Estellés Estellés, Peregrín

Estellés Estellés, Peregrín

Arquitecto. Estudiou na Escuela Superior de Arquitectura de Madrid, onde coñeceu a Antonio Tenreiro, co que colaborou entre 1921 e 1969. En 1921 iniciaron a construción do Banco Pastor da Coruña; nel empregaron o formigón armado e un vocabulario próximo ao eclecticismo historicista que tentaba enlazar coa arquitectura do rañaceos da Escola de Chicago. A súa colaboración serviu para depurar o eclecticismo e introducir os novos criterios xurdidos do Grupo de Artistas y Técnicos Españoles para el Progreso de la Arquitectura Contemporánea (GATEPAC). Na transformación da fronte do Cantón herculino empregaron as novas tecnoloxías aplicadas á construción. Entre as construcións realizadas en colaboración destacan as casas Barrié (1926), Montero (1926) e Estúa (1928). No Cine Savoy (1931) introduciron elementos expresionistas ou de arte decorativa na utilización das formas curvas nos balcóns. Durante a primeira metade dos anos 30 traballaron na proxección de numerosos edificios do ensanche coruñés, onde utilizaron, entre outras solucións, as terrazas curvas, a forxa, a esquina en chafrán, as fiestras corridas e a adecuación da galería tradicional aos novos materiais, feito que significou a introdución do movemento moderno na arquitectura galega. Entre as súas últimas obras na Coruña destaca o Instituto Masculino (1945-1950). Trala morte de A. Tenreiro (1969), abandonou A Coruña e trasladouse a València e, posteriormente, a Madrid.

Cronoloxía

  • Deceso

    Lugar : Madrid

  • Nacemento

    Lugar : València