Estevan Fernandiz d’Elvas

Estevan Fernandiz d’Elvas

Trobador portugués, pertencente á escola lírica galego-portuguesa, natural de Elvas. Debeu compor o seu cancioneiro na primeira metade do s XIV, e como demostran tanto a súa colocación nos cancioneiros B e V como as relacións intertextuais que o vinculan a Estevan da Guarda, na corte de don Denís ou ben na dos seus fillos Afonso IV ou Pedro de Portugal, conde de Barcelos. Os apógrafos italianos atribúenlle sete cantigas: catro delas enmárcanse no código da canción de muller e as tres restantes son cantigas de amor. Nestas últimas, desenvolve os motivos da beleza da dama e da coita do trobador, como en “Ay boa dona, se Deus vos perdom” e “O ouç’eu dizer huu verv’aguys[a]do”, combinados co motivo do castigo divino que se serve da beleza da senhor como instrumento, na cantiga “A mha senhor fezo Deus por meu mal”. Cultiva e enriquece os temas característicos da canción cortés cunha sutil e rica selección de procedementos retóricos, como o emprego do refrán intercalar, presente na última das pezas comentadas, e o recurso ao vervo antigo, que, colocado en posición inicial de cobra, pauta a organización estrutural e o desenvolvemento significativo da cantiga “O ouç’eu dizer huu verv’aguys[a]do”. No tocante ao xénero de amigo, desenvolve os motivos do panexírico da amiga, que se enlaza co argumento da sandice do amigo na cantiga “Estes que agora, madre, aqui som”, e da garda de amor, presente nos textos “Madre, chegou meu amig’oj’aquy” e enriquecido cos argumentos disuasorios da namorada para evitar a prohibición da madre, co panexírico da amiga e coa loucura do amigo, en “O meu amigo, que por mim o sen” e “Farey eu, filha, que vos non veja”. Tamén neste xénero é de subliñar a habilidade técnica do autor, que se plasma no emprego da cantiga dialogada, xunto a procedementos comúns co seu cancioneiro de amor, como o recurso ás cobras capfinidas, ás rimas derivadas ou ás técnicas do paralelismo.