espeleoloxía
(< espeleo + -loxía)
Ciencia e actividade deportiva dedicada á exploración e ao estudo das cavidades subterráneas naturais.
Historia da espeleoloxía
A arqueoloxía evidencia que dende a súa orixe, a humanidade empregou as cavernas para prácticas máxico-relixiosas, como vivenda e tamén como sepulcro. Séneca, Homero, Aristóteles e outros escritores antigos relataron incursións subterráneas. Na Europa medieval as cavernas considerábanse lugares misteriosos, infernais, habitados por seres malignos e monstros. Un dos primeiros estudios sobre cavidades naturais foi Mundus Subterraneus (Amsterdam, 1655) do xesuíta alemán A. Kircher. En 1748, Nagel descendeu á sima de Mazocha, no karst de Moravia. No s XIX, Lidner descendeu á sima Trebiciano en Trieste (1840) e Schmidt percorreu en barca os ríos das cavernas Recca e Piuka, próximas tamén a Trieste (1850). O nacemento da espeleoloxía coincidiu co esplendor do alpinismo, trala conquista do Monte Cervino en 1865. O creador da espeleoloxía foi o francés Eduard A. Martel (1859-1938), quen marcou as pautas da investigación subterránea en máis de 20 libros, escritos tralas súas incursións en todo o mundo. En 1895 Martel fundou a Société Spéléolologie francesa. Robert de Joly, discípulo de Martel, perfeccionou e alixeirou o material e deulle método e seguridade á exploración. Co incremento das exploracións e da súa dificultade, tívose que adaptar a técnica da escalada e a espeleoloxía deixou de ser unha actividade eminentemente científica para converterse en disciplina deportiva. En 1941 fundouse a National Speleological Society nos EE UU e oito anos despois a Societá Speleologica Italiana. O I Congreso Internacional de Espeleoloxía celebrouse en París en 1953. A cota dos 1.000 m baixo terra logrouna en agosto de 1956, na Gouffre Berger (Isère, Francia), unha expedición formada por franceses, belgas, checos, españois, ingleses, italianos, libaneses, polacos e suízos. As covas máis longas do mundo son Mammoth Cave System (EE UU, 563 km), Optimistitscheskaja (Ucraína, 183 km) e Hölloch (Suíza, 164 km), mentres que as máis profundas son Lamprechtsofen (Austria, -1.632 m), Grouffre Mirolda (Francia, -1.610 m), Rèseau Jean Bernard (Francia, -1.602 m) e Torca del Cerro Cuevón (Picos de Europa, España, -1.589 m).
A espeleoloxía en España
Dous composteláns figuran entre os precursores: o enxeñeiro de minas Casiano de Prado que publicou en 1869 Noticia sobre cavernas y cuevas primordiales en España; e o paleontólogo Xesús Carballo, investigador nas covas de Cantabria que propuxo, en 1908, a creación dunha sociedade española de espeleoloxía. Non obstante , o xurdimento da espeleoloxía en España débese ao propio Martel; N. Font i Sagué acompañouno na súa incursión nas covas de Montserrat en 1896. En 1948 fundáronse diversos grupos de espeleoloxía (València, Burgos, Pamplona, Granada, Barcelona, etc). Despois dun accidente mortal na Sima de la Piedra de San Martín (Navarra), en 1952, as autoridades decidiron crear unha sección de espeleoloxía na Federación Española de Montaña (FEM) para regulamentar esta actividade. En 1955 creouse no seo da FEM a Comisión Nacional de Exploraciones Subterráneas (CNES). Os clubs constituíron en 1967 o Comité Nacional de Espeleoloxía (CNE) co obxectivo de crear a súa propia federación. O 11 de xaneiro de 1983 fundouse a Federación Española de Espeleoloxía (FEE). O primeiro congreso español de espeleoloxía celebrouse en Barcelona en 1970. As cavidades exploradas máis longas de España son Ojo Guareña (Burgos, 98 km), Cueva del Valle (entre Cantabria e Bizkaia, 60 km) e La Piedra de San Martín (54 km); as máis fondas son Torca del Cerro de Cuevón (-1.589 m), Sistema del Trave (Picos de Europa, -1.441 m), BU-56 (Pireneos, -1.408 m), La Piedra de San Martín (-1.342 m) e Pozo de Madejuno (León, -1.255 m).
A espeleoloxía en Galicia
Entre os precursores da espeleoloxía en Galicia destaca Villa-Amil e Castro, que explorou no s XIX a Cova do Rei Cintolo (non pasou da chamada Galería Principal ou Superior, da que debuxou un bosquexo bastante orientativo). Nunha poza da mesma cova, o tamén mindoniense Xosé María González-Redondo Maseda atopou, en 1945, un puñal de ferro de tipo celtibero. Despois da Guerra Civil visitaron o Cintolo algunhas expedicións, entre as que cómpre salientar a de Peña Trevinca. Mais, o inicio da espeleoloxía en Galicia como actividade organizada e con obxectivos científico-deportivos produciuse en 1954 coa expedición á Cova do Rei Cintolo de exploradores vigueses do Club Montañeros Celtas. En 1969 creouse un comité rexional da FEM. En 1979 o comité converteuse en Sección e en 1983 en Federación Galega de Espeleoloxía (FGE). Da FGE dependen o Grupo de Espeleosocorro, a Escola Galega de Espeleoloxía, localizada en Vigo, e a revista Furada. A federación conta tamén con refuxios propios en Mondoñedo, Liñares-O Cebreiro e no lugar de Cobas, na serra de Encina da Lastra. En Galicia hai unhas 200 covas catalogadas, de pouca lonxitude e fondura en comparación coas das áreas calcarias da Península. Os terreos calcarios de maior actividade espeleolóxica están localizados en Mondoñedo, Triacastela, O Courel e Valdeorras, especialmente a Serra Encina da Lastra. Espeleólogos vigueses traballan no estudo das cavidades abertas nos cantís da costa, nas furnas. A cova explorada de maior lonxitude en Galicia é a do Rei Cintolo, no lugar de Supena (Argomoso, Mondoñedo) que alcanza unha fondura máxima de 58 m e da que se exploraron e topografaron 6.500 m de galerías horizontais situadas en distintos niveis. A máis fonda é a Sima Aradela, de 142 m de profundidade.