sociedades filharmónicas, as xuventudes musicais e as corais, e fundáronse coros importantes como o Orfeó Catalá e o Orfeón Donostiarra. Figuras senlleiras desta época foron Pablo Sarasate (1844-1908), violinista e compositor; Francisco Tárrega (1852-1909), xunto cos guitarristas Fernando Sor e Dionisio Aguado e o violinista Jesús Monasterio. Na zarzuela nun primeiro período destacaron Francisco Asenjo Barbieri (1823-1894), autor de El barberillo de Lavapiés e Pan y Toros; Joaquín R. Gaztambide y Garbayo (1822-1870), autor de Catalina (1854); e Pascual E. Arrieta Correra (1823-1894), autor de Marina (1855). Nun segundo período, onde a influencia italiana desapareceu e xurdiu un xénero máis castizo e popular, destacaron Manuel Fernández Caballero (1835-1906), autor de Gigantes y cabezudos (1898); Tomás Bretón (1850-1923), coa Verbena de la Paloma (1894); Ruperto Chapí (1851-1909), con El Rey que rabió (1891) e La revoltosa (1897); Federico Chueca (1846-1908), con La Gran Vía (1886) e Agua, azucarillos y aguardiente (1887).
Prensa
Malia que o nacemento da prensa e do xornalismo en España se sitúa arredor da Lei de Liberdade de Imprenta promulgada polas Cortes de Cádiz en 1812, os antecedentes atópanse no reinado de Carlos I coa edición das “Relaciones”, que narraban os acontecementos da época en forma de anuarios, e os “parladoiros” ou “academias literarias”; e nos reinados de Filipe III e Filipe IV coa distribución de follas contra os validos reais. O medio de prensa máis antigo en lingua castelá foi Correos de Francia, Flandes y Alemania, boletín trimensual que comezou a súa edición o 13 de abril de 1621; o 12 de maio de 1641 xurdiu a Gazeta vinguda a esta ciutat de Barcelona; en 1661 apareceron a Gazeta Nueva en Sevilla e Gaceta en Madrid, denominada en 1677 La Gaceta ordinaria de Madrid e en 1697 Gaceta de Madrid. No s XVIII cómpre destacar Diario noticioso, curioso, erudito y comercial, público y económico (1758) e, entre outras revistas literarias, Diario de los Literatos de España (1737-1742) e Mercurio Histórico y Político (1738). Trala invasión napoleónica de 1808, gran parte da prensa da época desapareceu, agás a Gaceta e o Diario de Madrid, publicacións de carácter oficial, e o Diario de Barcelona. En 1812 circulaban en España tres periódicos de carácter oficial: Gaceta de la Regencia, Diario de las Cortes e Periódico Militar del Estado Mayor General; en 1812 apareceron, entre outros, El Telégrafo Americano, El Imparcial e El Diario de la Tarde. Durante o reinado de Fernando VII alternáronse os períodos de prohibición e liberalización da prensa. Entre 1815 e 1820 prohibiuse a publicación de xornais que non foran a Gaceta e o Diario de Madrid e entre 1823 e 1827 só se permitiu publicar a Gaceta, o Diario de Avisos, unha revista de medicina e o Mercurio de España. Dende 1833 proliferaron as publicacións de carácter político, entre as que destacan El Eco del Comercio (1834) e La Iberia (1854). A profusión de xornais rematou coa Lei de Imprenta de Noceda (1856), pola que se pedía un depósito de 6.000 reais, un editor localizado e se volvía impoñer a censura. Trala Revolución de 1868 xurdiron novas publicacións como La Alianza de los Pueblos, La Independencia, La Confederación, El Pacto Federal e El Estado Catalán. En 1853 fundouse La Correspondencia Autógrafa de España (1853), o primeiro que adaptou o modelo de empresa e que incluíu noticias breves e sucesos, e El Imparcial (1867), que conxugou as noticias e a política. Nos anos finais do s XIX apareceron, entre outros, o Correo Catalán (1875), La Publicidad (1878), La Vanguardia (1881), Diario de Avisos, El Mercantil Valenciano, El Pensamiento Navarro (1898), El Diario de Andalucía (1899) e o Heraldo de Madrid. En Galicia fundáronse, entre outros, o Faro de Vigo (1853), diario decano dos que se publican en España, La Voz de Galicia (1882) e El Correo Gallego (1878). En 1865 apareceu a primeira axencia de noticias, fundada por Nilo María Fabra e encargada de difundir as novidades que chegaban do estranxeiro, e en 1880 o marqués de Rial, fundador de El Día, mercou a primeira rotativa.
A Segunda República
A proclamación da Segunda República produciuse o 14 de abril de 1931. Como consecuencia da vitoria dos partidos republicanos nas principais cidades nas eleccións municipais do 12 de abril, o Rei Afonso XIII fuxiu do Palacio Real e embarcou en Cartagena cara a Roma, onde se exiliou. A Segunda República, nacida do pacto entre socialistas, republicanos radicais, republicanos moderados e católicos conservadores, pretendeu abordar reformas que convertesen o país nunha democracia pluralista. O traspaso de poderes levouse a cabo de xeito pacífico e o liberal Niceto Alcalá Zamora y Torres asumiu a presidencia do goberno provisional ata outubro de 1931. En decembro dese mesmo ano proclamouse unha Constitución que definiu a España como unha República laica dos traballadores de toda clase, que instaurou o sufraxio universal sen excepcións, creou un Parlamento unicameral e concedeulle ao presidente da República un papel moderador. Creouse, tamén, o Tribunal de Garantías contra calquera irregularidade constitucional, separouse a Igrexa do Estado e concedéuselle a aquelas rexións que o solicitasen un Estatuto de Autonomía. Alcalá Zamora aceptou a presidencia da República. O goberno, presidido por Manual Azaña, iniciou, entre 1931 e 1933, un amplo programa de reformas en todos os niveis. A separación entre Igrexa e Estado supuxo a fin do orzamento do clero, a limitación da capacidade de riqueza da Igrexa mediante a secularización de numerosos bens eclesiásticos e a ruptura do seu monopolio educativo. En 1932 promulgouse a Lei de Congregacións Relixiosas na que se limitou o exercicio do culto e se disolveron aquelas congregacións que impuxeran estatutariamente o voto de obediencia ao papa, como os xesuítas, ou as que se consideraran perigosas para a seguridade do Estado. Tamén se iniciaron reformas no ensino e no exército, coa que se buscou diminuír o número de oficiais e aumentar a súa eficacia. Promulgouse por primeira vez unha lei do divorcio e numerosa lexislación en materia social que permitiu o inicio dunha reforma agraria e laboral. A reforma agraria, formulada na Lei de Bases da Reforma Agraria, tan só se realizou naqueles lugares onde predominaba o latifundio absentista. Propúxose a expropiación das terras e a súa entrega en usufruto aos labregos ao tempo que se fomentaron as formas colectivas de traballo. Nas áreas industriais púxose en práctica unha lexislación social baseada nas directivas da Organización Internacional do Traballo e practicouse unha política de salarios elevados. As novas leis provocaron o rexeitamento por parte da Igrexa, dos grandes propietarios do S e da burguesía industrial e financeira. Ademais, a lentitude burocrática e a falta de recursos por parte do Estado provocaron numerosas revoltas populares, sobre todo na área industrial catalá e no campo andaluz. A situación agravouse coa perda dos apoios socialistas ao goberno, o que levou a Alcalá Zamora a retirarlle a súa confianza a Azaña. Nas eleccións de novembro de 1933 obtivo o triunfo a Confederación Española de Derechas Autónomas (CEDA), coalición de dereitas liderada por José María Gil Robles, e o Partido Radical de Alejandro Lerroux. O novo goberno paralizou de inmediato todas as reformas do período anterior, polo que aumentou a conflitividade social. En outubro de 1934 a tensión chegou ao seu punto máximo ao romper o goberno da Generalitat de Catalunya co goberno central e declararse un estado catalán dentro dunha República Federal e ao alzarse os mineiros asturianos, que crearon en Oviedo e os seus arredores pequenas comunas. A reacción do goberno foi a intervención militar e a adopción de represalias, que limitaron as accións dos partidos obreiros e reinstauraron a censura previa da prensa. A coalición de dereitas rompeuse ao descubrirse unha serie de escándalos financeiros dalgúns membros do Partido Radical e o presidente da República convocou novamente eleccións para febreiro de 1936. No verán de 1935 recuperouse o entendemento entre republicanos e socialistas e formouse o Frente Popular, unha colición electoral na que se incluíron partidos de esquerdas e sindicatos, agás a CNT. O Frente Popular incluíu no seu programa a amnistía para os presos que participaran na Revolución de Outubro asturiana e o relanzamento da liña reformista do primeiro goberno republicano. A vitoria da coalición levou, de novo, ao goberno a Azaña e supuxo a división de España entre os partidarios da dereita, localizados nas rexións centrais do país, e os apoios da esquerda, situados nas grandes cidades, nas zonas industriais e no S. En maio de 1936 Manuel Azaña converteuse en presidente da República, despois de que as Cortes destituísen a Alcalá Zamora. A crispación social intensificouse ao estalar numerosas folgas e ao iniciar os radicais de ambos os dous bandos unha campaña de atentados co fin de desestabilizar politicamente o réxime. No interior dalgúns grupos dereitistas e no exército xurdiu a idea da necesidade dun golpe militar que impuxese un estado autoritario. O goberno, temeroso do golpe, trasladou algúns dos oficiais sospeitosos a destinos afastados. Mais a medida foi inútil e, tralo asasinato do líder do Bloque Nacional, Xosé Calvo Sotelo, o 17 de xullo de 1936, o exército español de África sublevouse para ser secundado un día despois por moitas gornicións peninsulares. Non obstante , o golpe militar foi un fracaso para os sublevados, que pretendían facerse co poder, e desencadeou a Guerra Civil.
A Guerra Civil (1936-1939)
Na Guerra Civil o país dividiuse en dous bandos, o dos sublevados, tamén coñecido como bando nacional, e o republicano. As tropas sublevadas controlaron dende o verán de 1936 a España rural, integrada por Marrocos, as illas, as montañas de Aragón, Navarra, Galicia, unha pequena parte da provincia de Cáceres e a costa andaluza entre Algeciras e Huelva. Os republicanos tiveron baixo o seu mando a España industrial, a costa cantábrica, o Levante e a capital do estado. Dende o inicio do conflito bélico coexistiron dentro do bando sublevado unha ampla gama de proxectos políticos, que defendían o mantemento da orde tradicional, a Igrexa e os grandes propietarios, e a modernidade fascista, entre outros a Falange. Os elementos comúns a todos eles foron o restablecemento nas súas funcións da Igrexa Católica, a defensa da integridade territorial fronte aos estatutos de autonomía de Catalunya, Euskadi e Galicia e a imposición da orde sobre a conflitiva situación social. Para os republicanos, a guerra produciuse en defensa dos cambios sociais e políticos que trouxera o novo goberno, da autonomía para as rexións históricas, das melloras nas condicións de vida e de traballo, do pluralismo e da verdadeira democracia. Aínda que os dous bandos estiveron ben definidos, do lado sublevado a maioría do exército e do lado dos republicanos as masas de traballadores, houbo unha gran maioría da poboación que se viu mesturada na guerra sen ter un marcado sentimento de identificación con un ou outro bando, senón que a súa lealtade dependeu do lugar en que se encontraban ao comenzo da contenda. Os sublevados, ademais de coas armas do exército regular, contaron con importantes apoios nas potencias estranxeiras. Deste xeito, a ditadura portuguesa de António de Oliveira Salazar proporcionou apoio loxístico; os fascistas italianos de Benito Mussolini, os soldados e os avións que aseguraron o paso do estreito ao exército de Marrocos; e os alemáns proporcionáronlles axuda técnica que serviu de adestramento para a posterior ocupación de Polonia e Francia. A República buscou axudas no estranxeiro, pero a política de non intervención europea impediulles a Francia e ao Reino Unido prestar ningún tipo de axuda e que a prestada pola Unión Soviética fose limitada e gravosa para as arcas do Banco de España. Non obstante , baixo os auspicios do Komintern naceron as Brigadas Internacionais, formadas por voluntarios de diversas nacionalidades que loitaron do lado republicano co obxectivo de frear o avance do fascismo. Os primeiros avances dos sublevados tiveron como obxectivo unir os territorios que controlaban no N e no S e permitir o avance cara a Madrid. Conseguírono a finais do verán de 1936, ao tempo que illaron Euskadi e Asturias. Trala morte do líder inicial da sublevación, o xeneral José Sanjurjo (o 20 de xullo), nomeouse en Burgos o xeneral Francisco Franco como xefe político e militar da Junta de Defensa. En outubro tentouse un primeiro asalto á capital, pero a chegada das Brigadas Internacionais e a nova organización republicana fixeron que fose reixeitado. A partir deste momento e ata a fin da guerra, Madrid foi continuamente bombardeado. En marzo de 1937, o exército sublevado lanzou unha ofensiva no N co fin de apoderarse das minas asturianas e da industria siderometalúrxica de Euskadi e comezou a organizar o futuro réxime político coa fundación dun partido único, a Falange Española Tradicionalista y de las Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalistas (FET-JONS). En xuño, despois dos bombardeos de Durango e Gernika, caeu Bilbao e en outubro Asturias. Mentres, o exército republicano iniciou un grande esforzo militar cunha serie de accións que lle permitiron avanzar na fronte aragonesa. Os sublevados comezaron a campaña para illar Madrid de Catalunya e València, onde se trasladara o goberno republicano, e en abril de 1938 separaron València de Catalunya e iniciaron a guerra de desgaste con continuos bombardeos sobre as cidades e obstaculizaron a chegada de subministración. A finais de xaneiro de 1939, Barcelona caeu e o 28 de marzo Madrid firmou a súa rendición, o que supuxo o remate da guerra e o inicio dunha ditadura militar baixo o mando de Franco. A fin da guerra significou o exilio de moitos dos opositores ao novo réxime. A guerra tamén tivo sensibles repercusións demográficas, como consecuencia dos combates e a fame, a destrución das redes de comunicación de todo o país e a perda das reservas de ouro do Banco de España para pagar a axuda que a Unión Soviética prestou á República.
