estación

estación

(< lat statĭône)

  1. s f [CLIMAT]

    Cada un dos períodos nos que se divide o ano. Astronomicamente, as estacións están determinadas polos equinoccios (nos meses de marzo e setembro) e polos solsticios (en xuño e decembro), que se deben ao movemento de rotación da Terra nun plano inclinado con respecto á súa órbita ao redor do Sol. Na zona temperada, estes fenómenos astronómicos correspóndense co tránsito entre as catro estacións climáticas nas que se divide o ano, debido aos cambios que o grao de incidencia dos raios solares provocan na temperatura da superficie e da atmosfera terrestre, e como consecuencia destes na distribución da humidade nas masas de aire, de xeito que se producen grandes contrastes termopluviométricos; así, o equinoccio de marzo marca o paso entre o inverno e a primavera no hemisferio setentrional, e entre o verán e o outono no meridional; o solsticio de xuño é a entrada do verán boreal e do inverno austral; o outono chega ao hemisferio norte co equinoccio de setembro, cando a primavera chega ao hemisferio sur; por último, o solsticio de decembro é o tránsito ao inverno na zona temperada do hemisferio boreal e ao verán na zona temperada austral. Nas zonas tropicais só se rexistran dúas estacións, caracterizadas polo seu réxime pluviométrico, de xeito que se fala dunha estación das chuvias e dunha estación seca. Na zona ecuatorial non se rexistran estacións e as condicións climáticas mantéñense uniformes ao longo do ano, debido a que presenta unha insolación practicamente constante en todo o ano, como consecuencia da pouca diferenza do grao de incidencia dos raios solares en función do cambio do ángulo do eixe de rotación da terra co seu plano de translación.

  2. s f [XEOG/TRANSP]

    Equipamento onde un vehículo recolle e deixa mercadorías e viaxeiros. Normalmente, sitúanse á beira das grandes vías de comunicación, na entrada dos núcleos de poboación, e comunícanse con eles por medio de vías deseñadas para acoller a afluencia de tránsito que xeran.

    1. s f

      Centro ou conxunto de instalacións dedicadas a determinadas actividades ou a realizar estudios de investigación, normalmente de carácter científico.

      Ex: No outeiro hai unha estación repetidora de telefonía.

    2. estación alpina/invernal/de esquí/de montaña [DEP]

      Localidade de montaña en que se construíu ou habilitou un conxunto de instalacións dedicadas á práctica de actividades deportivas invernais (especialmente pistas de esquí) así como os equipamentos e infraestruturas necesarios para o acceso aos servicios e o aloxamento dos usuarios. A única estación de montaña da Comunidade Autónoma de Galicia é Cabeza de Manzaneda (na parroquia de Cova, A Pobra de Trives).

    3. estación de servicio

      Lugar onde se subministra combustible aos automóbiles.

    4. estación de transferencia de lixo

      Instalación na que se descargan os residuos para posteriormente poder trasladalos a outro lugar para a súa recuperación, tratamento ou eliminación.

    5. estación espacial [COSMON]

      Nave espacial de concepción modular, situada en órbita permanente, destinada á experimentación en condicións de baixa gravidade e durante períodos prolongados. Desenvolvéronse a partir das experiencias das estacións orbitais Sal’ut e Skylab permanentes e do laboratorio Spacelab.

    6. estación meteorolóxica [METEOR]

      Instalación dotada de instrumentos destinados á obtención de rexistros cuantitativos dos fenómenos meteorolóxicos. Como mínimo, unha estación meteorolóxica debe contar con instrumentos para medir as temperaturas (termómetros) e recoller as precipitacións (pluviómetros).

    7. estación orbital [COSMON]

      Nave espacial colocada en órbita para ser utilizada como hábitat de sucesivas tripulacións espaciais que chegan mediante naves de transporte e que permanecen nela durante un tempo prolongado, co fin de realizar experimentos a baixa gravidade.

    8. estación transformadora [ENX]

      Instalación fixa para a conversión de tensión de corrente alterna e a distribución desta para o consumo dunha cidade, dunha factoría ou dunha industria.

  3. s f [BOT/XEOG]

    Conxunto de factores que actúan sobre os vexetais nunha localidade concreta.

  4. s f [RELIX]

    Cada unha das 14 escenas que conmemoran o camiño de Xesús coa cruz cara ao Calvario e que coinciden coa saída do pretorio, as paradas que fixo no traxecto e os lugares onde foi crucificado e sepultado.

  5. estación arqueolóxica [ARQUEOL]

    xacemento.

  6. estación de axuste [INFORM]

    Accesorio que lle proporciona a un ordenador portátil capacidades adicionais cando se vai utilizar como ordenador de sobremesa. Entre os elementos que pode incluír están un cargador de baterías, un conector para unha pantalla de maior tamaño e controladores de periféricos.

  7. estación de traballo [INFORM]

    Ordenador empregado para tarefas que requiren unha gran potencia gráfica ou matemática e que habitualmente van equipados con sistemas operativos distintos dos que se utilizan nos ordenadores domésticos.

  8. estación dos planetas [ASTRON]

    Punto do camiño aparente que percorren os planetas respecto ás estrelas fixas, en que o seu movemento parece deterse. Prodúcese cada vez que o planeta pasa do movemento planeta ao retrógrado, ou viceversa.

Refráns

  • Da cereixa ao cimón ben che vai, pión; do cimón á cereixa xa me dara-la queixa.