Estevan Fernandiz Barreto Ba-rreiro
Trobador portugués da escola lírica galego-portuguesa, pertencente á liñaxe dos Barreto, orixinaria dos Velho. Aínda que a familia do trobador era orixinaria da conca do Lima (Entre Douro e Minho) -de feito, aínda a comezos do s XIV os Barreto forman parte das liñaxes de infanzóns padroeiras do Mosteiro de Tibães-, estendeuse despois, mediante diversas alianzas, polo Douro medio e Trás-os-Montes, e estableceuse en Estremadura (1254 - 1264), período en que o pai do trobador, Fernão Gomes, figura na corte de Afonso III. Vinculado á corte de don Denís, este autor aparece na documentación entre 1290 e 1294; neste período confírmalle á orde do Templo unha doazón de bens que seus pais lle fixeran a esta en Abrantes e, así mesmo, testemuña a doazón do pantano de Magos que lle fai a don Denís o concelho de Santarem. Como se documenta no Livro de Linhagens do Conde D. Pedro, casou nesta cidade a finais do s XIII con Joana Esteves; ademais, confirma a adscrición do trobador ao último período da lírica galego-portuguesa, a análise da súa colocación nos cancioneiros italianos, na sección de escarnio, entre cantigas adscritas a este xénero lírico de Johan Vello de Pedrogaez, Afonso Fernandez Cubel, Johan Romeu de Lugo e Fernan Rodriguez Redondo, todos eles autores serodios. Corroboran esta cronoloxía as referencias contidas na única cantiga que se copia da súa autoría nos apógrafos italianos B e V, o “escarnio [Don] Estev’Eanes, por Deus mandade”; así, os datos biográficos achegados pola crítica para os personaxes referidos no texto e, concretamente, para o fillo do alcaide de Santarem Martin Dade, Fernan Dade, que ordenou o seu testamento en 1295, permiten situar a composición da cantiga nese mesmo ano ou no anterior. No texto, un escarnio persoal de interpretación problématica, comínase a un tal Estevan Eanes para que lle advirta ao cabaleiro leproso Roi Paez que debe desviar o seu camiño se non quere caer na trampa que lle tende Fernan Dade, co fin de capturalo. Nesta composición emprega os procedementos característicos da lírica galego-portuguesa, como a correlación paralelística, a palavra volta e as rimas derivadas, que contribúen á reiteración da anécdota poética.