A ditadura franquista (1939-1975)
O réxime instaurado trala Guerra Civil formouse durante a propia contenda, en 1937, cando se fundou o Movimiento Nacional e se escolleu como xefe militar e político o xeneral ferrolán Francisco Franco. A ideoloxía do novo réxime foi, dende as súas orixes, unha amálgama a través da que se buscaba a rexeneración de España. Durante os seus primeiros anos o réxime adoptou elementos iconográficos fascistas, rexeitou o sistema capitalista e declarouse como un país nacionalsindicalista. Trala Segunda Guerra Mundial, estas posturas abandonáronse para permitir a perpetuación no poder do réxime. Elimináronse do vocabulario político termos como nación, para romper así coas reivindicacións de galegos, vascos e cataláns, e adoptouse unha formulación de Ortega y Gasset, que definira España como unidade histórica e de destino, e mostraba a España como a responsable de salvagardar os valores cristiáns de Occidente. O réxime apoiouse na Igrexa, na Falange e no exército. Para a poboación, á falta de liberdades uniuse a fame e a posta en práctica dun sistema económico, a autarquía, que acabou explotando a man de obra. O programa social do Movemento apareceu deseñado no Fuero del Trabajo (1938), no que se fixeron promesas de carácter social ao tempo que se someteu o desenvolvemento da produción á calidade das relación laborais e se creou un sindicato vertical dominado pola Falange. Ao principio da década dos corenta o réxime de Franco apoiou os reximes fascistas europeos co obxectivo de obter vantaxes materiais e coloniais. Con este obxectivo recrutou en 1942 a División Azul, un corpo de voluntarios que loitaron na fronte rusa durante a Segunda Guerra Mundial. As vitorias aliadas na guerra fixeron que o franquismo cambiase e abandonase as súas posturas totalitaristas para gañar o apoio dos países vencedores. En 1945, o goberno iniciou unha serie de reformas que se plasmaron no Fuero de los Españoles, un texto no que España se definiu como unha monarquía católica e orgánica da que Franco era o seu rexente, ao tempo que creou un Parlamento corporativista. As reformas non foron consideradas suficientes pola comunidade internacional e, un ano máis tarde, a ONU recomendou a retirada dos embaixadores en Madrid. A Guerra Fría permitiu a Franco superar o illamento internacional ao asinar en 1953 un tratado de cooperación cos EE UU e o concordato coa Santa Sé; dous anos despois España ingresou na ONU. A partir de mediados dos cincuenta, o fin do illamento internacional e os cambios dentro do propio réxime permitiron iniciar unha recuperación económica e industrial. En 1957 produciuse un relevo no goberno e os anteriores ministros falanxistas foron substituídos por un grupo de tecnócratas vinculados ao Opus Dei. O novo equipo puxo en práctica un plan económico que acabou co sistema autárquico. Este primeiro plan económico limitou o gasto público, liberalizou o comercio exterior, transformou a peseta nunha moeda convertible e favoreceu os investimentos estranxeiros, o que permitiu, nun breve período de tempo, o superávit da balanza de pagos, a redución da inflación, a consecución de numerosos créditos internacionais e a chegada masiva do turismo como consecuencia directa da depreciación da peseta. Para os traballadores estas medidas aumentaron o desemprego, reduciron os salarios e reiniciaron o fenómeno da emigración. Apareceron as primeiras protestas obreiras e de estudiantes nas que se reclamaba unha mellora nas condicións de vida e unha maior liberdade. Para controlar as protestas, aprobáronse unha serie de reformas, nas que se incluíu unha lei de asociacións, que permitiu a existencia de pequenos grupos de opinión dentro do réxime, e unha lei de prensa na que se suprimiu a censura previa. As protestas continuaron, sobre todo trala reorganización dos partidos políticos na clandestinidade e o rexurdir dos nacionalismos históricos, que engadiron as reivindicacións democráticas ao recoñecemento dos seus dereitos nacionais. A transformación de España continuou grazas ás divisas que deixaba o turismo e enviaban os emigrantes. Numerosas multinacionais do automóbil instaláronse en España e transformaron cidades como Valladolid, Burgos, Zaragoza e Vigo, onde apareceron por primeira vez os barrios dormitorio. A riqueza industrial continuou concentrada en áreas determinadas, mentres que Galicia, Castela, Aragón, Extremadura e Andalucía continuaron a ser eminentemente rurais. A modernización tamén supuxo o abandono dalgúns dos apoios do réxime como a Igrexa, produciuse ademais o comezo das accións subversivas dalgunhas organizacións como ETA e a intensificación dos contactos do PCE cos restantes partidos políticos co fin de acabar co franquismo. En 1969, o réxime solucionou o problema da sucesión de Franco trala ratificación nas Cortes de Xoán Carlos de Borbón como futuro rei de España. Nomeouse tamén a Luis Carrero Blanco como xefe de gabinete para neutralizar a crecente oposición dentro do propio réxime. Intensificouse o control sobre a información e a loita antiterrorista. O asasinato do xefe do goberno, o 20 de decembro de 1973, permitiu que accedesen ao goberno algúns reformistas do réxime. Foi tamén nestas datas cando apareceron os primeiros problemas de saúde do xeneral Franco, que morreu o 20 de novembro de 1975.
A transición e a democracia (1975-2002)
Trala morte do xeneral Franco, Xoán Carlos de Borbón xurou ante as Cortes o cargo de Xefe do Estado a título de Rei (22.11.1975). Xoán Carlos I escolleu como presidente das Cortes e do Consello do Reino ao seu antigo preceptor Torcuato Fernández Miranda e mantivo como presidente do goberno a Carlos Arias Navarro. O obxectivo do novo goberno, do que formaron parte homes como Manuel Fraga Iribarne, José María de Areilza y Martínez Rodas e Antonio Garrigues Díaz-Cañabate, foi iniciar unha reforma parcial cara a democracia que non provocase a confrontación co núcleo máis duro do antigo franquismo. O goberno presentoulle ás Cortes unha serie de proxectos de lei que buscaban ampliar as liberdades públicas. Non obstante , ante os poucos cambios propostos, os partidos políticos democráticos, aínda ilegais, fomentaron as manifestacións multitudinarias e as folgas nas que se reclamaba a amnistía para os presos políticos, a legalización dos partidos e a convocatoria de eleccións democráticas. Os enfrontamentos cos folguistas en Vitoria, que acabaron coa morte de cinco manifestantes, levaron os partidos políticos democráticos a falar dunha ruptura pactada para evitar unha nova guerra civil. A tensión social e as declaracións do monarca en favor da democracia na súa primeira viaxe aos EE UU, levaron a Arias Navarro a presentar a súa dimisión o 1 de xullo de 1976. O escollido para substituílo foi Adolfo Suárez González, un home ben aceptado pola liña máis dura do réxime, debido á súa condición de ministro secretario xeral do Movimiento. En agosto, o primeiro goberno de Suárez adoptou unha serie de medidas económicas destinadas a frear a caída da bolsa e iniciou contactos cos líderes dos partidos democráticos co fin de chegar a un acordo para unha transición política pacífica. En setembro o goberno presentou un proxecto de reforma política de carácter democrático no que se realizaría un referendo sobre a reforma constitucional. O proxecto foi aprobado en outubro de 1976 polo Consejo Nacional del Movimiento, malia as críticas dos franquistas máis extremistas, liderados por Blas Piñar. O proxecto polo que se disolvían as Cortes franquistas aprobouse o 18 de novembro, e o 15 de decembro realizouse un referendo no que o pobo español se mostrou partidario das reformas nun 94%. Non obstante , a tensión aumentou como consecuencia das accións terroristas da extrema dereita (o asasinato en Atocha de cinco avogados laboralistas de CC OO), da extrema esquerda (GRAPO), dos independentistas (ETA) e da tardanza por parte do goberno en legalizar os partidos políticos. Antes das eleccións de xuño de 1977, o goberno asinou a desaparición do Movimiento Nacional e legalizou o PSOE (10.2.1977), o PCE (12.4.1977) e o PSUC (14.4.1977), o que provocou a dimisión dalgúns ministros, como o almirante Pita de Veiga, e o rexeitamento por determinados sectores do goberno. Nas eleccións de xuño estableceuse o sufraxio universal para a elección dunhas Cortes de carácter constituínte. O vencedor foi a UCD de Suárez, seguida polo PSOE, liderado por Felipe González, o PCE, presidido por Dolores Ibárruri e con Santiago Carrillo como secretario xeral, a conservadora Alianza Popular (AP), liderada polo antigo ministro Manuel Fraga, o Pacte Democràtic de Catalunya (PDC) e o Partido Nacionalista Vasco (PNV), entre outros. O novo goberno xurou os seus cargos o 4 de xullo de 1977 e tivo que enfrontarse a unha difícil conxuntura económica e social. A gravidade da situación obrigou ao goberno, aos partidos políticos da oposición, aos empresarios e aos sindicatos a asinar os Pactos de La Moncloa, unha serie de acordos que permitiron o saneamento da economía e o inicio das reformas lexislativas, de liberdades e de reorganización das forzas da orde pública. Ademais, ante as reivindicacións dos nacionalistas cataláns, o goberno de Suárez recoñeceu de forma simbólica a Generalitat de Catalunya e puxo á súa fronte a Josep Tarradellas, o president da institución no exilio. No eido da política exterior produciuse a incorporación ao Consello de Europa en novembro dese mesmo ano. O proceso de elaboración da Constitución iniciouse en agosto de 1977 coa reunión dunha comisión integrada por tres membros da UCD, un socialista, un comunista, un nacionalista catalán e un aliancista. O proxecto foi presentado ao Congreso en xuño e o 6 de nadal de 1978 someteuse á aprobación do pobo por medio dun referendo. A Constitución de 1978 que definiu a España como unha monarquía democrática, non confesional, cun Parlamento bicameral elixido por sufraxio universal, foi sancionada polo rei o 27 de decembro de 1978 e entrou en vigor dous días despois. Non obstante , a crise económica e as disensións dentro do partido do goberno levaron á dimisión de Suárez como presidente do goberno en febreiro de 1981. Durante a sesión de investidura de Leopoldo Calvo Sotelo como presidente do goberno, o 23 de febreiro de 1981, un grupo de militares intentaron un golpe de estado. A falta de apoios dentro do propio estamento militar propiciou o fracaso do golpe e unha manifestación convocada conxuntamente por todos os partidos democráticos mostrou o apoio dos españois ao proceso democrático. Entre as medidas máis transcendentais do goberno de Calvo Sotelo destacou a integración política na OTAN (1981), aínda que contou coa oposición dunha ampla proporción das forzas parlamentarias, especialmente de esquerdas. A indignación fronte ao intento de golpe de estado e a progresiva disgregación da UCD, permitiron ao PSOE acadar a maioría absoluta nas eleccións lexislativas de 1982 e abrir un novo proceso de normalización política. En política interior os sucesivos gobernos socialistas de Felipe González culminaron o desenvolvemento do estado autonómico e realizaron numerosas reformas de carácter social, mentres que en política exterior, tralo referendo que apoiou a permanencia na OTAN (1986), acadaron o ingreso na Comunidade Económica Europea (1986) e en 1992 ratificaron o Tratado de Maastricht, que supuxo a creación da Unión Europea (UE). Pero os escándalos que afectaron ao goberno provocaron unha baixada no número de votantes socialistas nas eleccións de 1993 que fixo necesaria unha alianza cos nacionalistas cataláns de Convergència i Unió (CiU) para asegurar a súa continuidade no poder. A retirada do apoio catalán ao goberno socialista obrigou a convocar novas eleccións en 1996, nas que o partido máis votado foi o PP de José María Aznar. A falta dunha maioría suficiente do PP para formar goberno obrigou os conservadores a contar co apoio de nacionalistas cataláns, vascos e canarios. Tralas eleccións de 2000, o partido de Aznar acadou a maioría absoluta. Durante o goberno do PP, España conseguiu cumprir os criterios de converxencia establecidos pola UE para a unión monetaria e adoptar o euro como moeda en xaneiro de 2002. A política económica dos gobernos do PP caracterizouse pola redución do déficit público, a creación de emprego (que foi posible en gran medida pola profundización nas reformas do mercado laboral) e a privatización de sectores estratéxicos, como a enerxía ou as telecomunicacións. As reformas do regulamento das prestacións por desemprego, decretadas polo goberno de Aznar na primavera de 2002, provocaron a celebración dunha xornada de folga xeral o 20 xuño de 2002 convocada polos sindicatos UGT e CC OO.
A cultura no s XX
Arte
Os primeiros anos do s XX estiveron marcados pola crise do 98 e pola posterior revitalización do país, concretada no rexionalismo. No apartado da pintura, abandonáronse as grandes composicións e impúxose a pintura de cabalete. Cultivouse a paisaxe, o bodegón e o retrato. Destacaron, entre outros, Joaquín Sorolla (1863-1923), Julio Romero de Torres (1880-1930), Valentín de Zubiarre (1879-1963), Ignacio Zuloaga (1870-1945), Castelao (1886-1950), cos seus álbums de debuxo, e José Gutiérrez Solana (1886-1945). Os arquitectos rexionalistas máis relevantes foron Leonardo Rucabado (1876-1918; Casa Allende de Bilbao) e Manuel María Smith Ibarra (Casa Garay de Madrid). O rexionalismo tivo a súa vertente nacionalista, que na arquitectura se manifestou nun monumentalismo de carácter enfático representado por Antonio Palacios (1876-1945), autor, entre outros, do Palacio de Correos y Comunicaciones e do Círculo de Bellas Artes de Madrid. A Ditadura de Primo de Rivera foi unha época de grande actividade artística; non obstante houbo un gran número de artistas que marcharon de España e formaron o que se denominou escola española de París, aínda que non formaron un grupo homoxéneo nin estilística nin ideoloxicamente. O máis relevante foi Pablo Picasso (1881-1973), auténtico renovador e creador da arte do s XX, pois co cubismo rompeu coa tradición pictórica herdada do Renacemento; cubista tamén foi Juan Gris (1887-1927); o surrealismo desenvolvérono Salvador Dalí (1904-1989), Joan Miró (1893-1983) e Óscar Domínguez (1906-1957); María Blanchard (1881-1932) achegouse aos fauves, aos simbolistas e aos cubistas; e Julio González (1876-1942) foi o pioneiro no emprego do ferro na escultura. As vangardas introducíronse cando en Europa se producía unha volta á orde clasicista e ao realismo. Desenvolveuse unha tendencia neocubista, representada, entre outros, por Daniel Vázquez Díaz (1882-1969), Ramón Gaya (1910), Francisco Cossío (1894-1970) e Emiliano Barral (1896-1936); e unha tendencia surrealista, cultivada por Maruja Mallo (1902-1994), á que despois se engadiron artistas que nunha primeira época se dirixiran ao neocubismo, como Ángel Ferrant (1890-1961) e Alberto Sánchez (1895-1962). Xunto a eles cómpre destacar a figura de Victorio Macho (1887-1966), que uniu na súa obra tradición e renovación. Máis independente foi a obra do escultor Pablo Gargallo (1881-1934). Todos estes artistas desenvolveron a súa obra durante os anos da Segunda República, unha das épocas máis fecundas e ricas do panorama cultural español. Os arquitectos da xeración de 1925, Rafael Bergamín (1891-1970), Luis Blanco Soler (1894-1988), Casto Fernández-Shaw (1896-1978) e Luis Gutiérrez Soto (1900-1977), entre outros, introduciron o racionalismo. As obras máis representativas deste movemento foron a Ciudad Universitaria de Madrid, iniciada en 1927, e a Colonia El Viso (1933-1936). O racionalismo cristalizou coa creación, en 1930, do Grupo de Artistas y Técnicos Españoles para el Progreso de la Arquitectura Contemporánea (GATEPAC), que acolleu os arquitectos de Madrid, San Sebastián e Bilbao, e do Grup d’Artistes i Técnics Catalans per al Progrés de l’Arquitectura Contemporània (GATCPAC), que agrupou os arquitectos cataláns. No primeiro destacaron, entre outros, F. López Delgado (1902-?), José Manuel Aizpurúa (1904-1936) e Joaquín Labayen, e no segundo Josep Lluís Sert (1874-1945) e Josep Torres Clavé (1906-1939). Entre as obras máis relevantes do racionalismo dos anos trinta destaca o pavillón de España na Exposición Internacional de París de 1937, obra de Luis Lacasa (1899-1966) e Josep Lluís Sert. A Guerra Civil provocou un freo no desenvolvemento artístico e cultural do país. En 1941, Eugeni d’Ors creou a Academia Breve de Crítica de Arte (1941-1954) e, ao ano seguinte, os Salones de Otoño. Durante os anos posteriores á guerra, a arte tivo un carácter oficial; por unha banda, dende 1941 convocáronse as Exposiciones Nacionales de Bellas Artes, e por outra impúxose o conservadorismo e o academicismo. Durante a posguerra fundáronse diversos grupos artísticos, entre outros o Grupo Pórtico en Zaragoza (1947), Dau al Set en Barcelona (1948) e Altamira (1949), que introduciron as primeiras propostas abstractas. Non obstante , houbo moitos artistas exiliados, entre os que destacou Eugenio Fernández Granell (1912-2001). Formouse unha segunda escola de París na que estaban, entre outros, Francisco Bores (1898-1972), Hernando Viñes (1909-1993), Baltasar Lobo (1911-1993) e José María Ucelay (1903-1979). No interior do país, artistas como Cristino Mallo (1905-1988), Plácido Fleitas (1915-1972) e Ángel Ferrant (1890-1961) viviron un exilio interior. A arquitectura da posguerra viviu unha época de crise, adoptou un ton monumentalista e empregou principalmente a pedra e o ladrillo (Ministerio del Aire de Luis Gutiérrez Soto, 1943-1951). Cómpre salientar a Francisco de Asís Cabrero (1912), autor do edificio de Sindicatos de Madrid (1948), xunto con Rafael Aburto, e da sede do xornal Arriba (1961-1962), e a Miguel Fisac (1913), autor da sede do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (1942) e do Centro de Estudios Hidrográficos (1960). As transformacións económicas e a apertura política vivida polo país nos anos sesenta traduciuse nunha revitalización das artes, en especial da arquitectura, e na adopción dos modelos internacionais. En Madrid traballaron, entre outros, Alejandro de la Sota (1913-1986), Francisco Javier Sáenz de Oiza (1918-2000), Julio Cano Lasso (1920-1996), José Antonio Corrales (1921) e Ramón Vázquez Molezún (1922-1993); e en Barcelona, entre outros, Oriol Bohigas (1925), Josep Maria Martorell (1925), Federico Correa (1924) e Alfons Milá (1924). Algúns deles pertenceron ao Grupo R, fundado en 1951 coa intención de combater a situación de illamento da cultura catalá e de abrirse ás novas tendencias internacionais. A xeración dos anos setenta estivo marcada pola crise do movemento moderno. Sobresaíron, entre outros, Rafael Moneo (1937), Juan Navarro Baldeweg (1939), Fernando Higueras (1930), Oscar Tusquets (1941) e Lluís Clotet (1941). Nos anos oitenta as figuras máis destacadas foron Riccardo Bofill (1939) e Santiago Calatrava (1951), que acadaron repercusión internacional ao longo dos anos posteriores. Cómpre mencionar tamén a Alberto Campo Baeza (1946), Jerónimo Junquera (1943) e Estanislao Pérez Pita (1943) en Madrid; Enric Soria (1937), Jordi Garcés (1945), Josep Bonet (1941) e Cristian Cirici (1941) en Barcelona; Guillermo Vázquez Consuegra (1945), Antonio Cruz (1948) e Antonio Ortiz (1947) en Andalucía; e Xosé Bar Boo (1922-1994) e César Portela (1937) en Galicia. Entre os arquitectos das últimas xeracións sobresaíron Jesús Aparicio, Juan Carlos Sancho, Enric Miralles (1955-2000), Carmen Pinós, Tonet Sunyer ou Antonio Jiménez Torrecillas. Cómpre tamén destacar a achega de arquitectos foráneos, como Norman Foster coas bocas do metro de Bilbao (1988), Arata Isozaki co Palau Sant Jordi de Barcelona (1992), Álvaro Siza co Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela (1988-1993) e Frank O. Ghery co Guggenheim Bilbao Museoa (1997). No terreo das artes plásticas, a finais dos anos cincuenta e durante os sesenta formáronse diversos colectivos artísticos, entre os que sobresaíu El Paso (1957), adscrito ao informalismo, aínda que despois os seus membros evolucionaron de xeito diferente. Así, Rafael Canogar (1935) dirixiuse cara á nova figuración, Luis Feito (1929) cara á abstracción, Manuel Millares (1926-1972) cara á arte matérica e Manuel Rivera (1927-1995) cara á arte óptica. Outros grupos destacados foron o Equipo 57 (1957), formado por Juan Cuenca (1934), Ángel Duarte (1930), José Duarte (1928), Agustín Ibarrola e Juan Serrano (1928); o Equipo Córdoba (1958), dirixido por José Ortega; o Grupo Hondo (1965) con Joan Genovés (1930) como principal representante; o grupo de Cuenca con Gerardo Rueda (1926), Gustavo Torner (1925) e Fernando Zóbel (1924-1984) e que deu como resultado a creación do Museo Español de Arte Abstracto; o grupo ZAJ (1964), os primeiros en realizar happenings e performances; e o Equipo Crónica (1965), formado por Manuel Valdés (1942) e Rafael Solbes (1941-1981) e introdutores da arte pop. Tamén cercanas a esta arte, aínda que evolucionaron por camiños diferentes, atópanse as obras de Eduardo Arroyo (1937) e Úrculo. A nova figuración encamiñouse cara a un realismo social cultivado por Juan Genovés e Rafael Canogar; o realismo está representado por Antonio López (1936) e Carmen Laffón (1934); e a arte conceptual adoptárona Carlos García Alcolea (1949-1992), Chema Cobo (1952) e Guillermo Pérez Villalta (1948). Na década dos oitenta consolidouse a abstracción coa obra de Alfonso Albacete (1950), Miguel Ángel Campano (1948) e Juan Navarro Baldeweg (1939). Paralelamente, retornouse a unha figuración representada por Miquel Barceló (1957), Ferrán García Sevilla (1949) e José María Sicilia (1954). No eido da escultura, trala paréntese da ditadura franquista na que sobresaíu Juan de Ávalos (1911), a renovación non chegou ata a apertura dos anos cincuenta. Ademais de Pablo Serrano, cómpre destacar a Marín Chirino (1925), Carlos Ferreira (1914-1990), Josep María Subirachs (1927), Miguel Berrocal (1933), Plácido Fleitas (1915-1972) e Baltasar Lobo (1911-1993). Xunto a eles sobresae a obra de Jorge Oteiza (1908) e Eduardo Chillida (1924-2002), os dous cunha gran proxección internacional. Dende os anos setenta e oitenta as distintas tendencias da arte, como a minimalista, a pobre, a arte da terra, os happenings, a arte conceptual e a aplicación das novas tecnoloxías foron asumidas polos artistas e admitidas polo público. Entre outros destacan Francesc Torres Monsó (1922) e Julio López (1930) e, entre os representantes das novas xeracións, Eva Lootz (1940), Antoni Muntadas (1942), Miquel Navarro (1945), Susana Solano (1946), Sergi Aguilar (1946), Juan Muñoz (1953-2001), Cristina Iglesias (1956), Francisco Leiro (1957) e Txomin Badiola (1957).
