esparragueira

esparragueira

(< espárrago)

  1. s f [PLANTA]

    Herbácea perenne do xénero Asparagus, pertencente á familia das liliáceas. Presenta raíces tuberosas, talos estriados de ata 2 m de lonxitude e 1 cm de diámetro, pólas modificadas en cladodios filiformes ou escamiformes de ata 9 mm de lonxitude, e follas reducidas a escamas. Florece entre xullo e outubro. As flores son actinomorfas, unisexuais, hermafroditas ou polígamas, con pedicelos articulados, e aparecen solitarias ou dispostas en umbelas ou acios. Están formadas por 6 tépalos libres ou unidos na base e 6 estames filamentosos, filiformes ou aplanados. O ovario é unicarpelar, con 2 ou máis óvulos por lóculo. Os froitos son bagas esféricas, de ata 10 mm de diámetro, de cor vermella, que conteñen sementes esféricas de ata 7 mm de diámetro. Cada primavera, a planta renóvase a partir de gromos, denominados espárragos, que se converten en novos talos. As escamas que recobren estes espárragos son as follas verdadeiras da planta. A planta emprégase principalmente como alimento; recóllense en primavera os gromos tenros, posto que son os máis apreciados. O espárrago ten propiedades diuréticas. Distribuído polas rexións temperadas e subtropicais de Europa, Asia e África, son propias de lugares abertos, expostos, soleados e secos, e en xeral forman parte das matogueiras que acompañan as carpazas ou os aciñeirais. En Galicia están presentes as especies: A. acutifolius, no sueste do país; A. aphyllus, na metade occidental; e A. officinalis, especie cultivada e localizable en toda Galicia.

    Sinónimos: espárrago.
  2. s f

    Lugar no que se cultivan espárragos.