Estevan Faian
Trobador pertencente á escola lírica galego-portuguesa, membro dunha familia da baixa nobreza, probablemente castelá ou leonesa. Durante un tempo identificouse erroneamente con Estevan Perez Froian, o valido portugués de Sancho IV de Castela. A diverxencia na colocación de ambos os dous autores nos cancioneiros apunta, sen embargo, cara a unha cronoloxía diferente en cada caso. Gracias á situación do poeta dentro da parte final dos cancioneiros B e V, e á datación dunha serie de composicións pertencentes a un ciclo de escarnio de tipo persoal -compostas por Airas Perez Vuitoron, Pero Garcia Burgales, Pero da Ponte e Vasco Perez Pardal, xunto con el mesmo-, pódese contextualizar este autor na segunda metade do s XIII, e a súa produción entre os anos 1240 e 1260, inserida nas cortes rexias de Fernando III ou de Alfonso X o Sabio. A súa produción consta só de catro composicións: a cantiga de escarnio “Fernan Díaz, fazen-vos entender”, e tres cantigas de amor das que dunha delas, “Por muitas cousas que eu sei”, só se conserva un verso. Na cantiga burlesca do ciclo de escarnio, o autor disuade o adiantado Fernan Díaz de non casar con determinada dona por mor da ausencia nas súas terras de vasalos que o servisen convenientemente. A dualidade significativa de certos enunciados enche a composición de dobres sentidos alusivos á homosexualidade do personaxe aldraxado, sentidos dos que se serve o trobador para criticar ferozmente o desvío e a actitude incorrecta coa que segundo el obra o adiantado. Ademais, consérvanse outras dúas cantigas de amor completas. En “Vedes, senhor, quero-vus eu tal ben” o tema remite á composición de Johan Garcia de Guilhade “Senhor, veedes-me morrer”; aínda que a perspectiva masculina e as demais características constitutivas de marca de xénero están presentes, o ton dialogado e o comportamento da senhor dan lugar a interferencias con fórmulas propias da cantiga de amigo dialogada. En “Senhor fremosa, des que vus amei” incide nos temas canónicos presentes no corpus de amor, pero ademais inclúe no refrán da composición, o insólito desexo do trobador de conseguir a dama co fin de incomodar a unha persoa non identificada no texto. Con respecto ao plano formal, nas cantigas de escarnio -de mestría- e nas de amor -de refrán- que se conservan, o autor non busca innovacións como fai no plano temático. As súas composicións son, en efecto, moi regulares estruturalmente, tanto nas rimas -constrúe cobras singulares- coma nos recursos utilizados, pois principalmente utiliza cobras capdenais, rimas derivadas e correlacións paralelísticas nas cantigas de amor, mentres que na de escarnio usa en maior medida cobras capcaudadas, capdenais e capfinidas.