Estévez Fernández, Xerardo-Denís

Estévez Fernández, Xerardo-Denís

Arquitecto e político. Licenciado na Escola Tècnica Superior de Arquitectura de Barcelona (1972), exerceu como profesional en Santiago de Compostela. En 1973 formou con outros profesionais o grupo interdisciplinar Oikos. Traballou en asociación con Pedro de Llano (1977-1983) co que realizou, entre outras obras, edificios de vivendas en Santiago e Ribeira, a casa Fernández Foxo en Esteiro e a casa Teixeiro en Teo; no eido do urbanismo e da rehabilitación arquitectónica o pavillón polideportivo e a facultade de Físicas da Universidade de Santiago de Compostela. Cómpre destacar os seus traballos “Notas sobre el desarrollo urbano de Santiago en la década de los 60”, en Ciudad y territorio (1977); “Santiago, un centro histórico en proceso de peatonalización”, en Galicia. A destrución e a integración do patrimonio arquitectónico. III Xornadas de arquitectura galega (1981); “Santiago de Compostela. Spain” en Soft Urbanism. 15 projects. Artpolis’96 (1996); “Compostela como proyecto cultural”, en Areté (1999); “Santiago de Compostela; una experiencia de recuperación urbana”, en Universidad y ciudad histórica. La gestión del patrimonio (1999); “Santiago de Compostela: arquitectura, planeamento y gestión”, en Arte público: Naturaleza y Ciudad (2000); e “Cidades, arquitecturas e cultura urbana”, en Galicia 2020 (2000). Con M. Rivas realizou Compostela, vanguardia y sosiego (2000). Político socialista, iniciou a súa andaina como concelleiro (1979-1981) no concello de Santiago, cidade que o elixiu alcalde en 1983. Foi deputado ao Parlamento galego pola Coruña na primeira lexislatura (1982-1985). Reelixido alcalde en tres ocasións mantivo este cargo ata a súa renuncia en 1998. Durante o seu mandato levou a cabo un intenso labor nos eidos urbanístico e cultural e logrou para Santiago o nomeamento de cidade Patrimonio Mundial pola UNESCO, o Premio de Europa do Consello de Europa, o Premio da Real Fundación de Toledo, o Premio Firenze, o Premio Manuel de la Dehesa, o Premio Europa Nostra, o Premio Gubbio e o Premio Europeo de Urbanismo 1998; erixiu tamén unha serie de destacadas edificacións, entre as que sobresaen o Auditorio de Galicia, o Estadio de San Lázaro, o Palacio de Congresos, o Multiusos de Sar, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e o parque de Bonaval. Para levar adiante este proxecto articulou a constitución do Real Patronato de Santiago e o Consorcio da Cidade, que reúne as administracións central, autonómica e local. Elixido deputado no Congreso pola Coruña en 1993, rexeitou o cargo ao ano seguinte para centrarse na campaña de promoción turística e cultural de Santiago cos proxectos Compostela 93 e 99 e Capital Europea da Cultura no ano 2000 e impulsar, entre outras actuacións, a creación da Fundación Eugenio Granell e a Real Filharmonía de Galicia, e a relación internacional a través de foros como o Grupo de Ciudades Españolas Patrimonio de la Humanidad e o Eixo Atlántico. Tralo seu abandono da política en 1998, retornou á arquitectura, ao urbanismo e á docencia, participou en numerosos foros profesionais e foi invitado polo Consello de Europa a asesorar a División de Patrimonio Cultural. En 1998 nomeárono membro correspondente da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando e elixírono presidente do Consello Directivo dos cursos internacionais de Música en Compostela. En xaneiro de 2000 o concello de Santiago concedeulle a Medalla de Ouro.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Santiago de Compostela