Ciencia
A principios do s XX iniciouse o período denominado Idade de Prata, no que tivo lugar un importante florecemento da ciencia, centrado nas ciencias biolóxicas e médicas, que encontrou apoio no ambiente cultural creado pola Institución Libre de Enseñanza. As disposicións do ministro de Instrución Pública Antonio García Alix estableceron o ensino teórico-práctico das ciencias experimentais, coa esixencia dun traballo de investigación para os aspirantes a catedrático e co aumento da dotación económica para os laboratorios. En 1907 creouse a Junta para la Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas que, consciente da escaseza de recursos do Estado, promocionou, mediante bolsas, a formación de científicos nas universidades estranxeiras, e creou institucións científicas, como o Instituto Nacional de Ciencias Físico-Naturales en 1910, que pretendían dar continuidade e rendibilizar a formación adquirida no estranxeiro. Con este envío de profesores e alumnos ás universidades estranxeiras renovouse o contacto coa ciencia europea e naceu, deste xeito, a primeira xeración de investigadores españois. Do Laboratorio de Fisiología, creado en 1916, saíron importantes científicos, entre os que cómpre destacar a Juan Negrín, Severo Ochoa e Francisco Grande Covián. No apartado da física, na que os traballos se centraban sobre a electricidade e o magnetismo, destacaron Blas Cabrera y Felipe, Julio Palacios Martínez, Arturo Duperier Vallesa e Manuel Martínez Risco; no da química destacaron Enric Moles i Ormella, Augusto Pérez Vitoria, Antonio García Banús, José Giral Pereira e Antonio Medinaveitia Tabuyo; e no da bioloxía, Pius Font i Quer, Josep Cuatrecasas i Arumí e Bibiano Fernández Ossorio-Tafall. Neste período tivo lugar o nacemento da bioquímica, eido no que destacaron Laureano Calderón Arana, José Gómez Ocaña e August Pi i Sunyer; e a introdución da xenética en España, realizada por José Fernández Nonídez e Antonio de Zulueta. A continuidade da actividade científica e o espírito liberal da Junta para a Ampliación de Estudios foi imposible trala Guerra Civil. En 1939 creouse no seu lugar o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), que antepuxo os intereses do Movimiento aos científicos, e en 1941 o Instituto Nacional de Industria (INI), co anhelo de acadar autonomía tecnolóxica, de acordo coas ideas autárquicas. Moitos investigadores foron apartados da práctica profesional por motivos ideolóxicos nun proceso de depuración do sistema educativo e científico; os que quixeron continuar co seu labor científico tiveron que exiliarse. En 1939 organizouse en París a Unión de Profesores Universitarios Españoles en el Extranjero, que se trasladou posteriormente a México. A apertura dos anos cincuenta permitiu que algúns científicos puidesen volver, pero en raros casos recuperaron as súas cátedras e os seus postos nas universidades. Nesta época a investigación nas universidades era practicamente inexistente e a maior parte do ínfimo orzamento que se destinaba a investigación e desenvolvemento recibíano os grandes centros de investigación dependentes dos ministerios, entre os que destacaba o CSIC. Como consecuencia, o país atopábase cunha dispersión e falta de coordinación dos centros de investigación científica e dos organismos da administración competentes, cunha carencia de infraestruturas, cunha escasa conexión entre as actividades investigadora e empresarial, e cunha insuficiencia dos recursos destinados a investigación e desenvolvemento. O acceso dos socialistas ao goberno (1982) favoreceu que o sistema científico español cobrase impulso mediante un programa reformista que promoveu o desenvolvemento da educación universitaria, que aumentou a cualificación científica e técnica das novas xeracións, e unha política de bolsas, que facilitou a formación de investigadores no estranxeiro. A incorporación ás Comunidades Europeas (1986) permitiu a participación nos programas de formación científica e de investigación e desenvolvemento intercomunitarios. Non obstante , ao principiar o s XXI apenas se conseguiu resolver a precariedade do sistema científico e tecnolóxico español, pois o investimento en investigación e desenvolvemento seguiu a ser mínimo, inferior ao 1% do PIB no ano 2000; en moitos casos resulta case imposible o retorno e a incorporación dos científicos e investigadores formados no estranxeiro, como Mariano Barbacid Montalbán, Juan Carlos Izpisúa Belmonte e Joan Massagué i Solé, entre outros que o intentaron.
Cine
Dous aparatos de proxección, un de patente británica, o animatógrafo, e outro de patente francesa, o cinematógrafo, deron a coñecer as imaxes en movemento en maio de 1896 en Madrid. En Galicia, a primeira proxección pública foi na Coruña o día 3 de setembro de 1896, no Teatro-Circo, e o ano seguinte, Joseph Sellier, fotógrafo de orixe francesa, filmou varias cintas cunha cámara Lumière, entre elas Entierro del general Sánchez Bregua, o 19 de xuño de 1897. Entre 1897 e 1920, o eixe do cine desprazouse a Barcelona, onde destacaron, entre outros, Frutuós Gelabert, Riccardo Baños e Segundo de Chomón. Nos anos 20, Madrid substituíu a Barcelona na produción cinematográfica. Considérase que a primeira película de éxito do cine español é La casa de la Troya (1924), desenvolvida en Galicia e codirixida por Manuel Noriega e o escritor Alejandro Pérez Lugín. A chegada do cine sonoro reafirmou a primacía da industria norteamericana na exhibición española, arredor de 1920. A implantación da nova técnica foi case simultánea á proclamación da Segunda República. A conxunción destas dúas circunstancias foi determinante no atraso da normalización do traballo cinematográfico, con relación ao doutros países europeos; aínda que nese período houbo feitos destacados, como a aparición de estrelas, como Imperio Argentina, e obras como Las Hurdes (Luis Buñuel, 1932). A Guerra Civil reduciu ao mínimo a leve recuperación iniciada en 1934. Unha das medidas que adoptou a ditadura de Franco para potenciar o cine español, o decreto de obrigatoriedade da dobraxe ao castelán de 1941, tivo efectos contrarios, do mesmo xeito que outras medidas proteccionistas, condicionadas por unha omnipresente censura cinematográfica. Ata 1950, contra o que puidera parecer, entre as máis de 400 obras dese período son contadas as que tratan de enxalzar explicitamente a sublevación e o réxime franquista; entre estas destacan, Sin novedad en el Alcázar (A. Genina, 1939) e Raza (J. L. Sáenz de Heredia, 1941). A Compañía Industrial del Film Español S A (CIFESA), fundada en 1932 en València, dominou os primeiros anos do franquismo, que limitou, na práctica, as posibilidades de difusión do cine ás nosas fronteiras (o mercado centro e sudamericano seguía sendo menor), polo que se buscaron saídas na colaboración con Portugal. Nas décadas seguintes, as coproducións foron fundamentais para o mantemento da cinematografía española. A maioría das cintas seguiron as pautas tradicionais da comedia, do drama ou do melodrama. Nos anos 50, nos que a produtora preponderante foi Suevia Films, fundada polo galego Cesáreo González, sobresaíron Juan Antonio Bardem e Luis García Berlanga. Ex-alumnos do Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinematográficas de Madrid (IIEC), realizaron, en 1951, Esa pareja feliz. Bardem dirixiu Muerte de un ciclista (1955) e Calle Mayor (1956) e Berlanga Bienvenido, Mr. Marshall (1952), premiada no Festival Internacional de Cine de Cannes. Películas populares nesta década foron as que tiñan nenos como protagonistas, entre outras, Marcelino, pan y vino (L. Vajda, 1954) con Pablito Calvo, El pequeño ruiseñor (A. del Amo, 1956) con Joselito e Un rayo de luz (L. Lucia, 1960) con Marisol; e as cintas “folclóricas” como El último cuplé (J. de Orduña, 1957) con Sara Montiel. Aproveitando a liberalización do réxime, celebráronse en 1955 as Conversaciones de Salamanca, nas que se fixo un diagnóstico bastante pesimista da situación do cine español. O cambio que levou a Manuel Fraga Iribarne ao ministerio de Información, con José María García Escudero como responsable da cinematografía española, seguiu, de lonxe, as pautas dun anovado cine francés, pero sen democracia. Dende 1962 xurdiron novos directores e produtores como Elías Querejeta, formados na Escuela Oficial de Cine (EOC), herdeira do IIEC. Foi o que, durante un tempo, se chamou “Nuevo cine español”, con dúas ramas creativas diferenciadas: a de Madrid, con Mario Camus, Basilio Martín Patino, Carlos Saura, Manuel Summers, entre outros; e a de Barcelona, con Vicente Aranda, Jaime Camino, Jorge Grau, Joaquín Jordá, José Mª Nunes, Pere Portabella e Gonzalo Suárez. Nos anos 60 destacan Plácido (1961) e El verdugo (1963), de García Berlanga e con guións de Rafael Azcona, ás que se debe engadir Viridiana (1961), de Luis Buñuel, rodada en México e prohibida en España ata 1977. A renovación artística do cine español foi bastante efémera. Quedou coutada por novas trabas políticas e tamén económicas. Algúns dos novos directores buscaron traballo nos programas de Televisión Española (TVE) ou na publicidade. Con todo, en 1973 estreáronse dous filmes relevantes: El espíritu de la colmena, de Víctor Erice, e La prima Angélica, de Carlos Saura. A partir de 1978 apareceron, por unha parte, un cine vinculado ás diversas nacionalidades e, por outra, filmes que trataban da recuperación da memoria histórica, ben de tempos afastados, como Las largas vacaciones del 36 (Jaime Camino, 1976), El desencanto (Jaime Chávarri, 1976), ben de tempos máis achegados, como La escopeta nacional (Berlanga, 1977) e Asignatura pendiente (José Luis Garci, 1977). Na busca de vías de financiamento, en 1979 produciuse un acordo entre TVE e algúns produtores para a realización de películas. A maioría delas eran transposicións de relatos literarios contemporáneos, entre as que sobresaen, La colmena (1982), dirixida por Mario Camus e producida por José Luis Dibildos, que fixo o guión sobre o relato homónimo de Camilo José Cela; ou Bearn (J. Chávarri, 1983) sobre a obra de Llorenç Villalonga. En 1979 os problemas de produción e de exhibición de El crimen de Cuenca, de Pilar Miró, mostraron as dificultades herdadas do anterior réxime. A década dos oitenta foi a da consagración de Pedro Almodóvar como director que tentaba reflectir e caricaturizar a sociedade española resultante da desaparición do franquismo. A política de dous directores xerais de cinematografía dos primeiros gobernos socialistas, Pilar Miró e Fernando Méndez-Leite, ao primar a calidade fronte á cantidade, orixinou un desfasamento nas cifras globais de produción respecto dos anos anteriores. nos últimos vinte anos tres películas conseguiron o Oscar ao mellor filme estranxeiro: Volver a empezar (J. L. Garci, 1982), Belle Epoque (F. Trueba, 1993) e Todo sobre mi madre (P. Almodóvar, 1999). Outras acadaron galardóns no Festival Internacional de Cine de Cannes, como Los santos inocentes (Mario Camus, 1984) e El sol del membrillo (Víctor Erice, 1992). Dende 1987 a Academia de las Artes y Ciencias Cinematográficas de España outorga os premios Goya, galardóns aos mellores labores cinematográficos do ano que serven para a promoción de directores, actores, técnicos e películas. No cambio de século, o cine español tivo que se adaptar á situación resultante do mercado da Unión Europea. Grandes empresas de comunicación e algúns bancos participaron en proxectos cinematográficos e propiciaron unha interesante potenciación da industria cinematográfica española que tenta competir co monopolio de EE UU e a súa política agresiva de acaparar os mercados internacionais.
