Estevan da Guarda

Estevan da Guarda

Trobador da escola lírica galego-portuguesa, natural da Guarda (Portugal) ou pertencente a unha familia con ese apelido. Documéntase que foi escribán real (1299) e que mantivo relación co escribán Lourenço Esteves da Guarda na época en que don Denís entrou, por última vez, en conflito armado co seu irmán Afonso. Recibiu algunhas doazóns e bens reais no momento en que se enfrontou ao rei co seu fillo Afonso, probablemente en recompensa pola súa lealdade e fidelidade ao monarca. Casado con Sancha Domingues, coa morte do rei-trobador a súa presenza na corte foi máis esporádica, pero figura como conselleiro do rei e o seu procurador en asuntos de política ibérica. É posible que participase na compilación do Livro das Cantigas do Conde de Barcelos. A súa actividade poética debe situarse a fins do s XIII ou na primeira metade do s XIV. Integrado na última xeración de trobadores peninsulares, é notoria na obra que se lle atribúe polos cancioneiros quiñentistas -Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa (B) e Cancioneiro da Vaticana (V)-, a súa preferencia polo xénero satírico. A súa produción consta de 35 composicións repartidas nos seguintes xéneros: vinte e oito cantigas de escarnio (a maioría son persoais, aínda que tamén hai escarnios sociais, literarios e unha tensó), seis de amor e unha de amigo. A sátira ten un carácter eminentemente persoal, con odios ou resentimentos privados. Nestas composicións, hai unha forte compoñente de irónica malicia, non se atopa nelas o sarcasmo ou a invectiva violenta pero si un sorriso burlón, por veces irónico e non menos punxente. A miúdo, na base da cantiga está unha aguda visión da estraña realidade psicolóxica dun personaxe. As seis cantigas de amor repiten temas e fórmulas de derivación provenzal, mais innovando e ofrecendo notas orixinais. O tema da coita parece ser o único sentimento que o poeta é capaz de expresar trala separación ou a certeza do rexeitamento da dona amada. Nalgunhas das composicións, a morte é a vía de liberación tanto para o namorado que ofrece a súa servidume como para a dona, xa que así non ten que seguir a soportar a presenza daquel; pero, ás veces, o poeta non desexa a morte e procura que a dona non perda o pracer de facelo sufrir. A linguaxe presenta, xa que logo, unha tendencia á indeterminación. Son composicións que se resolven na primeira estrofa e que se desenvolven con poucas variantes nas outras. Os artificios retóricos que emprega (paralelismo, procedementos prolépticos, apóstrofe, etc) revelan unha madureza técnica e unha cultura refinada e superior. Dominan na súa lírica os versos longos, con rima masculina ou feminina. A maioría das cantigas son de mestría, pero tamén hai de refrán; un gran número delas adoitan estar compostas polo procedemento de cobras singulares, aínda que tamén hai catro con cobras unisonantes e unha tensó construída con cobras dobras. Amais diso, dúas delas -un escarnio persoal e unha cantiga de amor- son atheudas ata a fiinda. Entre os recursos formais preferidos por este autor están as cobras capdenais e, en menor medida, as cobras capcaudadas e capfinidas, as rimas derivadas, a palavra perduda, o dobre e a palavra volta.

Cronoloxía

  • Nacemento

  • Deceso