esteiro

esteiro

(

s m [XEOG]

Espacio costeiro produto da invasión cotiá das mareas do medio terrestre na desembocadura dalgúns cauces fluviais e que, as máis das veces, están parcialmente illados do mar por unha barra areosa ou por un estreitamento rochoso. Nos esteiros teñen lugar fenómenos de mestura das aguas fluviais doces (cunha concentración de sales inferior a 0,5 g/l), mariñas (cunha concentración de sales de 35 g/l) e de sedimentación dos materiais erosionados na conca hidrográfica. A sedimentación vese favorecida pola baixa pendente do esteiro e a entrada das mareas, que fan que a velocidade das augas se reduza. Os sedimentos máis grosos sitúanse preto da desembocadura, mentres que os máis finos se depositan preto da cola do esteiro. Os sedimentos acumulados forman amplas chairas lamacentas que, na baixamar, dan lugar a unha rede de canles. A achega de materia orgánica arrastrada polos cauces fluviais e a floculación desta ao contacto coas augas salobres do esteiro fan que sexan ata 30 veces máis fértiles ca o mar, feito que dá lugar a complexas e ricas comunidades de seres vivos. As plantas presentes nos esteiros amosan adaptacións para resistir a salinidade e o influxo das mareas e as inundacións periódicas. Por todo isto, a flora é exclusiva destes medios. Nas zonas externas e inundadas periodicamente os fondos están cubertos pola Zostera marina mentres que nas zonas que fican ás veces descubertas na baixamar está presente a especie Zostera noltii. Na parte do esteiro que deixa ao descuberto gran parte do ciclo mareal aparecen praderías de Spartina maritima. Nas zonas máis elevadas do esteiro predominan Sarcocornia perennis, Sarcocornia fruticosa, Suaeda vera e Halimione protulacoides. Nas zonas de maior influencia fluvial predominan as carriceiras e as xunqueiras. A alta produtividade dos esteiros permite que manteñan un gran número de organismos, como anélidos nas lamas, peixes que penetran na preamar para alimentarse e aves que se alimentan dos anteriores. Os esteiros galegos, ao estaren situados a medio camiño entre as áreas de cría do N de Europa e as zonas de invernada africanas, constitúen lugar de descanso para moitas das aves acuáticas migratorias. Tamén recibe o nome de estuario.

Palabras veciñas

estegosauro | 1 esteira | 2 esteira | esteiro | Esteiro | Esteiro | Esteiro