Ensino
No marco da Segunda República, a conxunción republicano-socialista e institucionista pretendeu que a educación fose un dos motores da democratización e republicanización da sociedade española. Aumentou significativamente o número de escolas primarias, comezáronse a crear os institutos elementais de bacharelato en vilas de certa importancia, modificouse o acceso á docencia e a preparación do profesorado primario, favoreceuse o laicismo, defendeuse a coeducación e o bilingüismo, puxéronse en marcha os consellos escolares e os centros de colaboración pedagóxica, mellorouse o status social do profesorado, estudiáronse as bases para unha reforma xeral do ensino, eliminouse a capacidade legal docente das ordes relixiosas -coa expulsión, ademais, dos xesuítas- e impulsáronse as dinámicas de educación popular. Articulábase así un conxunto de accións destinadas á transformación educativa, que, sen embargo, viron interrompido o seu desenvolvemento co golpe militar de 1936, agás en Catalunya, onde o Consell de l’Escola Nova Unificada, creado o 27 de xullo de 1936, mantivo ata a fin da Guerra Civil un sistema escolar gratuíto, laico, con coeducación e en lingua catalana, inspirado nos principios racionalistas do traballo e da fraternidade humana. O réxime franquista prohibiu o laicismo, a coeducación e o ensino bilingüe e introduciu unha ríxida censura dos libros de texto, restaurou o ensino de todas as ordes relixiosas e confiou á institución eclesiástica o conxunto da educación secundaria. Paralelamente, procedeuse a unha xeral depuración do profesorado, na que se prescindiu dos acusados de republicanos e institucionistas e dos que se negaran a manifestar o seu apoio ao novo réxime. Esta represión significou a recomposición dos corpos docentes con persoas que manifestaban a súa activa adhesión ao réxime, feito que provocou unha grave deterioración na calidade profesional da docencia. Á altura de 1950 rexistrouse un claro retroceso no número de alumnos matriculados no ensino secundario público con respecto á anterior década e un transvasamento cara aos centros da Igrexa. En 1939 creouse o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), que chegou a ser unha plataforma de influencia ideolóxica do Opus Dei, e transformouse o Museo Pedagógico no Instituto San José de Calasanz. En 1940 creouse a Frente de Juventudes, instrumento de adoutrinamento político que seguía o modelo da organización dos balillas da Italia fascista. En 1943 promulgouse unha nova Lei de Ordenación Universitaria, que creou órganos de control do profesorado e do alumnado, como o Servicio Español del Profesorado de Enseñanza Superior (SEPES), o Sindicato Español Universitario (SEU) e o Servicio Español del Magisterio (SEM), que depositaban os cargos de responsabilidade en falanxistas. O 17 de xullo de 1945 promulgouse a nova Lei de Instrución Primaria, de influencia eclesiástica, para nenos de 6 a 12 anos de idade, aínda que os estudios de bacharelato elemental podían comezar aos 11 anos. Por outra parte, o ministro de Traballo, José Antonio Girón de Velasco, promulgou en 1949 a Lei de Bases da Formación Profesional, que significou o nacemento dos institutos e as universidades laborais, como a de Xest e a de Gijón. A presión ideolóxica no ensino atenuouse a partir de 1951, cando Joaquín Ruiz-Giménez Cortés ocupou o ministerio de Educación; defendeu unha concepción máis moderna de acción social católica e promulgou a Lei de Ordenación do Ensino Medio (1953), que eliminou os elementos máis demagóxicos e totalitarios dos currículos, aínda que non a influencia eclesiástica. As protestas antifalanxistas, que tiveron lugar en 1956 sobre todo na Universidad de Madrid, provocaron a súa saída do ministerio e a creación na clandestinidade de organizacións políticas democráticas (1961-1962), como a Federación Universitaria Democrática de Estudiantes (FUDE), a Agrupación Socialista Universitaria ou a Frente de Liberación Popular (FLP), mentres se reavivaba a loita polo control da educación entre o Opus Dei e os falanxistas. En 1966 naceu o Sindicato de Estudiantes da Universitat de Barcelona, antecedente dos creados nas outras universidades, que xerou un importante e organizado clima de conflitos estudiantís, cunha participación constante do Partido Comunista de España na clandestinidade, ademais doutras organizacións políticas. Isto fixo que Josep Lluís Villar i Palasí (1968-1973) se encargase do ministerio; este, co asesoramento dos sectores aperturistas do Opus Dei e o implícito apoio dalgúns sectores empresariais, iniciou a renovación das estruturas políticas e da política educativa para responder ás orientacións sinaladas pola OCDE e o Banco Mundial. Así, coa animadversión dos sectores políticos máis inmobilistas do franquismo e do episcopado, aprobouse a Lei Xeral de Educación (LXE, 4.7.1970). Produciuse, entón, a ampliación das estruturas educativas públicas, acompañada dunha incipiente renovación pedagóxica e didáctica, o aumento da escolarización obrigatoria (8 cursos), a creación das universidades autónomas e de novas titulacións, a elaboración de estatutos nas universidades, a creación dos Institutos de Ciencias de Educación (ICEs) e a reestruturación do ensino secundario e da formación profesional. Mentres, unha crecente demanda de escolarización e unha renovada conciencia sociopolítica sobre a súa importancia provocaron conflitos de profesores, estudiantes e do movemento organizado de pais. A morte de Franco deu paso a unha redefinición dos fundamentos de política educativa; a Constitución de 1978 debuxou o novo marco, pero non tivo consecuencias inmediatas nas orientacións da política educativa; non obstante a Transición significou un incremento no investimento en educación, grazas ás demandas atendidas nos Pactos de la Moncloa (1977) entre o goberno e a oposición. A chegada ao poder do PSOE significou a reorientación da política educativa: aprobouse a Lei de Reforma Universitaria (LRU, 25.8.1983), que supuxo unha profunda transformación do ensino superior. A Lei Orgánica do Dereito á Educación (LODE, 3.7.1985) introduciu os criterios constitucionais no ensino non universitario, atendendo en particular ao dereito á educación, a regulación dos órganos do goberno dos centros, a ordenación da participación social na educación e a concertación económica coa iniciativa privada. Pouco despois abordouse unha reforma xeral do ensino non universitario mediante a Lei de Ordenación Xeral do Sistema Educativo (LOXSE, 3.10.1990): estendeuse a escolarización obrigatoria ata os 16 anos; creouse un ciclo básico unificado e comprensivo de ensino secundario; reformouse o ensino secundario e propuxéronse medidas para garantir a calidade do sistema educativo. A reforma non gozou nin da aprobación do PP nin dos sectores máis conservadores da sociedade española e do profesorado. Posteriormente, en 1995, aprobouse a Lei Orgánica de Avaliación, Participación e Goberno dos Centros Escolares, que veu complementar ou solucionar algunhas carencias das anteriores disposicións. Co acceso ao poder do PP en marzo de 1996, comezou unha revisión de criterios e de actuacións da política educativa, para afirmar os criterios do liberalismo conservador e da tecnocracia e buscar a racionalización, a eficacia e a calidade do sistema educativo. Con estes criterios reformáronse as estruturas do ensino superior a través da Lei de Ordenación Universitaria (LOU, 2001), moi contestada por amplos sectores do profesorado e do estudiantado. Por razóns demográficas, nos últimos anos do s XX reduciuse paulatinamente o número de alumnos matriculados nos niveis non universitarios, feito que obrigou a redimensionar o número de aulas e de postos de traballo, pois, agás nalgunhas aglomeracións urbanas, o número medio de alumnos por aula situouse por debaixo dos límites legais, especialmente nos centros públicos. A reestruturación permitiu que se incrementase a proporción do profesorado dedicada a actividades técnicas distintas das estritamente docentes. Ademais, aumentou a oferta de ensinanza de linguas estranxeiras e disciplinas artísticas, así como os centros de lingua e cultura española no exterior, os centros de educación especial e centros de formación dependentes doutros ministerios (Asuntos Sociais, Asuntos Exteriores, Defensa, etc). Implementouse un Programa Nacional de Novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, ademais de diversos convenios, programas e proxectos de alcance internacional, un Centro de Investigación y Documentación Educativa (CIDE), o Instituto Nacional de Calidad y Evaluación Educativa (INCE) e os Consellos Escolares das comunidades autónomas. Tamén cómpre citar a participación nos programas educativos da Unión Europea: Sócrates (Erasmus, Comenius e Medidas Transversais-Lingua, para o ensino superior) e Leonardo (formación técnico-profesional); e a cooperación internacional a través do Consello de Europa, a OCDE, a UNESCO e o conxunto de países iberoamericanos.
Filosofía
Antes da Guerra Civil cómpre destacar a Miguel de Unamuno e José Ortega y Gasset. Unamuno (1864-1936) levou adiante un particular método de pensamento, con formulacións estéticas pouco habituais na historia da filosofía. Moito do seu pensamento atopámolo na súa obra literaria; o corpo central da súa doutrina filosófica está presente no texto Del sentimiento trágico de la vida en los hombres y en los pueblos (1913) e La agonía del cristianismo (1931). Centrou a preocupación filosófica no home mortal que non quere desfacerse na nada (a fame de inmortalidade). As relacións entre a racionalidade e a fe, a existencia de Deus e a liberdade do home foron algúns dos temas centrais nas súas obras; reflexionou tamén sobre a situación de España. Unha filosofía de máis fortuna internacional foi a desenvolvida por José Ortega y Gasset (1883-1955). O seu pensamento estivo enmarcado dentro da corrente do vitalismo; amosou unha gran preocupación pola historia, así como polos asuntos sociais e políticos do seu tempo. A súa obra fundamental foi La rebelión de las masas (1930). Eugenio D’Ors (1881-1954) levou as súas preocupacións filosóficas ao estudo das relacións entre a dialéctica, a poética e a patética, así como o que el chamou “a ciencia da cultura”. Xavier Zubiri (1898-1983) foi célebre tanto polos seus estudios no terreo da metafísica como polos seus traballos sobre outros filósofos clásicos e modernos, en Cinco lecciones de Filosofía (1963). María Zambrano (1904-1991) desenvolveu o seu pensamento en dúas grandes etapas claramente definidas pola Guerra Civil. Mantivo un interese por profundizar nas relacións entre a filosofía e a poesía, presente en Delirio y Destino (1989). Na posguerra destacaron, entre outros, Juan David García Bacca (1901-1992) que se ocupou, sobre todo, de asuntos teolóxicos; e José Ferrater Mora (1912-1991) que, ademais de realizar un pensamento filosófico propio preocupándose de asuntos pouco traballados na tradición filosófica moderna como a ética práctica, ofreceu un labor de divulgación moi importante no Dicionario de Filosofía, reeditado, ampliado e corrixido continuamente polo seu autor. No eido do pensamento ético-moral cómpre salientar a José Luis López Aranguren (1909-1996), que conseguiu levar á ética española os grandes temas da reflexión do mundo contemporáneo, sobre todo na súa obra De ética y de moral (1994), absorbeu moitas ideas de fóra, deulle á ética unha dimensión internacional e pública, e desenvolveu ideas propias como o concepto de talante ou a ética como carácter. Nas últimas décadas do século, e entrado xa o s XXI, destacaron, entre outros, Gabriel Albiac, Víctor Gómez Pin, Antoni Domènech, Rafael Argullol, Carlos Gurméndez, Javier Sádaba, Agustín García Calvo, Carlos García Gual, Victoria Camps, Ignacio Ramonet, Jesús Mosterín, Emilio Lledól, Javier Echeverría e Xavier Rubert de Ventós, entre outros. Cómpre salientar a José Antonio Marina e Fernando Savater. Marina pretendeu investigar en temas de moral dende un punto de vista vinculado á racionalidade práctica, que amosou en Ética para náufragos. Fernando Savater, ademais de publicar importantes estudios sobre filósofos clásicos como Nietzsche e modernos como Emile Cioran, desenvolveu tamén un pensamento propio dirixido á análise de diversos asuntos éticos, El contenido de la felicidad (1986), pedagóxicos, El valor de educar (1997), dirixidos a un público máis xeral e incluso adolescente, Ética para Amador (1991) e Política para Amador (1992) e políticos, Ética y Ciudadanía (2002).
Fotografía
O desenvolvemento das industrias produtoras de material fotográfico veu da man de empresas estranxeiras. En 1913 instaláronse en Colmenar Viejo e El Prat de Llobregat dous laboratorios da firma Kodak, mentres que Agfa, L. Gevaert e Guilleminot, entre outras, comezaban a comercializar os seus produtos a través dos seus representantes en España, que competían cos fabricados na droguería Monegal de Barcelona. En 1918 apareceron La Manufactura Española de Papeles Fotográficos e La Manufactura Española de Preparados Químico-Fotográficos Girasol, posteriormente xurdiron a Sociedad Industrial Fotográfica Española (1921), de Madrid, e a Fotoquímica Garriga e Papeles Llimona (1922), de Catalunya. Neses anos publicábanse, entre outras revistas especializadas, El Fotógrafo Profesional (1914-1936), El Correo del Kodak (1914-1923), Criterium (1921-1922), El Progreso Fotográfico (1920-1936), Lux (1916-1922) e Unión Fotográfica (1919-1924). O periódico La Veu de Catalunya contaba cun suplemento quincenal titulado Pàgina fotogràfica de la Veu; pola súa banda o ABC incluíu na súa “Galería de ABC de caricaturas fotográficas” imaxes de Alfonso Sánchez Portela. Entre os fotógrafos profesionais de estudo de principios de século cómpre salientar a Claudio Carbonell, Antoni Esplugas, Mariano Fortuny, Luis Escobar, Christian Franzen, Antonio Cánovas Kaulak, Amadeu Mariné, Francisco, Cándido e Julio Mayo, José Ortiz Echagüe, Joaquim Pla Janini e os galegos Francisco Llanos Trapaga, Ksado, Ángel Llanos González e Pacheco. En 1907 creouse a Real Sociedad Fotográfica de Madrid que, xunto coa Agrupació Fotogràfica de Catalunya (1923), constitúen os dous máximos expoñentes do asociacionismo fotográfico en España. A Real Sociedad Fotográfica organizaba o Salón Internacional de Fotografía de Madrid; a Sociedad Fotográfica de Gipuzkoa organizou salóns dende 1924, a de Zaragoza dende 1925 e a de Catalunya dende 1927. No que se refire á fotografía artística dos anos vinte, sometida ás manipulacións dos creadores, destaca o exemplo do artista vasco Nicolás de Lekuona. Coa chegada da República despuntou o traballo fotográfico de Cecilio Paniagua, Adalberto Benítez e do galego Xosé Suárez; no apartado da fotomontaxe cómpre destacar a Josep Renau e Manuel Monleón. Co inicio da Guerra Civil a maior parte dos profesionais deste sector, xunto con algúns estranxeiros, dedicáronse ao fotoxornalismo bélico; entre eles destacan Cartier-Bresson, o estadounidense Robert Capa, o mexicano Romeo Martínez, a italiana Tina Modotti, Gerda Taro, David Seymour, Hans Namuth, Walter Reuter, Kati Horna, Agustí Centelles e, no bando franquista, Jalón Ángel. Trala decadente posguerra, na década dos cincuenta iniciouse a revitalización, coa obra de, entre outros, Juan Dolcet, Francesc Català, Branguli, Ramon Dimas, Pérez de Rozas, Leopold Pomés, Ricard Tarré, Xavier Miserachs, Ángel Rubio, Bartolomé Ros e Ramon Massats. Neses anos apareceron diversas tendencias a medida que a distinción entre a fotografía documental e a artística se complicaba, entre outras, a fotografía introspectiva, o paisaxismo e o documento social. Na década dos sesenta desenvolveuse unha terceira tendencia cara a unha fotografía manipulada. Así mesmo, os traballos en cor comezaban a vencer os prexuízos críticos anteriores contra todo o que non fora o branco e negro na fotografía artística. Nos anos sesenta salienta o labor de Francesc Ontañón, Gerardo Vielba, Fernando Gordillo, Gabriel Cualladó, Oriol Maspons, Julio Ubiña, Eugeni Forcano e Joan Colom. Nos anos setenta xurdiu unha nova xeración de fotógrafos, a maior parte deles autodidactas, que reivindicaban a fotografía como unha arte e que impulsaron o nacemento de edicións, publicacións e galerías especializadas; entre eles, cómpre subliñar a Joan Fontcuberta, Manel Esclusa, Rafael Navarro, Pere Formiguera, P. Aymerich, Toni Catany, M. Úbeda e F. Freixa. A revista madrileña Nueva Lente difundiu a obra de importantes creadores estranxeiros e a ela estiveron vinculados Pablo P. Mínguez, Jorge Rueda e Carlos Serrano. Outros fotógrafos destacados deses anos foron Gonzalo Juanes, José Miguel de Miguel, José Núñez Larraz, Alberto Schommer, Carlos P. Siquier, José Mª Artero e o galego Virxilio Viéitez. Nos anos oitenta, destacou o labor de Isabel Steva Hernández Colita, Humberto Rivas, América Sánchez, Jordi Socias, Cristina García Rodero, Alberto García-Alix, Rafael Molins, Mariano Zuzunaga, Pepe Galovart, Javier Vallhonrat, Paloma Navares e o galego Xurxo Lobato. Nos últimos anos do s XX, a afirmación da fotografía como medio artístico foi completa. Entre os novos fotógrafos de finais do século cómpre salientar a Daniel Canogar, Javier Campano, Manuel Sonseca, Óscar Molina, Chema Madoz, Jaime Gorospe, Ciuco Gutiérrez, José V. Monzó, Eduardo G. Cortils, Koldo Chamorro, Darío Villalba, Nacho París, Chema Alvargonzález, Manuel Laguillo, Ana Teresa Ortega e os galegos Vari Caramés, Manuel V. Vilariño, Vítor Vaqueiro, Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal. No que se refire a mostras, destacan a Primavera Fotográfica de Catalunya, a PhotoEspaña en Madrid, a Tarazona Foto, e as bienais de Tenerife e Vigo. Anualmente, o ministerio de Educación e Cultura convoca o Premio Nacional de Fotografía, no que se valora a traxectoria creativa do gañador. Algúns dos museos máis importantes de España posúen completas coleccións fotográficas, como o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid, ou o Institut Valenciá d’Art Modern (IVAM) onde a fotografía recibe unha atención preferente na súa programación.
