Esparta

Esparta

Capital do nomós de Laconia, situada no Peloponeso, Grecia, na marxe dereita do río Evrótas (12.975 h [1981]). Na época micénica a rexión estaba habitada polos aqueos, que fundaron a primeira cidade a mediados do II milenio a C. No s XII a C o territorio espartano foi invadido polos dorios e a partir do s X, trala fusión das poboacións dorias de cinco aldeas (Kynosura, Limnai, Mesoa, Pitane e máis tarde Amyclas) acadou unha posición de predominio sobre o Peloponeso pola súa organización militar. Dende o s IX a súa estrutura organizouse ao redor de cinco tribos territoriais (obes), ás que pertencían os distintos individuos segundo o lugar de residencia. Por enriba das obes, existían dúas familias que constituían as dinastías que rexían simultaneamente o Estado: os Áxidas, aqueos, e os Euripontidas, dorios. Despois de asegurar o seu dominio sobre Laconia, dende mediados do s VIII a C emprendeu unha política expansionista cos seus veciños (Arcadia e Mesenia) para incrementar os seus terreos de cultivo e facer fronte ao crecemento demográfico. No 706 fundou a colonia de Tarento. A súa constitución, redactada segundo a lenda por Licurgo, levouse a cabo ao redor do 700 a C e recollía as institucións básicas: a diarquía, na que os monarcas posuían funcións militares e relixiosas, a gerusía ou Senado, formado por 28 anciáns, que posuía dereito de veto sobre as decisións da asemblea e a apella ou asemblea, integrada polos cidadáns de pleno dereito maiores de trinta anos. Durante o século seguinte acadou un grande auxe artístico e literario. Enfrontouse coa sublevación dos mesenios (660 a C- 640 a C) e conseguiu sometelos coa nova formación en falanxe dos hoplitas. Como consecuencia desta guerra definiuse un novo sistema político-militar que illou os espartanos do resto de Grecia e supuxo a desaparición case total das mostras culturais. A súa estrutura social, rigorosamente estratificada, limitaba o poder a un grupo de familias que posuían a maior parte das terras e plenos dereitos, mentres se dedicaban ao servizo das armas; nun nivel inferior estaban os periecos, súbditos dunha soberanía limitada que se dedicaban ao comercio e á artesanía; e os ilotas ou escravos, que traballaban as terras dos señores. Ao redor do 550 a C encabezou a Liga do Peloponeso, na que se integraron a maior parte dos estados desta rexión, e converteuse na máxima potencia militar grega, ao tempo que se enfrontou coas tiranías de Atenas e Samos. Durante a I Guerra Médica, as limitacións da súa política exterior fronte ao imperialismo dos persas xunto coa rivalidade entre os seus monarcas Demarato e Cleómenes I, afastárona das intervencións e deixaron nas mans dos atenienses a dirección das campañas, malia o seu sacrificio nas Termópilas (480 a C) ao mando de Leónidas. Trala liberación dos persas, comezou unha etapa de enfrontamentos pola hexemonía entre Atenas e Esparta, que instauraba tiranías nas colonias para frear a influencia da Liga de Delos. Ademais, enfrontouse a unha durísima rebelión dos ilotas (464 a C) aos que conseguiu reprimir, rebelión trala que afianzou a súa hexemonía no Peloponeso. Despois dunha tregua de 30 anos coa Liga do Peloponeso, enfrontáronse de novo con Atenas na Guerra do Peloponeso (431 a C - 404 a C). Trala derrota de Atenas en Mantinea (418 a C), Esparta asegurouse a hexemonía sobre os gregos e instaurou gobernos oligárquicos en Tebas e Olinto apoiados polas súas gornicións militares, pero foi derrotada polo poder emerxente de Tebas na Batalla de Leutra (371). Reducido o seu territorio, non participou na conquista de Asia levada a cabo por Alexandre o Grande (334-323). Durante o s II a C, Axis IV emprendeu algunhas medidas para incrementar o número de cidadáns ao tempo que tentou repartir as terras, pero foi condenado a morte pola oligarquía (241 a C). Sucedeuno Cleómedes III, que realizou o programa de reformas de Axis IV, elevou o número de cidadáns en 4.000 periecos e fíxose tamén un novo reparto de terras. Ao caer derrotado en Selasia (222 a C), Esparta foi obrigada a integrarse na Liga Aquea (221 a C). No s II quedou aglutinada co resto de Grecia baixo o dominio romano, pero gozou dunha administración independente. Durante o goberno de Augusto perdeu a súa hexemonía sobre o resto das cidades de Laconia. A cidade foi destruída por Alarico no s VI d C, pero máis tarde reconstruírona os bizantinos. A cidade actual estableceuna o goberno grego en 1834 e ocupa parte do territorio da antiga.