esparsa

esparsa

(< occit sparsa ‘cobrasolta’)

s f [LIT]

Pequena composición poética, formada por unha única estrofa de entre 8 e 16 versos, normalmente heptasílabos, ou por coplas de arte menor, real ou mixta. Probablemente teña a súa orixe na poesía provenzal, lingua na que esparsa significa ‘cobra solta’. Non obstante , trátase dunha composición típica da lírica dos cancioneiros, frecuente en recompilacións, como o Cancionero General de Hernando del Castillo ou o Cancioneiro Geral de Garcia de Resende. Aínda que o termo non apareza no Cancionero de Baena, si se rexistran algúns poemas que poden considerarse anuncios desta forma poética que terá o seu maior esplendor na segunda metade do s XV. A diferenza da cantiga e do vilancete, a esparsa non retoma versos alleos que glosa despois; é unha composición autónoma e independente, considerada como a precursora do madrigal e do epigrama. O asunto tratado nas esparsas é, maioritariamente, o amoroso, con especial predilección pola coita ou expresión da tristeza e melancolía que provoca a pena ou o mal de amor.

Palabras veciñas

Esparreguera | esparrela | esparruñar | esparsa | Esparta | Espartaco | Espártaco