Esperanza, club de La
Club liberal coruñés de principios do s XIX con influencias xacobinas. Puido ser o antecedente da Logia Constitucional de la Reunión Española, primeira loxa masónica da cidade fundada en 1814. Os seus membros reuníanse no café de La Esperanza, situado na rúa Real e presidía a asociación Pedro de Llano; instalaron no local unha especie de púlpito, ao que chamaron tribuna, termo adoptado da Revolución Francesa, para que se expresaran os oradores. O perfil social correspondíase coa burguesía mercantil e, entre outros, destacaron Xoán Nepomuceno, Francisco Romeu, o vicecónsul portugués Jose Buselly, Xoán Antonio de la Vega, Luís Alcy, Marcelino Calero, comerciantes como Xosé Villegas, Xosé Blanco e Francisco Gurrea, e médicos como Labrada Pacheco e Pulleiro. A súa actividade política foi ampla, con grande influencia en diversos organismos. A súa publicación foi El ciudadano por la Constitución.