Espert Romero, Nuria
Actriz. En 1947 ingresou na compañía infantil do Teatre Romea de Barcelona, e en 1950 pasou á adulta. En 1954 comezou a súa carreira profesional coa interpretación de Medea, de Eurípides. Fundou unha compañía co seu marido en 1959 e estreou Gigí, de Colette. Interpretou a partir dese ano moitas obras, entre as que destacan A boa persoa de Sezuan, de Bretch (1966), as traducións castelás de Huis clos e La putain respecteuse, de Sartre (1969), Yerma, de García Lorca (1972), Divinas Palabras, de Ramón Mª del Valle-Inclán (1976), Doña Rosita o el lenguaje de las flores, de García Lorca (1981), A tempestade, de W. Shakespeare (1982), ou Salomé, de Oscar Wilde. Compartiu, con José Luis Gómez e Ramón Tamayo, a dirección do Centro Dramático Nacional (1979-1981). En 1986 debutou como directora en Londres, coa montaxe de La casa de Bernarda Alba. Destacou a súa actividade no campo da ópera, especialmente na Scottish Opera de Glasgow (Madama Butterfly, La Traviata) e no Covent Garden de Londres (Rigoletto, 1988; Carmen, 1991). Cómpre salientar tamén a produción de Elektra, de Richard Strauss, no Théâtre La Monnaie de Bruxelas. Volveu á interpretación cun monólogo de Hisashi Inoue, Maquillaxe (1990), dirixido por Koichi Kimura. Tamén traballou en diversas películas, entre as que destacan Maria Rosa (1965), Laia (1970) ou Viva la muerte! (1971). Ao longo da súa carreira obtivo numerosos galardóns, entre os que cómpre citar o Premio Nacional de Interpretación (1960), o Premio do Festival Internacional de Teatro de Belgrado (1978), a Medalla de Ouro ao Mérito en las Bellas Artes (1983) ou o Premio Nacional de Teatro (1986).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : L’Hospitalet de Llobregat