Esquilache, motín de

Esquilache, motín de

Insurrección do pobo de Madrid que tivo lugar entre o 23 e o 26 de marzo de 1766. Iniciouse como unha protesta polo bando sobre capas e chapeos emitido polo marqués de Esquilache, aínda que a causa máis profunda estaba no encarecemento dos prezos do pan, como consecuencia da liberalización do comercio de cereais e as malas colleitas dos anos anteriores. Os amotinados saquearon a casa de Esquilache, de Grimaldi e do gobernador de Castela, e despois enfrontáronse no Palacio Real á garda valona. Ante a magnitude da insurrección, Carlos III accedeu ás peticións dos amotinados: destitución e desterro do marqués de Esquilache, saída da corte da garda valona, anulación das disposicións referentes aos vestidos, rebaixa no prezo dos comestibles e supresión da xunta de abastos. Concedeuse, ademais, o perdón xeral para os participantes nos tumultos. Ao longo do mes de abril sucedéronse as revoltas en distintas cidades españolas, entre outras, Zaragoza, Cuenca, Murcia e A Coruña. Ao fin das mesmas, o conde de Campomanes iniciou unha investigación co fin de buscar os culpables do alzamento e pola que desterrou o marqués de Valdeflores e o abade Gándara, e implicouse a Compañía de Xesús, expulsada dos reinos españois un ano máis tarde.

Palabras veciñas

esquiar | esquife | Esquilache, marqués de | Esquilache, motín de | Esquilino | esquilmar | esquilmo