Estevan Reimondo

Estevan Reimondo

Trobador portugués pertencente á escola lírica galego-portuguesa que, a xulgar pola colocación dos seus textos nos cancioneiros (na parte inicial da sección das cantigas de amigo, entre Johan Soarez Coelho e Johan Lopez de Ulhoa), pode situarse no terceiro cuarto do s XIII. Dúas personaxes figuran na documentación portuguesa con este nome: Estevan Reimondo de Portocarreiro, mencionado nos Livros de Linhagens, e Estevan Reimondo de Sequeira, referido no Censual do Cabida da Sé do Porto. A documentación da época testemuña que o mesmo nome aludía a dúas persoas distintas, cunha cronoloxía bastante próxima. Deses dous homónimos, o primeiro é o que máis posibilidades ten de identificarse co trobador. Fillo de Raimundo Viegas e de Maria Ourigues da Nóbrega, pertencía á liñaxe portuguesa dos Portocarreiro, relacionada coas cortes rexias portuguesas e castelás. Lazos familiares relaciónano cos trobadores Johan Perez d’Aboim e Pero Gonçalves de Portocarreiro, xa que a súa nai era tía do primeiro e o seu pai, tío do segundo. Casou en Santarém, cidade á que o ligan diversos documentos que asinou en calidade de testemuña. Debeu morrer despois de 1304, data do último documento en que aparece mencionado. Frecuentou as cortes de Afonso III e de don Denís, e é moi posible que, como outros membros da familia dos Portocarreiro (por exemplo, os irmáns Pero, Fernan e Gonçal’Eanes de Portocarreiro), estivese en contacto con Afonso X o Sabio; como resultado da estadía no círculo deste monarca escribiu a súa balada (“Anda mui triste o meu amigo”) despois de 1269, ano en que a corte do rei castelán foi visitada polo trobador Cerverí de Girona, responsable da aclimatación do xénero provenzal na Península Ibérica. Neste texto, caracterizado formalmente pola inserción dos versos do refrán no corpo da estrofa, a amiga laméntase da actitude da nai, que provoca a coita do seu amado ao impedir o diálogo entre os namorados. A outra composición transmitida polos apógrafos italianos é a cantiga de amigo “Amigo, se ben ajades”, cantiga de refrán organizada rimaticamente en cobras singulares (como a balada), na que a namorada lle implora ao seu amigo para que vaia vivir con ela.