Español, Gregorio
Escultor. Descoñécense os datos da súa formación artística, relacionada cos obradoiros casteláns. Xunto con Juan Davila foi o introdutor do manierismo en Galicia, influenciado pola obra de Juan de Juni e Gaspar Becerra, do que puido ser discípulo. Documéntase por primeira vez nas proximidades de Astorga en 1585, cando se lle encargou o retablo de San Román el Antiguo. Entre as obras que realizou nas terras leonesas destacan a imaxe de santa Baia da igrexa de Rivas de Valduerna (1592) e o retablo para a igrexa de Valle de Castrotierra (1596). En Santiago de Compostela aparece documentado por primeira vez en 1596, cando recibe o encargo de traballar no cadeirado do coro do mestre Mateo. En 1598 traballou no colexio de Santa María a Antiga de Monforte de Lemos, onde realizou o sepulcro pétreo do cardeal Rodrigo de Castro. O cabido da catedral compostelá encargoulle, xunto a Juan Davila, a obra do cadeirado do coro en 1599, do que se lle atribúen os taboleiros do lado do Evanxeo. A súa obra caracterizouse pola frialdade das figuras e polo gusto polas amplas roupaxes que cobren a anatomía e que inmobilizan a figura, aínda que empregou o canon alongado cun marcado naturalismo. Mostrou unha visión frontal nas figuras que se desenvolven no plano horizontal e presentounas cos rostros inexpresivos que levaron a cualificalas como figuras de cera. Os dous autores realizaron en 1603 o retablo do colexio de Fonseca, do que se lle atribúen as imaxes de san Gregorio Magno, Santiago Alfeo e o Cristo que o remataba. En 1604 encargáronlle o retablo da capela de San Roque e en 1606 realizou, con Bartolomé Delgado, as imaxes do apóstolo Santiago e santo Antón para un retablo da igrexa parroquial de Santa María de Beán (Ordes). Fixo tamén os pasos da confraría da Veracruz da igrexa do convento de San Francisco. Entre 1608 e 1625 non se documenta a súa presenza en Santiago, polo que puido traballar na diocese de Astorga. En 1625 contratou a realización das imaxes das virtudes teologais e cardinais, de Santiago peregrino e do Cristo resucitado do retablo da capela das Reliquias da catedral, onde incorporou os taboleiros que realizara para o antigo coro do mestre Mateo. As últimas obras documentadas son un retablo para a capela de J. de Sarabia do convento de San Francisco de Vigo (1627), outro retablo na capela da Azucena da catedral compostelá (1628) e a reforma da capela maior de Nosa Señora da Cerca, no convento de Santo Agostiño (1631).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Astorga