Estevan Perez Froian
Trobador portugués da escola lírica galego-portuguesa, pertencente á liñaxe dos Pereiras, documentado no último cuarto do s XIII. A xulgar pola súa colocación nos cancioneiros B e V, non se pode identificar con Estevan Faian, cabaleiro pertencente a unha liñaxe dese nome, talvez de orixe galega ou castelá, e activo no segundo terzo do s XIII. Tras abandonar o reino de Portugal, en data e circunstancias descoñecidas, asentouse en Castela. A súa actividade nos círculos áulicos remóntase aos últimos anos do reinado de Afonso X, momento en que está documentado entre os partidarios do infante don Sancho, primeiro como xuíz en Salamanca, e, en 1283, como meirinho-mor do infante en León e Asturias. Co ascenso ao trono de Sancho, ocupou de novo o cargo de meirinho-mor de León, confirmando distintos documentos con esa atribución (1287-1289). Nos anos seguintes, o trobador desenvolveu un papel relevante na corte; así, en 1290 interveu no confito que enfrontou a Sancho IV con Juan Núñez de Lara; en 1291, cando o monarca castelán pactou con don Denís o casamento entre o infante Fernando e Constanza de Portugal, posuía os castelos de Serpa e Moura, que foron entregados en concepto de arras; en 1292 apareceu en Burgos entre as testemuñas do pacto entre Sancho IV e Afonso II de Aragón; finalmente, de 1293 a 1296, en tempos de Fernando IV, ocupou o cargo de adiantado maior de León e continuou na chancelería rexia ata 1305, ano en que debeu falecer. Seguramente herdou os bens que o seu proxenitor posuíra no julgado de Froião, xunto ao río Miño, como se deduce dunha carta datada nos inicios de 1292 de don João Afonso de Haro. Así mesmo, en 1300 recibiu de seu irmán, o bispo do Porto Sancho Peres, dous aneis de seu pai e 2.100 libras, parte delas procedentes dun préstamo que o trobador lle fixera a un rei portugués, talvez a don Denís. Casou dúas veces, primeiro coa portuguesa Teresa Aires Queixada, e en segundas nupcias coa leonesa Maria Ramirez de Cifuentes, filla de Ramiro Diaz de Asturias. A súa produción poética limítase a unha cantiga de amor, “Senhor, se o outro mundo passar”. Nesta composición o trobador desenvolve o tema da coita de amor, característico do canto cortés, pero elevándoo a un grao superlativo, pois o sufrimento do poeta é comparado coas penas do inferno nun símil que permite a contraposición da vida terreal coa vida do alén, no inferno. Esta innovación só encontra correspondencia nun reducido número de trobadores: Afonso X, don Denís e o seu fillo Afonso Sanchez, o único que con Froian introduce a referencia ao inferno na cantiga de amor. Ademais, deben destacarse as manifestacións da coita de amor que contemplan a mesma perda de Deus, a orixe da propia coita, que se deriva non da contemplación dos ollos da amada senón da visión da súa mirada, a referencia ao corpo da senhor e a alusión a que esta deberá render contas ante a xustiza divina polo mal que provocou no poeta. A cantiga tamén destaca pola riqueza do seu tecido léxico e a selección retórica efectuada polo trobador, que, servíndose dos procedementos das cobras dobras (rima a), do recurso ás cobras capfinidas, capcaudadas e capdenais, e da combinación de figuras como a accumulatio, o poliptoto ou o hipérbato, conduce o argumento do texto nun proceso ascendente que culmina na hipérbole contida nos dous versos últimos da cantiga.