Imprenta
A modernización das técnicas e a difusión do libro permitiron o crecemento dunha industria que a principios do s XX contaba con máis de 4.000 obradoiros tipográficos, repartidos por toda España, sobre todo nas cidades de Madrid, Barcelona, Bilbao, València e Zaragoza. Agás no primeiro bienio da Segunda República (entre 1931 e 1933), existiu a censura ata a promulgación da lei de prensa e imprenta de 1966 que a abolía, aínda que recomendaba a presentación dun pequeno formulario cos datos básicos da publicación. Dende a súa aplicación, estableceuse unha distinción entre as chamadas publicacións unitarias, fascículos, carteis, folletos e semellantes, e publicacións periódicas, referidas a revistas, xornais e semanarios. Coa chegada da democracia liberalizouse o mundo editorial. No terreo técnico, as máquinas automáticas de fotocomposición e as vellas rotativas foron substituídas por complexos sistemas electrónicos que empregan ordenadores para almacenar a información e que a transmiten directamente ás prensas. A principios do s XXI, a produción editorial española sitúase no quinto posto mundial e no terceiro en Europa; economicamente achegou máis de 2.500 millóns de euros no ano 2001, cuns niveis de exportación que superaron os 600 millóns de euros. O peso específico apréciase nas cifras da produción de libros facilitadas pola Agencia Española del ISBN: dos 54.943 de 1997, avanzouse ata 67.012 en 2001, un incremento dun 21,9%. En total, rexístranse en España 3.372 axentes editores; aos privados correspóndelles un 80,5% da produción editorial, ás institucións públicas un 12,5% e ás institucións privadas sen ánimo de lucro e autores-editores o restante 7%. A pluridade lingüística reflíctese tamén no eido editorial; malia que as publicacións non periódicas en castelán foron moi maioritarias (52.256 títulos en 2001), cómpre salientar as realizadas en catalán (6.947), galego (1.528), éuscaro (1.358), valenciano (726), asturiano (41), aragonés (18) e aranés (9). A eles cómpre engadir os títulos publicados en linguas estranxeiras: inglés, portugués, francés, alemán e italiano e os títulos traducidos doutras linguas. Por comunidades, destacan Madrid (23.281 títulos) e Catalunya (23.668) que concentraron en 2001 máis do 70% do total da produción editorial; nese ano en Galicia publicáronse 1.922 títulos.
Lingua
Ó longo dos ss XVIII e XIX o castelán pasou a ocupar no ensino o lugar privilexiado que lle correspondera, durante séculos, ao latín: introduciuse como materia de estudo no ensino medio a finais do s XVIII e só máis tarde no ensino universitario. O castelán moderno configurouse no s XVIII. A Real Academia Española, recoñecida oficialmente en 1714, converteuse no referente normativo da lingua. Esta institución levou a cabo unha reforma normativa que afectou á evolución da lingua, especialmente a certos grupos consonánticos. A aceptación da norma académica foi paralela á extensión da alfabetización e, neste sentido, cómpre destacar a función da lingua escrita como mantedora dunha conciencia de lingua común. Isto tivo unha especial importancia cando, no s XIX, se produciu a independencia dos países americanos, xa que, pese ao temor de escisión lingüística, acabou por aceptarse a norma. Foi fundamental, neste sentido, a actitude de personalidades como Andrés Bello, autor da Gramática de la lengua castellana destinada al uso de los americanos (1847), fronte a aqueles que puñan en cuestión un modelo de prestixio baseado, en gran medida, nunha norma fonolóxica minoritaria, a setentrional, e nos usos literarios dos autores españois. Como resposta, a Academia incrementou a súa relación cos países americanos e creou Academias correspondentes en todos os países de fala hispana (incluídos os EE UU), aumentou a nómina de autores de referencia, e ampliou a norma para dar cabida ás variantes lingüísticas xeralmente aceptadas neses territorios. No s XX as emigracións foron constantes, especialmente cara ás grandes cidades, que se converteron en focos lingüísticos singulares: comunidades transplantadas dentro doutras, matrimonios mixtos, ensino xeneralizado e medios de comunicación case instántaneos constitúen a base do contorno urbano. Todo contribúe a nivelar as variedades porque, mesmo nas áreas rurais, primeiro a radio e despois a televisión, introduciron modelos lingüísticos diferentes aos tradicionais, que tenden a un castelán máis ou menos normativo, baixo o que permanecen os trazos propios. Aínda que a maioría dos españois fala, le e escribe castelán, a realidade lingüística de España é a dun estado plurilingüe, tanto dende unha perspectiva sociolingüística como dende un punto de vista de política lingüística. Existen catro linguas, unha delas común e oficial para todos os españois, o castelán, e outras tres que gozan tamén do estatuto de oficialidade nos seus respectivos territorios: o galego, o éuscaro e o catalán. Ademais outras comunidades contan con variedades lingüísticas propias que as autoridades e organismos oficiais tratan de amparar: o bable en Asturias e as falas aragonesas, herdeiras de antigos dialectos históricos do latín, o asturleonés e o navarroaragonés. Ademais, hai que contar con diferentes variantes dialectais de cada unha destas linguas (andaluz, estremeño, murciano, dialectos do castelán; balear e valenciano, dialectos do catalán). Esta complexa situación lingüística deu lugar a numerosos problemas de carácter non só lingüístico, senón tamén histórico, social e político. Un deses problemas (con ramificacións políticas nalgún caso) é o da denominación da propia variedade lingüística. Abondan as polémicas sobre se determinada variedade ha de ser considerada un dialecto ou unha lingua: exemplos poden ser o do valenciano, dialecto do catalán segundo os catalanistas, e lingua diferenciada para os anticatalanistas, e o do bable, para o que moitos asturianos reivindican o rango de lingua cooficial no Principado de Asturias. É este un problema social e ideolóxico, máis ca lingüístico, que nace da ambigüidade dos termos lingua, dialecto e fala no uso común. Tanto a Constitución coma os Estatutos de Autonomía respectivos recoñecen oficialmente o bilingüismo, ao permitir que as linguas autóctonas (galego, catalán e éuscaro) sexan cooficiais nos seus respectivos territorios. Non obstante , as situacións sociolóxicas, históricas e culturais das distintas rexións españolas condicionaron o desenvolvemento dese ideal de bilingüismo perfecto e equilibrado, dentro da realidade lingüística de cada unha delas, aínda que o proceso de actuación foi semellante. De feito, a situación lingüística de España caracterizouse ata hai pouco por un completo desequilibrio. Para corrixir esa situación puxéronse en marcha (xa dende o s XIX no caso de Catalunya, moito máis recentemente en Galicia ou Euskadi) procesos de normativización co fin de dotar a lingua autóctona dunha norma estable que constituíse un modelo de uso para os falantes e dese unidade ás súas diferentes variedades, e procesos de normalización lingüística é dicir, accións que, emprendidas dende diferentes ámbitos, tiñan por obxectivo que a lingua autóctona estendese o seu uso ás situacións de formalidade, á actividade pública, ao ámbito escolar e universitario e á creación literaria, en condicións de igualdade co castelán. Estes procesos tiveron un desenvolvemento diferente en cada unha das zonas, dependendo, sobre todo, da diferente situación de partida: en Euskadi, o éuscaro estaba xa marxinado ás áreas rurais, polo que o proceso de normalización é máis lento; o catalán, pola contra, tiña unha sólida implantación entre a burguesía urbana e por iso a súa normalización foi máis rápida e profunda. Segundo estudios sociolingüísticos realizados a finais do s XX nas comunidades bilingües, pode sinalarse que a situación de bilingüismo caracterizábase por estes trazos xerais: o castelán era a lingua de maior prestixio social e maior utilidade lingüística para unha elevada proporción da poboación; o sentimento de lealdade cara á lingua autóctona de cada territorio incrementábase progresivamente, feito que xeraba certo rexeitamento cara ao castelán; o grao de bilingüismo pasivo (entender a outra lingua, pero non falala) era elevado, sobre todo en Galicia, Catalunya e na Comunitat Valenciana; o índice de bilingüismo activo aumentaba en todas as comunidades bilingües, aínda que lentamente; tamén seguía en aumento a taxa de bilingüismo equilibrado dentro do grupo bilingüe (uso indistinto de ambas as dúas linguas en calquera dos ámbitos sociais). O bilingüismo e a diglosia existiron ao longo da historia española, e continúan a ser unha realidade, pois dentro da poboación das comunidades bilingües tópanse individuos monolingües en castelán, monolingües e ao tempo bilingües pasivos, monolingües na lingua autóctona, bilingües equilibrados, e outros con bilingüismo desequilibrado ou diglósico.
Literatura
Situada a poesía española nun proceso de esgotamento creativo, un grupo de poetas hispanoamericanos, encabezado polo nicaraguano Rubén Darío, iniciaron nos seus países un movemento renovador inspirado no romanticismo francés e nas estéticas do simbolismo e o parnasianismo: o modernismo. Como modernistas españois (na totalidade ou só en parte da súa obra) destacaron Salvador Rueda, Tomás Morales, Francisco Villaespesa e, sobre todo, Juan Ramón Jiménez e Antonio e Manuel Machado. Contribucións importantes da lírica modernista española son os poemarios Soledades, de Antonio Machado; La soledad sonora (1911) e Sonetos espirituales (1912), de Juan Ramón Jiménez; Alma (1902), El mal poema (1909) ou Trofeos (1910), de Manuel Machado; e algún poemario de Ramón del Valle-Inclán, como Aromas de leyenda, (1907). Paralelamente ao desenvolvemento do modernismo, un grupo de escritores nacidos a finais do s XIX, manifestaron o seu desacougo e protesta pola situación social, política, cultural e económica dunha España que querían renovar moral e materialmente. A Desfeita do 98 foi un motivo axeitado para demandar un cambio pleno e radical do país. Constitúen estes escritores a chamada Xeración do 98, que xermolou inicialmente no Grupo dos Tres (Azorín, Baroja e Ramiro de Maeztu) dado a coñecer no Manifiesto de 1901, de carácter reformista e rexeneracionista. É preciso sinalar, como precedentes da actitude crítica e do espírito reformador da Xeración, aos rexeneracionistas Joaquín Costa (1846-1911) e Ángel Ganivet (1865-1898), autor de Idearium español (1897), onde concilia tradición e renovación. Xunto cos citados Azorín, Baroja e Maeztu, integraron a Xeración do 98 Miguel de Unamuno, Antonio Machado e Ramón del Valle-Inclán nunha nómina discutida e discutible. España foi centro de boa parte da súa produción (España na súa paisaxe, na súa historia, na súa literatura) xunto co desacougo existencial. Se o modernismo triunfou exclusivamente no eido da lírica, os escritores do 98 desenvolveron a prosa literaria con sobriedade e elegancia, recuperaron o léxico tradicional e amosaron un notable coidado expresivo. José Martínez Ruiz, Azorín (1873-1967), deixou visións paisaxísticas de Castela en Los pueblos, en Castilla e en La voluntad (1902), de carácter autobiográfico, representou a sensibilidade espiritual da Xeración do 98; do seu teatro, preto do fantástico, é mostra axeitada a triloxía Lo invisible. Pío Baroja (1862-1956) foi o novelista por excelencia da Xeración. Como narrador caracterízase pola amenidade, variedade temática, observación precisa, capacidade de creación de personaxes e ambientes e, así mesmo, por un fondo pesimismo e un implacable criticismo. Triloxías como La lucha por la vida, Tierra vasca ou La raza conteñen moitas das súas mellores novelas. Antonio Machado (1875-1939) foi gran poeta da Xeración. Iniciado na órbita modernista, entrou plenamente na temática do 98 (Castela como eixe) no poemario Campos de Castilla (1812), ao que seguiu Nuevas canciones (1924). Lirismo intimista, crítica social, reflexividade sentenciosa, riqueza simbolóxica e densidade temática centrada na meditación do tempo son claves que o caracterizan. Así mesmo, escribiu en prosa Juan de Mairena (1934-1939). Ramón María del Valle-Inclán (1866-1936) foi o dramaturgo da Xeración e escritor de excepcional orixinalidade. Iniciado no preciosismo do modernismo na prosa das catro Sonatas (1902-1905) propuxo e desenvolveu o xénero dramático do esperpento en obras como Luces de bohemia (1920) ou Martes de Carnaval (1930). O mundo rural galego reflíctese con impresionante forza nas Comedias bárbaras e chega ao cénit en Divinas palabras (1920). Afrontou a vida española dende a estética do esperpentismo, deformante, degradante, pero de grande eficacia crítica. Como novelista configurou unha esperpéntica visión da historia española do s XIX na triloxía El ruedo ibérico e describiu en Tirano Banderas un ditador hispanoamericano. Miguel de Unamuno (1864-1936), prestixioso intelectual, home de prensa e reitor universitario en Salamanca, representa ao escritor total e foi o ensaísta da súa xeración: paradoxal, apaixonado, vital e metafísico, polémico consigo mesmo e cos demais, destaca a orixinalidade das súas nivolas (La tía Tula, Abel Sánchez, Niebla). O tema de España (visión da literatura, da paisaxe) xurdiu en Por tierras de Portugal y España e mais en Andanzas y visiones españolas, libros de viaxes. Como ensaísta, reflectiu as súas preocupacións, veciñas do existencialismo, en Del sentimiento trágico de la vida (1913) e La agonía del Cristianismo (1925). Antimodernista como poeta, foi non obstante un lírico moi persoal e de variados rexistros temáticos; cómpre citar poemarios como El Cristo de Velázquez, Rosario de sonetos líricos ou Cancionero. Relacionado por algúns coa Xeración do 98, Jacinto Benavente (1866-1954) foi o dramaturgo que renovou tecnicamente a escena española e fixo unha crítica da clase burguesa. Premio Nobel de Literatura en 1922, a súa obra de máis sona foi Los intereses creados (1907). Manuel Linares Rivas e Gregorio Martínez Sierra continuaron a súa liña, que tivo outros moitos seguidores que desenvolveron as pautas da “comedia benaventina”. Os traballos de directores como Gregorio Martínez Sierra, Cipriano Rivas Cheri e Adriá Gual e iniciativas de compañías destacadas como La Barraca, Fantasio, El Mirlo Blanco, Caracol, El Cántaro Roto e o Club Teatral Anfistora, procuraban a presentación de autores novos, nacionais e estranxeiros, e a incorporación das correntes e tendencias da vangarda europea. O teatro que dominou a escena española no primeiro terzo do s XX foi predominantemente comercial, ata o punto de poder falar por primeira vez dunha verdadeira industria escénica, na que se poden documentar as máis diversas manifestacións, dende un teatro popular construído a partir de pezas breves herdeiras da tradición dos entremeses ata a comedia de salón que reflectía a vida cotiá das clases máis acomodadas. Un espírito europeísta, unha notable preparación intelectual, un espléndido desenvolvemento do ensaio e un novo enfoque do tema de España xunto co interese por unha literatura sólida, ben escrita, esixente no estilo, son notas da Xeracion do 98. Boa proba da profusión ensaística é a produción de José Ortega y Gasset (1883-1955), sobre temas artísticos, filosóficos, sociais ou literarios, en títulos como La rebelión de las masas ou La deshumanizacion del arte. O doutor Gregorio Marañón (1887-1960), ademais dos seus escritos médicos, contribuíu ao ensaio cos seus libros sobre El Greco e Velázquez. Pola súa banda, Eugenio D’Ors (1883-1940) publicou estudios sobre o Barroco e sobre a figura de Goya, ademais de cultivar o teatro, o relato filosófico e a crítica de prensa. A narrativa da xeración novecentista posúe tres puntos de referencia: Wenceslao Fernández Flórez (1885-1964), con El bosque animado Gabriel Miró (1879-1930), autor de Nuestro padre San Daniel, novelista moi plástico e sensorial de estilo impresionista; e Ramón Pérez de Ayala (1881-1962), representante dun tipo de novela intelectual en títulos como Tigre Juan, Belarmino y Apolonio ou Troteras y danzaderas. No ámbito da lírica destacou Juan Ramón Jiménez (1881-1958), galardoado co Premio Nobel de Literatura en 1956. A súa extensa traxectoria lírica