estegosauro

estegosauro

(

s m [PALEONT]

Dinosauro ornitisquio, que acadou os 9 m de lonxitude e máis de 2 toneladas de peso, de corpo grande cunha dobre fileira de placas óseas, con forma de punta de frecha, a ambos os lados da columna vertebral. Algunhas destas placas acadaban máis de 60 cm. Camiñaban sobre as catro patas: as patas traseiras eran enormes, de dobre tamaño ca as dianteiras, feito que motivaba que a parte máis elevada do animal fosen as cadeiras. A cola era forte e grosa, con espiñas longas e afiadas, de ata 100 cm de lonxitude, que servían para defenderse dos depredadores. A cabeza pequena, cun cranio estreito duns 40 cm de longo, presentaba un peteiro sen dentes na parte anterior da mandíbula e moas pequenas. Foron animais herbívoros en greas a finais do Xurásico distribuídos polo oeste de América do norte, oeste de Europa, leste de Asia e leste de África.