Estafeta de Santiago

Estafeta de Santiago

Publicación de tendencia absolutista aparecida en Santiago de Compostela o 21 de abril de 1813. Cesou o 2 de setembro do ano seguinte. Fundada e dirixida por Manuel Freire Castrillón, quen asinaba os seus artigos co pseudónimo de El Estafetero, saía os mércores e os sábados. Imprimiuse nos obradoiros tipográficos de Los Dos Amigos, nos talleres de Ignacio Aguayo e, finalmente, nas súas propias prensas. Defendeu a Santa Inquisición, a fe católica, e os foros e privilexios dos terratenentes; por outra banda, criticou os liberais, a Constitución de 1812 e as Cortes de Cádiz. Cómpre salientar a inclusión dun dos primeiros textos en prosa escritos en lingua galega e titulado “Carta a un liberal”. Aos seus ataques políticos responderon as publicacións liberais El Redactor General, de Cádiz, e a Gazeta Marcial y Política de Santiago.