abrangueu distintas etapas: poesía pura de gran sinxeleza expresiva (Arias tristes, Jardines lejanos), achegas na órbita modernista (Poemas mágicos y dolientes), poesía conceptual (Diario de un poeta recién casado, Piedra y cielo), lirismo metafísico, preto ás veces do misticismo, (Dios deseado y deseante). Así mesmo, cómpre salientar Platero y yo (1914) e o poema en prosa Espacio. Polo que atinxe ao teatro, destacaron os irmáns Álvarez Quintero, Carlos Arniches e Muñoz Seca. De grande interese é a figura de Ramón Gómez de la Serna (1888-1963), creador da orixinal greguería (síntese de humor e metáfora), novelista en El torero Caracho, memorialista en Automoribundia, dramaturgo en Los medios seres, ensaísta tamén, foi sobre todo un transmisor e informador das novidosas correntes literarias. Como o modernismo, chegaron as correntes da vangarda -dadaísmo, ultraísmo, creacionismo, futurismo e surrealismo-, iconoclastas, irreverentes, antiburguesas e liberadoras do home e das súas creacións. A metáfora foi clave da poesía, triunfou o versolibrismo, impúxose o pensamento irracionalista e a arte semellou deshumanizarse. A información da vangarda forneceuse das páxinas da Revista de Occidente e La Gaceta Literaria e das noticias de Guillermo de Torre, Giménez Caballero e Gómez de la Serna. Foron, en boa medida, os poetas da Xeración do 27 os que asumiron esas correntes vangardistas, aínda que non esqueceron a tradición. Neste grupo destacou Gerardo Diego (1896-1987), lírico versátil que participou no creacionismo cos poemarios Imagen e Manual de espumas. Rafael Alberti (1902-1999) encabezou, a carón de Federico García Lorca, a corrente neopopularista. Consagrado co fermoso e sensorial Marinero en tierra (1925), contribuíu ao surrealismo con Sobre los ángeles. Tradición e vangardismo, raíz culta e popular conflúen en Federico García Lorca (1899-1936); autor como poeta de Romancero gitano (1928) e Poeta en Nueva York (1940), e como dramaturgo das traxedias do mundo andaluz Yerma, Bodas de sangre e La casa de Bernarda Alba que amosan inesquecibles personaxes femininos. Pedro Salinas (1892-1951) revelouse como maxistral poeta do amor, expresado dende un conceptismo interior que reúne sentimento e intelixencia. Poeta de verso sobrio, dos seus títulos destacan La voz a ti debida (1933) e Razón de amor (1936). Considerado poeta puro, Jorge Guillén (1893-1984) fixo no seu Cántico (1928, 1950) unha afervoada exaltación e celebración do mundo e en Clamor (1957-1963) reflectiu a dor existencial. Dámaso Alonso (1898-1990) xurdiu con emotividade en Poemas Puros: poemillas de la ciudad (1921). Un cambio radical cara a un lirismo airado, sombrío, de fonda raíz existencial significou Hijos de la ira (1944), que exemplificou a chamada “lírica desarraigada” da posguerra, na que a realidade xorde como caos, angustia e morte. Vicente Aleixandre (1898-1984), Premio Nobel de Literatura en 1977, entendeu o mundo e a vida do home dende a dor e o desacougo existencial. Cantor do cosmos, da paixón amorosa, solidario e reflexivo cómpre mencionar entre os seus poemarios La destrución o el amor, Sombra del paraíso, Historia del corazón e Diálogos del conocimiento. Luis Cernuda (1902-1963) expresou na súa obra a traxedia da imposible conciliación da realización persoal do home e a realidade. Poeta do amor e da beleza, da soidade e da nostalxia, parte da súa obra situouse na liña do surrealismo. Da súa produción destacan os poemarios Un río, un amor, Los placeres prohibidos, Donde habite el olvido, Desolación de la quimera e Ocnos. Así mesmo, no grupo destacaron Emilio Prados e Manuel Altolaguirre, fundadores en Málaga da revista Litoral, representativa do grupo. A personalidade de Salvador Dalí, a madrileña Residencia de Estudiantes, a celebración do tricentenario de Góngora (1627-1927), o maxisterio de Juan Ramón Jiménez, a publicación en 1931 da Antología da poesía española de Gerardo Diego, o fusilamento de García Lorca, o exilio, a corrente da poesía pura e, en xeral, a mestura de vangardismo e tradición, do culto e do popular, de versolibrismo e metros clásicos son trazos que marcaron este grupo de poetas. Arredor de 1936 este grupo coincidiu coa nova xeración emerxente, precisamente a chamada Xeración do 1936, que inclúe un poeta vital e apaixonado, un poeta tráxico no que o gongorismo e o surrealismo deixaron pegada: Miguel Hernández (1910-1942). Sonetista extraordinario en El rayo que no cesa, habitado por un pulo épico en Viento del pueblo, onde latexa a Guerra Civil, xorde conmovedor nos versos (os de “Nanas de la cebolla”) de Cancionero y romancero de ausencias (1941). Alberti, Salinas e Hernández cultivaron tamén o teatro. Juan Larrea (1895-1980) foi un poeta surrealista que empregou o francés como lingua poética e divulgou o surrealismo. Nos anos vinte e trinta, a prosa narrativa tivo en Rosa Chacel (1898-1994) unha notable representante (Estación de ida y vuelta, Teresa). Houbo nesas décadas outra narrativa contraria ao esteticismo e á deshumanización: a novela social de Ramón J. Sender, Joaquín Arderíus, Díaz Fernández, Andrés Carranque de Ríos e outros que defenderon a República e testemuñaron criticamente a vida española das tres primeiras décadas do século. Trala Guerra Civil e coa instauración do réxime ditatorial de Franco, España estaba illada de Europa e intelectualmente castigada polo exilio ao que marcharon (cara a México e Arxentina, en especial) homes do ensino, da cultura e da investigación. A maior parte deles establecéronse en países hispanoamericanos, tamén en París (Jorge Semprún), EE UU (Pedro Salinas, Jorge Guillén) e na Unión Soviética. O seu ámbito lingüístico foi maioritariamente o español, aínda que tamén houbo escritores en galego ou en catalán. Dedicados á creación literaria, ás cátedras universitarias, ao xornalismo, á fundación de editoriais (Séneca) e revistas (Taller, Cuadernos Americanos, Espiral, Atentamente, Cuadernos del Ruedo Ibérico, Ultramar), foron, sobre todo, grandes renovadores das tendencias e da cultura. A literatura, que reiniciou a súa xeira en 1940, sufriu a violenta ruptura co pasado inmediato, a censura -política e eclesiástica- e a desorientación. Os primeiros pasos foron lentos e difíciles. Retornou o tema de España entre acentos laudatorio-imperialistas duns e triste desacougo doutros. No exilio continuaron a súa obra nomes como Rosa Chacel, Ramón J. Sender, Max Aub, Arturo Barea, Manuel Andújar, Rafael Alberti, Luis Cernuda, Pedro Salinas, Paulino Masip, Alejandro Casona, Salvador de Madariaga, Herrera Petere, Joaquín Arderíus, María Zambrano e moitos outros. Os premios literarios -Nadal, Seix-Barral, Formentor, Adonais, Planeta- tentaron vitalizar a creación; editoriais como Destino, Planeta, Escélicer, Rialp ou Seix-Barral iniciaron a súa xeira xunto co que chegaba de fóra editado por Losada (Arxentina) ou o Fondo de Cultura Económica (México). Carlos Barral, editor da modernidade, trouxo as novidades de Europa e Norteamérica; Josep Maria Castellet influíu nos camiños da poesía e proclamou a “hora del lector” na literatura; a poesía tivo as súas propostas voceiras nas revistas Garcilaso (triunfalista, formalista, dirixida por García Nieto) e Espadaña (crítica sempre, da man de Eugenio de Nora e Victoriano Crémer). Dúas son as vías do novo lirismo: o “arraigamento” e o “desarraigamento”. Unha poesía de afirmación e fe no relixioso, no humano, no familiar e na terra, e outra de angustia e desacougo, de dúbida e procura da luz. Son as dúas Españas. Nesta encrucillada desenvolveu o seu labor un grupo de poetas da Xeración do 1936 situados no arraigamento: Luis Rosales, Leopoldo Panero, Luis F. Vivanco e Dionisio Ridruejo. Con eles, noutras coordenadas, José María Valverde, José Hierro ou Carlos E. de Ory. A publicación de Pido la paz y la palabra (1955) sinalou un fito na etapa da poesía social á que o seu autor, Blas de Otero (1916-1976), contribuíu tamén co poemario En castellano. Na mesma liña do realismo social situouse Gabriel Celaya (1911-1991) cos seus Cantos iberos. A absoluta pobreza estética desta poesía, fondamente ideoloxizante, e o seu fracaso no propósito de cambiar o mundo son causas fundamentais do seu mediocre balance final. Máis dirixida ao home individual, tamén máis irónica e escéptica, así mesmo crítica pero de maior altura estética e de máis rica temática (a cidade, o cine, o erotismo, o tempo, o corporal, etc) resulta a poesía da xeración do medio século: José Ángel Valente, Ángel González, Jaime Gil de Biedma, Carlos Barral, Claudio Rodríguez ou Francisco Brines integran esta xeración. Metapoesía, culturalismo, neodecadentismo, experimentalismo, retórica do silencio, experiencialismo, son correntes que empezaron a manifestarse nas voces dos “novísimos” a comezos da década de 1970. Entre outros, son nomes representativos Pere Gimferrer, Guillermo Carnero, Antonio Colinas, Antonio Carvajal, Fernando Ortiz, Justo Jorge Padrón, Luis Alberto de Cuenca, Andrés Sánchez Robayna, Víctor Botas, Jenaro Taléns, Eugenio Padorno, Jaime Siles, Juan e Leopoldo María Panero, Luis García Montero, Julio Llamazares e Miguel D’Ors. Despois da Guerra Civil, o teatro estivo dominado por comedias, xoguetes cómicos, entremeses, sainetes, revistas e zarzuelas. Foi unha liña de continuidade co teatro de evasión e entretemento que dominou a escena nos anos vinte e trinta e que se prolongou ata os anos setenta, coas achegas de Adolfo Torrado, José María Pemán, Luís Escobar, Juan Ignacio Lucca de Tena, Edgar Neville, José López Rubio, Víctor Ruíz de Iriarte, Alfonso Paso, Joaquín Calvo Sotelo, Jaime de Armiñán, e a recuperación de Carlos Arniches, Jacinto Benavente, Jardiel Poncela ou Miguel Mihura. Mentres, no exilio americano, dramaturgos como Jacinto Grau, Rafael Dieste, Max Aub, Rafael Alberti, Pedro Salinas e Alejandro Casona ou actrices como Margarita Xirgu mantiñan viva a chama da renovación escénica, que en España comezou en 1949 coa estrea do espectáculo Historia de una escalera, sobre un texto homónimo de Antonio Buero Vallejo. Comezaba así a xeira dun teatro novo no que tiveron especial relevancia as agrupacións de teatro universitario, os teatros de cámara, as agrupacións escénicas de carácter afeccionado e, xa a finais dos anos sesenta, o teatro independente, que creou un amplo movemento artístico de renovación escénica. Foi un teatro que contou coas achegas de dramaturgos como Fernando Arrabal, Lauro Olmo, José Martín Recuerda, Antonio Gala, Fermín Cabal, José Luís Alonso de Santos, Domingo Miras, Manuel Martínez Mediero, Francisco Nieva, Luís Riaza, Ángel García Pintado, Jerónimo López Mozo, Miguel Romero Esteo, Jesús Campos, José Ruibal ou Luís Matilla, e de directores como José Luís Alonso, Adolfo Marsillach ou Víctor García. Durante os anos setenta, o teatro independente medrou con forza e conformou un movemento que promoveu unha fonda renovación da creación teatral e a incorporación definitiva de novas formas de expresión e comunicación, apartado no que destacaron grupos como Esperpento, La Cuadra, Los Goliardos, TEI, Tábano, Els Joglars, Els Comediants, Caterva, Márgen, Teatro Lebrijano, Teatro de la Ribera, Ditirambo, Grupo Cátaro, ou o Teatre Lliure de Barcelona, nos que se formou unha importante nómina de actores, actrices, directores ou escenógrafos que protagonizaron un novo desenvolvemento das artes escénicas a partir de 1982, como é o caso de José Carlos Plaza, Luís Pascual, Albert Boadella, Miguel Narros, Jesús Cracio, Guillermo Heras, José Sanchís Sinisterra ou Carme Portacelli. Creouse o Centro Dramático Nacional, en 1978, a Compañía Nacional de Teatro Clásico, que se presentou en 1983 con dirección de Adolfo Marsillach, ou o Centro Nacional de Nuevas Tendencias Escénicas, coordinado por Guillermo Heras. Foron tres institucións sumamente importantes no desenvolvemento de novas compañías de relevancia como Dagoll Dagom, La Cubana, La Fura dels Baus ou Ur Teatro, e aos que se incorporaron novos directores e directoras como Helena Pimenta, Alfonso Zurro, Eduardo Vasco, Rodrigo García ou Calixto Bieito, ao tempo que se formaban novos autores e autoras, entre os que destacan Ernesto Caballero, Maxi Rodríguez, José Ramón Fernández, Sergio Belbel, Yolanda Pallín ou Juan Mayorga. O proceso de descentralización iniciado coa construción do Estado das autonomías permitiu que se creasen novas estruturas teatrais e centros dramáticos, feito que potenciou unha maior riqueza e diversidade da oferta teatral, ampliada coa aparición dun importante número de salas alternativas como a Sala Beckett de Barcelona ou a Cuarta Pared de Madrid, espacios abertos á experimentación e á investigación escénica. A este proceso tamén contribuíu a crecente descentralización da oferta de formación teatral coa creación de Escolas Superiores de Arte Dramática. Na prosa, a publicación de La familia de Pascual Duarte (1942), de Camilo José Cela e Nada (1944), de Carmen Laforet, ás que seguiu La sombra del ciprés es alargada (1947), de Miguel Delibes, sinalaron o punto de partida da narrativa de posguerra que pasou dun sombrío desacougo existencial a un documentalismo social. A técnica de novelar resultaba pobre e anticuada; a prosa, sobre todo na novela socialrealista, semellaba vulgar e descoidada. Aliñados no socialrealismo destacaron Juan Goytisolo, Caballero Bonald, Alfonso Grosso, Ramón Nieto, Antonio Ferres ou A. López Salinas. Esta narrativa situouse na esquerda política con intención denunciadora e substituíu así á prensa. A súa temática incidiu no mundo obreiro, na vida do rural e na crítica á burguesía. De moito máis interese estético-narrativo foi o grupo de neorrealistas, que destacaron pola obxectividade narrativa, a calidade estética da prosa e o coidado expresivo, aínda que tamén amosasen unha actitude crítica e un testemuño denunciador. Jesús Fernández Santos (Los bravos), Rafael Sánchez Ferlosio (El Jarama), Ignacio Aldecoa (El fulgor y la sangre, Con el viento solano, Gran Sol) e Carmen Martín Gaite (Entre visillos, El balneario, Las ataduras, Ritmo lento) formaron parte dese grupo. Camilo José Cela (1916-2002), Premio Nobel de Literatura en 1989, consagrouse con La colmena (1951). Figuras fundamentais foron Miguel Delibes (1920), con obras como El camino, Cinco horas con Mario ou El hereje, Carmen Martín Gaite, autora de El cuarto de atrás, Caperucita en Manhattan ou Nubosidad variable; Álvaro Cunqueiro (1911-1981), cultivador do fantástico e escritor bilingüe, son memorables da súa produción, Merlín y familia ( Merlín e familia, Las crónicas del sochantre (As crónicas do sochantre, Las mocedades de Ulises e Vida y fugas de Fanto Fantini; Gonzalo Torrente Ballester (1910-2000) obtivo un extraordinario éxito con La Saga-fuga de J. B., Los gozos y las sombras, Fragmentos de Apocalipsis, Don Juan e Crónica del rey pasmado. A novela-ensaio, Tiempo de silencio (1962), de Luis Martín-Santos, fondamente renovadora na técnica, na linguaxe e aínda na temática, implicou o comezo do declive da novela socialrealista e a apertura dunha etapa experimentalista. A partir dos anos 70 a novela discorreu por camiños múltiples: dende o policial ata o histórico, dende a “novela da linguaxe” ata a crónica sentimental ou xeracional, o erotismo, o lirismo intimista, etc. Fenómeno a ter moi en conta é a presenza da muller, xa con dimensión de relevancia e na procura dunha identidade literaria propia nos terreos, sobre todo, da narrativa e da poesía. Posteriormente, entre outros, destacaron Juan Benet (Volverás a Región), Manuel Vázquez Montalbán, Juan Marsé (Últimas tardes con Teresa), Carmen Conde (Vivientes de los siglos), Montserrat Roig (El temps de les cireres), Ana María Matute (Los hijos muertos), Ana María Moix (Julia), José Luis Sampedro (La sonrisa etrusca), Soledad Puértolas (El bandido doblemente armado), Julián Ríos (Larva), Eduardo Mendoza (La verdad sobre el caso Savolta), José María Merino (La orilla oscura), Rosa Regás (Azul), Álvaro Pombo (El héroe de las mansardas de Mansard), Luis A. de Villena (Wilde total), Rosa Montero (Amado Amo), Luis Landero (Juegos de la edad tardía), Lourdes Ortiz (Los motivos de Circe), Ignacio Martínez de Pisón (La ternura del dragón) e Antonio Muñoz Molina (El invierno en Lisboa).
