Estévez Salgueiro, Mª Carmen
Pintora. Coñecida como Menca Estévez, licenciouse en Belas Artes na Universidad de Salamanca (1993) e realizou estudios de doutoramento na facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. Foi profesora de primaria e secundaria de educación plástica e visual. Na súa obra, con características do informalismo, dominan os tons ocres e sienas, a preocupación pola materia e unha presenza constante da memoria, entendida como imprescindible para construír a exacta idea da realidade. Destacan, entre outras, as series Recipientes de memoria, Terra seccionada, Constelacións e Signos da memoria. Participou, entre outras mostras colectivas, en diversas convocatorias de Arte Xoven Galega, na I Bienal Priego de Oliver (Ourense, 1995), no II Premio de Pintura Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular (1997), na III Bienal Pintor Laxeiro (1997) e na III Exposición Arte e Solidaridade, Proxecto Home Galicia (2000). Entre as exposicións individuais que realizou destacan Materia e memoria (1994), Signos da memoria (Vigo, 2000) e Entramados da memoria (Pontevedra, 2002). A súa obra está presente, entre outras, nas coleccións da Universidade de Vigo, Xunta de Galicia, no Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside e na Colección Caixanova.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Vigo