Música
Nos comenzos do s XX a música entrou nun proceso de popularización insólito ata entón, debido especialmente á incidencia dos medios de comunicación, á aparición da radio, á invención das gravacións en discos, á popularización da televisión, e finalmente á expansión da sociedade de consumo e ao aumento do poder adquisitivo dos adolescentes no último terzo do século, cando a música se converteu na base dunha industria de primeira orde internacional. Na primeira década do s XX a zarzuela seguiu a ser o elemento máis distintivo da creación musical española, con figuras destacadas como Amadeo Vives (1871-1932), con Bohemios (1903), Maruxa (1914) e Doña Francisquita (1923); Pablo Luna (1879-1942), autor de Molinos de viento (1910); Federico Moreno Torroba (1891-1982), con Luisa Fernanda (1932); e Pablo Sorozábal (1897-1988), con Katiuska (1931) e La tabernera del puerto (1936). Paralelamente á zarzuela, considerada como música popular, a produción da música culta tomou un xiro tamén de inspiración popular e os compositores da época interpretaron ou adaptaron temas do folclore tradicional para crear unha música xenuinamente española, pero que seguiu as correntes europeas da época. Son composicións que conectaron cos criterios literarios das xeracións do 98 e do 27, onde se combinou o espírito romántico de exaltación do español nos contidos coa factura moderna na execución. Entre as figuras máis sobresaíntes destacaron Isaac Albéniz (1860-1909), Enrique Granados (1867-1916), Manuel de Falla (1876-1946), Pau Casals (1876-1973), Joaquín Turina (1882-1949) e Óscar Esplá (1889-1976). A copla, que xa tiña unha tradición popular nos tablaos flamencos, nos teatros ambulantes e nas festas populares xunto co cuplé e a tonadilla, comenzou a ter unha gran difusión nos anos vinte ao tempo que a produción de zarzuelas esmoreceu. Foi durante a Guerra Civil e na posguerra cando, grazas á radio e ao cine, estes tres xéneros acadaron unha popularidade que xa non perderon ao longo de todo o século, transformándose ao tempo que cambian os gustos e as modas. Compositores da categoría e o enxeño de León, Quiroga ou Moreno Torroba pasaron a un segundo plano e foron os intérpretes os que alcanzaron a fama. Figuras como La Fornarina, Raquel Meller, La Goyita, Anita Flores ou Sara Montiel (no cuplé), Estrellita Castro, Concha Piquer, Miguel de Molina, Antonio Molina, Juanito Valderrama, Juanita Reina, Manolo Caracol, Lola Flores, Manolo Escobar, Isabel Pantoja, María del Monte, Rocío Jurado ou Carlos Cano (na tonadilla e na canción), son algúns dos intérpretes, nalgúns casos tamén autores da letra ou da música, que se identificaron cos seus éxitos máis soados. Mentres que a copla non perdeu vixencia outros xéneros, como a canción ligera, que apareceu na década dos corenta seguindo as modas americanas que chegaron co cine sonoro, tiveron un desenvolvemento máis irregular. As composicións concíbense para ser interpretadas por vocalistas, aos que acompañan pequenas orquestras en festas de sociedade e en verbenas populares. Coa irrupción do disco estas cancións alcanzaron a popularidade e as composicións pasaron a ser creadas pensando na industria discográfica. En moitos casos, os intérpretes eran tamén autores ou coautores das pezas que interpretaban. Tiveron unha gran popularidade Luis Mariano, Bonet de San Pedro e José Guardiola. Outros intérpretes como Raphael, Dyango, Bruno Lomas, Jeanette, Nino Bravo, Mari Trini, Camilo Sesto ou Julio Iglesias enlazaron esta liña que viña das décadas anteriores co que se deu en chamar a música pop, da que os primeiros representantes foron El Dúo Dinámico. Así como a copla e a canción ligera naceron dirixidas a un público maduro, as novas correntes tiveron como destinatarios os adolescentes. Foi o momento histórico do arranque da música como fenómeno de masas grazas a figuras internacionais como Elvis Presley, The Beatles ou The Rolling Stones. En España apareceron ducias de conxuntos musicais que, incluso, cantaron en inglés, como foi o caso de Los Bravos. Outros grupos de éxito foron Los Brincos, Los Sirex ou Los Pekenikes. Nun momento toda esta música nova foi considerada como ye-yé, non obstante a música que seguiu esta moda tivo un corte moi anglosaxón, aínda que cantada en español, con letras de escaso contido e música moi reiterativa, Los Payos, Los Diablos, Concha Velasco, Karina e Massiel son algúns dos intérpretes máis representativos da mesma. Simultaneamente, a finais dos anos sesenta apareceu un fenómeno novo, os cantautores e a canción protesta, que conectou coas reivindicacións estudiantís de Europa e as manifestación contra a Guerra do Vietnam, pero con características propias, contidos sociais e de denuncia política e contra o franquismo na medida en que a censura o permitía. Joan Manuel Serrat, Victor Manuel, Luis Eduardo Aute, Patxi Andión, Paco Ibañez, Jarcha, Cecilia ou Pablo Guerrero foron algúns dos cantautores máis representativos. Simultaneamente en Catalunya naceu o movemento da Nova Cançó, (Raimon, Lluis Llach, María del Mar Bonet, etc) e en Galicia Voces Ceibes (Benedicto, Vicente Araguas, Bibiano, etc), que seguiron as mesmas pautas pero coa reivindicación das súas linguas engadida. As últimas décadas foron o tempo da chamada música compacta, na que a industria discográfica marcou as pautas con criterios comerciais. Os éxitos foron moitos e moi fugaces, a vida da maioría dos grupos e intérpretes foi curta e en moitos casos non pasou do lanzamento de dúas ou tres cancións. Outros, de estilo moi persoal, permaneceron a pesar das modas: algúns intérpretes como Ana Belén, Joaquín Sabina, Mecano, Miguel Bosé, Luz Casal, Kiko Veneno ou Caco Senante, mantiveron a súa produción e espazo propio nas listas de vendas periodicamente. A música rock tamén tivo a súa representación e os seus valores en lingua castelá, sendo o seu máximo representante Miguel Ríos, que incorporou moitos dos ritmos estadounidenses; despois producíronse fenómenos como o do flamenco-rock do grupo Triana. Outra música que incidiu na vida española do s XX foi a hispanoamericana, cun amplo abano de ritmos, dende as cancións tradicionais interpretadas por Los Tres Sudamericanos, Los TNT ou María Dolores Pradera, ata os bailes caribeños. Paralelamente, na música clásica destacaron figuras como Federico Mompou, Fernando Remacha, Rodolfo Halffter, Joaquín Rodrigo, Ernesto Halffter, Xavier Montsalvatge, Carmelo Bernaola, Cristóbal Halffter ou Tomás Marco; e na música de jazz Fernando García Morcillo, Pedro Iturralde, Tete Montoliu, Javier Colina, Chano Domínguez ou Antonio Murbiedro.
Prensa
Nos primeiros anos do s XX, a prensa viuse beneficiada polo desenvolvemento de novas técnicas de impresión, que permitiron obter unha maior rapidez e calidade nos traballos tipográficos. O aproveitamento definitivo das técnicas de fotogravado chegou en 1904 coa fundación en Madrid do xornal monárquico ABC Nos primeiros anos do século destacaron El Sol, La Voz, El Debate, Informaciones, La Libertad e La Opinión. Ademais incorporáronse as novidades técnicas ideadas polos editores estadounidenses e ingleses. Durante a Guerra Civil, tanto no bando republicano como no nacional, instrumentalizouse a prensa como arma propagandística. En 1939 o goberno de Franco disolveu ou incautou todos os diarios políticos, impuxo unha censura estrita en todos os medios de comunicación e prohibiu aquelas publicacións que non se escribiran en castelán. Ademais promocionouse o papel dunha única axencia de noticias, EFE. Dende 1940 a Delegación Nacional de Prensa y Propaganda era titular de trinta diarios de mañá, sete de tarde, cinco follas do luns, oito revistas semanais e sete mensuais. Entre outros destacan Pueblo, pertencente aos sindicatos verticais, e Arriba, único diario oficial. Os diarios non estatais tiveron que aceptar directores impostos pola ditadura. En 1957 fundouse Europa Press, a segunda axencia de noticias de ámbito estatal; posteriormente xurdiron Fiel, Logos, Mencheta e Pyresa. A lei de prensa de 1965 derrogou a censura imposta en 1938, que non afectaba nin ás publicacións do Movimiento dende 1941 nin ás da Igrexa. Entre 1965 e 1967 os principais diarios eran La Vanguardia, ABC, Marca, Pueblo, La Gaceta del Norte e El Correo Español-El Pueblo Vasco; e entre as revistas Hola, Selecciones, Ama, El Caso, Mundo Cristiano, Lecturas, El mensajero del Corazón de Jesús e Garbo. En cifras globais, nos anos sesenta publicábanse en España uns 124 diarios, 28 follas do luns e 405 semanarios. Nos últimos anos do franquismo produciuse o peche de moitos xornais por mor das importantes baixadas no número de vendas. A chegada da democracia traduciuse na aparición de novos diarios e semanarios, entre os que destacou El País (1976), e da prensa escrita en catalán (Avui, 1976), éuscaro e galego (A Nosa Terra 1977; O Correo Galego, 1994). A crise de 1973 provocou o peche de moitas publicacións, entre outras Destino, Cuadernos para el Diálogo e Triunfo, de diarios de longa tradición como Informaciones e de grupos editores como Mundo de Barcelona. Entre 1976 e 1981 desapareceron 28 diarios que se viron compensados coa saída ao mercado de novas publicacións, entre as que cómpre subliñar o rexurdir da prensa de partidos, a institucional e a prensa local. Ademais, en 1982 o Parlamento autorizou a liquidación da Prensa e Radio do Movimiento. Nestes anos cobraron importancia as revistas gráficas de difusión semanal, entre as que destacan as de programas de televisión (Teleindiscreta), as da prensa do corazón (Pronto), as de investigación (Interviú), as de información política (Cambio 16) e as culturais (Muy Interesante). A OJD efectúa o control sobre o número de exemplares difundidos. No 2001 á cabeza dos xornais situábase El País (433.617 exemplares de media), seguido de Marca (371.455), El Mundo (312.366), ABC (279.050), La Vanguardia (198.337) e El Periódico de Catalunya (157.190); en Galicia destacan La Voz de Galicia (108.201) e Faro de Vigo (42.913). No eido das revistas semanais, a máis vendida é Pronto (976.361), seguida de Hola (586.726), Lecturas (278.187), Semana (245.289), Mia (224.847), Diez Minutos (216.713) e Interviú (152.3443); en canto ás publicacións mensuais, figura en primeiro lugar a revista Canal + (985.741), seguida de Muy Interesante (274.105), Cosmopolitan (169.924) e Elle (136.466). Por outra banda, a maior parte dos xornais españois editan unha versión on line na rede. Os máis visitados en maio de 2002 foron El País Digital, El Mundo, Marca Digital, ABCe, La Vanguardia Digital e Diario As Digital; e en Galicia La Voz de Galicia, El Correo Gallego/O Correo Galego, Faro de Vigo e Xornal.com. No eido das revistas destacan Hola.com e Segundamano.
Radio
Os primeiros centros emisores de ondas de radiotelegrafía instaláronse nas cidades de Vigo e Cádiz a finais do s XIX; serviron para a comunicación entre as estacións de terra e os barcos e propiciaron a aparición da radiodifusión entre afeccionados. Ao nacemento da radio comercial contribuíron Matías Balsera, que realizou os primeiros ensaios de radiodifusión ao redor de 1912 coa retransmisión esporádica de óperas dende o Teatro Real de Madrid, e Josep Comas i Solà, que en 1918 construíu unha pequena emisora en Barcelona. En 1923 comezaron a fabricarse os primeiros aparatos de radio de válvulas, co selo Iberia, nos talleres de Antonio Castilla en Madrid, e en setembro dese mesmo ano Radio Ibérica principiaba as súas emisións de forma experimental. Estas primeiras transmisións puideron escoitarse en Madrid, Barcelona, València, Zaragoza, Bilbao, Donostia e Sevilla. O decreto do 27 de febreiro de 1923 e a Real Orde do 14 de xuño de 1924 que aprobaba o Regulamento para o establecemento de estacións radioeléctricas particulares, foron os primeiros marcos legais da radiodifusión. A primeira emisora de radio rexistrada en España foi EAJ-1 Radio Barcelona (1924); seguíronlle ese mesmo ano EAJ-2 Radio España de Madrid e EAJ-3 Radio Cádiz. Arredor de 1926 naceu Unión Radio, creada por Riccardo Urgoiti. Logo de absorber Radio Ibérica, fundou EAJ-7 Unión Radio Madrid. Ata 1931 Urgoiti tentou manter a súa emisora á marxe das cuestións ideolóxicas, pero ese ano converteuse en voceiro oficioso da República. O decreto aprobado polo goberno republicano o 8 de decembro de 1932 permitiu a propagación das radios locais por todo o territorio español, unha por cidade. A potencia das emisoras era escasa (200 vatios) e o raio de acción non era superior aos 30 km. Para as emisións empregouse inicialmente a modulación de amplitude (AM), dividida en onda curta (OC), onda media (OM) e onda longa (OL). En 1934 había 67 emisoras de OM, das que 59 eran locais, cinco pertencían a Unión Radio (Madrid, Barcelona, Donostia, Sevilla e Santiago de Compostela), Radio Grao de València, pertencente ao Estado pero xestionada por Unión Radio, e Radio Asturias; ademais, en OC transmitía EAQ Radiodifusión Ibero Americana, propiedade da Sociedad Transradio Española, que emitía dende España a América Latina. Co estalido da Guerra Civil, Unión Radio converteuse definitivamente en voceira do goberno republicano. A Generalitat de Catalunya apropiouse de Radio Barcelona e Radio Associació de Catalunya, e en Euskadi o goberno vasco fixo o propio con Radio Emisora Bilbaína. Pola súa parte, no bando franquista, o control das ondas realizábase fundamentalmente a través de Unión Radio Sevilla, Radio Club Tenerife EAJ-43, Radio Ceuta e dunha emisora instalada en Salamanca; ademais, entre 1938 e 1939, creouse RNE. Finalizada a guerra, existían 68 emisoras privadas que operaban co indicativo EAJ; 20 emisoras de OC e de ámbito local, que empregaban o indicativo FET, nacidas durante a guerra con fins propagandísticos; cinco emisoras de Radio Nacional (Barcelona, Huelva, A Coruña, Madrid e Málaga); e, a partir de 1941, a Radio SEU de Madrid. En 1940 RNE puxo en funcionamento unha emisora internacional de OC para transmitir noticias en español e inglés dirixidas a América, xermolo de Radio Exterior de España. Só se autorizaban novas licencias para emisoras aditas ao réxime e impúxose unha férrea censura, ademais, de que para os informativos, todas as cadeas tiñan a obriga de conectar con RNE. Por outra banda, dende Radio Madrid promoveuse a creación da Sociedad Española de Radiodifusión (SER). Entre os anos 1945 e 1962, agás a SER, as emisoras agrupáronse en distintas cadeas achegadas ao réxime franquista: a Compañía de Radio Intercontinental (CRI, 1946), a Red de Emisoras del Movimiento (REM, 1954), a Cadena de Ondas Populares de España (COPE, 1958), a Cadena Azul de Radiodifusión (CAR) e a Cadena de Emisoras Sindicales (CES). En 1954, coincidindo co XXX aniversario do establecemento de EAJ-1 Radio Barcelona e co patrocinio da SER, tivo lugar a primeira convocatoria dos premios Ondas, que se conceden anualmente aos máis destacados profesionais radiofónicos. En 1958 as distintas estacións-escola que se crearan para formar profesionais do eido radiofónico deron lugar a Radio Juventud. Neses anos comezou a despuntar a SER como principal cadea do país, co predominio da radio-espectáculo, concursos, novelas e dramatizacións, sempre acompañados de música. Os seriais foron tamén programas de enorme éxito. O 2 de febreiro de 1960 iniciou as súas emisións Radio Peninsular. Na década dos sesenta apareceu a frecuencia modulada (FM); as primeiras probas experimentais realizounas RNE en marzo de 1957 en Madrid. A partir de 1962, Radio Madrid e Radio Barcelona, ambas pertencentes á Cadena SER, comezaron tamén a emitir en FM. Coa finalidade de estimular o crecemento da FM, o 24 de xuño de 1965 autorizouse ás cadeas existentes a libre instalación de emisoras. Esta situación xerou un desorde que o goberno tentou resolver en 1969 reordenando a rede e fixándoa en 31 emisoras, que aumentaron a 40 a mediados dos setenta e a 53 na década dos oitenta. Por outra parte, a FM permitiu un maior desenvolvemento do fenómeno musical e a aparición de programas de enorme éxito. Nos anos setenta, e da man da SER, a radio aumentou a súa audiencia en base á radio-fórmula importada dos EE UU e á aparición dos disc-jockeys e das listas musicais de grandes éxitos. Pola súa banda, os programas deportivos seguían a triunfar nas diferentes cadeas. Entre 1972 e 1982 multiplicouse por 2,5 o número de oíntes, ata acadar os 17 millóns de persoas; funcionaban máis de 400 emisoras de radiodifusión: 27 delas pertencían a RNE, 26 á REM, 62 á Red de Juventud e 56 á COPE, ás que hai que sumar 70 emisoras sindicais e 98 parroquiais, ademais das privadas, entre as que cómpre salientar a cadea líder, a SER. Dende 1977 a emisora internacional de RNE pasou a denominarse Radio Exterior de España. Coa chegada da democracia, aumentaron os programas informativos e desenvolvéronse novos espacios de evasión. No golpe de estado do 23 de febreiro de 1981 a radio cobrou un papel protagonista como instrumento de difusión das noticias que se xeraban tanto no interior do Congreso de los Diputados coma en todo o país. Segundo as sondaxes realizadas posteriormente, un 89% da poboación seguira o desenvolvemento do golpe de estado polas emisoras radiofónicas, especialmente a SER, que se situou contra o golpe creando un estado de opinión favorable ao Estado constitucional democrático, na que se denominou como “noite dos transistores”. O 4 de maio de 1982 La Vanguardia, ABC, Europa Press, o Grupo Zeta, o Grupo El Correo e varios diarios rexionais crearon Antena 3 Radio. Pola súa parte, o grupo PRISA adquiriu, entre outros medios de comunicación, a SER. A radiodifusión estruturábase neses anos en dúas grandes cadeas públicas Radio Cadena Española, que aglutinou as antigas CAR, CES e REM, e RNE; e cinco cadeas privadas de ámbito estatal, SER, COPE, Antena 3, Radio 80 e Rueda de Emisoras Rato, ademais de numerosas emisoras independentes. Ademais, naceron as radios públicas autonómicas, que deron paso á difusión nas ondas das demais linguas do estado: o grupo EiTB (1982) conta con cinco emisoras de radio, Euskadi Irratia, Radio Euskadi, Radio Vitoria, Euskadi Gaztea e Radio EiTB Irratia; en catalán emite Catalunya Ràdio, dependente da Corporació Catalana de Ràdio i Televisió (1983); en Galicia, a Radio Galega (1984) está integrada na Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG). A elas hai que sumar outras cadeas tamén públicas como Canal Sur Radio (1988), que agrupa Canal Fiesta Radio e Andalucía Información; e Ràdio 9 en València (1989). En 1991, a ONCE comprou a maior parte de Rueda de Emisoras Rato e outras pequenas cadeas independentes e creou Onda Cero. Neses anos, e segundo os datos facilitados polo EGM de xuño de 1992, o grupo PRISA, a través da SER, Los Cuarenta Principales, Cadena Dial e Cadena Minuto, ocupaba o primeiro lugar de audiencia con preto de 8 millóns de oíntes, seguido polo grupo formado por Antena 3, Radio 80 e Radio Olé, con case que 4 millóns. En 1994 Antena 3 Radio suspendeu a súa programación e dividiuse entre o grupo PRISA, Sinfo Radio e Radio Voz. A partir dese momento, da unión de Radio 80 e Radio Minuto xurdiu unha nova cadea, M80. Segundo o Estudio General de Medios (EGM) de xuño de 2002, a cadea líder en España era a SER (4.308.000 oíntes), seguida de Onda Cero (2.355.000), RNE-1 (1.899.000) e a COPE (1.577.000); polo que respecta ás radiofórmulas musicais, a Cadena 40 Principales encabeza a listaxe (2.814.000 oíntes), seguida de Cadena Dial (1.577.000), Cadena 100 (787.000), M 80 (767.000) e Radio Olé (442.000). En canto ás emisoras rexistradas polo EGM, RNE posúe a rede máis extensa, con 728, seguida pola SER, con 194 emisoras na súa cadea convencional, e por Onda Cero, con 189. En canto a cifras globais, no 2002 a radio era escoitada regularmente por unha media diaria de 19.800.000 oíntes.
Televisión
Apareceu en España en 1952 e comezou as súas emisións regulares o 29 de outubro de 1956 dende a súa sede do Paseo de La Habana. Entre 1952 e 1989, data da aparición das cadeas privadas, a televisión tivo exclusivamente titularidade pública. A Televisión Española (TVE), integrada dende 1973 no grupo de comunicación RTVE (Radio Televisión Española), conta con dúas canles, TVE 1 e TVE 2 (La Primera e La 2). En abril de 1958 aprobouse a creación do Patronato de Televisión e especificáronse as funcións da Administración Radiodifusora Española (ARE). O primeiro contacto con Eurovisión foi a reportaxe efectuada durante a visita (21.12.1959) do presidente norteamericano Dwight D. Eisenhower. Esta relación coa televisión europea tivo a súa continuidade na primeira transmisión efectuada por TVE dende o estranxeiro, o 18 de maio de 1960, coa final da Copa de Europa de fútbol entre o Real Madrid e o Eintracht de Frankfurt. O 15 de decembro, coa transmisión da voda do Rei Balduíno I de Bélxica con Fabiola de Mora y Aragón, TVE ingresaba oficialmente en Eurovisión. O 1 de setembro de 1961 chegaba por vez primeira a Galicia e León dende un receptor instalado no monte Pedroso de Santiago de Compostela. En decembro transmitiuse por vez primeira o sorteo da Lotería de Navidad e as imaxes da Puerta del Sol de Madrid onde tiña lugar o tradicional toque de campás do aninovo. O 18 de xullo de 1964 inauguráronse os novos estudios televisivos de Prado del Rey, en Madrid. As emisións da segunda cadea de televisión comezaron en xaneiro de 1965 en UHF e difundíronse en Madrid, pero non foi ata o 15 de novembro de 1966 que comezou a súa programación autónoma para todo o Estado. Previamente, en maio de 1965, TVE conectou por vez primeira coa rede Mundovisión a través do satélite Early Bird para a transmisión dunha corrida de touros dende Barcelona. Dous anos despois inaugurouse a primeira Escuela Oficial de Radio y Televisión, denominado Instituto Oficial de Radio y Televisión (IORTV) dende 1975. As emisións televisivas en cor adquiriron regularidade a partir de 1972, coas retransmisións dos Xogos Olímpicos de Múnic. En 1978, coa celebración da primeira etapa da Volta Ciclista a Catalunya, entrou en servizo a primeira unidade móbil. O 23 de febreiro de 1981, as cámaras de TVE recolleron o asalto ao Congreso de los Diputados. A inauguración dos novos estudios para RTVE en Torrespaña tivo lugar o 7 de xuño de 1982 e coincidiu coa celebración do Mundial de Fútbol en España. A principios dos oitenta, e por mor do establecemento do Estado das Autonomías apareceron as cadeas públicas de televisión das distintas comunidades autónomas: Euskal Telebista (EiTB, 1982), Televisió de Catalunya (1983), Televisión de Galicia (1985), Canal Sur (1989), Telemadrid (1989), Canal 9 (1989), Canal 33 (1989), Canal 2 Andalucía (1998), Punt 2 e TVA Canarias. Dende o 5 de abril de 1989 agrupáronse na Federación de Organismos de Radio y Televisión Autonómicos (FORTA). En 1988 comezaron as emisións vía satélite de TVE para Europa a través do Eutelsat 1. A aparición das cadeas privadas tivo lugar en 1989 con Canal +, Tele 5 (Gestevisión) e Antena 3-TV. En marzo de 1991, TVE Internacional desdobrou a súa oferta para Europa e América, e meses despois chegou ao N de África e ao L de Europa. En 1992 o lanzamento do satélite Hispasat permitiu unha mellora substancial das comunicacións; a súa primeira retransmisión foi o XXII Festival da OTI, celebrado en València. Asemade, aprobouse no Congreso o proxecto da Lei de Televisión por Satélite. En xuño de 1993 comezaron as primeiras emisións experimentais de televisión dixital efectuadas por Retevisión. Ao longo dos noventa xurdiron as televisións locais, para as que se debateu o proxecto de Lei de Televisión Local por Ondas Terrestres, sen que se chegase a acordos, o que mantivo en 2002 ás televisións locais e independentes nunha situación de alegalidade. En febreiro de 1996 había en España 881 televisións locais. Malia o avance que supuxo a introdución da iniciativa privada no eido televisivo, a verdadeira revolución xurdiu co nacemento da televisión dixital, introdutora do sistema de pago por visión (PPV). As dúas grandes compañías son Canal Satélite Digital (1996), ligada a Canal Plus, participada por Sogecable e incluída no Grupo PRISA, e Vía Digital (1997), con Telefónica como accionista maioritaria. En 1996 comezaron as emisións vía satélite de Galeusca, unha canle internacional participado por TVG, EiTB e Televisió de Catalunya para Hispanoamérica. En decembro de 1999 constituíuse a Promotora de Emisiones de Televisión SA (PRETESA), filial do Grupo PRISA, destinada a agrupar 63 emisoras de televisión local coa denominación de Localia TV. No mes de maio de 2000 apareceu unha terceira opción de televisión dixital, Quiero, participada por Retevisión, que, ademais da súa programación, ofrecía aos seus abonados a posibilidade de acceder a Internet dende a pantalla do televisor, pero deixou de emitir en xuño de 2002. Nese ano concedéronse dúas novas licencias para televisión dixital terrestre: Net-TV, na que participan Prensa Española e ABC; e VTV, que ten como principais accionistas ao Grupo Recoletos e El Mundo. Por outra banda, os problemas orzamentarios que viña arrastrando RTVE dende había anos provocaron que en xaneiro de 2001 quedase adscrita á Sociedad Estatal de Participaciones Industriales (SEPI). No que se refire ás grandes plataformas dixitais, o 8 de maio de 2002, Sogecable e Telefónica, esta última a través da súa filial de medios Admira, deron o visto bo para a fusión das dúas plataformas dixitais, Canal Satélite e Vía Digital. A partir de 1995 todas as televisións, agás Antena 3 e Canal +, decidiron emitir en aberto a través do satélite. Pola súa parte, Canal + puxo en marcha un total de catro canles de pago no satélite Astra. Segundo diversos estudios difundidos no ano 2000, máis de dous millóns de fogares en toda España reciben os canais en aberto de Hispasat, Astra e Eutelsat. Segundo datos de maio de 2002, o sistema de medición de audiencias, share, colocaba a La Primera como líder de audiencia, cun 25,2%, seguida de Tele 5 (21,9%) e Antena 3 (19,4%). O resto das canles manteñen unhas cifras reducidas: La 2 contaba (6,7%) e Canal +, (1,8%). No que se refire ao consumo, en maio de 2002, a audiencia media da televisión en España foi de 214 minutos por persoa e día. En canto ás cifras globais facilitadas polo ministerio de Educación e Cultura en 2000, pódese deducir que é o medio que máis impacta no cidadán, cun 89,2%, seguido da radio, cun 52,9%, a rede Internet, cun 12,6%, e por último, o cine, cun 11,0%.
Telecomunicacións
Os primeiros ensaios da comunicación telefónica realizáronse en Cuba. As primeiras probas no territorio peninsular consistiron nun enlace entre o castelo de Montjuïc e a Ciutadella de Barcelona en decembro de 1877. En Madrid, os primeiros enlaces realizáronse en xaneiro de 1878, entre a antiga casa de Telégrafos e o ministerio de Guerra e entre os palacios reais de Madrid e Aranjuez. O decreto de agosto de 1882 foi a primeira regulamentación do servizo telefónico para a explotación de redes telefónicas de servizo público. A dirección xeral de Correos y Telégrafos creou en 1882 a primeira rede telefónica oficial, coa que se enlazaron as principais dependencias estatais. En 1891dividiuse o país en catro zonas telefónicas: a nordés, a sueste, a sudoeste e a noroeste. Na nordés, a mellor dotada, traballaban, en 1897, a Sociedad General de Teléfonos de Barcelona, a Compañía Peninsular de Teléfonos e a Compañía Madrileña de Teléfonos. O afianzamento definitivo das redes telefónicas veu da man da Compañía Telefónica Nacional de España (CTNE), creada en 1924 que, a partir dun contrato coa International Telephone and Telegrah Corporation (ITT), promoveu a instalación e desenvolvemento de liñas telefónicas. En 1925 fusionáronse a CTNE e a Compañía Peninsular. O monopolio da CTNE foi a base para a racionalización do servizo telefónico español e asentou as bases para o seu definitivo arranque. En 1936, aproximadamente un 8% das familias posuían teléfono e o país estaba conectado con 50 nacións. Coa Guerra Civil as liñas telefónicas sufriron notables desperfectos; ao seu termo, o goberno franquista adquiriu as accións da ITT e nacionalizou a CTNE. En 1964 a CTNE participou na fabricación do satélite ECHO-II e en 1971 integrouse no Consorcio Internacional de Satélites INTELSAT. En 1976 instalouse o primeiro cable submarino hispano entre Europa e América e implantouse o sistema de Teléfono Automático en Vehículos (TAV). Catro anos despois desenvolveuse a primeira liña de comunicacións dixitais sobre fibra óptica para RENFE e en 1982 o control remoto sobre fibra óptica, que dende 1985 se consolidou como o medio máis idóneo para a instalación das autoestradas da información. En 1987 a CTNE pasou a denominarse Telefónica de España; e ese mesmo ano aprobouse a Lei de Ordenación das Telecomunicacións. En 1989 entrou en servizo a nova Rede Dixital de Servicios Integrados (RDSI), co que aumentou a velocidade e calidade das transmisións, e realizáronse as primeiras probas para a instalación da telefonía móbil en terminais portátiles de tamaño reducido. En 1990 entrou en funcionamento a telefonía móbil analóxica, comercializada por Telefónica como Moviline. Coincidindo coa celebración dos Xogos Olímpicos de Barcelona e a EXPO de Sevilla en 1992, presentouse a nova telefonía móbil dixital (sistema GSM), comercializada por Telefónica como Movistar. En 1995 desapareceu o monopolio telefónico coa competencia no apartado da telefonía móbil ao entrar en servizo Airtel Móviles. En 1997 Retevisión converteuse no segundo operador de telefonía fixa e, ao ano seguinte, Uni2 no terceiro. En 1999 iniciaron a súa andaina Jazztel, no servizo telefónico fixo, e Amena, pertencente a Retevisión, no servizo móbil; ese mesmo ano, as distintas compañías presentaron o sistema WAP para acceso a Internet dende o propio móbil. O 10 de marzo de 2000, o goberno español outorgou catro licencias de telefonía de terceira xeración (UMTS) para as operadoras Telefónica Móviles, Airtel (Vodafone), Amena (Retevisión) e Xfera. No ano 2002 operaban as compañías Telefónica, Retevisión, Uni2, Jazztel, BT e Tele 2 no servizo telefónico fixo; Vodafone, Amena e Telefónica no servizo telefónico móbil; e Aragón de Cable, Axarquia Telecom, Cabletelca, Cable y Televisió de Catalunya, Euskaltel, Madritel, ONO, Retecal, RETENA, RETERIOJA, Supercable, Telecable, Telefónica Cable e R para telecomunicacións por cable.